Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 1 de xullo de 2015 Páx. 27474

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 89/2015, do 18 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade dun resto da estrada N-541a (variante do Carballiño) e un resto da estrada OU-202 (rúa Martínez Avellanosa) en prol do Concello do Carballiño.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das súas estradas ou treitos, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello do Carballiño, no acordo plenario do 30.9.2014, acepta o cambio de titularidade ao seu favor de dous treitos antigos da N-541a e da OU-202, que transcorren polo termo municipal.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos da Rede Autonómica de Estradas de Galicia, en prol do Concello do Carballiño:

• Resto da estrada N-541a, coñecida como variante do Carballiño, situada entre o límite do termo municipal e a estrada OU-208, cunha lonxitude de 1.090 metros.

• Resto da estrada OU-202, situada entre a N-541 e a N-541a, cunha lonxitude de 370 metros e que se corresponde coa rúa Martínez Avellanosa.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de xuño de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade en prol do Concello do Carballiño dos treitos das estradas autonómicas:

• Resto da estrada N-541a, coñecida como variante do Carballiño, situada entre o límite do termo municipal e a estrada OU-208, cunha lonxitude de 1.090 metros.

• Resto da estrada OU-202, situada entre a N-541 e a N-541a, cunha lonxitude de 370 metros e que corresponde coa rúa Martínez Avellanosa

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello do Carballiño deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderán ao Concello do Carballiño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos treitos sinalados, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xuño de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas