Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Xoves, 13 de agosto de 2015 Páx. 33245

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de agosto de 2015 pola que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade de Vigo.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, esteblece aos consellos sociais como órganos de participación da sociedade galega nas universidades que impulsan a colaboración entre estas e aquela, mediante a satisfacción polas universidades das necesidades do seu ámbito, contribuíndo eficazmente ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico, científico e cultural de Galicia, e á mellora da calidade do servizo público da educación superior universitaria.

O artigo 75.1.a) da mencionada Lei 6/2013, en consonancia co establecido no artigo 85 da mesma lei, establece que o Consello Social é competente para elaborar o Regulamento de organización e funcionamento interno, así como as súas modificacións, e elevalo á consellería competente en materia de universidades para a súa aprobación e publicación no Diario Oficial de Galicia.

A disposición transitoria sétima da mencionada lei determina que os consellos sociais das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia adaptarán e elevarán á consideración e aprobación da consellería competente en materia de universidades, no prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, o seu regulamento de organización e funcionamento interno.

O Consello Social da Universidade de Vigo presentou ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a proposta dun novo Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social, aprobado polo Pleno do Consello Social na súa sesión do 26 de xuño de 2015 e unha vez obtido o informe de legalidade da Asesoría Xurídica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Na súa virtude, de acordo co disposto no citado artigo 75.1.a) e do artigo 85 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, e elevada a consideración e aprobación desta consellería, de acordo coa disposición transitoria sétima, e cumpridos todos os trámites preceptivos,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade de Vigo coa redacción que figura no anexo desta orde.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade de Vigo aprobado polo mesmo órgano o 23 de marzo de 2004 e publicado mediante Resolución do 9 de xuño de 2014 no Diario Oficial de Galicia o 25 de xuño de 2004.

Disposición derradeira única

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO
Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social
da Universidade de Vigo

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza e réxime xurídico

1. O Consello Social da Universidade de Vigo é o órgano colexiado universitario de participación da sociedade na Universidade de Vigo e ten como obxectivos os que se sinalan no artigo 74 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

2. O réxime xurídico do Consello Social da Universidade de Vigo é o que establece a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, os estatutos da Universidade de Vigo, este regulamento, e as demais disposicións legais e regulamentarias de aplicación xeral.

3. En todo o que non prevexan as devanditas normas sobre o funcionamento interno do Consello Social, este ten potestade de autoorganización.

Artigo 2. Sede e medios

1. O Consello Social, como órgano da Universidade de Vigo, ten a súa sede no edificio Miralles do Campus de Vigo.

2. O Consello Social empregará os medios da Universidade de Vigo e o persoal desta que teña adscritos.

3. Os órganos competentes da Universidade de Vigo velarán para que o Consello Social teña á súa disposición en todo momento as instalacións axeitadas para levar a cabo as funcións que se lle atribúen.

CAPÍTULO II
Exercicio das competencias do Consello Social da Universidade de Vigo

Artigo 3. Disposición xeral

1. Para conseguir os obxectivos que se lle encomendan legalmente, o Consello Social da Universidade de Vigo exercerá as competencias que prevé o ordenamento xurídico e, concretamente, a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia (título IV: Dos consellos sociais das universidades públicas).

2. Na execución e no desenvolvemento das competencias que recollen os artigos 75 e 76 da Lei 6/2013 dítanse as normas contidas neste capítulo.

3. O Consello Social poderá solicitarlles aos diferentes órganos da universidade, dentro do marco das súas competencias, todas as informacións e documentos que considere precisos, requirimentos aos que se deberá corresponder coa maior celeridade posible para lle facilitar o exercicio das funcións que lle corresponden.

Artigo 4. Requirimentos das propostas

1. Para que o Consello Social resolva, coñeza ou emita un informe no exercicio de calquera das súas atribucións legais, o órgano competente deberá remitir, cunha antelación suficiente respecto da data da xuntanza correspondente, todos os antecedentes que precise para se pronunciar ao respecto.

2. O Consello Social poderá requirirlle ao órgano correspondente que complete ou amplíe a documentación que se refire o punto anterior en calquera momento.

Artigo 5. Periodicidade da comunicación ao Consello Social de certa información

1. O Consello Social terá que recibir con carácter periódico, ou cando a solicite, a seguinte información:

a) Os contratos que formalice a Universidade de Vigo segundo o establecido no artigo 83 da Lei orgánica de universidades.

b) O estado de execución do orzamento da Universidade de Vigo.

2. O sinalado no punto anterior enténdese sen prexuízo do establecido no artigo 3.3 deste regulamento.

Artigo 6. Auditorías externas

O Consello Social poderá solicitar de maneira motivada que se leven a cabo auditorías externas, así como informes ou ditames concretos, sobre a xestión e as contas da Universidade de Vigo e das demais entidades a que fai referencia o artigo 75.3.d) da Lei 6/2013, do 13 de xuño. Estas auditorías e informes poderán abranguer ben a totalidade da xestión e as contas da universidade e do resto das entidades referidas, ben aludir a un ou a varios dos seus centros, departamentos ou unidades administrativas. Do mesmo xeito, as auditorías poderán encargarse en relación cun ou varios exercicios económicos.

Artigo 7. Inventario

1. O Consello Social recibirá no primeiro trimestre de cada ano natural, ou cando o solicite, unha relación actualizada do inventario dos bens que integran o patrimonio da Universidade de Vigo ata o 31 de decembro do exercicio anterior.

2. O sinalado no punto anterior enténdese sen prexuízo do establecido no artigo 3.3 do presente regulamento.

Artigo 8. Supervisión da política de bolsas e axudas con cargo aos recursos ordinarios da universidade

Para cumprir coa misión de supervisar as directrices e as liñas xerais da política de bolsas e axudas con cargo aos recursos ordinarios da Universidade de Vigo, o Consello Social adoptará as medidas pertinentes en cada caso. Para tales efectos, poderá tanto solicitar documentación e informes como formular suxestións ou obxeccións.

CAPÍTULO III
Estatuto dos membros do Consello Social da Universidade de Vigo

Artigo 9. Dereitos e facultades dos membros do Consello Social

1. Os vogais do Consello Social teñen dereito e están facultados para:

a) Ser convocados ás sesións, coñecer o contido dos asuntos e propostas que se inclúan na orde do día desde o momento en que se produza a convocatoria e dispor dos informes, aclaracións e documentos que sexan precisos para tales efectos e, en xeral, para o exercicio das súas funcións.

b) Solicitar a inclusión de puntos da orde do día das reunións, nos termos que se establecen no presente regulamento.

c) Intervir con voz e voto nas sesións do Consello Social, expresar libremente o sentido do seu voto e as razóns que o xustifican, así como formular suxestións, preguntas e votos particulares.

d) Solicitar a consulta e a expedición de certificacións das actas e dos documentos que consten nos arquivos do Consello Social.

e) Percibir as retribucións ou as indemnizacións que procedan, sempre que estean vinculadas á súa participación efectiva nas sesións do Consello.

f) Ser compensados polos gastos, debidamente xustificados, que lles ocasionase o cumprimento das súas funcións.

g) Conseguir, a través da presidencia ou da secretaría, toda a información e documentación que precisen dos servizos e das dependencias universitarias para cumprir as súas funcións.

2. Os responsables da presidencia e da secretaría e os demais membros do Consello Social recibirán o tratamento que corresponde á súa condición nos actos solemnes que celebre a Universidade de Vigo.

Artigo 10. Deberes dos membros do Consello Social

1. Os membros do Consello Social están obrigados a:

a) Asistir ás sesións do Pleno e ás comisións de que formen parte, así como a calquera outra xuntanza de carácter oficial á cal sexan convocadas.

b) Observar as normas sobre incompatibilidade que, segundo a lei, lles puidesen afectar, e comunicarlle ao Consello Social toda circunstancia, inicial ou sobrevida, da cal poida derivar unha situación de incompatibilidade.

c) Cumprir todas as tarefas institucionais de representación ou asistencia que lles encomende o Pleno ou a Presidencia na súa condición de membros do Consello Social.

d) Gardar a privacidade con respecto a todas as deliberacións e intervencións que se produzan no seo das xuntanzas do Consello Social, así como ás xestións que realicen por encargo do Pleno ou da Presidencia.

e) Non empregar os documentos que se lles faciliten para fins distintos dos que se lles entregaron.

f) Desempeñar os seus cargos persoalmente.

g) Desenvolver as súas funcións e velar polos intereses xerais da institución universitaria.

2. Os conselleiros ou conselleiras están obrigados a asistir persoalmente ás xuntanzas do Consello Social, sen ser posible, en ningún caso, delegar a súa representación e voto noutro conselleiro.

Artigo 11. Cesamento de vogais por incumprimento de obrigas

1. O Pleno, se o propón a comisión executiva do Consello Social, poderá propor motivadamante, e dándolle audiencia á parte interesada, o cesamento dun vogal á entidade ou á autoridade que o designase, se considera que incumpriu de forma grave, manifesta ou reiterada as obrigas do seu cargo.

2. Entenderase en todo caso como incumprimento grave faltar sen xustificación a tres das sesións plenarias a que fose convocado un vogal durante un ano natural.

3. A falta de asistencia, aínda que estea xustificada, á metade das reunións de todo tipo ás cales un vogal fose convocado durante un ano natural, poderá dar lugar a que o Pleno do Consello lle recomende, se o propón a comisión executiva do Consello Social, á entidade ou á autoridade que o designou como vogal, a súa substitución por outra persoa que teña unha maior dispoñibilidade para atender as obrigas que lle corresponden.

4. Se algún membro do Consello Social infrinxe o réxime de incompatibilidades que prevé o artigo 78 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, o Consello Social proporalle a súa substitución á entidade ou á persoa que o designase.

Artigo 12. Abstención legal

Sen prexuízo das normas sobre incompatibilidades aplicables aos compoñentes do Consello Social da Universidade de Vigo, todos os membros do órgano están sometidos, como tales, ás regras sobre abstención legal que contén a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO IV
Organización do Consello Social da Universidade de Vigo

Sección 1ª. Estrutura organizativa do Consello Social

Artigo 13. Estrutura do Consello Social da Universidade de Vigo

O Consello Social da Universidade de Vigo organízase en:

a) Órganos unipersoais: a Presidencia, a Secretaría e a Vicepresidencia ou as vicepresidencias, de ser o caso.

b) Órganos colexiados: o Pleno. As comisións.

Artigo 14. O Pleno

1. Con carácter xeral, o Consello Social exercerá as súas competencias constituído en sesión plenaria.

2. O Pleno intégrano todos os membros do Consello Social e diríxeo a Presidencia.

Artigo 15. A Presidencia

1. A representación, dirección e planificación xeral da actividade do Consello Social da Universidade de Vigo correspóndelle á Presidencia, que velará polo cumprimento dos seus acordos e exercerá calquera outra atribución que se lle encomende legal ou regulamentariamente.

2. En todo caso, correspóndelle á Presidencia do Consello Social:

a) Convocar, establecer a orde do día e dirixir as sesións do Consello Social.

b) Informar e dar a coñecer as actividades do Consello Social que considere oportunas, sen prexuízo do que dispoñen as normas aplicables á publicación e á notificación oficiais dos acordos do Consello Social. O presidente ou presidenta será o único que poderá facer declaracións públicas en nome do Consello Social da Universidade de Vigo. Pode autorizar algún ou algúns vogais para intervencións concretas ou particulares.

c) Velar polo cumprimento, por parte dos vogais do Consello Social, dos deberes que lles corresponden, segundo a lei e o presente regulamento, así como protexer e defender os dereitos que lles corresponden como tales.

d) Designar ou remover o secretario ou secretaria do Consello Social.

e) Nomear unha ou varias vicepresidencias.

f) Autorizar os gastos da partida orzamentaria propia do Consello Social, de conformidade co procedemento establecido.

Artigo 16. As vicepresidencias

1. A Presidencia do Consello Social poderá designar un ou varias vicepresidencias de entre os vogais que representen os intereses sociais e indicar, se o considera oportuno, a orde da súa prelación para substituír ao presidente ou presidenta.

2. O vicepresidente ou vicepresidenta substituirá o presidente ou presidenta no caso de falecemento, vacante, ausencia, renuncia ou cesamento.

3. O vicepresidente ou vicepresidenta poderá exercer a dirección dalgunha das comisións, de xeito ocasional ou permanente, cando a Presidencia o considere oportuno.

4. En defecto de vicepresidencias, ao presidente ou presidenta substituirao o vogal en que delegase formalmente e, no seu defecto, o vogal representante dos intereses sociais que teña máis antigüidade no órgano dos que representen os intereses sociais. No caso de que entre estes haxa dous ou máis coa mesma antigüidade, exercerá as funcións da Presidencia a persoa de máis idade.

5. O presidente ou presidenta poderá destituír do seu cargo os vicepresidentes ou vicepresidentas e darlle conta ao Pleno do Consello Social.

Artigo 17. As comisións

1. O Consello Social contará coas seguintes comisións:

a) Comisión Executiva.

b) Comisións permanentes.

c) Comisións temporais.

2. As comisións do Consello Social consistirán en estudar, deliberar e remitirlle ditames ou propostas ao Pleno, así como na adopción de acordos sobre os asuntos cuxa competencia lle atribuíse e delegase o Pleno, ao cal, en todo caso, lle dará conta.

Artigo 18. A Comisión Executiva

1. A Comisión Executiva estará integrada por:

a) A Presidencia do Consello Social, que será quen a dirixa.

b) O reitor ou reitora da Universidade de Vigo.

c) Cinco vogais do Consello Social designados polo Pleno e propostos pola Presidencia.

d) A Secretaría do Consello Social, que o será da comisión.

2. Correspóndelle á Comisión Executiva a dirección ordinaria do Consello Social e o exercicio de todas as funcións específicas que lle encargue o Pleno ou que se prevexan neste regulamento.

Artigo 19. Comisións permanentes

Son comisións permanentes do Consello Social a Comisión Económica e a Comisión de Actividades e Servizos.

1. A comisión económica estará integrada por:

a) A Presidencia do Consello Social, que será quen a presida, ou a persoa en quen delegue.

b) A persoa responsable da vicerreitoría competente na área económica, no caso de ser membro do Consello Social. De non ser así designarase outro membro no seu lugar.

c) A persoa responsable da Xerencia da Universidade de Vigo.

d) Catro vogais do Consello Social designados polo Pleno e propostos pola Presidencia.

e) O responsable da Secretaría do Consello Social, que o será da comisión.

2. A Comisión de Actividades e Servizos estará integrada por:

a) O presidente ou presidenta do Consello Social, ou a persoa en quen delegue, que será quen a presida.

b) A persoa responsable da Secretaría Xeral da Universidade de Vigo.

c) Seis vogais do Consello Social designados polo Pleno e propostos pola presidencia.

d) O responsable da Secretaría do Consello Social, que o será da comisión.

3. Correspóndelles ás comisións permanentes o exercicio de todas as funcións específicas que o Pleno lles encargue ou autorice.

Artigo 20. Comisións temporais

1. Son comisións temporais do Consello Social os grupos de traballo especializados e de natureza ocasional que elaborarán todos os informes, estudos e documentacións que o Pleno lles requira, co fin de facilitar as súas deliberacións e acordos en certos asuntos de especial relevancia.

2. Estas comisións extinguiranse unha vez que conclúan o traballo que motivou a súa creación. Estarán formadas polo número de membros que estableza en cada caso o Pleno e o seu presidente ou presidenta será o do Consello Social ou o vogal en quen delegue. Actuará como secretario ou secretaria o do Consello Social.

Artigo 21. A Secretaría

1. O Consello Social da Universidade de Vigo disporá dunha Secretaría que conte cos medios materiais e persoais suficientes e axeitados para que se cumpran os obxectivos deste órgano.

2. Á fronte da Secretaría estará o secretario ou secretaria do Consello social, que nomeará e apartará o presidente ou presidenta do Consello Social. Se a designación recae nunha persona que non sexa vogal do Consello Social, actuará nas sesións con voz pero sen voto.

3. O réxime disciplinario de incompatibilidades e de responsabilidade do titular da Secretaría do Consello Social será o que establecen con carácter xeral as normas aplicables ao persoal ao servizo das administracións públicas.

4. No caso de ausencia por calquera razón, será substituído polo vogal que designe a Presidencia, dos membros que representen os intereses sociais.

5. Correspóndelle ao titular da Secretaría:

a) Dirixir as dependencias administrativas do Consello Social e do seu persoal adscrito.

b) Xestionar a partida orzamentaria propia do Consello Social, baixo a supervisión da presidencia.

c) Organizar o rexistro e o arquivo, así como a custodia dos libros de actas e documentos depositados ou dirixidos ao Consello Social.

d) Elaborar ou presentar os estudos e os informes que a Presidencia lle requira ou encargue para cumprir máis eficazmente as funcións do Consello Social.

e) Programar as reunións do Consello Social e tramitar as convocatorias e as notificacións que corresponda.

f) Preparar o proxecto da memoria de actividades do Consello Social.

g) Redactar a acta das reunións do Consello Social e actuar como fedatario das actas e dos seus acordos.

h) Proporcionarlles aos membros do Consello Social as informacións que lle soliciten e que fosen necesarias para exercer as súas funcións.

i) Todas as demais funcións que sexan inherentes á condición de secretario ou secretaria dun órgano administrativo colexiado para o funcionamento apropiado do Consello Social.

Sección 2ª. Réxime de reunións do Consello Social

Artigo 22. Tipos de sesións e convocatoria

1. O Pleno do Consello Social reunirase en sesión ordinaria catro veces ao ano como mínimo e unha vez por trimestre. As sesións ordinarias do Pleno convocaranse, como mínimo, con sete días naturais de antelación. A convocatoria realizarase por escrito, vía telemática ou calquera outro medio que garanta a autenticidade, confidencialidade, integridade e conservación da información, así como a súa recepción.

2. As sesións extraordinarias convocaranse cando así o acorde a Presidencia ou cando o soliciten a maioría dos vogais ou o reitor. Neste último caso, o presidente o presidenta convocará a sesión extraordinaria nun prazo máximo de sete días naturais desde que reciba a solicitude correspondente. As sesións extraordinarias terán que convocarse cunha antelación de corenta e oito horas como mínimo.

3. Na convocatoria de todas as sesións, que estará asinada polo secretario ou secretaria, figurarán a orde do día, a data, a hora e o lugar da xuntanza.

Artigo 23. Orde do día e documentación

1. A Presidencia do Consello Social fixará a orde do día do Pleno por iniciativa propia ou cando, como mínimo, cinco vogais requiran que se inclúa un punto concreto nela.

2. Non poderá ser obxecto de deliberación ou de acordo ningún asunto que non estea incluído na orde do día, excepto que todos os membros do órgano estean presentes e se declare a urxencia do tema mediante o voto favorable da maioría.

3. A Secretaría do Consello terá a documentación necesaria á disposición dos conselleiros desde o momento da convocatoria para que coñezan detalladamente e con rigor as cuestións previstas na orde do día. Esta información facilitaráselles, preferentemente, por medios electrónicos.

Artigo 24. Constitución do Pleno

1. Para que a constitución do Pleno do Consello Social sexa válida, teñen que asistir o presidente ou presidenta e o secretario ou secretaria ou as persoas que os substitúan legalmente, así como a metade dos vogais.

2. Se os medios informáticos ou doutra clase fan posible a comunicación simultánea dos membros do Consello Social e a intercomunicación no acto destas persoas é a través dun medio no que a identidade e os dereitos dos vogais están garantidos, entenderase como presenza.

Artigo 25. Desenvolvemento das sesións

1. As reunións do Consello Social non serán públicas e as súas deliberacións serán de carácter secreto, aínda que non os seus acordos. A Presidencia poderá convidar ás sesións expertos, autoridades ou persoal técnico que faciliten a comprensión ou mellor coñecemento de certos asuntos. Estas persoas terán voz pero non voto.

2. As sesións comezarán unha vez que o secretario ou secretaria comprobe a existencia do quórum requirido. A continuación, a Presidencia declarará válida a constitución da xuntanza, se procede, e tratarase a orde do día.

3. As reunións terán lugar na sede do Consello Social, en calquera edificio ou espazo da Universidade de Vigo, ou en calquera outro lugar que se estableza na convocatoria.

4. Correspóndelle á Presidencia:

a) Comezar e rematar as sesións.

b) Dirixir a deliberación e suspendela.

c) Concederlle e denegarlle a palabra a quen a pida.

d) Limitar o tempo das intervencións antes ou durante os debates.

e) Chamar á orde a quen obstaculice o desenvolvemento das deliberacións ou a toma de acordos.

f) Dirimir os empates nas votacións co seu voto de calidade.

g) Acordar a suspensión da sesión e establecer en que momento hai que proseguila.

5. En ausencia do titular da secretaría será o conselleiro ou conselleira que designe a Presidencia quen cubrirá as súas funcións na sesión interinamente.

Artigo 26. Adopción de acordos e réxime de votacións

1. O Pleno adoptará os acordos por maioría simple de votos (cando os votos favorables sexan máis que os votos en contra) dos membros presentes, excepto nos casos en que se estableza a maioría absoluta.

2. Exíxese maioría absoluta (voto favorable da metade máis un dos membros) para adoptar e aprobar os acordos seguintes:

a) O orzamento da Universidade de Vigo.

b) As contas anuais da Universidade de Vigo.

c) As operacións de endebedamento da Universidade de Vigo.

d) O Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social e modificalo.

e) A programación plurianual da Universidade de Vigo.

f) Criterios xerais sobre a política de persoal.

3. Unha vez que se inicie a votación, ningún conselleiro poderá ausentarse da sesión ata que esta finalice.

4. Cando o presidente ou presidenta o decida ou se o solicitan, como mínimo, dous conselleiros presentes na xuntanza, votarase de maneira secreta a través de papeletas. Se a votación afecta persoas precisas, sempre será secreta.

5. O voto é persoal e indelegable.

6. Se os membros presentes non formulan ningunha obxección á adopción dun acordo, este poderase aprobar por asentimento, sen necesidade dunha votación formal.

Artigo 27. Actas

1. A secretaría redactará unha acta de cada sesión. Nela figurarán os nomes dos asistentes e ausentes (especificaranse que ausencias non están xustificadas), a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo en que tivo lugar, o sentido esencial das intervencións, o resultado das votacións e o contido dos acordos adoptados.

2. Na acta tamén figurarán os votos contrarios aos acordos adoptados, os votos en branco e as abstencións. Do mesmo xeito, calquera membro do Consello Social ten dereito a que se lle transcriba integramente a súa intervención ou proposta, sempre que entregue no acto, ou no prazo que estableza a Presidencia, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención. Desta maneira, farase que conste na acta ou unirase a esta mediante unha copia.

3. A acta aprobarase na seguinte sesión do Pleno, se procede, e esta cuestión será o primeiro punto da orde do día. Non obstante, o secretario ou secretaria pode emitir unha certificación sobre os acordos específicos que se adoptaron (que serán executivos de inmediato), sen prexuízo de que a acta se aprobe posteriormente.

Artigo 28. Reunións das comisións

1. As comisións do Consello Social reuniranse sempre que a Presidencia as convoque.

2. As regras que se establecen neste regulamento sobre convocatoria, orde do día, constitución, desenvolvemento da sesión, votacións e actas dos plenos aplicaranse ás reunións das comisións nas que proceda.

Artigo 29. Execución dos acordos do Consello Social

1. A execución dos acordos do Consello Social correspóndelle ao reitor da Universidade de Vigo. Con este fin, o titular da Secretaría do Consello remitiralle unha certificación dos acordos adoptados á Secretaría Xeral. Do mesmo xeito, comunicaralles ás instancias ou ás persoas relacionadas os acordos que lles incumban.

2. O reitor ou a reitora ordenará publicar os acordos do Consello Social que requiran publicidade oficial, segundo o ordenamento xurídico, no Diario Oficial de Galicia.

3. En todo caso, o Consello Social arbitrará os medios para difundir e dar publicidade dos acordos que considere oportunos, así como das súas actuacións en xeral.

Artigo 30. Réxime xurídico dos acordos do Consello Social

1. Os acordos do Consello Social son executivos de inmediato e esgotan a vía administrativa, polo que son directamente impugnables ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, sen prexuízo dos recursos administrativos previos que estableza o ordenamento xurídico.

2. Correspóndelle ao Consello Social revisar de oficio os seus acordos, así como resolver os recursos extraordinarios de revisión que contra eles se interpoñan, nos termos que establece a lexislación sobre procedemento administrativo común. Nos casos que sexa preciso, poderá solicitar a asistencia da Asesoría Xurídica da Universidade para os efectos de informe e de defensa ante os tribunais.

Sección 3ª. Medios do Consello Social da Universidade de Vigo

Artigo 31. Orzamento do Consello Social

1. O Consello Social disporá anualmente do seu propio orzamento incluído no proxecto de orzamentos da Universidade de Vigo nunha partida específica. Este comprenderá o crédito preciso para atender as necesidades de persoal e os medios materiais que demande o correcto funcionamento dos seus servizos.

2. O Pleno, tras a proposta do presidente ou presidenta, coñecerá o orzamento do Consello Social e a súa posterior liquidación.

3. O Consello Social terá independencia para xestionar os seus recursos económicos.

Artigo 32. Persoal do Consello Social

1. O Consello Social proporá a estrutura da súa organización administrativa, o persoal administrativo ao seu servizo e a súa clasificación, así como a forma de provisión dos correspondentes postos de traballo. Todo isto deberá aprobarse, sempre que se axuste ao procedemento que establecen as normas de función pública aplicables á Universidade de Vigo.

2. A Presidencia do Consello Social propoñerá os nomeamentos para os postos de libre designación e o responsable da Secretaría formará parte das comisións que se constitúan para os procedementos de selección ou de provisión de prazas, postos ou contratacións temporais do Consello Social.

3. O Consello Social terá independencia organizativa e os seus recursos humanos atoparanse baixo a dependencia funcional do secretario ou secretaria.

4. O Consello Social, a cargo do seu orzamento, poderá contar co asesoramento externo dos expertos e profesionais que considere precisos.

5. En todo caso, poderá solicitarse sempre que sexa posible o apoio das infraestruturas técnicas e organizativas da Universidade de Vigo, que virán obrigadas a prestarlles asistencia e información aos cargos unipersoais do Consello e ao persoal ao servizo do Consello Social.

CAPÍTULO V
Reforma do regulamento de organización e funcionamento

Artigo 33. Reforma do Regulamento de organización e funcionamento

1. A iniciativa para a proposta de reforma deste regulamento correspóndelle ao presidente ou presidenta do Consello Social ou, polo menos, a dez dos vogais.

2. O proxecto de reforma presentaráselle ao Pleno do Consello Social, xunto cunha exposición de motivos e requirirá, para a súa aprobación, o voto favorable da maioría absoluta dos membros.

3. Unha vez aprobada polo Consello Social, a proposta de reforma enviaráselle á consellaría competente en materia de universidades da Xunta da Galicia para a súa aprobación e publicación.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade de Vigo, que foi aprobado por este órgano na sesión do 23 de marzo de 2004, e publicado no DOG número 122, do 25 de xuño de 2004.