Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Martes, 2 de xuño de 2015 Páx. 21491

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 18 de maio de 2015 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela, no polígono P.40-A Rocha.

O Concello de Santiago de Compostela remite a modificación referida, redactada polo arquitecto Carlos Pérez Pérez, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme ao disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Santiago de Compostela conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente polas ordes da CPTOPT do 3 de outubro de 2007 e 1 de setembro de 2008.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 4 de maio de 2012 non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. Constan informes municipais xurídico e técnico do 15 de abril de 2013, previos á aprobación inicial; e informe da Secretaría Xeral do Pleno do 16 de abril de 2015 (artigo 85.1 da LOUG).

4. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 25 de abril de 2013, que foi sometida a información pública por dous meses (El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 15 de maio de 2013 e DOG do 15 de maio). O acordo foi notificado aos concellos limítrofes de Ames, Boqueixón, Teo, Vedra, Trazo, Oroso, O Pino e Val do Dubra; e á Deputación Provincial. Non foron presentadas alegacións, segundo certificado do 19 de xullo de 2013.

5. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia emitiu informe desfavorable o 24 de outubro de 2013; e informe favorable con condicións o 22 de decembro de 2014.

6. No expediente constan informes municipais da arquitecta-xefe de Planeamento e da xefa da Sección de Xestión Urbanística, do 25 de marzo de 2014, con indicacións para o proxecto e a súa tramitación; e do 5 de xaneiro de 2015 relativo a deficiencias que hai que emendar. O secretario do Pleno do Concello emitiu un informe o 8 de xaneiro de 2015 que conclúe que non é necesaria unha nova información pública. Constan informes dos servizos municipais técnico e xurídico do 13 de febreiro de 2015 favorables á aprobación provisional.

7. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello en Pleno de 4 de marzo de 2015.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación afecta o polígono de solo urbano non consolidado P-40 A Rocha, de 3.728 m2 e ao equipamento público SC-34 colindante, no núcleo da Rocha Vella.

2. A ordenación vixente do P-40 (artigo 150 da normativa do PXOM sobre ordenacións singulares) prevé unha edificabilidade de 0,50 m2/m2 en vivenda unifamiliar de B+1.

3. A modificación ten por obxecto axustar a delimitación do polígono e o equipamento para facelas coincidir co solo efectivamente ocupado polo equipamento en virtude do convenio urbanístico subscrito entre a propiedade e o Concello o 10 de febreiro de 2002; e definir a ordenación pormenorizada do polígono, tendo en conta a parte da finca ocupada polo concello para a ampliación da rúa Churruchao.

III. Análise e consideracións.

1. Os obxectivos da modificación constitúen razóns de interese público conforme o exixido no artigo 94.1 da LOUG; e a ordenación proposta adecúase aos criterios expostos nos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. A superficie do polígono que figura no PXOM de 3.728 m2 reaxústase ata os 4.004,45 m2, ao abeiro do establecido no artigo 150 da normativa do plan para as ordenacións singulares, que permite que dos parámetros establecidos nas fichas se poidan reaxustar os que se refiren a dimensións superficiais do solo en función do maior detalle que se poida acadar no proceso de xestión, e serán vinculantes os que se refiren a parámetros de edificabilidade, aproveitamento tipo, usos e dotacións mínimas.

3. O reaxuste superficial comporta un lixeiro aumento da edificabilidade permitida por aplicación do índice de 0,50 m2/m2. Daquela, cómpre tamén reaxustar as 18 prazas de aparcadoiro público previstas no plan xeral, ata 20 prazas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM de Santiago de Compostela no polígono P-40 A Rocha e, deixar constancia expresa de que a reserva para aparcadoiro público acadará as 20 prazas.

Segundo. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas