Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 14 de agosto de 2015 Páx. 33589

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 7 de agosto de 2015 pola que se acorda conceder un novo prazo de presentación de ofertas para concorrer á licitación do expediente ID1/2015, compra pública precomercial de servizos de I+D para o deseño e desenvolvemento de modelos matemáticos de imperfeccións dos compoñentes de radiofrecuencia en transceptores baseados en sistemas MIMO a grande escala que traballan a frecuencias milimétricas, destinado ao desenvolvemento de solucións innovadoras no ámbito das redes 5G, que permitirán posicionar o Centro de Investigación Atlantic como un referente internacional neste ámbito.

Antecedentes:

Primeiro. Con datas do 29 e 30 de xuño de 2015 publicouse respectivamente no BOE e no DOG a Resolución reitoral de data 18 de xuño de 2015 pola que se anunciaba a licitación correspondente ao expediente antedito. Segundo se indicaba nos citados anuncios, o prazo de presentación de ofertas remataba o décimo quinto día natural seguinte ao da publicación desa resolución no DOG, de xeito que o prazo remataba o día 15 de xullo.

Segundo. Con data do 10 de xullo de 2015 recíbese escrito enviado pola responsable do contrato no cal se pon de manifesto a dificultade de que empresas estranxeiras puidesen concorrer se non se ampliaba o prazo de presentación de ofertas. Polo tanto, tendo en conta a particularidade do obxecto deste expediente (compra pública precomercial), estimouse oportuno establecer os medios que permitisen promover e facilitar a concorrencia. Ademais, detectouse que non se publicou no perfil de contratante da universidade a totalidade do prego de cláusulas regulador do procedemento.

Terceiro. Con datas do 16 e 21 de xullo de 2015 publicouse respectivamente no BOE e no DOG a Resolución reitoral de data 14 de xullo de 2015 pola que se acordaba ampliar o prazo de presentación de ofertas para concorrer á licitación do expediente ID1/15. Segundo se indicaba nos citados anuncios, o prazo de presentación de ofertas remataba o décimo quinto día natural seguinte ao da publicación desa resolución no DOG, de xeito que o prazo remataba o día 5 de agosto de 2015.

Cuarto. Detectada unha discrepancia entre a data límite para a presentación de ofertas por parte dos licitadores que figuraba no perfil de contratante da Universidade de Vigo (6 de agosto de 2015), e a resultante do prazo establecido no DOG (5 de agosto de 2015), faise necesario habilitar un novo prazo de presentación de ofertas para emendar o defecto.

Por todo o exposto anteriormente, este órgano de contratación acorda ditar a seguinte

RESOLUCIÓN:

Primeiro. Concédese un novo prazo de presentación de ofertas, por un período de quince días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, o cal finalizará ás 14.00 horas do último día do prazo que corresponda. Non obstante, se o último día do prazo cadra con sábado, entenderase prorrogado ata as 14.00 horas do primeiro día hábil seguinte.

Segundo. Os licitadores que xa teñan presentado a súa oferta con anterioridade á publicación desta resolución poderán, se o estiman oportuno, retirar a súa oferta ou presentar unha nova oferta que substitúa a anterior.

Terceiro. As condicións da licitación son as que aparecen reflectidas no perfil de contratante e nos anuncios respectivos publicados no BOE e no DOG con datas 29 e 30 de xuño de 2015, respectivamente.

Cuarto. Esta resolución farase pública no perfil de contratante, no BOE e no DOG.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán os interesados interpor recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG. Non obstante, os interesados poderán optar por interpor contra esta resolución recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación, ante o mesmo órgano que a ditou e, neste caso, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Vigo, 7 de agosto de 2015

P.D. (Resolución do 7.5.2014; DOG do 13 de maio)
Manuel Fernández Jáuregui
Xerente da Universidade de Vigo