Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Venres, 16 de outubro de 2015 Páx. 40284

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 2 de outubro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2015, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para a realización de proxectos integrais que contribúan a unha mellor coxestión dos recursos e hábitats costeiros de importancia para a produción e reprodución dos organismos mariños dun modo responsable, equilibrado, sustentable e competitivo, que permitan mellorar as condicións de vida e traballo, a formación permanente das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño e da biodiversidade das súas especies, tal como prevé o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, a da adopción de medidas de conservación e protección dos recursos mariños vivos e os seus ecosistemas, así como a inspección e control sobre estes que garanten unha explotación responsable, equilibrada e sustentable, e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se derrogan os Regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, sinala no artigo 5 que o FEMP contribuirá, para o período 2014-2020, a fomentar unha pesca e unha acuicultura competitivas, ambientalmente sustentables, economicamente viables e socialmente responsables, establece no artigo 6 as prioridades do fondo, detallando no punto 1 unha serie de obxectivos específicos que inclúen a redución do impacto da pesca no medio mariño, a protección e a recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos, o equilibrio entre a capacidade pesqueira e as posibilidades de pesca dispoñibles, o fomento da competitividade e a viabilidade das empresas do sector pesqueiro, incluíndo expresamente a pesca costeira artesanal, o apoio á consolidación do desenvolvemento tecnolóxico e da formación profesional permanente.

En consonancia co acordo de asociación de España 2014-2020, é necesario apoiar medidas que favorezan a recompilación de datos e a mellora da xestión responsable e sustentable das zonas de produción que garantan a viabilidade económica do sector sen prexudicar o medio mariño; así como medidas para o control e seguimento das actividades pesqueiras co fin de mellorar a protección, conservación e sustentabilidade dos recursos mariños e das especies, establecendo condicións de acceso as zonas de pesca e realizando controis de capturas nas zonas de pesca e puntos de desembarco.

A axuda que contribuirá ao logro do obxectivo específico de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas acuáticos está prevista no artigo 40 do título V capítulo I do citado Regulamento (UE) nº 508/2014.

Incluíndo no concepto de pesca a extracción dos recursos mariños vivos mediante artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidas, e atendendo ao exposto no Regulamento delegado (UE) 2015/531 da Comisión, do 24 de novembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (CE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, poderán optar a axudas do FEMP (artigos 9 a 12) as operacións que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños, as tarefas de elaboración de plans de protección e de xestión para actividades relacionadas coa pesca, as operacións de xestión, recuperación e seguimento das paraxes de Natura 2000 e das zonas mariñas protexidas e a participación noutras actividades destinadas ao mantemento e mellora da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos.

A rede Natura 2000 preséntase non só como un instrumento de conservación do medio natural, senón que dá a oportunidade de aproveitar o valor económico e social que unha xestión axeitada dos espazos naturais pode fornecer, facilitando e potenciando as actividades pesqueiras e acuícolas que sexan compatibles coa conservación da natureza e contribúan a mellorar a calidade de vida das xentes do mar e a fomentar o papel das entidades asociativas do sector, na súa calidade de coxestores dos recursos pesqueiros, e o interese colectivo dos seus asociados.

O 27 % do territorio español está incluído na Rede Natura 2000, o que reclama un esforzo importante para súa conservación, en consonancia coa Directiva 92/43/CEE relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. Moitas das zonas de produción marisqueira de Galicia están incluídas en paraxes da Rede Natura 2000 ou son hábitats costeiros de especial interese para a cría de organismos mariños.

Na Directiva 2008/56/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de xuño de 2008 (Directiva marco sobre a estratexia mariña) contémplase a necesidade de garantir a integración dos obxectivos de conservación, coas medidas de xestión e as actividades de vixilancia e de avaliación definidas para as medidas de protección espacial. Nesta directiva recoñécese que as medidas só serán eficaces se están baseadas nun coñecemento profundo do estado do medio mariño nunha zona determinada, para o que propoñen programas de seguimento que proporcionen información que permita avaliar o estado ambiental.

Para lograr o axeitado desenvolvemento dos citados fins é necesario impulsar determinadas medidas que emprendan os xestores do recurso mediante subvencións como as establecidas na presente orde. Con estas axudas poderanse financiar medidas de interese público de maior alcance que as medidas que emprendan normalmente, que contribúa á consecución dos obxectivos específicos en virtude da prioridade da Unión establecida no artigo 6, número 1. Os posibles beneficiarios das subvencións serán as entidades coxestoras dos recursos mariños, concretamente as organizacións de produtores de base do sector pesqueiro, as corporacións de dereito público de base asociativa e as entidades asociativas representativas do sector pesqueiro; todas de ámbito autonómico.

Coa finalidade de acadar estes obxectivos, dítase esta orde, a través da cal se establecen as bases reguladoras xerais, e a convocatoria para o ano 2015 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos, para fomentar a coxestión dos recursos mariños vivos dun modo responsable, equilibrado, sustentable e competitivo, que permitan mellorar as condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño e da biodiversidade das súas especies.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2015 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a realización de proxectos integrais que contribúan a unha mellor coxestión dos recursos e hábitats costeiros de importancia para a produción e reprodución dos organismos mariños dun modo responsable, equilibrado, sustentable e competitivo, que permitan mellorar as condicións de vida e traballo, a formación permanente das persoas que se dedican a esta actividade, e que contribúan á conservación do medio mariño e da biodiversidade das súas especies, tal como prevé o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e derrógase o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

b) Regulamento (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ás modalidades concretas de transferencia e xestión das contribucións do programa, a presentación de información sobre os instrumentos financeiros, as características técnicas das medidas de información e comunicación das operacións e o sistema para o rexistro e o almacenamento de datos.

c) Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

d) Regulamento delegado (UE) 2015/531 da Comisión, do 24 de novembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

e) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

f) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

i) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

j) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

k) Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. Anualmente publicaranse os importes máximos de concesión de axudas na correspondente anualidade e nas sucesivas, para o caso de investimentos plurianuais.

2. No ano 2015 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.31.723A.770.1, código de proxecto 2015-00684, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

3. O importe máximo das subvencións que se concedan no 2015 será de 2.802.541 € e distribuiranse nas seguintes anualidades:

– Anualidade 2015: 1.192.541 €.

– Anualidade 2016: 1.610.000 €.

4. Os importes consignados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. No caso de que se leve a cabo a modificación destas bases a través da correspondente convocatoria anual, procederá a publicarse integramente no Diario Oficial de Galicia, as bases reguladoras coas modificacións feitas, para lograr unha máis áxil tramitación dos expedientes e mellor comprensión destas.

6. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e o 25 % pola Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións as confrarías de pescadores e as súas federacións, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector pesqueiro e marisqueiro e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiario corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non fose posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Realizar as actividades para as cales se conceda subvención nos termos e nos prazos indicados na resolución de concesión e no proxecto que lles sirva de base.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

e) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para que foi concedida a axuda de que se trate.

f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

g) Facer constar expresamente a participación financeira do FEMP en todas as actividades de difusión ou promoción relacionadas coa actividade subvencionada.

h) Manter os investimentos e/ou conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

i) Informar o público sobre a axuda obtida, de conformidade co artigo 115 e o anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, e co artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

j) Manter un sistema de contabilidade separado ou ben asignar un código contable adecuado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas aos «Fondos EIE».

k) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa operativo, de acordo co establecido no artigo 111 do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao FEMP.

3. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente. Se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán ser requiridos ao interesado.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade con esta orde, as accións colectivas que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto fomentar a extracción dos recursos mariños vivos dun modo responsable, equilibrado, sustentable e competitivo, que permitan mellorar as condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño e da biodiversidade das súas especies.

Serán proxectos subvencionables os referidos ao artigo 40 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, en concordancia coas prioridades establecidas no artigo 6, alíneas 1.b) e f). Os proxectos obxecto de subvención son:

a) Proxectos integrais que se centren nas zonas costeiras de interese para a produción ou reprodución dos organismos mariños, que fomenten a xestión sustentable, a conservación e protección das zonas de pesca e de produción marisqueira. As entidades beneficiarias de subvención por este concepto quedarán obrigadas, dentro do ámbito territorial que lle corresponde, á realización das actividades que se sinalan a seguir:

– Elaboración e seguimento dos plans de coxestión de recursos mariños vivos. Avaliación do estado de conservación e da biodiversidade, nas paraxes de Natura 2000, nas zonas mariñas protexidas e nos hábitats costeiros de especial interese para a cría de organismos mariños.

– Optimización e seguimento dunha correcta xestión dos recursos biolóxicos mariños. Análise dos descritores definidos na Directiva marco sobre a estratexia mariña. Cartografía dos hábitats e das especies, especialmente das exóticas invasoras. Seguimento e vixilancia dos hábitats e das especies. Cartografía da actividade extractiva realizada polos socios da entidade. Seguimento de indicadores de abundancia, da composición específica das capturas e da súa estrutura de tamaños.

– Formación dos socios orientada a adquiriren novas competencias vinculadas a unha mellor xestión e conservación dos recursos mariños vivos e dos ecosistemas en que estes viven.

– Aumento da sensibilización ambiental coa participación directa dos pescadores e mediante campañas de divulgación.

– Contribución á vixilancia epidemiolóxica: envío de mostras ao Intecmar para coñecer o estado sanitario das augas e especies marisqueiras.

– As operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies levaranse a cabo establecendo condicións de acceso ás zonas de pesca.

– O persoal de vixilancia actuará baixo a supervisión do servizo de Gardacostas e en colaboración con este, e están obrigados a remitir ao servizo os datos e informes que lles sexan requiridos. Con antelación mínima dunha semana, o beneficiario deberá trasladar ao servizo de Gardacostas a programación semanal das actividades de vixilancia e control. Con periodicidade mensual deberá dar traslado ao dito servizo dun informe das actividades realizadas. O inicio, a interrupción ou a finalización da prestación dos servizos deberá ser comunicado ao servizo de Gardacostas da consellería no prazo máximo dunha semana desde que se produza o feito.

– O persoal de control e vixilancia deberá ter a habilitación como garda particular de campo, especialidade de gardapesca marítimo. Os patróns e tripulantes de embarcacións cuxa dedicación non sexa a vixilancia senón o manexo das embarcacións deberán estar capacitados para facelo.

b) Seguimento específico de actuacións de ámbito autonómico establecidas pola Administración que requiran dun proxecto colectivo para mellorar a súa eficacia. Estas actuacións estarán encamiñadas á xestión de pesqueiras de interese rexional que precisen dunha participación activa do sector extractivo. Esta alínea pode incluír calquera das modalidades de proxectos definidos no punto anterior deste mesmo artigo.

2. Non serán obxecto de subvención as accións que resulten financiables segundo outras liñas de axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar nin os labores propios da actividade pesqueira ou marisqueira ordinaria.

3. En función dos resultados acadados e das dispoñibilidades orzamentarias, para os sucesivos períodos de convocatoria poderanse engadir ou modificar algúns dos proxectos incluídos no número 1 deste artigo.

4. Poderanse presentar proxectos de carácter plurianual sen que a súa duración poida exceder de dous exercicios orzamentarios e coas limitacións recollidas no parágrafo 2 do artigo 7. A subvención que neste caso se conceda aterase aos límites establecidos para os compromisos de gasto plurianuais no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:

a) Os de gastos de persoal imprescindible asociado ao proxecto.

b) Os de contratación de profesionais, empresas ou entidades prestadoras de servizos.

c) Os de adquisición de equipamento e material necesario para desenvolver as accións.

2. Consideraranse subvencionables os gastos realizados e pagados entre o 16 de agosto de 2015 e o 31 de decembro de 2023. A data límite enténdese en todos os casos sen prexuízo do número de anualidades que se estableza en cada resolución de concesión de axuda. No entanto, as operacións non se seleccionarán para recibir axuda do FEMP se concluíron materialmente ou se se executaron integramente antes de que o beneficiario presente a solicitude de axuda.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa xustificación ou, de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

4. O beneficiario poderá contratar con terceiros a actividade subvencionada ata o 100 %.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

Non serán subvencionables os gastos relativos a:

a) Alugamentos.

b) A adquisición de terreos e inmobles.

c) Os derivados da transformación de buques pesqueiros que causen baixa no rexistro da frota operativa.

d) A adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.

e) A adquisición de vestiario e equipamento persoal.

f) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.

g) Os gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.

h) Os gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

i) O IVE, agás nos casos en que se achegue certificado expreso do Ministerio de Facenda na porcentaxe non recuperable del.

j) A modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

Artigo 9. Intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionado en cada unha das accións, de acordo co previsto na presente orde, así como co indicado no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, condicionada, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias. A comisión de avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto, canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

2. No caso de se presentaren varios proxectos para accións substancialmente idénticas, poderase establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado.

3. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos liberados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

4. Manterase a axuda pero minorarase na fase de pagamento se o investimento material realizado é, por causa debidamente motivada, de contía inferior á que se considerou subvencionable, e na mesma proporción.

Artigo 10. Compatibilidade da axuda

Os gastos cofinanciados pola presente orde serán compatibles con outras liñas de axudas, sempre que a suma de todas elas non supere a intensidade máxima da axuda pública prevista no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello.

Artigo 11. Prazo de presentación de solicitudes e de resolución

1. En cada convocatoria indicaranse os períodos de presentación de solicitudes.

2. Para a convocatoria de 2015 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

3. A resolución de concesión emitirase e notificarase aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 17.2.

Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

3. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación, xunto cun índice e ordenada segundo se indica:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Ademais, se o solicitante non é unha confraría de pescadores ou unha federación de confrarías, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Medio Rural e do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.

b) Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:

b.1) Explicación das necesidades que se pretende cubrir e obxectivos perseguidos.

b.2) Proxecto técnico ou anteproxecto valorado, que permita determinar a viabilidade do proxecto.

c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).

Se é o caso, tamén se deberá acreditar a petición de 3 ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.3.

d) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable sobre as fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas...) de conformidade co anexo III.

e) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións, conforme o anexo III.

f) No caso de denegarse expresamente a obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e tamén certificación de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, engadirase:

g.1) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

g.2) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

4. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das alíneas a), d), e) e f) anteriores por cada un dos solicitantes.

5. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a documentación que se vai presentar. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizala de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 13. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 5.3, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.

2. A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada nos lugares a que se refire o parágrafo 1 do artigo 12.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderá requirir a entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 14. Órganos de xestión e resolución

1. A tramitación dos expedientes será realizada polo servizo correspondente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. A resolución de concesión delégase na persoa titular da Secretaría Xeral do Mar da Consellería do Medio Rural e do Mar ou, se é o caso, no órgano que se indique na correspondente orde de delegación de competencias.

Artigo 15. Comisión de avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan no artigo seguinte. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros:

Presidenta: directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Vogais: dúas persoas do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e unha por cada un dos seus departamentos territoriais, designadas pola presidenta.

Un dos vogais da comisión actuará como secretario.

En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da comisión poderán ser substituídos por quen designe o seu presidente.

A comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

Artigo 16. Criterios de avaliación

1. A comisión valorará os proxectos segundo os seguintes criterios, ponderados co valor que se indica en cada caso:

a) Relevancia dos obxectivos pretendidos e grao de necesidade de emprender a acción para acadar o fin previsto, tendo en conta o custo necesario para a súa consecución: ata 4 puntos.

b) Calidade técnica e grao de innovación a nivel local do proxecto: ata 2 puntos.

c) Proxectos presentados por entidades que teñan implantado medidas de responsabilidade social corporativa: ata 1 punto.

d) Proxectos presentados por entidades que teñan implantado un Plan de medidas de igualdade ou estean en posesión da Marca galega de excelencia en igualdade, nos termos establecidos nos artigos 9 a 12 e 16 a 20 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia: ata 1 punto.

e) Porcentaxe do custo asumido polo solicitante: ata 1 punto.

f) Efectos beneficiosos sobre o ambiente: ata 1 punto.

g) Ratio entre a axuda solicitada e o número de socios da entidade: ata 1 punto.

h) Resultados obtidos por outros proxectos realizados nos últimos 5 anos pola entidade solicitante e debidamente documentados: ata 1 punto. Os resultados negativos poderanse penalizar con ata 1 punto.

i) As actuacións conxuntas entre entidades: ata 2 puntos.

2. A comisión poderá considerar non viables determinados proxectos ou actuacións e, en consecuencia, propoñer motivadamente a non procedencia de concesión de subvención.

Artigo 17. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, o presidente da comisión avaliadora formularalle ao órgano concedente, a través do instrutor, proposta de resolución que indicará de xeito individualizado os beneficiarios, os proxectos seleccionados e as accións para as cales se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola comisión, non acadaran a puntuación necesaria para seren seleccionados por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 11.4, emitirase unha nova proposta en que se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.

Artigo 18. Resolución

Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

Artigo 19. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada. Por outro lado, a aceptación da axuda implica a aceptación da súa inclusión como beneficiarios na lista de operacións publicada de conformidade co artigo 119, número 2 do citado Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Artigo 20. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Modificacións

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente e deberá ser posta en coñecemento deste sempre con anterioridade á súa realización.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 22. Xustificación e pagamento

1. Con carácter xeral, agás que as ordes de convocatoria fixen outro prazo, os gastos correspondentes deberán xustificarse antes do 15 de novembro de cada anualidade. Este prazo poderá prorrogarse por resolución expresa do órgano concedente, logo de solicitude do beneficiario e por causas debidamente motivadas. Cando a prórroga solicitada implique a ampliación ou modificación das anualidades da subvención concedida, o seu outorgamento requirirá a correspondente fiscalización previa.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a seguir, no prazo establecido no parágrafo anterior e no lugar e forma sinalados no artigo 12 desta orde:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as cales se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

a.1) Informe técnico en que se describa a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, que inclúa reportaxe fotográfica cando sexa procedente.

a.2) Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE.

a.3) Facturas orixinais correspondentes aos custos sinalados na relación. Os xustificantes orixinais serán marcados cun carimbo da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, indicando a subvención para cuxa xustificación foron presentados.

a.4) No caso de gastos de persoal: contrato formalizado, se é o caso, polo Inem, nóminas, TC1 e TC2 coa xustificación do seu pagamento, e documento de declaración e liquidación do IRPF correspondente. Tamén se deberá achegar a documentación acreditativa do cumprimento das condicións de habilitación e capacitación do artigo 6.1.a). Os xustificantes orixinais serán marcados na forma sinalada na alínea anterior.

O beneficiario tamén terá que presentar unha certificación conforme as persoas contratadas cumpren os seguintes requisitos:

– Non pertenceren aos órganos de goberno da entidade.

– Non teren vinculación de parentesco no primeiro grao de consanguinidade ou afinidade con persoas membros dos órganos de goberno.

Así mesmo, deberá certificar a porcentaxe de dedicación mensual ao proxecto subvencionado do persoal cuxos gastos se inclúan na xustificación.

a.5) Extractos das contas, ordes de transferencia ou certificacións bancarias que xustifiquen a efectiva realización dos gastos, así como o importe, procedencia e aplicación dos fondos propios ás actividades subvencionadas.

a.6) No caso de que as accións obxecto de subvención sexan de realización periódica e sucesiva, correspondan ao último trimestre do exercicio e/ou supoñan gastos de persoal, obrigas tributarias e de Seguridade Social que non se poidan facer efectivos na data límite de xustificación, eses gastos poderanse xustificar no primeiro trimestre do exercicio seguinte.

b) No caso de denegar expresamente a súa obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

c) No caso de proxectos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión en que se recollan os compromisos que correspondan a cada un deles, así como nomeamento de apoderado único.

d) Os tres orzamentos que, de acordo co artigo 7.3 desta orde, e en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario.

3. Os servizos correspondentes da Consellería do Medio Rural e do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados.

4. Poderán presentarse xustificacións parciais a medida que se vaian executando as accións. O importe conxunto dos pagamentos parciais e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen, non poderá superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención. Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 24. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

5. No caso de actuacións plurianuais, se a materialización e o pagamento do investimento se anticipase ao calendario establecido na resolución de concesión e non fose posible o reaxuste das anualidades de subvención, o pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obtivese a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.

6. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumprise cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución.

8. Para o pagamento das xustificacións, no caso de gastos de persoal, terase en conta a porcentaxe de dedicación efectiva ao proxecto subvencionado en cada mes do período que se xustifique.

Artigo 23. Pagamento anticipado

Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 24.

Artigo 24. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo cos artigos 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia nos seguintes casos:

a) Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

b) Pagamentos parciais que excedan 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que se depositará na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, e deberá acadar, como mínimo, ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe dos cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que for o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

De acordo co artigo 67.4 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, por razóns xustificadas e por petición do beneficiario, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar a constitución da garantía por importe inferior ao antes indicado ou eximir da obriga de constituíla.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

Artigo 25. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En caso de incumprimento parcial relativo á actividade subvencionable, procederase á redución proporcional da subvención concedida ou aboada.

Artigo 26. Publicidade

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeición a esta orde indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial (http://www.medioruralemar.xunta.es) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 27. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e entón deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 28. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a: secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es .

Disposición transitoria primeira

Con vixencia exclusiva para a convocatoria do ano 2015, serán subvencionables os gastos realizados entre o 16 de agosto de 2015 e o 30 de xuño de 2016. No entanto, as operacións non se seleccionarán para recibir axuda do FEMP se concluíron materialmente ou se se executaron integramente antes de que o beneficiario presente a solicitude de axuda.

Disposición transitoria segunda

O prazo para a xustificación da anualidade 2015 rematará o 30 de novembro de 2015.

Disposición derradeira primeira

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo).

Disposición derradeira segunda

Facúltase a Dirección Xeral Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file