Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 30 de setembro de 2015 Páx. 38257

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2015 pola que se dispón a declaración de lesividade da Resolución do 5 de decembro de 2011 pola que se convocaban probas selectivas para a provisión dunha praza de delineante vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Por Resolución do 5.12.2011 (DOG nº 242, do 21 de decembro) convocáronse probas selectivas para a provisión dunha praza de delineante vacante no cadro de persoal laboral desta universidade. A dita resolución foi publicada no BOE nº 312, do 28 de decembro).

Segundo. Por Resolución reitoral do 16.1.2012 deixouse sen efecto a mención que no punto 2.C da convocatoria se facía ao título de bacharelato superior, xa que a profesión de delineante é unha profesión regulada e a titulación precitada non habilita per se e sen máis para o exercicio da profesión de delineante. Esta modificación, malia a ser substancial non foi obxecto de publicación en ningún diario oficial.

Terceiro. Por Resolución do 19.3.2012 aprobouse a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas no devandito proceso selectivo.

Cuarto. Por Resolución do 22.4.2015 nomeouse e publicouse a composición do tribunal ao cal lle correspondía xulgar as probas selectivas para a provisión dunha praza de delineante da Universidade da Coruña.

Quinto. Por Resolución do 22.6.2015 acordouse incoar expediente de declaración de lesividade da Resolución do 5 de decembro de 2011 pola que se convocaban probas selectivas para a provisión dunha praza de delineante vacante no cadro de persoal laboral desta universidade. Na dita resolución igualmente se dispoñía a publicación na web da UDC (taboleiro virtual) e se confería aos interesados un prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución para os efectos de que presentasen as alegacións que considerasen oportunas.

Sexto. Con data 25.6.2015 consta acreditada a publicación da resolución precitada polo que o prazo concedido para os efectos de alegacións rematou o pasado 7.7.2015, sen que desde a publicación ata o día de hoxe conste que se teñan presentado alegacións ningunhas ao respecto.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. É obxecto desta resolución reitoral a declaración de lesividade da Resolución reitoral do 5 de decembro de 2011 pola que se convocaban probas selectivas para a provisión dunha praza de delineante vacante no cadro de persoal laboral desta universidade, para a súa ulterior impugnación perante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Segunda. A competencia para ditar esta resolución corresponde, por delegación do reitor da UDC, á persoa titular da Secretaría Xeral segundo dispoñen os seguintes preceptos: artigo 20.1 da Lei orgánica de universidades 6/2001, do 20 de decembro; artigo 40.1 dos estatutos da UDC, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio); e artigo 2.2.e) da Resolución reitoral do 16.1.2012 pola que se establecen a estrutura orgánica dos servizos centrais da UDC e as competencias dos seus órganos directivos.

Terceira. A orde xurisdicional competente é a contencioso-administrativa xa que se pretende impugnar unha convocatoria que é considerada pola xurisprudencia como acto administrativo xeral e plúrimo.

Cuarta. A convocatoria de referencia foi obxecto de publicación e alcanzou a fase de publicación da listaxe provisional de admitidos e excluídos. Na súa consecuencia, existe un acto administrativo declarativo de dereitos, feito que impide proceder a unha revogación de plano correspondente aos supostos previstos no artigo 105 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, Lei reguladora de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante LRXPAC).

Nesta orde de consideracións cómpre necesariamente acudir ao procedemento de revisión de actos declarativos de dereitos, isto é: declaración de lesividade e posterior impugnación perante a xurisdición contencioso-administrativa a través do procedemento regulado no artigo 103 da LRXPAC.

O artigo 103 da LRXPAC refírese a aqueles actos favorables aos interesados que resulten anulables a teor do disposto no artigo 63 do mesmo corpo legal. A convocatoria que se examina carece dos requisitos formais necesarios para que o acto alcance a súa finalidade. En concreto, as infraccións do ordenamento xurídico en que incorre, lesivas para o interese público, foron postas de manifesto por informe dos servizos xurídicos da universidade do 7.9.2015 que afirma:

«Á vista das consideracións recollidas no Acordo de incoación do expediente de declaración de lesividade da Resolución reitoral do 5 de decembro de 2011, este servizo entende que a convocatoria que se examina carece dos requisitos formais necesarios para que o acto alcance a súa finalidade, xa que, na convocatoria de referencia se constata infracción do ordenamento xurídico por canto na fase de concurso, sen se tratar dun proceso de consolidación de emprego, se procede a unha valoración desigual dos servizos previos/antigüidade segundo a Administración de orixe ou na que se teñan prestado tales servizos, xa que afirma: «a antigüidade, ata un máximo de 30 puntos, valorarase a razón de 0,625 puntos por mes na mesma categoría e grupo da UDC e 0,15 puntos por mes na mesma categoría e grupo noutras administracións».

Pola outra banda, non pode esquecerse que a titulación que dá acceso ao proceso selectivo é un requisito substancial na configuración deste e que a profesión de delineante é unha profesión regulada. Para estes efectos cómpre lembrar que pola Resolución reitoral do 16.1.2012 se resolveu deixar sen efecto a mención que no punto 2.C da convocatoria se facía ao título de bacharelato superior que non habilitaba per se e sen máis para o exercicio da profesión de delineante.

Esta modificación, malia ser substancial, non foi obxecto de publicación en diario oficial ningún e tampouco implicou outorgamento de novo prazo de concorrencia ao proceso selectivo nin, paralelamente, de devolución de taxas a aqueles que tivesen concorrido e coa modificación deste requisito non puidesen ser admitidos».

No dito informe considérase que cómpre acudir ao procedemento de declaración de lesividade xa que é nota esencial da convocatoria que se pretende declarar lesiva ao interese público o feito de se tratar, por unha banda, dun acto caracterizado por certa discrecionalidade, xa que corresponde á Administración, en virtude das súas potestades de autoorganización, a decisión das prazas que se convocan, da forma de convocalas, do cando e do como, pero por outra banda, non pode esquecerse que nos atopamos ante un suposto relativo a un acto que foi obxecto de publicidade e que de feito alcanzou a fase de listaxe provisional de admitidos, polo que estamos ante un acto declarativo de dereitos que non pode revogarse de plano ex artigo 105 da LRXPAC.

Quinta. O artigo 104 da LRXPAC dispón que: «Iniciado o procedemento de revisión de oficio, o órgano competente para resolver poderá suspender a execución do acto, cando este poida causar prexuízos de imposible ou difícil reparación».

Tendo en conta o exposto, procede manter a suspensión do procedemento selectivo convocado pola Resolución xa citada do 5 de decembro de 2011 ata que recaia resolución finalizadora deste procedemento. Igualmente, ao se adoptar a resolución definitiva de declaración de lesividade, procederá a devolución das taxas aínda non devoltas aos interesados.

Sexta. En virtude do disposto nos artigos 59.6.b) e 60.1 da LRXPAC e ao se tratar dun procedemento de concorrencia competitiva cunha pluralidade de interesados, procede a publicación da presente resolución reitoral na páxina web da UDC (taboleiro virtual) así como no Diario Oficial de Galicia.

Sétima. Contra esta resolución non cabe recurso administrativo ao constituír un presuposto procesual para os efectos de que a Universidade da Coruña poida impugnar a disposición declarada lesiva perante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, procedemento en que os interesados poderán, para o caso de que o recurso da Universidade sexa admitido a trámite, formular as alegacións que coiden oportunas.

Á vista do exposto

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a lesividade da Resolución do 5 de decembro de 2011 pola que se convocaban probas selectivas para a provisión dunha praza de delineante vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Segundo. Publicar esta resolución na web da UDC (taboleiro virtual) e no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Dispoñer que, os servizos xurídicos da universidade e nos termos do artigo 45.4 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (LXCA), formulen recurso de lesividade contra o acto administrativo referenciado en que se sosteña como pretensión a anulación deste e que se inste a adopción como medida cautelar, nos termos do artigo 129 e seguintes da LXCA, a suspensión xudicial do acto impugnado.

Cuarto. Devolver as taxas aos interesados.

A Coruña, 18 de setembro de 2015

P.D. (Artigo 2.2.e) da Resolución do 16.1.2012, DOG do 13 de febreiro)
Carlos Amoedo Souto
Secretario xeral da Universidade da Coruña