O artigo 105 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as administracións educativas favorecerán o recoñecemento do labor do profesorado dos centros educativos que amose unha especial dedicación ao centro e á implantación de plans que supoñan innovación educativa.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a colaborar de xeito continuado con distintos organismos para facilitar a integración de determinados programas educativos nos centros de ensino non universitario.
As distintas estruturas que presentan estes programas, os diversos protocolos de desenvolvemento, as variadas metodoloxías que os sustentan e os distintos calendarios que rexen a súa posta en práctica fan imprescindible a adopción dun sistema de coordinación eficaz, que permita optimizar a utilización destes recursos educativos.
Xa que logo, trátase de establecer un marco xeral de colaboración entre as distintas entidades que dispoñen de programas dirixidos aos centros educativos, de fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, de integrar estes programas na planificación anual dos centros e nas programacións didácticas do profesorado participante e, ao mesmo tempo, de crear unha rede de centros en que se fomente o traballo cooperativo e de recoñecerlle ao profesorado a súa participación nos proxectos de innovación educativa que se estean a desenvolver no ámbito deste plan. Este marco xeral busca, en suma, ser unha referencia para o fomento da innovación educativa mediante a metodoloxía centrada na realización de proxectos nos centros de ensino non universitario.
Esta resolución pretende regular estes programas mediante o Plan Proxecta e establecer as bases para que participen nel os centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos dependentes desta consellería.
De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral
DISPÓN:
Sección 1ª. Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
Esta resolución ten por obxecto regular o Plan Proxecta e establecer as bases para a participación dos centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria durante o curso escolar 2015/16.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
Poderán participar nesta convocatoria os centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Sección 2ª. O Plan Proxecta
Artigo 3. Definición do plan
O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.
Trátase dun plan que busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.
Artigo 4. Obxectivos xerais
Con este plan preténdense lograr os seguintes obxectivos:
1. Dotar a comunidade educativa galega con programas educativos de diferentes ámbitos que fomenten a innovación educativa.
2. Establecer un marco xeral de colaboración para presentar todos os programas implicados dun xeito estruturado.
3. Fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, dirixidos á realización de proxectos educativos de innovación que desenvolvan as competencias clave e os elementos transversais.
4. Establecer unhas pautas comúns en relación ao recoñecemento do traballo do profesorado nestes proxectos educativos.
5. Ofrecerlles aos centros e ao profesorado a posibilidade de incluír dentro da súa planificación anual e das súas programacións, segundo corresponda, a participación naqueles programas que mellor se adapten ás súas características específicas.
6. Crear unha rede de centros en que se fomente o traballo cooperativo e interdisciplinario, que consiga transformar e mellorar a práctica educativa, transferindo eficazmente as iniciativas innovadoras.
Artigo 5. Eixes e accións do plan
Os eixes do plan son tres:
1. Organización.
Este eixe está marcado por tres accións centrais:
a) Sistematizar e actualizar os programas educativos dos distintos organismos (anexo).
b) Difundir o plan entre todos os axentes da comunidade educativa.
c) Utilizar ferramentas eficaces de xestión do plan.
2. Apoio.
As principais accións deste eixe son:
a) Ofrecerlle ao profesorado un marco para o desenvolvemento de accións nas aulas que fomenten a innovación mediante actividades formativas, propostas, materiais didácticos diversos e outras iniciativas que conduzan á mellora da calidade do ensino.
b) Establecer un sistema de asesoramento e seguimento a través das estruturas de formación permanente do profesorado, da inspección educativa, dos equipos responsables de cada un dos programas e da asesoría de innovación educativa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
3. Avaliación e recoñecemento.
Neste caso as accións que cómpre seguir son:
a) Recoñecer a participación das persoas coordinadoras e do profesorado participante nos proxectos como actividade de innovación educativa.
b) Difundir os mellores proxectos a través das canles dixitais desta consellería e, máis especificamente, mediante a publicación das mellores experiencias de cada programa na sección específica do Plan Proxecta en Eduga, Revista Galega do Ensino.
Artigo 6. Liñas estratéxicas do plan
Este plan organízase en torno a tres grandes liñas estratéxicas:
1. Desenvolvemento das competencias clave.
O desenvolvemento das competencias é fundamental na organización curricular do ensino non universitario. A Orde ECD/65/2015, do 21 de xaneiro, pola que se describen as relacións entre as competencias, os contidos e os criterios de avaliación da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato, recolle no artigo 2 as seguintes competencias clave: 1. Comunicación lingüística; 2. Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía; 3. Competencia dixital; 4. Aprender a aprender; 5. Competencias sociais e cívicas; 6. Sentido de iniciativa e espírito emprendedor e 7. Conciencia e expresións culturais.
2. Desenvolvemento dos elementos transversais.
Os programas incluídos neste plan teñen en común o obxectivo de desenvolver a educación en valores e mais os elementos transversais conforme o artigo 11 do Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 6 do Real decreto 1105/2014, do 26 de decembro, polo que se establece o currículo básico da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.
3. Utilización de estratexias metodolóxicas comúns.
A terceira liña estratéxica é o fomento de estratexias metodolóxicas comúns a todos aqueles programas educativos que participen no Plan Proxecta. Abordarase unha proposta metodolóxica de aprendizaxe por proxectos baseada en dinámicas activas, cooperativas e contextualizadas, centradas na experiencia práctica do alumnado sobre o seu contorno inmediato. Esta proposta leva ao desenvolvemento de valores desde unha crecente posición crítica e autónoma, partindo dos seus intereses e das súas experiencias. Deste xeito, as actividades levadas a cabo no centro por cada programa organizaranse conformando un proxecto interdisciplinario que inclúa elementos do currículo de diversas materias, áreas, ámbitos ou módulos e que se integre nas programacións especificas do profesorado participante e na programación xeral anual.
Artigo 7. Profesorado participante
1. Nos proxectos interdisciplinarios realizados nos centros deberán tomar parte, como mínimo, unha persoa coordinadora e un profesor ou unha profesora. A participación máxima estará delimitada polo establecido especificamente por cada programa educativo.
2. O profesorado coordinador e participante deberá ter destino no centro solicitante durante o curso escolar completo.
3. Será posible realizar proxectos en que participen varios centros. Neste caso, cada centro debe facer cadansúa solicitude na aplicación de xestión (véx. artigo 8). Para os efectos de avaliación terase en conta o proxecto de cada centro por separado, pero valorarase especialmente o esforzo de colaboración intercentros.
Sección 3ª. Proceso de solicitude e selección dos proxectos
Artigo 8. Proceso e prazo de solicitude
1. Para participar nesta convocatoria o/a director/a do centro ou persoa que a substitúa debe solicitar os programas que desexe (véx. anexo) a través da aplicación do Plan Proxecta 2015/16 (http://www.edu.xunta.es/programaseducativos) . No formulario de solicitude deberanse introducir os datos da persoa coordinadora de cada proxecto en que se inscriba o centro. A partir deste momento, será esta persoa coordinadora, a través da súa conta de usuario, quen cubra o resto de información solicitada. No caso dos programas con modalidades, e se o programa non o especifica doutro xeito, os centros poden participar con proxectos que integren as diferentes modalidades, nunha combinación dalgunhas delas ou nunha modalidade única, dependendo das condicións específicas de cada programa educativo (http://www.edu.xunta.es/web/node/6180) .
Unha vez cubertos todos estes datos, o/a director/a debe revisalos para confirmar o compromiso do centro de levar a cabo os proxectos nas condicións indicadas e dará por rematado o proceso na propia aplicación.
2. Unha vez rematada a solicitude, a aplicación enviará un xustificante ao buzón de informes. O director/a do centro debe asinar e selar este xustificante e, logo, presentalo a través do Rexistro Xeral dirixido ao:
Plan Proxecta.
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bq. II-2º andar.
15781 Santiago de Compostela.
3. O rexistro xeral válido para o envío da documentación é o portelo único da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou noutro rexistro propio ou concertado, conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán, así como por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Non serán válidas as solicitudes xestionadas exclusivamente a través do Rexistro do centro educativo.
4. O prazo para cubrir e pechar a solicitude na aplicación informática vai desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 15 de outubro de 2015.
Artigo 9. Comisión de Selección
1. Unha vez pechado o prazo de solicitude de participación, a Comisión de Selección avaliará a solicitude dos centros participantes en cada programa, segundo os criterios publicados na ficha informativa que figura na aplicación de xestión ou tamén na sección de programas da web do Plan Proxecta (http://www.edu.xunta.es/web/node/6180) .
2. A Comisión de Selección estará integrada polos seguintes membros:
a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado, que actuará como presidente/a.
b) A persoa titular da xefatura do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa.
c) Dúas persoas asesoras da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, unha das cales realizará as funcións de secretaría.
d) As persoas responsables de cada un dos programas que participan no Plan Proxecta nesta convocatoria. Estas persoas serán designadas polas institucións responsables de cada programa.
3. A Comisión poderá dispor a constitución de comisións técnicas, compostas por persoas asesoras da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e das outras institucións participantes, que emitan informe sobre os proxectos presentados.
Artigo 10. Resolución
1. Unha vez rematado o proceso de selección das solicitudes, a Comisión de Selección fará pública a resolución provisoria na web desta consellería (http://www.edu.xunta.es/web) e notificarállela ás persoas responsables dos proxectos nos centros a través da aplicación de xestión do Plan Proxecta.
2. Os centros solicitantes dispoñen dun prazo de 10 días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias. Transcorrido este prazo, unha vez valoradas as reclamacións e renuncias recibidas, a Comisión de Selección elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que adoptará a resolución definitiva dos centros seleccionados.
3. A resolución definitiva dos centros seleccionados publicarase na web desta consellería (http://www.edu.xunta.es/web) . Transcorrido o prazo de seis meses sen que se lle notificase a resolución expresa, o centro solicitante poderá entender rexeitada a súa solicitude, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro.
4. Contra esta resolución poderán interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme os artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Sección 4ª. Seguimento, avaliación e certificación
Artigo 11. Seguimento e avaliación dos proxectos
1. O equipo directivo do centro supervisará o desenvolvemento dos proxectos e dará conta deles aos órganos de participación e goberno, aos pais, ás nais ou aos titores/as legais, así como ás institucións que participan no/s programa/s.
2. A Inspección Educativa realizará, ao longo de cada curso académico, o seguimento e a avaliación das diferentes actuacións previstas nos programas, e informará a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
3. A persoa coordinadora de cada proxecto elaborará unha memoria final do traballo realizado na sección correspondente da aplicación de xestión desta resolución, dentro dos prazos que se establezan no seu momento. Esta memoria será avaliada polas persoas responsables dos programas e do plan de acordo cos criterios de avaliación que fosen establecidos.
4. A valoración positiva desta memoria será indispensable para acadar a certificación de innovación educativa do profesorado participante.
5. A participación do centro no Plan Proxecta deberá quedar reflectida na súa memoria anual.
Artigo 12. Certificación e recoñecemento do profesorado
1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria certificará, segundo a normativa vixente, a participación do profesorado no Plan Proxecta como actividade de innovación educativa (véx. artigo 11.4).
Dependendo da temporización do programa educativo, a equivalencia en horas de formación permanente do profesorado destas certificacións será a seguinte:
a) Curso completo: 20 horas para o profesorado participante e 30 horas para a persoa coordinadora.
b) Medio curso: 12 horas para o profesorado participante e 15 horas para a persoa coordinadora.
Cada docente (independentemente da súa condición de coordinador/a ou participante) recibirá unha única certificación por curso académico, independentemente do número de programas en que se participe. Prevalecerá a condición de coordinador/a sobre a de participante e a participación en programas de temporización do curso completo sobre os de medio curso.
2. Ademais a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria difundirá as boas prácticas identificadas entre os proxectos realizados polos centros.
Disposición final única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2015
Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
ANEXO
Datos básicos dos programas participantes no Plan Proxecta
durante o curso escolar 2015/16
Institución |
Nome do Programa |
Ámbito |
Definición |
Temporización |
Alumnado a que vai dirixido |
Centros a que vai dirixido |
Presidencia da Xunta de Galicia (Secretaría Xeral para o Deporte-Fundación Deporte Galego) |
Xogade |
Saúde/actividade física |
Fomento e consolidación de hábitos físico-deportivos saudables mediante a participación en actividades deportivas. |
Curso completo |
Primaria e ESO |
Públicos e concertados |
Deportivo de centro |
Creación de unidades de promoción de actividade física saudable nos centros educativos. |
Curso completo |
Primaria, ESO, bacharelato, FP e adultos |
Públicos e concertados |
||
Máis e mellor actividade física |
Desenvolvemento dunha hora lectiva semanal de ciencias sociais ou ciencias da natureza en colaboración co profesorado de educación física nun contexto de actividade física e movemento fóra da aula. |
Curso completo |
Primaria |
Públicos e concertados |
||
Móvete máis |
Participación en actividades de carácter lúdico e transversal para o fomento da actividade física utilizando a música e o movemento. |
Curso completo |
Infantil, primaria, ESO, bacharelato, FP, adultos |
Públicos e concertados |
||
DAFIS |
Valoración da condición física para a saúde e realización de actividades de promoción da vida activa e saudable. |
Curso completo |
Primaria, ESO e bacharelato |
Públicos e concertados |
||
Presidencia da Xunta de Galicia (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) |
Aprendo programando |
Ciencia e tecnoloxía |
Promoción do uso da programación como ferramenta para desenvolver as competencias do alumnado. |
Curso completo |
De 4º a 6º de primaria e de 1º a 3º da ESO |
Públicos e concertados |
Rapazas emprendedoras nas TIC |
Fomento do emprendemento entre as alumnas de secundaria a través das tecnoloxías da información e da comunicación. |
Curso completo |
1º e 2º de ESO |
Públicos |
||
Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea) |
Cooperación galega: o mundo que queremos |
Solidariedade |
Fomento da educación para o desenvolvemento, a solidariedade e a loita contra a pobreza. |
Curso completo |
ESO e ciclos de grao medio e superior |
Públicos |
Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Secretaría Xeral da Igualdade) |
Por 365 días de respecto e igualdade |
Igualdade |
Prevención da violencia de xénero dentro do ámbito educativo. |
Curso completo |
ESO, bacharelato, FP e adultos |
Públicos |
Donas de si |
Visibilización das mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega. |
Curso completo |
ESO |
Públicos |
||
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas |
Paisaxe e sustentabilidade |
Medio ambiente |
Fornecemento de recursos para comprender e interpretar as paisaxes próximas a través dos seus elementos constitutivos, da súa diversidade e do seu valor cultural e simbólico, para desenvolver unha actitude responsable no marco da sustentabilidade. |
Curso completo |
Infantil, primaria, ESO, bacharelato e FP |
Públicos |
MeteoEscolas |
Ciencia e tecnoloxía/medio ambiente |
Coñecemento do clima da escola e do seu arredor. |
Curso completo |
Primaria, ESO, bacharelato e FP |
Públicos e concertados |
|
Protexe o teu medio |
Medio ambiente |
Formación dunha comunidade escolar investigadora que busque a mellora da calidade do aire e das augas. |
Curso completo |
Bacharelato e FP |
Públicos e concertados |
|
Terra |
Patrimonio/desenvolvemento sustentable |
Coñecemento dos espazos que habita o alumnado, facendo fincapé na arquitectura e na identidade territorial. Proxecto para o curso 2015/16: O dereito ao hábitat. |
Curso completo |
Primaria, ESO, bacharelato e FP |
Públicos e concertados |
|
Recíclate con Sogama |
Desenvolve-mento sustentable |
Fomento da recollida selectiva de residuos. |
Curso completo |
Primaria |
Públicos e concertados |
|
Ríos |
Medio ambiente |
Fomento da conservación dos ecosistemas fluviais. |
Curso completo |
Infantil, primaria, ESO, bacharelato, FP e adultos |
Públicos |
|
Protexe os animais |
Fomento da concienciación do alumnado na protección e no respecto polos animais domésticos co fin de garantir a tenza responsable dos animais. |
Curso completo |
Infantil, primaria |
Públicos e concertados |
||
Naturézate |
Difusión e promoción dos espazos protexidos de Galicia e fomento da concienciación e actitudes do alumnado cara á conservación da natureza. |
Curso completo |
Primaria, ESO, bacharelato |
Públicos e concertados |
||
Consellería de Economía e Industria (IGC) |
Consumópolis |
Consumo responsable |
Mellora das pautas de consumo responsable do alumnado mediante a participación nun concurso con fases autonómica e estatal. |
Medio curso |
5º e 6º de primaria e ESO |
Públicos e concertados |
Galicons-net |
Investigación do alumnado a través dunha das temáticas propostas: Consumo e xénero Linguaxe publicitaria Comercio electrónico Servizos financeiros |
Curso completo |
Infantil, primaria, ESO, bacharelato, FP, ensinanzas especiais e adultos |
Públicos e concertados |
||
Consellería de Sanidade |
Clases sen fume |
Saúde/prevención |
Prevención do tabaquismo |
Medio curso |
1º e 2º de ESO |
Públicos e concertados |
Salvavidas |
Saúde/solidariedade |
Fomento de actitudes favorables nos escolares cara á doazón e aos transplantes. |
Curso completo |
5º e 6º de primaria, ESO, bacharelato, FP e adultos |
Públicos e concertados |
|
Cociñando con saúde |
Saúde/alimentación |
Concienciación do alumnado sobre a importancia da calidade da oferta alimentaria na elaboración dos menús dos comedores escolares. |
Medio curso |
FP de grao medio (familia de cociña e restauración) |
Públicos e concertados |
|
Xermoliño |
Promoción da alimentación saudable a través da adquisición de pautas de consumo responsable. |
Curso completo |
Primaria |
Públicos e concertados |
||
Xermolón |
Promoción da alimentación saudable a través da adquisición de pautas de consumo responsable. |
Curso completo |
ESO |
Públicos e concertados |
||
Consellería de Traballo e Benestar |
Quérote+ |
Saúde/educación emocional |
Asesoramento, formación e información en temas de autoestima, educación afectivo-sexual e convivencia nas aulas, nas redes sociais e nos espazos de ocio. 2 modalidades: Socializando Coñecéndonos |
Curso completo |
3º ESO |
Públicos e concertados |
Parlamento Xove |
Comunicación |
Fomento do diálogo e da argumentación razoada das ideas propias como ferramenta para o consenso. |
Curso completo |
3º e 4º de ESO e bacharelato |
Públicos e concertados |
|
Rede de Centros Escolares Solidarios |
Voluntariado |
Fomento entre os escolares do compromiso como voluntarios/as cunha entidade. |
Curso completo |
ESO, bacharelato e FP |
Públicos e concertados |
|
Correspondentes xuvenís 3.0 |
Promoción e difusión de información de interese para a mocidade a través da creación dunha rede de correspondentes xuvenís nos institutos. |
Curso completo |
3º e 4º da ESO, bacharelato e FP |
Públicos e concertados |
||
Consellería do Medio Rural e do Mar |
Aliméntate ben |
Saúde/alimentación |
Mellora dos hábitos alimenticios do alumnado. 4 modalidades: a) Froita na escola b) Lácteos na escola c) Ponlle as pilas ao teu bocata (conservas do mar) d) O sabor da aventura está no mar |
Curso completo |
a) 2º ciclo de infantil, primaria, ESO b) Infantil, primaria, ESO, bacharelato e FP de grao medio c) e d) Infantil, primaria e ESO |
Públicos e concertados |
O monte vivo |
Medio ambiente/desenvolvemento sostible |
Participación dos escolares na protección do medio natural fronte aos incendios forestais. |
Curso completo |
Primaria e ESO |
Públicos e concertados |
|
Montentérate-O monte é a nosa vida |
Fomento do coñecemento da multifuncionalidade do monte, da súa xestión sustentable e da importancia dos montes veciñais en Galicia. |
Curso completo |
Primaria e ESO |
Públicos e concertados |
||
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Secretaría Xeral de Política Lingüística) |
Nós tamén creamos! |
Audiovisual/normalización lingüística |
Promoción da lingua galega a través da creatividade e a incorporación das TIC nas aulas, creando curtametraxes en galego. |
Curso completo |
2º ciclo de infantil e de 1º a 4º curso de primaria |
Públicos |
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (CGAI) |
Cine en curso |
Audiovisual |
Exploración da potencialidade pedagóxica da creación cinematográfica. |
Curso completo |
Primaria, ESO e bacharelato |
Públicos |
Fotografía en curso |
Difusión e pedagoxía da creación fotográfica nos centros educativos. |
Curso completo |
Primaria, ESO e bacharelato |
Públicos |
||
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural) |
Mirando polo Camiño |
Patrimonio |
Coñecemento, divulgación e protección do patrimonio cultural vinculado ao Camiño de Santiago. |
Curso completo |
Primaria, ESO, bacharelato, ciclos medios e superiores |
Públicos |
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Agadic)/Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) |
Ti es creador |
Alfabetización audiovisual |
Exploración das etapas do proceso creativo coa colaboración de autores e artistas que contribuirán a desenvolver experiencias creadoras. |
Curso completo |
3º e 4º cursos de primaria |
Públicos |
Ministerio do Interior (Dirección Xeral de Tráfico) |
Mobilidade sostible e segura |
Mobilidade |
Promoción da mobilidade segura e sustentable entre o alumnado. |
Curso completo |
Infantil, primaria, ESO |
Públicos e concertados |
Para unha información máis detallada sobre os programas, debe consultarse a seguinte ligazón: http://www.edu.xunta.es/web/node/6180