Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 15 de setembro de 2015 Páx. 36682

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 2 de setembro de 2015 pola que se declara a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Aro, situado no concello de Mazaricos, na provincia da Coruña.

Antecedentes.

1. O monte Aro, do concello de Mazaricos, inscribiuse no catálogo de montes de utilidade pública (CUP) co número 103-B. A Orde ministerial do 16.11.1963 aprobou o seu deslindamento, cunha superficie de 166,55 ha de cabida pública (166,61 ha segundo os planos máis recentes do Servizo de Montes da Coruña).

2. Por medio dunha orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 20.04.1992 excluíronse do catálogo varias parcelas do monte Aro, por terse declarado de propiedade particular de Antonio Antelo Martínez e de Manuel Blanco Suárez. O 7.6.2000 o conselleiro de Medio Ambiente autorizou a permuta de varias destas leiras por outras parcelas de menor superficie situadas tamén no monte Aro, para reducir así o número de encravamentos. De acordo cos planos do Servizo de Montes da Coruña a superficie total destes predios particulares logo da permuta é de 9,16 ha.

3. O día 20.6.1997 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común (MVMC) da Coruña clasificou o monte de Serráns a favor dos veciños do lugar de Serráns. Segundo a resolución de clasificación as 33,00 ha deste monte (37,20 ha de acordo cos planos do Servizo de Montes da Coruña) están incluídas no perímetro do monte de utilidade pública (MUP) Aro.

4. O mesmo día 20.6.1997 o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte de Insua a favor dos veciños do lugar de Insua. Segundo a resolución de clasificación, as 19,00 ha deste monte (22,00 ha de acordo cos planos do Servizo de Montes da Coruña) están incluídas no perímetro do MUP Aro.

5. Así mesmo, o día 20.6.1997 o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte de Abeleiras a favor dos veciños do lugar de Abeleiras. Segundo a resolución de clasificación 6,50 ha deste monte (7,25 ha de acordo cos planos do Servizo de Montes da Coruña) están incluídas no perímetro do MUP Aro.

6. O día 12.6.2002 o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte Leguiña a favor dos veciños do lugar de Mazaricos de Arriba. Segundo a resolución de clasificación e dos planos do Servizo de Montes da Coruña as 12,80 ha deste monte están incluídas no perímetro do MUP Aro.

7. A Orde do 30.6.2000, da Consellería de Medio Ambiente (DOG do 10 de xullo), excluíu do CUP, por ter quedado firme a resolución do Xurado Provincial de Montes que os clasifican como veciñais en man común, os MVMC de Serráns e de Insua, así como a parte do monte de Abeleiras que procede do MUP Aro.

8. Non consta a formalización da exclusión do CUP da superficie do MVMC Leguiña.

9. O día 14.6.2013 a xefa do Distrito Forestal V informou de que a superficie residual do monte público Aro (78,20 ha segundo os planos do Servizo de Montes da Coruña) non cumpre con ningún dos supostos que se mencionan no artigo 27.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de acordo cos cales un monte pode ser incluído no Catálogo de montes de utilidade pública, polo que procedía iniciar os trámites para excluír o monte do CUP.

10. O día 17.6.2013 o Servizo de Montes da Coruña notificou trámite de audiencia ao Concello de Mazaricos (titular do monte), en aplicación do artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e do artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo transcorreu sen que se presentasen reclamacións ou alegacións.

11. O día 19.7.2013 o Servizo de Montes da Coruña propuxo a exclusión do monte Aro do CUP.

12. O día 7.7.2015 o secretario xeral do Medio Rural e Montes, tendo en conta o informe-proposta do Servizo de Montes da Coruña, propuxo a declaración da perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública do monte Aro (nº 103-B).

13. O día 24 de agosto de 2015, a Asesoría Xurídica emitiu un informe sobre esta orde.

Consideracións legais e técnicas.

1. O artigo 16.2 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, atribúe á competencia das comunidades autónomas a exclusión de montes no Catálogo de montes de utilidade pública e o mantemento deste catálogo.

Este mesmo artigo obriga as comunidades autónomas a daren traslado ao ministerio competente na materia das actuacións que impliquen modificacións no catálogo.

2. O artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula o procedemento para a exclusión dun monte do catálogo:

«Poderá declararse a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo, de todo ou parte dun monte, mediante orde da consellería competente en materia de montes, por proposta do órgano forestal, de oficio ou por instancia da persoa titular do monte, e en procedemento tramitado para o efecto, oídos a Administración titular e as persoas titulares doutros dereitos sobre o monte, cando desaparezan as causas que motivaron a súa declaración ou cando, por sentenza firme, se declare que o monte non é de titularidade pública».

Neste caso tramitouse o procedemento consonte o indicado.

O día 14 de xuño de 2013 a xefa do Distrito Forestal V informou de que a superficie residual do monte Aro non cumpre con ningún dos supostos que se mencionan no artigo 27.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. No dito informe concreta que esta superficie residual do monte Aro na actualidade non está comprendida en ningún dos supostos para poder ser declarada de utilidade pública, que son os seguintes:

– Os que sexan esenciais para a protección do solo fronte aos procesos de erosión.

– Os localizados en cabeceiras de bacías hidrolóxicas e os que contribúan decisivamente á regulación do réxime hidrolóxico.

– Os que se encontren nas áreas de actuación prioritaria para os traballos de conservación dos solos fronte a procesos de erosión e de corrección hidrolóxico-forestal e, en especial, as dunas continentais.

– Os que eviten ou reduzan os desprendementos de terras ou rochas e o entullamento de encoros e aqueles que protexan cultivos e infraestruturas contra o vento.

– Os que se encontren nos perímetros de protección das captacións superficiais e subterráneas de auga.

– Os que se encontren formando parte de tramos fluviais de interese ambiental e os necesarios para acadar os obxectivos dos plans hidrolóxicos.

– Os localizados en áreas forestais declaradas de protección dentro dun plan de ordenación de recursos naturais ou dun plan de ordenación de recursos forestais.

– Os que sexan destinados á repoboación ou mellora forestal con fins de protección.

– Os que contribúan ao mantemento da diversidade biolóxica, á protección da fauna e da flora e os que formen parte da Rede galega de espazos naturais protexidos.

– Os que formen masas arbóreas de especial interese na conservación do patrimonio xenético forestal ou na prevención de incendios forestais.

– Os que se vinculen á satisfacción de intereses xerais.

– Os que, estando incluídos dentro das zonas de alto risco de incendios, sufrisen incendios forestais ou cuxo potencial forestal se vise afectado de forma substancial pola dita causa.

– Os que amosen valores forestais de especial significación.

– Os que sexan destinados á restauración, repoboación ou mellora forestal co fin de protexer os montes protectores ou outras figuras de especial protección.

3. O artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establece que a resolución firme de clasificación dun MVMC produce, entre outros, o efecto de servir de título para excluílo do CUP.

Procede excluír do Catálogo de utilidade pública da provincia da Coruña as superficies que se declararon de propiedade veciñal en man común.

4. O artigo 30.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, vincula a exclusión dun monte ou parte deste do Catálogo de montes de utilidade pública coa súa perda da condición de utilidade pública.

5. O artigo 30.2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que as reclamacións sobre exclusións de montes no catálogo que non se refiran a cuestións de propiedade terán carácter administrativo e resolveranse ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. O artigo 30 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, atribúe a competencia para a exclusión dun monte, ou de parte deste, do Catálogo de montes de utilidade pública, á consellaría competente en materia de montes.

De acordo con todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Declarar a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, número 103-B, do monte “Aro”, situado no concello de Mazaricos (A Coruña), e que inclúe as superficies que se relacionan a seguir:

– 12,80 ha por clasificación do MVMC Leguiña.

– 78,20 ha residuais do monte Aro por perder as causas que motivaron no seu día a súa inclusión no catálogo.

2. Dar traslado ao ministerio competente na materia da citada exclusión do catálogo.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición, con carácter potestativo, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar