Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 13 de novembro de 2015 Páx. 43050

IV. Oposicións e concursos

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 2015 pola que se convoca un posto de persoal directivo vacante para a súa cobertura (secretario/a xeral).

En virtude da autorización outorgada polo Consello de Dirección, con data do 2 de decembro de 2010, para proceder á convocatoria de prazas vacantes na estrutura do Igape, e no uso das facultades conferidas pola Resolución do 12 de abril de 2012 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) de delegación de facultades, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución, cuxas funcións se atopan publicadas na estrutura orgánica do persoal directivo do Instituto, publicada no Diario Oficial de Galicia con data do 25 de abril de 2011 (DOG núm. 79) mediante a Resolución do 14 de abril de 2011 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba a reorganización do seu persoal directivo.

Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá o proceso de selección que se inclúen no anexo II.

Para participar nesta convocatoria os/as candidatos/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.

Terceiro. Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2015

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

Código: IN.IGAPE.00.002.4050100.

Denominación do posto: secretario/a xeral.

Dependencia: Instituto Galego de Promoción Económica.

Localidade: Santiago de Compostela.

Forma de provisión: persoal directivo (artigo 79 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e artigo 34 da Lei 2/2015, do 29 de abril).

Directivo do grupo II, nivel 2.

Tipo de persoal: persoal directivo.

ANEXO II
Bases reguladoras da convocatoria da selección para o posto
de secretario/a xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

1. Obxecto da convocatoria.

A presente convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de secretario/a xeral do Instituto Galego de Promoción Económica.

2. Vínculo.

O posto obxecto de convocatoria rexerase polo disposto no título III, capítulo II (artigos 33 e seguintes) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, que regula o réxime do persoal directivo, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O/a secretario/a xeral estará suxeito/a ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas. De acordo co establecido na devandita lei, o/a secretario/a xeral, entre outros:

• Non poderá compatibilizar a súa actividade pública co desenvolvemento, por si mesmo ou mediante substitución de persoa interposta, de calquera outro posto, profesión ou actividade, públicos ou privados, por conta propia ou allea.

• Durante os dous anos seguintes á data do seu cesamento, non poderá realizar actividades privadas relacionadas con expedientes sobre os cales tivese ditado resolución no exercicio do cargo nin asinar contratos de asistencia técnica, de servizos ou similares coas administracións públicas. A aplicación deste pacto de non concorrencia (regulado no artigo 8 do Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto) xustifícase en termos de confidencialidade e implicará unha compensación económica adecuada ao/á secretario/a xeral seleccionado/a.

3. Funcións do/a secretario/a xeral.

Son funcións propias do/a secretario/a xeral as establecidas na Resolución do 14 de abril de 2011 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba a reorganización do seu persoal directivo.

4. Requisitos dos/as aspirantes.

Os/as aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:

a) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.

b) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitacións físicas ou psíquicas incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

c) Ter cumpridos os dezaseis anos.

d) Non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

e) Non atoparse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para os empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario, ou para exercer funcións similares ás que desenvolvían no caso de persoal laboral, en que fora separado/a ou inhabilitado/a.

f) Estar en posesión dunha titulación superior universitaria de licenciado/a en dereito.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, se é o caso.

Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato.

5. Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes para participar na presente convocatoria presentaranse no Rexistro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela (A Coruña), das 9.00 ás 14.00 horas, ou nas oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Neste caso deberá remitirse por fax ao seguinte número: 981 54 11 20, e antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, a solicitude rexistrada e a relación individualizada dos méritos que se aleguen.

A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos.

Na solicitude os/as aspirantes deberán presentar declaración responsable de que reúnen todos e cada un dos requisitos exixidos.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor.

Así mesmo, deberá presentar copia cotexada do título universitario exixido ou certificación académica que acredite ter realizados os estudos para a obtención do título ou, se é o caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do título académico.

Coa solicitude tamén deberá relacionar de xeito individualizado cada un dos méritos que alegue e presentar a documentación acreditativa destes para a súa valoración, ben orixinal ou ben fotocopia cotexada.

Así mesmo, coa solicitude terá que achegarse o plan de actuación (recollido no punto 8 das presentes bases) en soporte papel e en formato electrónico.

O domicilio que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos das notificacións e serán responsabilidade do/a aspirante tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará o sétimo día hábil, contado desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

6. Admisión de aspirantes.

Tras a finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ditará resolución en que se aproben as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

A lista publicarase na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres (3) días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución en que se aprobe a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Todas as publicacións referidas a esta convocatoria faranse na web e no taboleiro de anuncios do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

7. Tribunal de selección.

O tribunal de selección será nomeado por resolución do director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e será constituído unha vez publicada na web do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o número máximo de sesións autorizadas ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

8. Procedemento selectivo.

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección efectuarase polo procedemento de concurso, que consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos aspirantes, que se puntuarán de acordo co seguinte baremo, cuxa puntuación máxima é de 100 puntos.

1ª fase: baremación de méritos alegados e valoración dun plan de actuación da secretaría xeral.

A puntuación máxima é de 90 puntos conforme a seguinte distribución:

1.1. Méritos cunha puntuación máxima de 70 puntos.

1.2. Plan de actuación da secretaría xeral, cunha puntuación máxima de 20 puntos.

1.1. A valoración dos méritos desenvolverase conforme a seguinte distribución.

1.1.1. Formación, puntuación máxima de 30 puntos.

Por formación valoraranse os cursos, másters ou posgraos, todos eles impartidos por centros oficiais de titularidade pública ou privada homologados, ata un máximo de 30 puntos:

– Ata 10 puntos (0,1 puntos/hora) por cursos en materia de administración electrónica.

– Ata 7 puntos (0,1 puntos/hora) por cursos en materia de recursos humanos.

– Ata 4 puntos (0,1 puntos/hora) por cursos en materia de contratación administrativa.

– Ata 3 puntos (0,1 puntos/hora) por cursos en materia de subvencións.

– Ata 3 puntos (0,1 puntos/hora) por cursos en materia de xestión de servizos públicos.

– Ata 1,5 puntos (0,1 puntos/hora) por cursos en materia de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

– Ata 1,5 puntos (0,1 puntos/hora) por cursos en materia de patrimonio do sector público.

1.1.2. Experiencia. Corresponde a esta parte a puntuación máxima de 40 puntos.

– Por experiencia laboral de cando menos 3 anos no desempeño de postos de secretaría xeral ou equivalente no sector público: 1 punto por ano ata un máximo de 9.

– Por experiencia laboral de cando menos 3 anos no desempeño de funcións de fe pública (autorización de actas das xuntanzas de órganos colexiados, dación de fe dos seus acordos, expedición de certificacións destes e custodia das devanditas actas) no sector público: 1 punto por ano ata un máximo de 9.

– Por experiencia laboral de cando menos 2 anos na realización de funcións de asesoramento xurídico no sector público: 1 punto por ano ata un máximo de 7.

– Por experiencia laboral de cando menos 2 anos na realización de funcións en materia orzamentaria no sector público: 1 punto por ano ata un máximo de 7.

– Por experiencia laboral de cando menos 1 ano na xestión de subvencións e axudas públicas desde o sector público: 1 punto por ano ata un máximo de 2.

– Por experiencia laboral de cando menos 1 ano na xestión de fondos europeos desde o sector público: 1 punto por ano ata un máximo de 2.

– Por experiencia laboral de cando menos 1 ano na xestión dos servizos comúns de entidades do sector público: 1 punto por ano ata un máximo de 2.

– Por experiencia laboral de cando menos 1 ano na xestión de medios materiais adscritos ao funcionamento de entidades do sector público: 1 punto por ano ata un máximo de 2.

1.2. Plan de actuación da secretaría xeral. Corresponde a esta parte a puntuación máxima de 20 puntos.

As persoas aspirantes deberán presentar un plan de actuación en que se recolla a estratexia que se desenvolverá na Secretaría Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a medio prazo. Este plan deberá conter as principais accións que se poñerán en marcha, unha planificación estimada delas e o modelo de seguimento e avaliación que se aplicará.

O plan non poderá superar os 15 folios de extensión, a dobre espazo por unha soa cara, letra Arial, tamaño 11.

O plan valorarase conforme os seguintes criterios:

• Pertinencia, entendida como a adecuación dos obxectivos do plan proposto á estratexia e ás prioridades do Igape.

• Viabilidade, entendida como unha axeitada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas necesarias para afrontar as tarefas e conseguir os obxectivos que se propoñen no plan proposto.

• Eficacia, entendida como grao previsible de consecución dos obxectivos e resultados propios do plan proposto.

• Eficiencia, entendida como relación existente entre os obxectivos e os recursos que se prevén para acadalos.

• Sustentabilidade, grao en que os efectos transformadores derivados da posta en marcha do plan proposto poderán ser sostidos no tempo.

• Impacto, valoración e toma en consideración dos efectos directos e indirectos, derivados da posta en marcha do plan proposto .

• Coherencia e grao de consistencia entre os diversos compoñentes do plan proposto en relación cos fins que se propoñen.

Para procederse á valoración do plan de actuación (número 1.2), o/a candidato/a deberá obter, cando menos, 40 puntos na parte de méritos (1.1).

Para acceder á 2ª fase do procedemento selectivo, o/a candidato/a deberá obter, cando menos, unha puntuación total de 50 puntos na 1ª fase. Calquera candidato/a cunha puntuación inferior á sinalado será excluído/a do procedemento de selección.

O tribunal de selección disporá da facultade de non convocar á defensa do plan de actuación (2ª fase) a aqueles/as candidatos/as que, aínda superando os 50 puntos exixidos na 1ª fase, dispoñan dunha puntuación cuxo valor numérico imposibilite matematicamente ser seleccionado/a en relación co resto de candidatos/as.

A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/as aspirantes publicarase na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres (3) días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución mediante a que se aproba a lista coas puntuacións definitivas da 1ª fase. Esta resolución farase pública na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Os/as candidatos/as que superen a 1ª fase do procedemento selectivo serán convocados nun prazo máximo de tres (3) días hábiles desde a publicación da lista coas baremacións definitivas para a defensa dos plans de actuacións.

2ª fase: defensa do plan de actuación da secretaría xeral.

A puntuación máxima correspondente a esta fase é de 10 puntos. A data e o lugar establecidos para a defensa dos plans de actuacións serán publicados no taboleiro de anuncios e na web da Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) con corenta e oito horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

Os/as candidatos/as deberán presentarse á proba provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Deberán presentar nun tempo máximo de 20 minutos o seu plan e responder a todas aquelas preguntas e cuestións que permitan valorar a idoneidade da proposta, sen que o tempo de resposta compute para os efectos da duración prevista neste punto.

9. Cualificación e lista de persoas seleccionadas.

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada unha das fases.

En caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor da persoa que obteña maior puntuación nas distintas fases do procedemento selectivo e pola orde establecida nel (1º baremación de méritos e valoración do plan de actuación; 2º defensa do plan de actuación).

De persistir o empate, resolverase a favor do/da aspirante que obtivese a maior puntuación na parte de experiencia laboral. Se aínda así persiste o empate, resolverase por sorteo.

Unha vez finalizado o proceso de selección, o tribunal publicará na páxina web e no taboleiro de anuncios do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) as puntuacións obtidas polos aspirantes con indicación do/a candidato/a seleccionado/a. Establécese un prazo de tres (3) días desde a publicación para presentar alegacións. A estimación ou desestimación entenderase implícita na resolución definitiva.

O tribunal elevará ao director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a proposta a favor do/a aspirante que obteña a maior puntuación.

O nomeamento corresponde ao director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), por proposta motivada do Tribunal de Selección.

A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia.

10. Forma de acreditación e valoración dos méritos.

A formación acreditarase mediante a presentación de fotocopia cotexada dos títulos ou certificados correspondentes á especialización, doutoramento, máster ou posgrao nos ámbitos establecidos, así como ás actividades formativas.

A experiencia profesional acreditarase mediante a presentación do informe de vida laboral ou certificado de aboamento de cotas ao réxime de autónomos se se alegan servizos profesionais por conta propia, contratos de traballo por conta allea ou propia, ou acta de toma de posesión de cargos públicos ou funcionario público, se é o caso. Ademais, o/a aspirante deberá anexar un certificado de tarefas, así como calquera outro documento que permita acreditar o cumprimento dos méritos asociados á experiencia laboral.

O tribunal non valorará aqueles méritos das persoas aspirantes que non estean acreditados, nin aqueles posteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

11. Formalización do contrato.

A incorporación ao posto de traballo efectuarase dentro dos quince (15) días naturais seguintes ao requirimento formal por parte do Igape.

missing image file