Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 14 de xullo de 2015 Páx. 29357

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 22 de xuño de 2015 polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 9 de abril de 2015, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental da obra da nova vía Oleiros-Sada e porto de Sada, no concello de Sada (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxecto, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental no 9 de abril de 2015, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental da obra da nova vía Oleiros-Sada e porto de Sada, no Concello de Sada (A Coruña).

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2015

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

Declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 9 de abril de 2015, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental da obra da nova vía Oleiros-Sada e porto de Sada (clave AC/10/031.00), no Concello de Sada (A Coruña), promovido pola Axencia Galega de Infraestruturas (antiga Dirección Xeral de Infraestruturas) (2011/0241)

De conformidade coa proposta do Servizo de Prevención e Xestión Ambiental da Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental que a seguir se transcribe.

O Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, establece no seu artigo 3 que os proxectos públicos ou privados consistentes na realización de obras, instalacións ou calquera outra actividade comprendida no anexo I deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista na antedita lei cando así o decida o órgano ambiental.

A nova vía de Oleiros-Sada e porto de Sada atópase incluída no anexo I, grupo 6. a. construción de autoestradas e autovías, vías rápidas e estradas convencionais preexistentes nunha lonxitude continuada de máis de 10 km, polo que, tendo decidido o seu sometemento a avaliación de impacto ambiental na forma prevista na sección 1ª do capítulo II da citada lei, por decisión do secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental procede formular a súa declaración de impacto ambiental, de acordo co artigo 12.1. da citada lei.

1. Promotor e órgano substantivo. Obxecto, descrición e localización da actuación.

1.1. Promotor e órgano substantivo.

O promotor e o órgano substantivo da actuación é a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

1.2. Obxecto.

O obxecto da actuación avaliada consiste na construción dunha estrada convencional que une o enlace coa CP-7508 da VAC Costa Ártabra co Porto de Sada-Fontán, no treito comprendido entre o punto quilométrico 40+000 e o punto quilométrico 44+550.

Por proposta da Axencia Galega de Infraestruturas, no que respecta ao treito comprendido entre o punto quilométrico 44+550 e o punto quilométrico final 45+454,221, queda pendente a elaboración dun estudo específico, co fin de axustar o trazado en planta e alzado e sometelo a unha nova avaliación ambiental.

Entre as alternativas analizadas, a alternativa seleccionada e a denominada alternativa D, no treito comprendido entre o punto quilométrico 40+000 e o punto quilométrico 44+550.

1.3. Descrición e localización da actuación.

A infraestrutura conectará o núcleo de Oleiros co porto da localidade de Sada e presenta as seguintes características:

Trazado.

O trazado en planta da alternativa-D (puntos quilométricos 40+000 a 45+454,221), cunha lonxitude total duns 4,5 km, correspóndese cunha estrada convencional. O antedito trazado realizouse cumprindo coa norma de trazado 3.1 IC.

Ten a súa orixe no enlace da Vía Ártabra VG-1.3 (en construción) lugar da Cañota, parroquia de Osedo (punto quilométrico 40+000) onde se conecta na rotonda do citado enlace. A alternativa discorre na dirección leste, inicia o seu trazado cunha recta de 380 m e cruza a CP-7508 na Cañota co P.S. 1 no punto quilométrico 40+220. A seguir cruza a CP-7504 co P.B.1 no punto quilométrico 40+980 no lugar de Machado, e no P.S.3 41+670 para a estrada local de Grelas de Abaixo.

Desde o punto quilométrico 41+700 ao punto quilométrico 42+500 crúzanse os lugares do Carballal e Vertín, salvando o rego de Fontoira no punto quilométrico 42+000 para conectar coa rotonda na AC-163 na zona escolar de Mondego. A seguir o trazado continúa pola zona de Monte dos Cotos ata conectar mediante unha rotonda coa CP-7509 no punto quilométrico 43+350, no lugar de Beloi.

A partir de aquí, o trazado segue na mesma dirección leste e cruza co P.S. 4 no punto quilométrico 43+470 á CP-7503, tamén no P.B.2 no punto quilométrico 43+880 nos lugares de Beloi e Coteses e salva un marco no punto quilométrico 43+660 no rego de Río Vao na zona de Monte Lixandra, para posteriormente conectar coa rotonda na AC-163 no punto quilométrico 44+550.

missing image file

Alternativa seleccionada_Alternativa D no treito comprendido entre o punto quilométrico 40+000 e o punto quilométrico 44+550.

2. Tramitación.

2.1. Antecedentes:

Como se comentou anteriormente, a actuación está comprendida no grupo 6, punto a.1 do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 3 de maio de 2013 publícase no DOG núm. 85 a Resolución do 23 de abril de 2013, da Axencia Galega de Infraestruturas (antiga Dirección Xeral de Infraestruturas), pola que se somete a información pública o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental da obra da nova vía Oleiros-Sada e porto de Sada (clave AC/10/031.00).

Durante este período foron presentadas alegacións por parte de particulares e administracións locais e provinciais, tendo en conta no condicionado desta declaración de impacto ambiental e, no que procede, as que teñen carácter ambiental.

Con data do 13 de xuño de 2013 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Axencia Galega de Infraestruturas, no cal se inclúen certificados de exposición, copia das alegacións presentadas no dito período e os informes do Instituto de Estudos do Territorio, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, a División para a Protección do Mar-Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Augas de Galicia, Deputación Provincial da Coruña e Portos de Galicia.

Cumprida a tramitación, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do «Estudo informativo e estudo de impacto ambiental da obra da nova vía Oleiros-Sada e porto de Sada», no concello de Sada.

3. Ámbito da DIA e condicións ambientais.

3.1. Ámbito da DIA.

A presente declaración refírese ás obras definidas no documento «Estudo informativo e impacto ambiental da obra de nova vía de Oleiros-Sada e porto de Sada», no concello de Sada, na provincia de A Coruña, na configuración relativa á alternativa D entre os puntos quilométricos 40+000 e 44+550, recollida no tomo II_anexo nº 2. «Estudo de impacto ambiental», no documento nº 3_Alternativa proposta, clave AC/10/031.00.

3.2. Análise técnico.

O ámbito da actuación atópase dentro do sistema de explotación nº12 (río Mandeo e ría de Betanzos). Os cursos fluviais afectados pola actuación son o río da Ponte, denominado na actuación como río Fontoira (IdRioPH 115003), o río Tarabelo, denominado na actuación como río Vao (IdRíoPH 11500301), e un rego innominado.

No ámbito do estudo non está delimitado a unha área con risco potencial significativo de inundación. Tampouco se observa ningunha zona protexida dentro do Rexistro de Zonas Protexidas do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa.

O trazado da alternativa proposta cruza o río Tarabelo e o río da Ponte, propoñéndose marcos para a execución dos cruzamentos.

Analizada a zona de actuación obsérvase que o desenvolvemento da actuación non afecta ningún espazo natural protexido. Hai que engadir que, ademais, se procedeu a revisar a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia. Da súa consideración non se deducen variacións respecto do antedito, polo que non se prevén ampliacións nin novos espazos na zona.

Por outra banda, revisado o Inventario de humidais de Galicia (IHG), obsérvase que a alternativa proposta non afecta directamente a zona húmida Brañas de Sada.

En canto ás afeccións sobre a rede fluvial, xa constan na descrición da alternativa os cruzamentos previstos en cada caso. Respecto disto, estímase que deben definirse as características das estruturas de cruzamento de xeito que sexan aptas para o paso da fauna, polo que o seu dimensionamento e acondicionamento debe considerarse, de xeito obrigado co uso multifuncional como drenaxe e paso de fauna.

O paso do trazado proposto sobre a rede fluvial interceptada podería afectar o hábitat de código 91EO*, de carácter prioritario e constituído por amieirais riparios. Ademais, nas zonas limítrofes cos bosques de ribeira, existen bosquetes de Quercus robur e Castanea sativa, que tamén se verían afectados.

Non é presumible a afección sobre ningunha árbore senlleira ou formación deste tipo incluída no Catálogo galego de árbores senlleiras.

No que se refire á flora de interese inventariada na zona, hai que sinalar que no ámbito da actuación se atopan especies que se encontran incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas (Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies amezadas-modificado polo Decreto 164/2011, do 4 de agosto).

3.3. Condicións ambientais.

3.3.1. Atmosfera.

Levaranse a cabo as medidas recollidas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

Cumprirase co disposto no Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 13 de novembro, do ruído, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, así como, se for o caso, o estipulado nas ordenanzas municipais ao respecto.

3.3.2. Augas.

No caso de que existan outros cursos fluviais ademais dos indicados no apartado 3.2. (Análise técnica) da presente declaración, seralles de aplicación a normativa da lexislación de augas, tendo plena vixencia as prescricións establecidas para o dominio público hidráulico.

Para a definición da drenaxe da actuación terase en conta o establecido no artigo 43 da normativa do PHGC, referido ás condicións que deben cumprir as obras con afeccións ao DPH. Deste xeito, as obras de drenaxe transversal dimensionaranse con carácter xeral para o período de retorno de 500 anos e a drenaxe lonxitudinal dimensionarase de xeito que non se produza a acumulación das escorrementos nunha determinada zona ou que se engadan a unha valgada áreas vertentes superiores en máis dun 10 % á superficie da bacía propia.

Estes aspectos deberanse ter e conta na redacción do proxecto construtivo e recórdase, en todo caso, que, segundo o establecido no artigo 9.4,78 e 126 do RDPH, calquera actuación en DPH ou nalgunha das súas zonas de protección precisará autorización administrativa deste organismo de bacía independente daquela outra que teñan que ser outorgadas por outro organismo da Administración.

No parque de maquinaria e instalacións auxiliares non se permitirá a incorporación de augas de escorremento de chuvia procedentes de zonas exteriores ao recinto do parque.

En ningún caso os aceites, combustibles, cementos e outros sólidos en suspensión producidos durante a fase de obra se verterán directamente ao terreo ou a os cursos de auga, por lo que se planificarán medidas para prever estas situacións.

3.3.3. Protección dos solos.

Balizaranse e sinalizaranse as zonas de obra e todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, estando prohibido ocupar terreos fóra do previsto. Este balizamento e sinalización deberán manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, e serán retirados cando estas finalicen.

Tamén se procederá a balizar ou, se for o caso, a sinalar todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto (basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural) co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles. Se é tecnicamente posible, os cepos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.

No caso de que sexa necesario crear vías alternativas para a circulación dos veciños, estas estarán perfectamente indicadas e sinalizadas.

Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan empregadas na execución do proxecto e procederase á reposición e reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso.

Localizaranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zonas de almacenamento de materiais e residuos, vestiarios, etc.), primando o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.

Ademais de nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, habilitarase nas formigonaxes un sistema de recolla, condución e sedimentación de auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura a correntes de auga. Así mesmo, nas zonas onde se realicen actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o chan con materiais impermeables.

No caso de necesitar materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para este fin e débese evitar, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de préstamo. Neste último caso, deberá atenderse á normativa vixente respecto disto.

Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se empreguen para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonaxes, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente, etc.) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

Non estando prevista a colocación de plantas de formigón nin de aglomerado asfáltico, estes procederán de planta ou plantas externas que conten coas súas correspondentes autorizacións. No caso de ser necesario implantar unha planta propia, someterase ao informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A xestión da terra vexetal que se empregue na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras, realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando que non se produza un movemento en masa ou escorremento do material almacenado, para o cal se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento, etc.).

No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con fornecementos de mulch suficiente para manter entre un 5 % e un 6 % de materia orgánica.

Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

Na documentación avaliada faise referencia á existencia dun volume de 440.000 m3 de sobrantes dos movementos de terras. Respecto disto, seleccionaranse, utilizando criterios ecolóxicos, as zonas onde se realizará o depósito, tendo en conta que, no caso de que existan no medio ocos procedentes de actividades extractivas caducadas ou abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se encontren naturalizados e integrados no medio. Previamente ao depósito destes sobrantes, contarase, se é o caso, cos correspondentes permisos.

Cumprirase co establecido na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, non sendo de aplicación para os solos contaminados escavados e outros materiais naturais escavados durante as actividades de construción, cando se teña a certeza de que estes materiais se utilizarán con fines de construción no seu estado natural no lugar ou obra onde foron extraídos.

Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación o máis axiña posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de seren necesarias, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser estender mantas de fibras naturais.

Así mesmo, ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etc. deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se atopen sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados ata a súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser empregadas posteriormente ao remate daquelas.

Na execución do proxecto utilizaranse prioritariamente betumes modificados con caucho e/ou betumes mellorados con caucho procedentes de pneumáticos fóra de uso. Estas indicacións realizaranse de acordo coa disposición adicional segunda do Real decreto 1619/2005, do 30 de decembro, sobre a xestión de pneumáticos fóra de uso, que establece que as administracións públicas promoverán a utilización de materiais reciclados de pneumáticos fóra de uso e a de produtos fabricados con materiais reciclados procedentes dos ditos residuos sempre que cumpran as especificacións técnicas requiridas, as cales se establecen na Orde circular 21/2007, da Dirección Xeral de Estradas, sobre o uso e especificacións que deben cumprir os ligantes e mesturas bituminosas que incorporen caucho procedente de pneumáticos fóra de uso, no Manual de emprego de pneumáticos fóra de uso en mesturas bituminosas, do CEDEX, así como na Orde ministerial 891/2004, do 1 de marzo, que aprobaba modificacións do prego de prescricións técnicas xerais para obras de estrada e pontes (PG-3).

3.3.4. Residuos.

Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente e prevalecerá sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo.

Os residuos xerados recolleranse e xestionaranse conforme a súa natureza e a lexislación vixente, primando a súa xestión mediante a reutilización e a reciclaxe fronte á vertedura.

Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberase ter retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

Non se queimarán residuos, material excedente e/ou calquera tipo de resto procedente da execución das obras.

Xestionaranse todos os residuos que se xeren en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

3.3.5. Fauna, vexetación e hábitats naturais.

Realizarase un inventario respecto ás especies da flora protexida sinaladas, prestando especial atención a Woodwardia radicans (treito final do trazado) e ás outras especies ligadas a ámbitos fluviais ou húmidos. Avaliación de afeccións, e segundo proceda, proposta de medidas correctoras ou compensatorias. Traslado ao programa de vixilancia ambiental dos procedementos correspondentes.

Realizarase un inventario respecto ás zonas de alimentación e potenciais lugares de nidificación ou refuxio das especies da fauna protexida sinaladas, prestando especial atención ao caso dos anfibios e aves. Avaliación de afeccións e, segundo proceda, proposta de medidas correctoras ou compensatorias. Traslado ao programa de vixilancia ambiental dos procedementos correspondentes.

No caso de afección sobre as representacións do hábitat de carácter prioritario e código 91E0*, o deseño das estruturas de paso sobre a rede fluvial terá en conta o seu estado actual e, unha vez definido este, avaliaranse as afeccións e proporanse as medidas compensatorias oportunas destinadas a restablecer as superficies destes hábitats que se prevexan afectar coas obras.

Non consta na documentación avaliada a realización dun estudo respecto dos corredores faunísticos destinado a minimizar as afeccións sobre fragmentación dos hábitats, a conectividade territorial e o efecto barreira. Por tanto, deberá procederse á súa realización de xeito que se basee en traballo de campo específico e permita establecer os corredores faunísticos realmente presentes no territorio. Como resultado diso, desenvolverase unha proposta de permeabilización da infraestrutura ao paso da fauna, na cal, ademais de considerarse as propostas do EIA, tamén se considere a necesidade de evitar a intrusión lumínica e acústica da vía sobre os ámbitos destinados a evitar este efecto.

Para iso, preverase a disposición de pasos de fauna naqueles puntos que funcionen como corredores ecolóxicos, integrando as adaptacións precisas para asegurar a súa funcionalidade como tales. Respecto á posible adaptación das drenaxes, teranse en conta os requirimentos específicos das especies a que se destinan, incluíndo todos os grupos de vertebrados presentes.

Proporanse, igualmente, os adecuados protocolos de verificación e control de impactos e eficacia das medidas correctoras.

Neste marco, o proxecto construtivo deberá expor a dita proposta co nivel de detalle e dotación orzamentaria suficiente, como para que se considere una medida directamente executable.

Dado que as actuacións supoñen o cruzamento sobre o río Tarabelo e o río da Ponte, planeando facelo ante marcos, dos cales non se indican características, proponse o emprego de estruturas tipo arco fronte ás tipo marco, de xeito que se eviten afeccións ao leito fluvial.

En caso de optar polo marcos, o seu dimensionamento deberá considerar o seu uso multifuncional como paso de fauna, así como minimización de afeccións sobre a vexetación das ribeiras (hábitat 91E*) e, en todo caso, que após a súa colocación deberán quedar soterrados un mínimo de 40 centímetros por baixo do leito fluvial e mantendo unha distancia mínima de 1,5 metros coas beiras do curso, para permitir a creación dunha canle de características semellantes ás orixinais.

Engadirse neste marco o deseño das oportunas e específicas medidas preventivas, de control e correción da potencial incidencia das obras sobre a calidade das augas e medios fluviais; así como dos adecuados protocolos de seguimento e control destas, que deberán dotarse de orzamento suficiente como para que se considere unha medida directamente executable.

Posto que da proposta se deduce a existencia dun volume de excedentes de ao menos 440.000 m3, cuxo destino non esta definido na documentación presentada, realizarase un estudo especifico destinado á xestión dos excedentes dos movementos de terras do cal quedará constancia no proxecto construtivo. O dito estudo incluirá unha análise de alternativas de vertedura e unha proposta respecto das localizacións estudadas, así como a axeitada proposta de medidas protectoras, correctoras e de integración ambiental e paisaxística. Terase en conta a súa posible inclusión dentro dos supostos establecidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e a súa posible xestión como residuos segundo o establecido na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

Por outra banda, na realización do proxecto construtivo teranse en conta, ademais das anteriores, as seguintes condicións coa finalidade de realizar unhas obras coas mínimas afeccións ambientais:

De atoparse ou demostrarse a existencia de especies incluídas no catálogo galego de especies ameazadas prohíbese calquera actuación que as afecte. Neste suposto, comunicarase á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para tomar as medidas oportunas.

Tomaranse as medidas máis axeitadas para evitar ou minimizar as afeccións sobre os hábitats de interese comunitario recollidos no Inventario nacional de hábitats, tendo en conta o establecido no punto 3 do artigo 45 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

Tomaranse as medidas máis axeitadas para evitar ou minimizar as afeccións sobre os hábitats, tendo en conta o establecido no punto 3 do artigo 45 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

Evitarase modificar as zonas de escoamentos para non influír nos ecosistemas naturais augas abaixo da infraestrutura. Neste sentido, deberanse colocar tantos pasos de auga como valgadas teña o terreo, e dimensionaranse axeitadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación. Esta medida será utilizada como paso pola pequena fauna (anfibios, réptiles y micromamíferos).

As estruturas transversais que funcionen como pasos de fauna irán revexetadas con especies autóctonas e locais para canalizar a fauna por esa zona e así conseguir diminuír o efecto barreira da infraestrutura.

Todas as augas procedentes das formigonaxes, especialmente no caso dos procesos construtivos en ámbitos fluviais, derivaranse e someteranse a un sistema de desbaste e decantación de sólidos, regulación do pH e eliminación de aceites e graxas.

En todo momento as augas susceptibles de ser afectadas polas obras cumprirán o preceptuado no artigo 80 sobre a calidade mínima exixible ás augas continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais).

Preveranse zonas se provisión e préstamos. Os vertedoiros permanentes e temporais de terras e as instalacións auxiliares situaranse en zonas de mínima afección ecolóxica e paisaxística e de pouco interese natural.

Evitarase depositar residuos ou produtos sólidos en zonas onde os escoamentos produzan arrastres aos cursos fluviais coa conseguinte contaminación de augas continentais.

Establecerase a recolla, almacenamento, conservación e/ou xestión da terra vexetal afectada polas obras. Dada a importancia do solo vexetal por conter as características da zona, utilizarase na recuperación de zonas degradadas.

Procederase á estabilización de noiros de forma inmediata para evitar que os procesos erosivos provoquen desprendementos.

Tomaranse as medidas de seguridade necesarias para evitar derramamentos accidentais dos tanques de almacenamento de produtos como aceites, graxas e carburantes de motores.

Integración estética no medio das obras que se executen de maneira que se diminúa o impacto visual e paisaxístico. As superficies afectadas polas obras ou aquelas zonas que se pretendan repoboar recuperaranse ou revexetaranse con especies autóctonas e locais da zona. Ademais, levaranse a cabo o seu correspondente seguimento para conseguir o fin esperado.

No caso de corta de vexetación, limitarase á estritamente necesaria para a execución da obra e conforme as autorizacións pertinentes.

Delimitarase correctamente o terreo que se vaia ocupar cos labores da actuación, co fin de diminuír a perda innecesaria e a alteración de formacións vexetais polo tráfico de maquinaria. Esta medida de corrección é imprescindible e de carácter preventivo.

En relación coa época para realizar operacións de roza da vexetación, a súa execución realizarase fora da época de cría das aves, por ser esta a máis representativa e delicada para a maioría dos vertebrados.

Así mesmo, estímase que o programa de medidas adoptadas debe figurar desenvolvido no proxecto construtivo, integrando o derivado das anteriores consideracións como segue:

a) Definición contractual das medidas correctoras.

Todas as medidas correctoras, protectoras e compensatorias deberán quedar definidas a nivel executable e incluiranse nos correspondentes planos e cronogramas de obras.

b) Coordinación de medidas de integración ambiental coa obra. Plan de obra.

Todas as medidas correctoras, protectoras e compensatorias formuladas deben programarse dentro do plan de obra, tendo en conta:

Que a integración ambiental non é un tema subordinado á funcionalidade da obra.

As medidas de integración deben programarse igual que o resto de actuacións.

c) Orzamento.

Todas as medidas de integración ambiental irán orzamentadas da mesma maneira que o conxunto do proxecto.

d) Criterios para o seguimento das medidas.

Deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondentes.

Unha vez redactado o proxecto construtivo, someterase a informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Neste sentido, se se demostrar calquera afección sobre os valores naturais da zona, tomaranse inmediatamente as medidas adecuadas para paliar a dita afección e será a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Coruña quen decidirá sobre a conveniencia da solución a adoptar, así como as actuacións precisas ou as medidas compensatorias adecuadas para corrixir os efectos producidos.

3.3.6. Patrimonio cultural.

Na fase de redacción do proxecto de trazado debe realizarse un estudo específico co fin de avaliar o impacto que a construción da alternativa seleccionada pode xerar sobre o patrimonio cultural.

O dito estudo incluirá os resultados dunha prospección arqueolóxica do ámbito que se verá afectado pola alternativa de trazado seleccionado, así como unha banda de 200 m tomada a cada lado do límite de ocupación de tal maneira que se poida contar cun coñecemento detallado dos elementos do patrimonio cultural existentes na zona e establecer as medidas protectoras e/ou correctoras necesarias para a protección do patrimonio, de acordo co establecido na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Terase en conta.

Farase un estudo de detalle da zona en que se sitúa o topónimo O Casteliño (TP15075002) que inclúa a revisión exhautiva, unha comprobación de cartografía catastral e un estudo de toponimia, co fin de poder determinar se existe algún tipo de evidencia non detectada polo momento, e valorar detalladamente o impacto que se pode xerar, nunha fase con maior detalle do trazado.

Farase un traballo de prospección exhaustivo no contorno do Castro de Río Vao (GA15075009), así como unha delimitación do elemento, co fin de contar con documentación detallada ao respecto do elemento e do seu contorno, nunha vez que o trazado das alternativas estudadas discorre polo seu contorno.

Consultarase o catálogo da figura de planeamento en vigor do concello afectado polo proxecto e dos arquivos existentes na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Identificaranse e localizaranse mediante traballo de campo aqueles bens de carácter etnográfico que, aínda que non estean recollidos en inventarios, sexan susceptibles de protección por configuraren a paisaxe galega e caracterizaren culturalmente o territorio.

Todos os elementos patrimoniais recollidos e os seus contornos de protección deberán figurar nos planos de obra, incluída a propia traza. Estes elementos e o seu contorno deberán sinalizarse na fase previa ao inicio das obras.

O proxecto de construción definitivo deberá ser remitido á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para o seu informe vinculante, no cal se deberán incluír os resultados do estudo específico de avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural, así como un plan global de medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación dos diferentes elementos do patrimonio arqueolóxico. Este plan deberá considerar a necesidade de levar a cabo, como medida xenérica, un control e seguimento arqueolóxico das fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos, para o que será necesaria a presentación dun proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, na fase previa ao inicio da obras.

Conforme os resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, de ser necesario, decidirase sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación serán revisados os impactos e será avaliada a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Todas as actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, tal e como se estipula no artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O deseño dos proxectos, así como a súa execución, desenvolveranse en coordinación coa citada dirección xeral.

No caso de detectarse calquera tipo de evidencia de carácter arqueolóxico no transcurso da realización das obras de construción, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, como organismo competente, decidirá a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras necesarias.

Deberá informarse o equipo de control e seguimento arqueolóxico de calquera cambio na localización ou características das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, vías de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que poidan afectar o patrimonio cultural, está circunstancia deberá comunicarse á Dirección Xeral o máis axiña posible.

3.3.7. Integración paisaxística.

Nos treitos en que a estrada discorre en trincheira é aconsellable que non xeren cristas entre os planos de corte do terreo e o plano natural deste. Suxirese que este punto sexa resolto mediante unha sección curva, que daría lugar a un novo perfil máis integrado na topografía e de menor visibilidade. Esta recomendación é especialmente importante no treito avaliado.

Nos treitos en que a estrada discorre elevada sobre o terreo, por exemplo nos puntos onde atravesa os corredores ecolóxicos, sería aconsellable, na medida do posible, incrementar a luz dos vans e reducir as dimensións dos terrapléns. Desta maneira é menor a ruptura de continuidade visual e, por tanto, redúcese a incidencia sobre a paisaxe.

Nos treitos en que a estrada atravesa ribeiras ou valgadas haberá que adoptar medidas para evitar que o chan e a vexetación se vexan danados. O estudo de impacto e integración paisaxística sinala que, nestes casos, plantaranse as especies Alnus glutinosa, Coryllus avellana e Betula alba a raíz núa de 50 a 100 cm de altura. As especies mencionadas parecen adecuadas, pero dado o lento crecemento destas e a fraxilidade dos terreos, resulta moi aconsellable introducilas cunha altura e desenvolvemento maiores e garantindo o seu enraizamento para asegurar así unha implantación mellor e unha recuperación máis rápida da situación anterior.

No caso da alternativa seleccionada deberán tomarse todas as cautelas necesarias para que esta fronte costeira resulte afectada o mínimo posible, dado que discorre moi preto do acantilado sobre a praia de Morazón.

Recoméndase que as especies vexetais que se sementen nos noiros dos terrapléns e das trincheiras deberán ser as variedades propias da zona, evitando así a incorporación de especies alleas que introducen texturas e cores distintas na paisaxe.

3.3.8. Programa de vixilancia ambiental.

– Aspectos xerais.

O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contidas no estudo de impacto ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas para cada unha das fases do proxecto (obras e explotación).

Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento proposto no estudo ambiental, deberanse incorporar os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos da presente declaración.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Asemade, teranse en conta as seguintes consideracións:

• Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, designarase un/s responsable/s desta.

• As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas e, por tanto, deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control.

• Todas as medicións e/ou análisis do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.

• Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras, así como a periodicidade dos controis, poderán ser revisados con base nos resultados obtidos.

• No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo propondo as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

– Aspectos específicos.

Ademais do indicado no punto 3.3.8, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír especificamente o seguinte:

• Plan de control da calidade da auga dos cursos fluviais afectados polas obras, indicando metodoloxía, periocidade e límites dos diferentes parámetros, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona dos cursos fluviais afectados. Considérase que, como mínimo, se analizarán os parámetros seguintes: temperatura, materias en suspensión, pH, oxíxeno disolto, condutividade, aceites e produtos lubricantes.

Estes controis deberán permitir coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos de calidade indicados no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación de pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

• Plan de seguimento dos ruídos. Cumprirase o disposto na Lei 37/2003, do 13 de novembro, do ruído, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, desenvolvida nos reais decretos 1367/2007, do 19 de outubro, e 1513/2005, do 16 de decembro, e modificada polo Real decreto lei, do 1 de xullo, de medidas de apoio aos debedores hipotecarios, de control do gasto público e cancelación de débedas con empresas e autónomos contraídas polas entidades locais, de fomento da actividade empresarial e impulso da rehabilitación e de simplificación administrativa; asemade, cumpriranse as ordenanzas municipais.

• Plan de vixilancia do sistema de drenaxe, de ser o caso, durante a fase de explotación da vía, comprobando se levan a cabo os labores de limpeza e conservación, de xeito que cumpra a súa función dun xeito efectivo.

• En todos os casos os puntos de control propostos situaranse nun plano a escala 1:5.000 ou con maior detalle.

– Informes do programa de vixilancia.

Os informes do programa de vixilancia e seguimento ambiental serán elaborados pola Axencia Galega de Infraestruturas, a quen lle corresponde, ademais, o seguimento e a vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión, se for o caso, do responsable do control do seguimento ambiental.

Informes que se presentarán na fase de obras.

A Axencia Galega de Infraestruturas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no apartado 3.3.8 desta DIA, elaborando os informes do seguimento ambiental que se sinalan a seguir, e remitindo unha copia deles á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

a) Trimestralmente:

• Cronograma actualizado das obras.

• Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman.

• Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.

• Resultados do control da calidade das augas superficiais e do plan de seguimento dos ruídos producidos polas obras, incluíndo no primeiro informe trimestral medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas.

• Neste informe indicaranse as variacións producidas con respecto ao proxectado.

b) Antes da emisión da acta de recepción:

• Memoria-resumo sobre o seguimento ambiental realizado en que quede constancia das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do disposto nesta DIA.

• Informe, se for o caso, das variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado.

• Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, e deben ir acompañadas dun plano de localización.

• Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

Informes que se presentarán na fase de explotación.

A Axencia Galega de Infraestruturas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no número 10 desta DIA, elaborando anualmente un informe do seguimento ambiental que incluirá:

• Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental.

• Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data, hora e localización dos puntos da toma das fotografías nun plano.

• Resultados do plan de seguimento dos ruídos producidos pola explotación da infraestrutura.

• Resultados do plan de seguimento das obras de drenaxe e estruturas para a fauna, verificando a súa correcta funcionalidade.

• Incidencias producidas e medidas adoptadas para resolvelas.

• A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.

4. Proposta.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, o Servizo de Prevención e Xestión Ambiental da Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental considera que o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental da obra da nova vía de Oleiros-Sada e porto de Sada é ambientalmente viable na configuración descrita na alternativa D, no treito comprendido entre o punto quilométrico 40+000 e o 44+550, sempre que se cumpran, ademais das condicións incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, as que se recollen ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente proposta de DIA, prevalecerá o disposto nesta última.

Tal e como se indicou na epígrafe 1.2. (Obxecto) do presente documento, para o treito comprendido entre o punto quilométrico 44+550 e o punto quilométrico final 45+454,221 queda pendente a elaboración, por parte da Axencia Galega de Infraestruturas, dun estudo específico, co fin de axustar o trazado en planta e alzado e sometelo a unha nova avaliación ambiental.

Conforme
Manuel Díaz Cano Carlos Calzadilla Bouzón
Xefe do Servizo de Prevención e Subdirector xeral
Xestión Ambiental de Avaliación Ambiental

Esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle atribúe o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro (modificado polo Decreto 115/2014) resolve, en cumprimento do disposto no artigo 12 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 1 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, formular só para os efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental favorable para o proxecto, nos termos propostos polo o Servizo de Prevención e Xestión Ambiental da Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental.

Ademais do obrigado cumprimento das condicións sinaladas, de manifestarse calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental poderá ditar só para os efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que fornezan unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes, sempre que as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude coa documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración e non se poderá comezar a actividade antes de contar cunha comunicación desta Secretaría Xeral.

Calquera cambio que se pretenda introducir no proxecto respecto do contemplado na DIA deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e no caso de que poida producir efectos significativos sobre o medio ambiente, deberá ser notificado previamente a esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, no seu caso, se procede ou non a modificación da declaración ou iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

Esta declaración farase pública a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (www.cmati.es) e será remitida ao promotor para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2015

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental