Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Luns, 24 de agosto de 2015 Páx. 34662

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 16 de xullo de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Zudreiro, da parroquia de Sanguiñedo, no concello de Dozón, solicitado a favor dos veciños de Zudreiro.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

– Asistentes:

Presidente: Miguel Ángel Pérez Dubois.

Vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos (xefa do Servizo de Montes), X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra), Víctor Abelleira Argibay (representante do colexio de avogados da provincia) e Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Vogais representantes dos veciños de Zudreiro: Carmen Areán Marañis e José López López.

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo (funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico Administrativo).

Na cidade de Pontevedra, sendo as 16.30 horas do día 30.6.2015 coa asistencia das persoas á marxe sinaladas, reúnese no 2º andar do edificio administrativo, nº 43, rúa Fernández Ladreda, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre resolución do expediente de clasificación do monte denominado Zudreiro, da parroquia de Sanguiñedo, solicitado a favor dos veciños de Zudreiro (Dozón).

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data de entrada do 18 de febreiro de 2008, José López López, actuando en calidade de representante dos veciños de Zudreiro, parroquia de Sanguiñedo, concello de Dozón, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte denominado Zudreiro, como veciñal en man común a favor da Asociación de Veciños de Zudreiro, acompañando diversa documentación consistente en: planos topográficos e identificación e caracterización do monte recollidos no informe de Identificación, apeo e deslindamento subscrito polo enxeñeiro Carlos A. Couso Folgueiras, no que se identifican os lindeiros, as parcelas privadas no interior do perímetro, a superficie e a relación de lindantes.

Segundo. Con data do 30 de maio de 2008, por parte de José López López preséntase escrito complementario da solicitude inicial onde, tras facer unha serie de precisións acerca da relación nominal dos lindeiros e da cabida da parcela cuxa clasificación se interesa, achégase documentación histórica que a Asociación de Veciños puido reunir para acreditar o aproveitamento consuetudinario do monte polos veciños de Zudreiro con data do 1976 e expedida pola Secretaría do Concello de Dozón.

Terceiro. O Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra, acordou, unha vez cumpridos os trámites pertinentes, en sesión do 19 de agosto de 2010, incoar o correspondente expediente de clasificación do devandito monte coa descrición que no devandito acordo se recolle, debidamente notificado a todas as partes interesadas.

As parcelas obxecto do presente expediente teñen a seguinte descrición:

Concello: Dozón.

Parroquia: Sanguiñedo.

Nome do monte: parcela A-Mámoa de Xandín, leste da autoestrada (parcela 488-polígono 353 y parcela 282-polígono 53) situada ao vento leste da autoestrada Santiago-Dozón.

Cabida: 42,53 ha aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Lindes:

Norte: camiño do monte, que vai descendendo desde a Mámoa de Xandín ata a vía de servizo da autoestrada e logo propiedades privadas de veciños da Xesta-Lalín. Véxase coordenadas de deslindamento norte, en planos n° 01 y n° O2 que acompaña o presente, Z-1; Z-2; Z-3; (...); ata Z-14, por orde correlativa.

Sur: camiño e despois muro das propiedades privadas dos veciños do Zudreiro, e mais as parcelas privadas de Val do Cando.

Leste: zona de concentración parcelaria de Maceiras-Pereirón. Xúntanse coordenadas no plano n° 02, desde o marco n° 50, pasando polo marco da Mámoa da Pinguela ata a Mámoa de Xandín.

Oeste: vía de servizo e logo autoestrada Santiago-Ourense.

Nome do monte: parcela B-Picouzo-Aviseiro (parcela 488-polígono 353 do Catastro de Dozón é a parcela B. Picouzo-Aviseiro). Situada ao vento oeste da autoestrada Santiago-Dozón-Ourense.

Cabida: 15 ha aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Lindes:

Norte: deslindamento IGN, que separa o concello de Dozón do Concello de Lalín. Iniciase no vértice V-5 (que hoxe está na mediana da autoestrada), pasa pola Pena do Medio do Picouzo, vértice V-6 e vértice V-7 (río da Seixas), do plano n° O3 e n° 01.

Sur: o encravado, con varios propietarios do Zudreiro, no interior do perímetro que se vai clasificar co n°12-Aviseiro, que deseguido se pasan a nomear:

1. Pol-353-parcela 320. AIicia Mundín Fernández.

2. Pol-353-parcela 319. José López López.

3. Pol-353-parcela 317. Francisco Crespo Gutiérrez.

4. Pol-353-parcela 330. Francisco López Fernández.

5. Pol-353-parcela 331. Andrés Rodríguez Cacheda.

6. Pol-353-parcela 333. José Antonio Cacheda Zobra. Hoxe expropiada por autoestrada.

7. Pol-353-parcela 342. RosaIía Varela Cacheda. Hoxe expropiada por autoestrada.

8. Pol-353-parcela 343. Rosa Fernández López, Pierina, José Manuel e José. Hoxe expropiada por autoestrada.

9. Pol-353-parcela 344. José López López. Hoxe expropiada por autoestrada.

10. Pol-353-parcela 341. Francisco Crespo Gutiérrez. Hoxe expropiada por autoestrada.

11. Pol-353-parcela 347.Antonio Crespo Dalama. Hoxe expropiada por autoestrada.

Leste: a autoestrada Santiago-Ourense.

Oeste: rego das Seixas.

Nome do monte: parcela C. Aviseiro-Branas Ricobai-autoestrada (parcela 507-polígono 353 do Catastro de Dozón e parcela 757-polígono 253).

Situada ao vento sur das parcelas privadas do Aviseiro (encravado n° 12).

Cabida: 20,83 ha aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Xúntase plano n° 04. No interior desta parcela sitúanse os encravados n° 11-Ricobai e n° 10-Osnabas.

Lindes:

Norte: encravado n° 12-Aviseiro, e talude de recheo da autoestrada.

Sur: desde a Ponte das Lamas ata autoestrada de Santiago Dozón, separando dos predios privados e comunal do Monte das Bouzas. Coordenadas S-1; S•2; S-3.

Leste: autoestrada Santiago-Ourense.

Oeste: rego das Seixas-Ponte das Lamas.

Cuarto. Con data do 21 de marzo de 2011 recíbese no Servizo de Montes documentación complementaria remitida polos promoventes do presente expediente de clasificación consistente en:

Documentación cartográfica: achégase plano topográfico no que se sitúan e deslindan as tres parcelas nas que quedou fragmentado o monto Zudreiro como consecuencia da construción da nova autoestrada Santiago-Ourense, con identificación das propiedades privadas que quedan encravadas no perímetro de clasificación de monte comunal que se pretende e identificación individualizada do deslindamento descritivo de cada unha delas. Como consecuencia do anterior, fíxase como superficie total que se vai clasificar: 78.36 ha.

Expediente de expropiación: así mesmo, achégase copia do expediente de expropiación, iniciado no ano 2011 e levado a cabo polo Ministerio de Fomento, para a execución da autoestrada Santiago-Alto de Santo Domingo, onde se identifican os veciños de Zudreiro como usuarios das parcelas cuxa clasificación se reclama, uníndose as correspondentes actas previas de ocupación así como depósito de prezo xusto a prol dos veciños de Zudreiro por considerar a Administración expropiante (Ministerio de Fomento) que as parcelas afectadas pola expropiación eran parte do monte comunal do Zudreiro.

Quinto. De conformidade co establecido no artigo 20 de Decreto 260/1992 solicita e recíbese informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais con data do 7 xuño de 2011, no que se fai constar, entre outros aspectos relevantes, vista a documentación que consta no seu poder, os seguintes:

«A planimetría achegada é suficiente para identificar as parcelas afectadas, definíndose tres parcelas: A, B e C, debendo detraerse das parcelas B e C a superficie ocupada pola canle e afección do río Seixas, incluída na superficie solicitada, quedando as parcelas coa seguinte superficie, condicionada a súa confirmación mediante deslindamento:

Parcela A: 42.52 ha.

Parcela B: 14.43 ha.

Parcela C: 20.56 ha.

As parcelas citadas non están clasificadas nin se localizan en terreos clasificados como de utilidade pública.

De acordo coa cartografía do catastro os terreos están calificados como rústicos.

As tres parcelas superpóñense parcialmente sobre parcelas catastrais de titularidade privada, cuxa relación figura no informe da Sección de Topografía do 15 de xullo de 2009, incorporado ao expediente de clasificación na folla 136.

No percorrido destas parcelas comprobáronse usos distintos e a presenza de cerramentos, portiñas e plantacións de borde en varias delas compatible co seu uso privado, polo que o seu uso consuetudinario deberá ser xustificado polos solicitantes (…).

As tres parcelas encóntranse sometidas a servidumes de paso de pistas agrícolas e forestais e pistas de servizo da autoestrada. As parfelas A e C soportan servidumes de paso de liñas de media tensión e a parcela A inclúe unha instalación de antena de telefonía móbil».

A este informe emitido polo Servizo de Montes (xefe de área técnica -Guillermo Vega Alonso-) xúntase anexo fotográfico onde se pode apreciar que tanto a parcela A como a B están a prado e detéctase a presenza de aliñación de piñeiro.

Sexto. Con data do 27 de outubro de 2011, Isabel Portela Rodríguez, en representación da mercantil Autopista Central Gallega, Concesionaria Española, S.A, presenta escrito de alegacións onde, en síntese, se sinala que deberán deixarse fóra da clasificación, no caso de acordarse esta, os terreos incluídos dentro da liña de expropiación da autoestrada AP-53 por non pertenceren aos solicitantes e estaren incorporados ao dominio público viario tras procedemento expropiatorio levado ao efecto.

Sétimo. Con data do 1 de decembro de 2011, a Asociación Cultural e Recreativa de veciños de Zudreiro (promoventes do expediente de clasificación) presenta, en debido tempo e forma, novo escrito de alegacións en contestación ás manifestacións feitas pola mercantil Autoestrada Central Gallega, Concesionaria Española SA, facendo constar, entre outros, os seguintes extremos:

«(…) En efecto, e como se desprende do expediente expropiatorio, os veciños de Zudreiro xa no inclúen como terreo a clasificar a superficie expropiada pola autoestrada, e de feito preténdense clasificar tres parcelas, cuns enclavados en medio… O terreo expropiado e ocupado pola autoestrada no foi tido en conta.

Deste modo, no plano topográfico de marzo de 2011 incorporado ao expediente sitúan e deslíndanse as tres parcelas que se pretenden clasificar, e ao que quedou fragmentado o monte Zudreiro como consecuencia da construción da autoestrada AP-53, situándose tamen neste as propiedades de particulares que ou ben quedaron enclavadas no perímetro de clasificación de monte comunal que se pretende, ou ben son lindantes coa vía de servizo da autoestrada, ou con camiños existentes no interior do perímetro que se vaia clasificar».

Con estas alegacións, xúntanse planos e documentación relativa ao expediente expropiatorio.

Oitavo. Con data do 20 de xaneiro de 2012, Manuel Reboredo González, actuando en nome e representación de Adosinda Reboredo Varela, presenta escrito de alegacións no que reivindica a titularidade dominical da parcela denominada Picouzo Aviseiro e solicita que o predio número 168 do polígono 102, por ser da súa propiedade, se deixe á marxe do presente procedemento de clasificación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para coñecer dos expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro.

Segundo. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo, o artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, e o artigo 20 da nova Lei de montes de Galicia, 7/2012, do 28 de xuño, cómpre entender por monte veciñal en man común:

Artigo 1

Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños.

Así pois, de acordo coa propia dicción literal deste artigo e a prolixa xurisprudencia existente na materia, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión é a circunstancia de terse acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común pola agrupación veciñal, á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais.

Terceiro. Extrapolando o concepto e exixencias que se condensan na normativa analizada ao caso concreto, e tomando en consideración moi especialmente a documentación detallada de adverso, informe emitido polo Servizo de Montes con data do 7 de xuño de 2011 relativas ao aproveitamento e uso actual do montes, pódese colixir que queda acreditado de xeito suficiente o aproveitamento consuetudinario con carácter exclusivo sobre as parcelas respecto das cales se solicita a clasificación.

Neste sentido, resultan especialmente significativos os documentos referentes ao procedemento expropiatorio iniciado no ano 2011 e levado a cabo polo Ministerio de Fomento, para a execución da autoestrada Santiago-Alto de Santo Domingo, onde se identifican os veciños de Zudreiro como usuarios das parcelas cuxa clasificación se reclama, uníndose as correspondentes actas previas de ocupación así como depósito de prezo xusto a prol dos veciños de Zudreiro por considerar a Administración expropiante (Ministerio de Fomento) que as parcelas afectadas pola expropiación eran parte do monte comunal do Zudreiro.

Entende, así mesmo, esta parte, que tal conclusión non queda desvirtuada polas alegacións presentadas pola mercantil Autopista Central Gallega, Concesioria Española, S.A., ás que se dá cumprida resposta polo promovente do presente expediente de clasificación en escrito con data do 1 de decembro de 2011. En efecto, a concesionaria da autoestrada unicamente sinala que han de quedar fóra do expediente de clasificación os terreos incluídos na liña expropiatoria da Autoestrada AP-53, pero sen que en ningún caso se cuestione o aproveitamento consuetudinario do terreo afectado por parte dos veciños de Zudreiro, sendo relevante para tal efecto que se recoñezan estes como beneficiarios do prezo xusto fixado no proceso de expropiación.

Non debe esquecerse ademais que por parte dos promoventes deste expediente se presentaron no seu día, tal como se recolle nos antecedentes de feito, alegacións e documentación complementaria nas que se modificaba a superficie total respecto da que se interesaba a clasificación inicialmente, quedando fixada esta en:

Parcela A. Mámoa de Xandín-Val de Cando: 42.53 ha.

Parcela B. Picouzo-Aviseiro: 15.00 ha.

Parcela C. Aviseiro-Brañas-Ricobai: 20.83 ha

Total superficie que se vai clasificar: 78.36 ha.

Por outra banda, este xurado considera que tampouco determine o comezo da clasificación das parcelas A, B e C (Monte Zudreiro) o feito de que exista un particular que presente alegacións nas que reivindique a titularidade dunha parcela xa que, como ten sinalado este órgano en reiteradas ocasións, con apoio da xurisprudencia, as cuestións relativas á propiedade son alleas e deben deixarse á marxe do procedemento de clasificación no seo do cal a atención debe centrarse no uso consuetudinario do monte en cuestión.

A título de exemplo, a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra con data 29 de xuño de 2009, recolle: «A función do xurado provincial é a de comprobar a existencia ou non dn aproveitamento consuetudinario comunal nos térmos indicados no artigo 1 da Lei 13/1989, o cal exclúe do seu examen cuestións relativas á propiedade, reservadas á xurisdición ordinaria, e que non obstan a clasificación do MVMC. Tampouco é obstáculo para tal fin que o monte figure incluído, a nome doutras persoas ou entidades, en catálogos, inventarios ou rexistros públicos, salvo que dita inclusión sexa consecuencia dunha sentenza ditada en xuizo declarativo (STSX de Galicia do 8 de maio de 2008)».

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, propón o instrutor e o xurado acorda por unanimidade dos seus membros:

Clasificar como veciñal en man común a favor dos veciños do lugar de Zudreiro, parroquia de Sanguiñedo (Dozón) o monte denominado O Zudreiro (parcelas A, B, e C) ao considerar cumpridos os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989, e a nova Lei de montes de Galicia 7/2012, de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito terceiro e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 16 de xullo de 2015

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra