Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 19 de outubro de 2015 Páx. 40459

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Comercio, pola que se acorda o inicio do procedemento de disolución da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol.

O artigo 62 e seguintes da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, regulan a extinción e o procedemento de disolución das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación. A este respecto, de acordo co dito réxime legal, procederá a extinción das cámaras no suposto de que non sexa posible a celebración de eleccións e a conseguinte constitución dos correspondentes órganos de goberno da cámara afectada; en particular, considerarase que concorre causa de extinción das cámaras cando, tras a disolución dos seus órganos de goberno e a correspondente convocatoria de eleccións, non se presentase ningunha candidatura válida no prazo establecido para o efecto.

En tal caso, de acordo co artigo 63 da dita lei, a Administración tutelante, logo da audiencia á cámara afectada e ao Consello Galego de Cámaras, ditará acordo de inicio do procedemento de disolución, o cal terá como contido mínimo, entre outras cuestións, a designación dun administrador independente, que poderá ser unha persoa física ou xurídica e a quen lle corresponderá a realización das funcións establecidas na dita lei, dirixidas á disolución e liquidación da cámara de comercio afectada. A este respecto, a designación do administrador independente axustarase aos principios de publicidade e transparencia.

Neste contexto normativo, mediante a Resolución do 4 de setembro de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 175, do 15 de setembro), a Dirección Xeral de Comercio convocou as eleccións para a renovación do Pleno da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol. A este respecto, a dita resolución sinalaba un prazo de quince días seguintes á data de publicación da convocatoria de eleccións para presentar as correspondentes candidaturas. No mencionado prazo non se presentou ningunha lista.

Así as cousas, en aplicación do previsto no referido artigo 63 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, a Dirección Xeral de Comercio, como órgano tutelante, ditou Resolución do 17 de febreiro de 2015 (Diario Oficial de Galicia núm. 37, do 24 de febreiro), pola que se lles outorgou aos interesados audiencia previa ao ditado do acordo de iniciación do procedemento de disolución da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol.

Unha vez transcorrido o prazo concedido sen que se formulase ningunha alegación, procede ditar acordo de inicio do procedemento de disolución da mencionada cámara de comercio, co contido que se sinala no referido precepto legal.

Dado que a designación dun administrador independente constituía, precisamente, un dos contidos mínimos do mencionado acordo de inicio do procedemento de disolución, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria e de conformidade cos principios de publicidade e transparencia, procedeu á contratación dun administrador independente, o cal se encargará da realización de todas as actuacións necesarias para a disolución e liquidación da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol.

Por todo o anterior, logo da audiencia á Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol e ao Consello Galego de Cámaras, e en uso das competencias atribuídas polo Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria,

RESOLVO:

Primeiro. Iniciar o procedemento de disolución da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol; todo isto, de conformidade co previsto nos artigos 63 e seguintes da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

Segundo. A comisión xestora para a Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol, designada, de conformidade co disposto no artigo 61 da citada lei, mediante resolución da Dirección Xeral de Comercio do 28 de xaneiro de 2014, modificada pola Resolución do 12 de xaneiro de 2015, continuará no exercicio das súas funcións ata a apertura da fase de liquidación da dita cámara.

Terceiro. Designar como administrador independente da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol á empresa Landwell-Pricewaterhousecoopers Tax & Legal Services, S.L., a cal resultou adxudicataria do contrato de servizos para a designación dun administrador independente que se encargue da realización de todas as actuacións necesarias para a disolución e liquidación da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol.

No dito contrato, as obrigas do administrador independente ordénanse nunha fase inicial, de determinación do inventario de activos e da relación de créditos e acredores, e nunha segunda fase de liquidación propiamente dita.

Cuarto. De acordo co establecido na mencionada Lei 5/2004, do 8 de xullo, e coas obrigas contractualmente asumidas, na fase inicial de execución do contrato a dita empresa elaborará, no prazo dun mes desde o seu nomeamento, un inventario que conterá a relación e a valoración dos bens e dereitos da cámara, con expresión da súa natureza, características, gravames, trabas, cargas e calquera outro elemento relevante para os efectos da súa identificación e valoración que, en todo caso, se realizará consonte o seu valor de mercado.

Igualmente, o citado administrador independente elaborará, no prazo máximo de 45 días desde o seu nomeamento, unha relación de acredores e dos seus respectivos créditos fronte á cámara; todos eles computados en diñeiro e expresados en moeda de curso legal. Esta relación recollerá o nome, domicilio e demais datos de identidade do acredor, así como os relativos ao crédito, o seu concepto, contía, datas de adquisición e vencemento, características, garantías e calquera outro elemento relevante para os efectos da súa identificación e valoración.

Quinto. Chamar aos posibles acredores da dita cámara para que, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, poñan en coñecemento do xestor a existencia de créditos ao seu favor.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2015

Sol María Vázquez Abeal
Directora xeral de Comercio