Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 1 de xullo de 2015 Páx. 27488

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2015, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se revoga a delegación do 9 de febreiro de 2015 no titular da Xefatura Territorial da Coruña do exercicio de determinadas competencias en materia de patrimonio cultural e se delegan no titular do Servizo de Coordinación da Área Cultural desa xefatura.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural desenvolve un gran volume da actividade administrativa derivada das competencias que a normativa lle atribúe. A ausencia temporal do xefe do Servizo de Coordinación da Área Cultural da Coruña aconsellou resolver, o 9 de febreiro de 2015, a delegación no titular da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Coruña do exercicio de determinadas competencias en materia de patrimonio cultural. En coherencia coa incorporación daquel, procede agora deixala sen efecto e normalizar o traslado de funcións nos mesmos termos previstos na Resolución do 3 de febreiro de 2012, vixente para os titulares das xefaturas de coordinación das áreas culturais dependentes das demais xefaturas territoriais.

Trátase do exercicio das competencias no marco do artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e reflectidas nos artigos 32, 37, 41, 43, 44, 47, 48, 52, 54, 56, 57, 58 e 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e nos artigos 1.1º a), 1.2º e 3.1º do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autonómica de Galicia.

Así mesmo, o artigo 35.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece que as xefaturas territoriais estarán integradas por aqueles servizos, aquelas áreas ou aquelas unidades que sexan necesarios para unha maior eficacia da xestión administrativa.

Pola súa parte, o artigo 30.3.1 do referido Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, prevé que, baixo a dependencia da xefatura territorial correspondente, existirá un servizo que coordinará as competencias en materia de cultura e que exercerá, entre outras, as funcións que lle sexan encomendadas.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e consonte un criterio de celeridade e axilidade administrativa que fai innecesario para este caso acordar actos distintos e sucesivos, resolvo revogar a delegación prevista na dita Resolución do 9 de febreiro de 2015 e delegar simultaneamente na persoa titular do Servizo de Coordinación da Área Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Coruña o exercicio das seguintes competencias:

1. Autorizar os proxectos de obras e intervencións que afecten os bens incluídos no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, sometidos ao informe da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico Galego da Coruña, de conformidade co artigo 2 a) do Decreto 39/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a composición e o funcionamento das comisións territoriais do patrimonio histórico galego, modificado polo Decreto 103/2010, do 17 de xuño, así como aqueloutros relativos a obras de entidade menor que se proxecten sobre os ditos bens ou nos seus contornos de protección.

2. A autorización e o informe relativos ás intervencións que afecten conxuntos históricos declarados bens de interese cultural no ámbito territorial da provincia da Coruña que teñan aprobado un plan especial de protección, cando este estableza expresamente a necesidade de obter a autorización ou o informe favorable do órgano autonómico competente en materia de patrimonio cultural.

3. Autorizar as actuacións arqueolóxicas preventivas (controis, prospeccións, sondaxes e escavacións) derivadas de proxectos de obra ou plans que afecten o patrimonio cultural e o seu contorno que sexan exixidas polos informes e autorizacións aprobados na Xefatura Territorial da Coruña, de conformidade con esta resolución, as que determinen as figuras de planeamento especial aprobadas nos conxuntos históricos situados no ámbito territorial da provincia da Coruña e as que deriven das determinacións adoptadas en relación coas propostas do departamento territorial na tramitación dos expedientes sobre os que emitiu informe a Subcomisión de Conservación do Patrimonio Histórico-Artístico da Igrexa Católica en Galicia e dos instrumentos de planeamento dos municipios da provincia mencionada.

4. Adoptar, en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens do patrimonio cultural de Galicia situados no ámbito territorial da provincia da Coruña que se vexan ameazados.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderá avocar para si en calquera momento o exercicio das competencias delegadas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 14 da citada Lei 30/1992.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as concedeu.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2015

P.S. (Resolución 4.6.2015)
Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria