Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 14 de agosto de 2015 Páx. 33563

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 13 de xullo de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Couto de María Isabel, da parroquia de Cabreira, no concello de Salvaterrra de Miño, solicitado a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cabreira.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

– Asistentes:

Presidente: Miguel Ángel Pérez Dubois.

Vocais: Amalia Elsa Pazos Pintos (xefa do Servizo de Montes), X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra), Víctor Abelleira Argibay (representante do Colexio de Abogados da provincia) e Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Vogais representantes da CMVMC de Cabreira: José Andrés Martínez Alonso e José Oya Giráldez.

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo (funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico Administrativo).

Na cidade de Pontevedra, ás 16.30 horas do día 30.6.2015, coa asistencia das persoas na marxe citadas, reúnese na 2ª planta do edificio administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxeto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Couto de María Isabel, solicitado a prol dos veciños da CMVMC de Cabreira, na parroquia de Cabreira ( Salvaterra de Miño).

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data 30.4.2012 José Andrés Martínez Alonso, en calidade de presidente da CMVMC de Cabreira, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte denominado Couto de María Isabel como veciñal en man común a favor dos veciños da CMVMC de Cabreira, da parroquia de Salvaterra de Miño, no Concello de Salvaterra de Miño, e xunta informe técnico cartográfico, describindo o monte, identificación, superficie, ocupacións e lindeiros.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra acordou, en sesión de 19.11.2012, incoar o correspondente expediente de clasificación do dito monte tendo en conta que o monte non estaba clasificado e que a planimetría presentada permitía identificar os terreos solicitados.

No informe previo á incoación sobre a solicitude de clasificación do mencionado monte o xefe da Sección de Topografía indica en resumo que (...) a planimetría permite identificar os terreos solicitados e que o día 20 de setembro de 1984 o Xurado Provincial de Montes de Pontevedra clasificou a favor da CMVMC de Cabreira os montes de Cabreira coa seguinte descrición (xa existe unha parcela co nome solicitado):

Nome do monte: Montes de Cabreira (Peña Barreiro, Buraca Grande, Alto do Viso, Monte Río y Couto de María Isabel).

Cabida: 20 ha.

Límites: norte: termo e montes de Alxén.

Leste: térmo e montes de Salvaterra.

Sur: termo e montes de Arantei.

Oeste: termo e montes de Salceda de Caselas.

Ademais, no informe achéganse montaxes solicitadas: situación sobre o esbozo da carpetaficha, situación sobre ortofotos, situación sobre catastro.

A parcela situada sobre o esbozo da carpetaficha quedaría fóra do monte Couto de María clasificado en data 20.9.1984.

O informe pericial que achegan os promotores xunto coa solicitude indica expresamente «Non cabe dúbida ningunha de que este monte denominado Couto de María Isabel é o mesmo que co mesmo nome aparece citado no expediente de investigación cunha superficie de 2 hectáreas (...) o erro prodúcese ao debuxar o esbozo deste monte. No plano a escala 1/25.000 que se inclúe no expediente de investigación, a parcela Couto de María Isabel aparece desprazada da súa situación correcta aproximadamente 250 m cara ao leste, nun lugar que non é un couto e totalmente constituído por terreos particulares, destaca o viñedo de Adegas Fillaboa. O verdadeiro Couto de María Isabel está agora ocupado por unhas granxas avícolas (parcela segregada e vendida) e son perfectamente recoñecibles os límites do antigo monte que foi vendido polo Concello de Salvaterra de Miño no ano 1977. A parcela que queda como de aproveitamento veciñal ten unha superficie de 825 m2 (...)».

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992 solicítase informe preceptivo do Servizo de Montes, que é remitido ao Xurado con data 4.2.2013.

No informe preceptivo póñense de manifesto, entre outras cuestións, as seguintes: «En relación coas superficies clasificadas como monte vecinal en mano común, existe outra parcela clasificada co mesmo nome a esta comunidade coa que non coincide en localización (...) A parcela sitúase sobre terreo chan, nas proximidades da estrada PO-404, encóntrase poboada cunha formación pouco densa de eucalipto globulus resalveado, piñeiro pinaster e carballo. A parcela encóntrase rozada (...)».

Cuarto. A rexistradora da propiedade de Ponteareas certifica con data 22.3.2013 que o monte Couto de María Isabel, de oitocentos vinte e cinco metros cadrados, linda: norte, camiño de servizo e saída á estrada PO-404; sur, propiedades particulares de Manuel Vidal Pazos (parcela catastral 109); leste, propiedades particulares por muro de pedras (parcelas catastrais 100, 101, 102,103,105,106 y 108), e oeste, camiño de servizo; non aparece inscrito ningún ben nin dereito real constituído sobre el polo menos de forma en que poidan ser identificados».

Quinto. Á vista da documentación achegada polo solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Salvaterra de Miño.

Parroquia: Cabreira.

Nome do monte: Couto de María Isabel.

Cabida: 825 m2 aprox. (superficie e lindes alegados na solicitude).

Lindes:

Norte: camiño de servizo e saída a estrada PO-404.

Sur: propiedades particulares de Manuel Vidal Pazos (parcela catastral 109).

Leste: propiedades particulares por muro de pedras (parcelas catastrais 100, 101,102, 103, 104, 105, 106, 108).

Oeste: camiño de servizo.

Sexto. Feitas as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e aberto período de audiencia, non se presentaron alegacións.

Consideracións xurídicas.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. Da documentación que consta no expediente e, de xeito especial, dos informes técnicos emitidos polo Servizo de Montes, así como do propio informe pericial presentado pola CMVMC de Cabreira xunto coa solicitude de clasificación, conclúese facilmente que a cuestión aquí formulada é máis un problema de relocalización da parcela Couto de María Isabel (debido en gran parte á imprecisión do bosquexo da carpeta ficha da clasificación do monte veciñal Peña Borreiro e Buraca Grande, Alto do Viso, Monte do Río e Couto de María Isabel, así como da falta do deslindamento dos montes de Cabreira) que de entrar a valorar se se dan os requisitos necesarios para ser considerado monte veciñal en man común.

Neste senso, a disposición transitoria décimo terceira, punto 1º, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que: «Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no rexistro da propiedade».

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, tida en conta, propón o instrutor e o Xurado de Montes acorda por unanimidade:

Arquivar o expediente de clasificación do monte Couto de María Isabel solicitado a prol dos veciños da CMVMC de Cabreira (Salvaterra de Miño) e iniciar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Couto de María Isabel clasificado, entre outros, en data do 20.9.1984 a favor da CMVMC de Cabreira (Salvaterra de Miño).

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 13 de xullo de 2015

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra