Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 30 de setembro de 2015 Páx. 38231

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2015, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva das normas subsidiarias de planeamento municipal de Outeiro de Rei-delimitación do núcleo rural da Franca (expediente PTU-LU-14/105).

O Concello de Outeiro de Rei remite o expediente sobre aprobación definitiva das normas subsidiarias de planeamento municipal de Outeiro de Rei-delimitación do núcleo rural da Franca, en solicitude da súa aprobación definitiva e presenta documentación administrativa correspondente á tramitación realizada, proxecto técnico de delimitación datado en marzo de 2015, subscrito pola arquitecta municipal, aprobado provisionalmente o 10.4.2015 e estudo hidrolóxico-hidráulico.

Analizada a documentación remitida polo Concello e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

– No 3 de febreiro pasado, esta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu requirimento de emenda das deficiencias observadas sobre o proxecto de delimitación de núcleo aprobado provisionalmente polo Concello pleno na sesión do 25 de setembro de 2014.

– No 10 de abril de 2015, o pleno do Concello aproba provisionalmente o proxecto corrixido, tras novos informes municipais da arquitecta e da secretaria.

II. Aspectos xerais. Contido.

Proponse delimitar como núcleo rural común unhas 5 ha de terreo clasificado actualmente como non urbanizable e urbanizable non delimitado de usos mixtos polas vixentes normas subsidiarias de planeamento de Outeiro de Rei, aprobadas en 1992. Reclasifícase tamén unha pequena parte deste solo urbanizable como solo rústico de protección ordinaria.

Trátase dunha serie de edificacións situadas entre os núcleos de Robra e Penelas, como un crecemento asociado ás dinámicas do núcleo veciño de Robra, cunha pauta similar ao modelo de asentamento poboacional do concello de Outeiro de Rei nas últimas décadas, caracterizado pola dispersión polinuclear dos asentamentos tradicionais orixinais, na densa rede de camiños rurais.

III. Análise e consideracións.

Examinada a documentación agora remitida, en relación co requirimento de emenda de deficiencias formulado por esta SXOU no 3 de febreiro pasado, cómpre sinalar:

– Xustifícase que o crecemento permitido pola delimitación do núcleo é menor do experimentado nos últimos 30 anos e similar ao dos núcleos da zona no seu conxunto.

– Reaxústase a delimitación do núcleo na zona N-E, cara á zona inundable.

– O asentamento da Franca consta como entidade singular diseminada dentro da entidade colectiva de Robra (San Pedro Fiz) na Oficina do Censo Electoral.

– Acredítase que existen 5 parcelas edificadas con usos residenciais e unha vivenda en avanzado estado da construción.

– O proxecto introduce unha ordenanza que define os usos admisibles e as condicións de edificación e parcela. En aplicación desta ordenanza, que impide a segregación ou división das parcelas existentes, resultarían 18 parcelas edificables, cumpríndose así a consolidación edificatoria mínima exixible dun terzo.

– O informe en materia de telecomunciacións do 5.9.2014 prohibe as limitacións referentes á instalación de antenas de telefonía móvil establecidas no punto 3.3 do proxecto.

Daquela, púidose comprobar que se emendaron ou xustificaron as deficiencias sinaladas.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais corresponde á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural común da Franca, do concello de Outeiro de Rei.

2. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2015

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file