Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Venres, 16 de outubro de 2015 Páx. 40282

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 13 de outubro de 2015 pola que se determina a adscrición dos órganos dependentes da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes e da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

Mediante Decreto 116/2015, do 4 de outubro, a Consellería do Medio Rural e a Consellería do Mar forman parte da estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

No Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, estrutúrase a Consellería do Medio Rural en catro órganos de dirección: a Secretaría Xeral Técnica, a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural. Á Consellería adscríbense tamén as seguintes entidades instrumentais públicas: o Fondo Galego de Garantía Agraria, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o Instituto Galego de Calidade Alimentaria.

Como consecuencia da nova estrutura orgánica superior suprímese a Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, créase a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e cambia de denominación a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, que pasa a denominarse Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, mantendo a súa denominación a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

O Decreto 129/2015, do 8 de outubro, regula o réxime transitorio de adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais e direccións xerais que se supriman ou cambien de denominación ata que se aprobe por decreto a nova estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural. Concretamente, indica que mediante resolución da persoa titular da consellería se determinará a adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais e direccións xerais suprimidas ou que varíen de denominación como consecuencia da estrutura orgánica que se fixa nese decreto aos órganos superiores ou directivos correspondentes, mentres non se dite o decreto de estrutura orgánica da consellería.

Ao abeiro do disposto na antedita disposición transitoria primeira, cómpre determinar a adscrición dos órganos dependentes da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes suprimida e da dirección xeral que varía de denominación aos órganos de dirección correspondentes da Consellería do Medio Rural.

Por todo isto, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

1. Adscribir, con carácter temporal e ata que se aprobe o decreto de estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, os órganos dependentes da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes que se suprime á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

2. Adscribir, con carácter temporal e ata que se aprobe o decreto de estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, os órganos dependentes da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agrarias.

3. Os órganos de dirección adscritos á nova Consellería do Medio Rural e os seus órganos dependentes manterán a súa estrutura e funcións, regulada no Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, ata que se proceda ao desenvolvemento do decreto de estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.

4. Esta orde será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2015

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural