Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Luns, 10 de agosto de 2015 Páx. 32809

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (145/2015).

María Teresa Vázquez Abades, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fai saber que no procedemento execución de títulos xudiciais 145/2015 deste xulgado do social, seguido por instancia de Pablo Lestón Lariño contra Monte Louro Pro Cons Servi, S.L., Fondo de Garantía Salarial sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

«Auto

Maxistrada xuíza

Paula Méndez Domínguez

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2015.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Pablo Lestón Lariño presentou o 22 de maio de 2015 demanda de execución contra Monte Louro Pro Cons Servi, S.L., instando a execución da sentenza número 93/2015 ditada no procedemento de despedimento número 695/2014 seguido ante este xulgado e ditada o día 17 de marzo de 2015 a cal, notificada ás partes, se declarou firme.

Segundo. Ditada a orde xeral de execución mediante o auto do 16 de xuño de 2015, por dilixencia de ordenación da mesma data acordouse citar as partes e o Fogasa á comparecencia do incidente de non readmisión, conforme o artigo 280 da LRXS.

Terceiro. Á comparecencia non compareceu a parte executada nin o Fogasa malia constaren citados. Compareceu a parte executante quen, unha vez aberto o acto, se ratificou na demanda executiva e solicitou o recibimento do preito a proba. Practicáronse as probas propostas e admitidas co resultado que consta en autos e, tras o trámite de conclusións, declaráronse os autos vistos para resolver.

Cuarto. Na tramitación dos autos observáronse as prescricións legais esenciais.

Feitos probados:

Primeiro. Resulta probado e así se declara que nos autos de despedimento número 695/2014 seguidos ante este xulgado se ditou sentenza do 17 de marzo de 2015, cuxa resolución é do teor literal seguinte: “Que estimando integramente a demanda interposta por Pablo Lestón Lariño contra Monte Louro Pro Cons Servi, S.L., debo declarar e declaro que a extinción do contrato de traballo do demandante efectuado pola demandada con data do 24 de xullo de 2014 constitúe un despedimento improcedente e, en consecuencia, debo condenar e condeno a Monte Louro Pro Cons Servi, S.L. a se ater á devandita declaración, e a que readmita inmediatamente o traballador demandante nas mesmas condicións que rexían antes de se producir o despedimento, con aboamento dos salarios deixados de percibir desde a data efectiva do despedimento ata a notificación desta sentenza a razón de 44,12 euros diarios, ou ben, a elección do empresario, á extinción da relación laboral con aboamento ao demandante dunha indemnización de 2.338,36 euros por despedimento improcedente.

A opción do empresario entre a readmisión do traballador e a indemnización por despedimento improcedente deberase exercer no prazo de cinco días contados a partir da notificación da presente sentenza, mediante escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido o devandito termo sen que o empresario optase, entenderase que procede a readmisión.

No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, deberase observar o que resulte conforme o artigo 33 do ET”.

Dáse por integramente reproducido o contido da citada sentenza existente en autos, onde consta o salario regulador do executante para os efectos do despedimento –1342 euros mensuais incluídos todos os conceptos– e a antigüidade –7 de xaneiro de 2013–.

Segundo. A executada non procedeu á readmisión do executante e non presentou escrito efectuando a opción no prazo conferido legalmente para tal efecto.

Razoamentos xurídicos:

Primeiro. De conformidade co artigo 56.3 do Estatuto dos traballadores (en diante, ET), en caso de declararse a improcedencia do despedimento e de non optar o empresario –como sucede no presente caso– entenderase que procede a readmisión. Polo tanto, o vínculo laboral permaneceu vivo, razón pola cal o lexislador permite ao traballador, no caso de non se proceder á readmisión, executar a súa sentenza mediante o incidente de non readmisión previsto no artigo 280 da Lei reguladora da xurisdición social (en diante, LRXS).

O artigo 281 da LRXS establece que, salvo nos casos en que non quede acreditada a non readmisión, o xuíz ditará auto en que declarará extinguida a relación laboral na data da devandita resolución e acordará que se lle aboen ao traballador as percepcións económicas previstas nos puntos un e dous do artigo 56 do ET, rateando en todo caso os períodos de tempo inferiores a un ano e computando como tempo de servizo o transcorrido ata a data do auto.

Corresponde pois á empresa a carga de probar que tivo lugar a readmisión do traballador, ex artigo 217 da LAC, pois o contrario suporía obrigar o traballador a probar un feito negativo.

Segundo. No presente caso os feitos declarados probados ut supra resultan da documental existente en autos procedente do procedemento declarativo de que dimana a presente execución, cuxa reprodución solicitou a parte executante no acto da comparecencia. A parte executante acreditou a través das devanditas probas a improcedencia do despedimento e a obriga da executada de optar ben pola readmisión ben pola indemnización nos termos sinalados na sentenza, así como a falta de exercicio da devandita opción, por non se presentar o escrito correspondente no prazo conferido na sentenza, polo que se debe entender que a empresa optou en realidade pola readmisión conforme o indicado na resolución da sentenza.

Nada acreditou, porén, a executada en relación coa readmisión do executante, pois, dada a súa actuación procesual, non despregou ningunha actividade probatoria, de modo que non cumpriu coa carga probatoria que lle incumbía, que era a efectiva e correcta readmisión do traballador nos termos da sentenza de despedimento.

Con base na valoración conxunta da proba practicada e nos preceptos legais ut supra citados, procede declarar a extinción da relación laboral na data da presente resolución, e condenar a executada ao aboamento das percepcións económicas previstas nos puntos 1 e 2 do artigo 56 do ET, na forma indicada no artigo 281.2, alíneas b) e c) da LRXS.

Terceiro. Conforme o anterior, a indemnización, que se deberá calcular na data da presente resolución, deberá selo na forma establecida no artigo 56 do ET, de trinta e tres días de salario por ano de servizo cun máximo de 24 mensualidades, pois encontrámonos ante un contrato de traballo subscrito con posterioridade á entrada en vigor da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral (e conforme establecía tamén a disposición transitoria quinta do Real decreto lei 3/2012, do 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, que entrou en vigor o día 12 de febreiro de 2012). Por isto, correspóndelle percibir ao executante unha indemnización de 3.794,32 euros, e con aboamento dos salarios deixados de percibir desde o despedimento ata a presente resolución, que ascenden a 15.839,08 euros.

Cuarto. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, deberase observar o previsto no artigo 33 do ET.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva:

Declaro extinguida na data da presente resolución a relación laboral que unía a Pablo Lestón Lariño con Monte Louro Pro Cons Servi, S.L. e condeno a Monte Louro Pro Cons Servi, S.L. a aboar a Pablo Lestón Lariño a suma de 3.794,32 euros en concepto de indemnización pola extinción da relación laboral e a suma de 15.839,08 euros en concepto de salarios de tramitación percibidos desde a data de efectividade do despedimento ata a presente resolución.

Notifíquese ás partes e ao Fogasa a presente resolución e fágaselles saber que contra ela poden interpor recurso de reposición no prazo de tres días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

Así o acorda, manda e asina, Paula Méndez Domínguez, maxistrada titular do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela.

A maxistrada xuíza A secretaria xudicial

Dilixencia. Seguidamente cúmprese o ordenado. Dou fe.»

E para que sirva de notificación en legal forma a Monte Louro Pro Cons Servi, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2015

A secretaria xudicial