Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 29 de xuño de 2015 Páx. 27138

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 22 de maio de 2015 pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería, anunciado pola Orde do 7 de abril de 2015.

Convocada a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería anunciada pola Orde do 7 de abril de 2015 (DOG núm. 75, do 22 de abril) de conformidade co disposto no artigo 29.2 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e nos artigos 16 e 17 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, e no uso das facultades conferidas polo artigo 17.4 do referido decreto lexislativo, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro. Resolver a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante na Consellería de Economía e Industria, anunciada pola Orde do 7 de abril de 2015 (DOG núm. 75, do 22 de abril).

Segundo. Adxudicarlle destino, no posto de traballo que se indica, á funcionaria que se relaciona no anexo da presente orde.

Terceiro. O cesamento no destino actual da funcionaria que obtivo praza producirase no prazo de tres días hábiles contados a partir do seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O prazo de toma de posesión da praza adxudicada deberá realizarse no prazo de tres días hábiles se non indica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles, conforme o establecido no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, e o disposto na base sétima da convocatoria.

O cómputo de prazos de posesión iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, de ser o caso, se lle concedesen á funcionaria; nos supostos de incapacidade temporal, iniciarase a partir da correspondente alta.

Cuarto. A xefatura de persoal do centro en que cause baixa a funcionaria, así como o daquel en que obteña destino, consignarán no título administrativo, dentro do prazo sinalado no punto anterior, as correspondentes dilixencias de cesamento e toma de posesión, das cales se dará traslado, mediante copia, á Dirección Xeral da Función Pública.

Quinto. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2015

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO

Apelidos e nome: Lado Lago Zeltia.

NRP: 4690718202 A2060.

Subgrupo: A1.

Corpo/escala: corpo superior da Administración da Xunta de Galicia.

Denominación do posto: xefatura do Servizo de Consumo.

Código do posto: INO191000015001001.

Nivel: 28.

Dependencia: xefatura territorial (Instituto Galego de Consumo).

Localidade: A Coruña.