Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Luns, 27 de xullo de 2015 Páx. 31129

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Servizos Sociais

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2015 pola que se delega o exercicio de determinadas facultades nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

A disposición transitoria primeira do Decreto 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Sociais e se aproban os seus estatutos, establece que a través das xefaturas territoriais poderán seguirse realizando os labores de apoio para a xestión dos centros da Axencia Galega de Servizos Sociais no seu ámbito territorial, ata que esta dispoña de servizos propios para alcanzar a súa autonomía. Na mesma disposición transitoria establécese que a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión desenvolverá transitoriamente e pola súa propia condición as funcións que lle corresponden ao/á director/a da Axencia Galega de Servizos Sociais ata o nomeamento deste/a a través do procedemento recollido nestes estatutos.

A entrada en funcionamento da Axencia Galega de Servizos de Sociais o pasado mes de xaneiro mostra a necesidade de adoptar medidas dirixidas a alcanzar unha maior axilidade na realización daqueles gastos que, pola súa natureza e entidade, deben tramitarse con celeridade. Para tales efectos, cómpre acudir á delegación de competencias nas persoas titulares das xefaturas territoriais. Asemade, non existindo relación xerárquica entre os órganos delegante e delegado, procede a aprobación previa da conselleira de Traballo e Benestar como órgano superior común, tal e como establece o artigo 6.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

En función desta previsión normativa e para dotar de operatividade a dita previsión de apoio efectivo na xestión ordinaria dos centros da Axencia Galega de Servizos Sociais a través das xefaturas territoriais, faise necesario proceder a delegar as competencias en materia contractual e de xestión económica que o artigo 14 dos seus estatutos, aprobados polo Decreto 40/2014, do 20 de marzo, lle atribúe á persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e tras a aprobación da conselleira o 22 de abril de 2015,

RESOLVO:

Primeiro. Delégase nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, no seu respectivo ámbito territorial, o exercicio das seguintes competencias da Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais previstas nos estatutos aprobados polo Decreto 40/2014, do 20 de marzo:

a) Autorizar os pagamentos e os gastos da Axencia Galega de Servizos Sociais, de conformidade coa normativa vixente, prevista no artigo 14.g) dos estatutos.

b) Actuar como órgano de contratación da entidade, nos termos da lexislación vixente en materia de contratación administrativa, prevista no artigo 14.i) dos estatutos.

Segundo. A competencia que se delega inclúe a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases do gasto.

Terceiro. A Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais poderá revogar en calquera momento o exercicio das competencias delegadas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 6.9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Cuarto. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia, con referencia ao número e ao día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Quinto. Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2015

María Amparo González Méndez
Directora da Axencia Galega de Servizos Sociais