Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 7 de outubro de 2015 Páx. 39192

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2015, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se crea e se clasifica un posto de traballo reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional na Mancomunidade de Municipios de Arousa Zona Norte.

A Mancomunidade de Municipios de Arousa Zona Norte formula proposta relativa á creación do posto de secretaría-intervención, reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de secretaría-intervención, sen categoría, conforme o Acordo adoptado polo Pleno en sesión que tivo lugar o día 20 de xaneiro de 2015.

O réxime xurídico aplicable aos postos reservados aos funcionarios con habilitación de carácter nacional recóllese no artigo 92.bis.4 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, que dispoñen que o Goberno, mediante real decreto, regulará as especialidades da creación, clasificación e supresión de postos reservados aos funcionarios con habilitación de carácter nacional, así como as que poidan corresponder ao seu réxime disciplinario e de situacións administrativas.

Ante a ausencia do desenvolvemento regulamentario, a disposición transitoria sétima da Lei 27/2013, do 30 do decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, sinala que mentres non entre en vigor o regulamento previsto no artigo 92 bis da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, e en canto non se opoña ao disposto nesta lei, mantén a súa vixencia a normativa regulamentaria referida aos funcionarios incluídos no ámbito de aplicación do citado artigo.

O artigo 5.1 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, establece que os postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal en áreas metropolitanas, mancomunidades de municipios e consorcios locais se clasificarán en atención ao orzamento propio de que dispoña a dita entidade local como se indica a seguir:

Orzamento superior a 18.000.000 de euros: clase primeira.

Orzamento superior a 6.000.000 de euros: clase segunda.

Orzamento inferior a 6.000.000 de euros: clase terceira

Por todo isto, en aplicación do establecido nos artigos 2 e 9 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e demais normativa concordante de aplicación, e en uso das facultades que lle confire o artigo 15.e da Lei do emprego público de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e a Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias,

DISPÓN:

Primeiro. Crear e clasificar o posto de traballo de secretaría-intervención, reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, pertencente á subescala de secretaría-intervención, sen categoría, da Mancomunidade de Municipios de Arousa Zona Norte, que se clasifica como se especifica no anexo que se xuntan á dita resolución.

Segundo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderá impugnarse directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o disposto no artigo 46 en relación co 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2015

José Alberto Pazos Couñago
Director xeral de Administración local

ANEXO

Resolución do concelleiro-delegado da Área de Xestión Municipal e Persoal do Concello de Vigo do 2 do setembro de 2015 pola que se aproba a convocatoria para a provisión do posto de traballo de tesoureiro/a municipal do Concello de Vigo, mediante libre designación entre funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, de conformidade coas seguintes bases:

Primeira. Posto e requisitos

O posto de traballo obxecto da convocatoria é o de tesoureiro/a municipal, código 150.00 da vixente relación de postos de traballo do concello de Vigo, pertencente á subescala de intervención-tesouraría, da escala de funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

O posto de traballo está dotado co nivel 30 de complemento de destino e un complemento específico código 2, segundo a relación de postos de traballo do Concello de Vigo (véxase BOP nº 220, do martes 16 de novembro de 2010), que se concreta nun importe anual bruto de 42.102,76 €.

Establécense como titulacións exixidas para o desempeño do posto na vixente relación de postos de traballo as seguintes:

– Licenciado/a en Dereito ou equivalente (código 6).

– Licenciado/a en Ciencias Económicas ou Empresariais ou equivalente (código 8).

A Tesouraría municipal do Concello de Vigo carece da consideración de órgano directivo municipal segundo o establecido no artigo 130 da Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do Goberno local, está configurada como un posto de vínculo xurídico-funcionarial, suxeito ao dereito administrativo e reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional.

En consecuencia, poderán participar na presente convocatoria os funcionarios/as de carreira de Administración local, subgrupo A1, integrados na escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de intervención-tesouraría. Conforme establece a disposición transitoria primeira, número 2, do Real decreto 1174/1987, do 18 do setembro, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, poderán participar, así mesmo, os funcionarios/as pertencentes aos corpos e escala extinguidos que non resulten integrados nas subescalas en que, conforme o indicado no real decreto, se estrutura a habilitación de carácter nacional a que se refire a Lei 7/1985, do 2 e abril, e están habilitados para desempeñar postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional conforme as seguintes normas: os depositarios, en iguais condicións que os funcionarios/as integrados/as na subescala de intervención-tesouraría, categoría superior, pero unicamente para os postos de intervención.

Segunda. Participación

O posto de traballo obxecto de provisión con carácter definitivo poderá ser solicitado polos funcionarios/as con habilitación de carácter nacional da subescala e categoría a que pertence o posto.

Non poderán concorrer a esta convocatoria os funcionarios/as que se encontren comprendidos nos supostos a, b, e c que sinala o artigo 18, número 3, do Real decreto 1732/1994, do 29 do xullo, sobre provisión de postos de traballo da Administración local reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, e que son os seguintes:

a) Os/as funcionarios/as inhabilitados/as e os suspensos en virtude de sentenza ou resolución administrativa firme, se non transcorrese o tempo sinalado nelas.

b) Os/as funcionarios/as destituídos a que se refire o artigo 148.5 do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, durante o período a que se estenda a destitución.

c) Os/as funcionarios/as que se encontren nas situacións de excedencia voluntaria a que se refire o artigo 29.3.c e d da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, se non transcorrese o prazo de dous anos desde o pase a elas.

Terceira. Presentación de solicitude, documentación e prazos

Para os efectos de tomar parte na convocatoria, os/as aspirantes deben presentar a seguinte documentación:

1. Solicitude dirixida ao concelleiro-delegado da Área de Xestión Municipal e Persoal do Concello de Vigo (Decreto de delegación de competencias do 19.6.2015), Servizo de Recursos Humanos, solicitando tomar parte na convocatoria, segundo modelo normalizado xenérico dispoñible na web municipal www.vigo.org ou no Rexistro Xeral do Concello de Vigo, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, á cal deberá xuntarse declaración xurada de non estar incurso nalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 18.3 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo.

2. Documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos exixidos na base primeira.

3. Curriculum vitae no cal figuren:

a) A titulación académica.

b) A acreditación da condición de funcionario/a de Administración local con habilitación de carácter nacional.

c) Os anos de servizo.

d) Os postos de traballo desempeñados nas administracións públicas.

e) Acreditación do coñecemento de linga galega segundo o Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que ser regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase achegar para tal efecto documento acreditativo da posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

f) Estudos, cursos, formación e especialización realizados.

g) Calquera outro mérito que consideren oportuno salientar en relación coas funcións atribuídas ao posto solicitado, pertencente a un municipio de gran poboación nos termos do establecido na Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do Goberno Local, xunto con documentación fidedigna acreditativa dos aspectos indicados.

4. No suposto de achega e acreditación de grao persoal consolidado, este deberá estar formalmente recoñecido e deberá xuntarse a correspondente resolución administrativa ditada para tales efectos.

A documentación indicada acreditarase coa presentación de orixinaios ou fotocopias compulsadas desta.

Os/as interesados/as dirixirán as solicitudes e documentación complementaria ao órgano e servizo indicado dentro dos 15 días naturais seguintes á publicación da resolución de convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

Os requisitos exixidos nas presentes bases, así como os requisitos e experiencia alegados, deberán reunirse na data de finalización do prazo para tomar parte na convocatoria.

Poderanse solicitar dos participantes na convocatoria aclaracións ou documentación adicional, cando da presentada non resulten suficientemente acreditados os datos alegados en relación cos requisitos exixidos.

Cuarta. Resolución

A Concellería-delegada da Área de Xestión Municipal do Concello de Vigo (Decreto de delegación de competencias do 19.6.2015) procederá, se é o caso, e logo de constatación dos requisitos exixidos na convocatoria, a ditar a resolución correspondente no prazo de 1 mes, e dará conta ao Pleno da corporación e traslado daquela ao órgano competente da Comunidade Autónoma e á Dirección Xeral para a Administración Local (Dirección Xeral da Función Pública) para a anotación e publicación conxunta no Boletín Oficial del Estado.

A dita resolución deberá ser motivada, con referencia ao cumprimento, por parte do aspirante elixido/a, dos requisitos e especificacións exixidos na convocatoria e da competencia para proceder ao nomeamento. O posto deberá ser adxudicado entre os/as candidatos/as que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria. En todo caso, deberá quedar acreditada no procedemento, como fundamento da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido.

Quinta. Toma de posesión

O prazo de toma de posesión no novo destino será de tres días hábiles, se se trata de postos de traballo da mesma localidade, ou de 1 mes, se se trata de primeiro destino ou de postos de traballo en localidade distinta.

O prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes á publicación da resolución do procedemento no Boletín Oficial del Estado.

No caso de que a resolución comportase o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita publicación.

Sexta. Impugnación

Contra a presente resolución poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, ou ben recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación ou publicación do acto administrativo que poña fin á vía administrativa nos supostos, termos e condicións do disposto no artigos 8.25 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Javier Pardo Espiñeira, concelleiro delegado da Área de Xestión Municipal e Persoal do Concello de Vigo.