Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 9 de setembro de 2015 Páx. 36278

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 24 de agosto de 2015 de aprobación definitiva da modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Sanxenxo.

O Concello de Sanxenxo achega a modificación puntual nº 4 do PXOM, en solicitude da aprobación definitiva conforme o disposto nos artigos 85.7, 94 e 95 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

Analizada a documentación remitida polo Concello de Sanxenxo, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello do Sanxenxo dispón, na actualidade vixente, dun PXOM aprobado definitivamente o 27.2.2003.

I.2. Este PXOM foi obxecto de tres modificacións puntuais. A primeira, do 22.10.2010, respecto á ordenanza 10 de Espazos libres de uso e dominio público; a MP nº 2, do 1.4.2013, respecto da adaptación da normativa ás modificacións lexislativas estatais e autonómicas; e a MP nº 3, coa finalidade de corrixir a situación do equipamento público E-26-E. Por acordo do Concello Pleno aprobouse un documento de rectificación do PXOM en aplicación de diversas sentenzas.

1.3. Consta Decisión do 12.12.2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de non sometemento á avaliación ambiental estratéxica da presente modificación puntual do PXOM.

I.4. Constan informes municipais: técnicos, do 5.2.2014, 13.5.2014, 10.10.2014 e 10.3.2015; e xurídicos, do 5.2.2014, 13.5.2014 e 11.3.2015.

I.5. A MP foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 26.5.2014. Foi sometida a información pública mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 17.6.2014 e no DOG do 20.6.2014. Déuselles audiencia aos concellos limítrofes. Neste período non se presentaron alegacións.

I.6. Constan informes sectoriais de:

– Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, do 8.5.2014, 6.3.2015 e 2.6.2015.

– Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, en materia de telecomunicacións, do 3.9.2014.

– Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en materia de costas, do 11.9.2014 e 10.4.2015.

– Axencia Galega de Infraestruturas, do 17.9.2014.

– Augas de Galicia, do 12.9.2014, favorable condicionado ao cumprimento de condicións.

– Consellería do Medio Rural e do Mar, Servizo de Montes, do 8.10.2014 e 25.2.2015.

– Deputación de Pontevedra, do 24.7.2015.

– Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do 30.7.2015, en que solicita a incorporación dunha ficha do Museo da Telleira ao Catálogo municipal do PXOM.

I.7. A modificación puntual foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno o 16.3.2015.

II. Obxecto da modificación puntual.

II.1. A modificación puntual ten por finalidade:

– Modificar a titularidade do equipamento local público deportivo denominado como E-36-DEP pola que lle corresponde realmente, por tratarse dun equipamento privado.

– Incorporar ao inventario de equipamentos de sistema xeral do PXOM cinco parcelas que actualmente xa son de titularidade municipal.

II.2. O PXOM de Sanxenxo inclúe na súa táboa de equipamentos a parcela denominada E-36-DEP, cunha superficie de 24.134 m2, clasificada como solo rústico de protección ordinaria e cualificada como dotación local pública deportiva. Este equipamento existía no momento da aprobación definitiva do PXOM e a súa titularidade era privada; o planeamento non preveu mecanismos para a súa obtención, nin previsión económica nin temporal.

II.3. A modificación puntual compensa esta redución de equipamento público coa inclusión como sistema xeral do PXOM, de cinco parcelas municipais:

– Terreos do Centro de Interpretación das Telleiras, na Fianteira, Vilalonga, clasificados maioritariamente no PXOM como solo rústico de protección de costas e unha pequena parte como rústico de protección paisaxística, nos cales se sitúa a antiga telleira. A MP cualifica estes terreos como sistema xeral de equipamento E-96-O de uso «outros».

– Terreos no Rebel, Vilalonga. A MP incorpora aos sistemas xerais do PXOM, coa ordenanza 11-Equipamentos, dúas parcelas clasificadas como solo urbano consolidado na ordenanza 8 «Vivenda unifamiliar extensiva»; trátase das parcelas denominadas E-94-O «outros usos» e a E-95-CC de uso «cívico-cultural».

– Terreos no Pombal, Adina, clasificados actualmente como solo urbano consolidado na ordenanza 8 «Vivenda unifamiliar extensiva». A MP recoñece a apertura dunha nova vía non prevista no planeamento, e dúas parcelas como sistema xeral: a E-97-DEP, con uso deportivo e a E-98-CC, que contén unha Casa da Cultura.

III. Análise e consideracións.

1. Respecto do interese público observado nesta modificación, exixible en atención ao previsto no artigo 94.1 da LOUG, estímase que a incorporación de novos equipamentos e dotacións ao uso e titularidade públicos supón razón suficiente para fundamentar o interese público.

2. Púidose comprobar que se corrixiron as observacións formuladas no informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo previo á aprobación inicial.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 4 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Sanxenxo, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da MP do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas