Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 7 de outubro de 2015 Páx. 39181

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 8 de setembro de 2015 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Sarria, para a regularización e ampliación do asentamento industrial de Betote (expediente PTU-LU-13/032).

O Concello de Sarria remite o expediente de referencia, solicitando a súa aprobación definitiva, de acordo co artigo 85.7 da vixente Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

O 2.2.2015, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu orde de non aprobación e petición de emendas do proxecto remitido en novembro de 2014, redactado en febreiro dese ano. Na citada orde, así como nos informes redactados polos servizos da consellería, relaciónanse os antecedentes de tramitación previos.

Tras a emisión da dita orde, a tramitación incluíu:

• Presentación no concello de novo proxecto de modificación, co fin de emendar as referidas deficiencias (24.3.2015).

• Emisión de informe técnico municipal (25.3.2015).

• Emisión de informe-proposta da secretaría municipal (27.4.2015).

• Ditame da Comisión Informativa de estudo, informe e consulta dos asuntos do Pleno (5.5.2015).

• Aprobación plenaria do proxecto de modificación (8.5.2015).

II. Verificación do cumprimento das observacións da Orde do 2.2.2015.

• Avaliación ambiental: incorpóranse as determinacións exixidas pola memoria ambiental do 24.4.2014. Inclúese no ISA o informe requirido polo órgano ambiental en relación coa integración das determinacións finais da memoria ambiental.

• Acreditación das edificacións rematadas o 1 de xaneiro de 2013: o novo proxecto xustifica as súas determinacións, mediante fotografía aérea de agosto de 2002, certificado de antigüidade, informe municipal e base topográfica da Xunta de Galicia de 2003.

• Cómputo de prazas de aparcamento: cumpren coas exixencias establecidas pola LOUG.

• Xustificación contida no número 8.4 do proxecto.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do documento de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cospeito correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Á vista de todo o que antecede, e ao abeiro do establecido no artigo 85.7.a) en relación co 93.4, da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente o proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Sarria para a regularización e ampliación do asentamento industrial de Betote.

2º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2015

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas