Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 27 de novembro de 2015 Páx. 44820

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Vigo

EDICTO (1/2015).

Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Vigo.

Expediente disciplinario 1/2015.

Funcionario do corpo de tramitación: Gonzalo González Martínez.

Instrutora: Mª Pilar Sández González.

Secretaria: Ana Isabel Pino García.

Feitos:

Primeiro. Con data do 16 de marzo de 2015 recíbese acordo de incoación de expediente disciplinario 1/2015, da Dirección Xeral de Xustiza, en relación co funcionario do corpo de tramitación, Gonzalo González Martínez, con último destino no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Marín.

O acordo produciuse pola posible comisión dunha falta moi grave como consecuencia do abandono do servizo.

Nomeadas como instrutora e secretaria as asinantes desta resolución e non encontrándose en ningunha causa que impediría a súa actuación, iníciase o expediente para instrución.

Segundo. Ante a situación comunicada solicítase información á Delegación de Xustiza da Xunta de Galicia así como ao Xulgado de Marín co obxecto de que poñan en coñecemento se lles consta a ausencia do funcionario.

A Delegación de Xustiza remite copia do informe da secretaría do Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Marín, Pilar Jamardo Figueiras, en que figuran os seguintes períodos de ausencia:

– Febreiro do ano 2003, completo.

– Marzo de 2003: do día 3 ao 7, do 10 ao 14, do 17 ao 19, do 26 ao 29 e o 31.

– Abril de 2003: do 1 ao 5, do 7 ao 11.

– Do 30 de abril ao 30 de maio de 2003.

– Do 30 de maio ao 9 de xuño de 2003.

– Do 9 de xuño ao 31 de xullo de 2003.

– Do 31 de agosto ao 30 de setembro de 2003.

– Do 30 de setembro ao 29 de outubro de 2003.

– Do 29 de outubro de 2003 ao 16 de agosto de 2005.

– Desde o 3 de novembro de 2006 no asistiu ao seu posto de traballo.

Así mesmo, o secretario actual do xulgado remítese ao informe do 8 de maio de 2014, comunicando o mantemento da situación de abandono do posto de traballo.

Terceiro. Por outro lado, a comunicación da resolución efectúase no domicilio de que se ten coñecemento polos datos que del lle constan a administración dada a súa condición de funcionario. Recóllea Mª del Carmen Martínez Romero, a cal, en comparecencia do 23 de xuño de 2015, manifesta que non puido comunicar a Gonzalo González Martínez a resolución ao descoñecer o seu domicilio ou paradoiro.

Cuarto. Procédese a solicitar información sobre o domicilio a través dos sistemas de indagación dos que dispón este órgano, e no que se obtén, inténtase a comunicación sen resultado.

Quinto. Acúdese á vía da comunicación mediante edictos e ordénase a súa fixación no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Dentro do prazo para alegacións desde as publicacións, non se reciben nin a través de escrito ni comparecencia neste órgano.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Do actuado, tras dirixir oficios á Subdirección de Persoal, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Marín e a Delegación Provincial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, despréndese a inasistencia de Gonzalo González Martínez ao seu posto de traballo nos períodos expresados e o definitivo abandono ao menos desde o 3 de novembro de 2006.

Segundo. Non se certificou por escrito que se producise ausencia entre o 16 de agosto de 2005 e 3 de novembro de 2006, ou sucesivas ausencias e incorporacións, pero dado o reiterado incumprimento do deber de acudir ao seu posto de traballo non se entende necesario e, en todo caso, si se sabe que a situación vai desembocar nun abandono indefinido.

Terceiro. Do exame de todo o instruído despréndese que a conduta do funcionario de referencia é constitutiva dunha falta moi grave, tipificada no artigo 7 letra c) do Regulamento xeral do réxime disciplinario do persoal ao servizo da Administración de Xustiza, é dicir, de abandono de servizo.

Esta conduta mantívose clara, evidente e reiteradamente desde 2003 constitúe unha falta moi grave de abandono do servizo do artigo 7.c), polo que precede dar por concluída a presente instrución e propoñer a sanción de separación do servizo conforme o A. 13 3) e remitir o expediente á Dirección Xeral de Xustiza a fin de que dite a resolución que proceda.

Cuarto. A gravidade da conduta obxecto de instrución implica que a sanción a propoñer sexa a de separación do servizo, dado que aquela é merecedora do reproche máximo a xuízo desta instrutora.

Os períodos iniciais de abandono reiterado levan a una definitiva ausencia do posto durante un período tan longo de tempo, desde ao menos o año 2006 ata a actualidade, que a imposición de sancións de suspensión de emprego e soldo ou traslado forzoso non se consideran axustadas nin aplicables á situación que se produciu.

A separación do servizo é unha medida proporcional non só ás circunstancias mantidas durante un período longo de tempo senón tamén á situación actual, que evidencia só o seu mantemento.

Quinto. Conforme o artigo 33 do RD 796/2005, do 1 de xullo, a proposta de resolución notificaraa o instrutor ao interesado para que, no prazo de quince días, alegue o que considere conveniente para a súa defensa.

Intentarase de novo unha notificación persoal, practicándose nova indagación domiciliaria. De no se obter ningún dato actualizado sobre o seu paradoiro, acudirase á notificación mediante edictos.

A notificación inserirase mediante edicto que se publicará no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, do mesmo modo en que se comunicou a resolución de 30 de marzo de 2015 pola que se acorda a continuación da instrución.

Sexto. Na instrución do presente expediente observáronse as prescricións legais.

Vistas os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación.

Parte dispositiva:

Acórdase concluír o presente procedemento de instrución de expediente disciplinario contra Gonzalo González Martínez.

Proponse, en virtude dos feitos e fundamentos de dereito expresados, enténdese que a gravidade da conduta, o mantemento no tempo e a falta de motivos que puidesen dalgún modo moderar a transcendencia dos feitos, supón a comisión continuada dunha falta moi grave, que determina que se propoña como sanción a separación do servizo.

Notifíquese a presente resolución ao interesado para que no prazo de quince días poida alegar o que considere oportuno na súa defensa.

Pola dificultade da comunicación persoal ao interesado ao non terse podido coñecer domicilio ou residencia permanente ou temporal, procederase a practicar nova indagación e, de non obter un resultado diferente a aqueles domicilios onde xa se intentou a comunicación, procederase á publicación no BOE e DOG.

Unha vez transcorridos os quince días da notificación persoal ou por edictos remitirase, concluída esta fase de instrución, á Dirección Xeral da Xunta de Galicia.

Vigo, 26 de outubro de 2015

A instrutora A secretaria xudicial