Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Martes, 2 de xuño de 2015 Páx. 21494

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 19 de maio de 2015 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Corgo.

O Concello do Corgo remite o Plan xeral de ordenación municipal, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello do Corgo, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

O Concello do Corgo carece na actualidade de planeamento xeral municipal, polo que lle son de aplicación as normas subsidiarias e complementarias de planeamento provinciais aprobadas o 3 de abril de 1991.

Conta con 22 delimitacións de núcleo rural aprobadas definitivamente.

I.2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

O termo municipal está afectado polos seguintes proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal: liña de alta tensión LAT de 2 kW O Corgo-Triacastela (AD do 3 de novembro de 2011; DOG do 9 de decembro); e o parque empresarial do Corgo (AD do 14 de xullo de 2005; DOG do 17 de outubro).

I.3. Tramitación.

1. A CPTOPV emitiu informe previo á aprobación inicial en data do 8 de marzo de 2005.

2. O Concello Pleno do 30 de setembro de 2005 aprobou inicialmente o PXOM; e someteuno a información pública por un mes e medio mediante anuncios no DOG do 7 de outubro e nos xornais La Voz de Galicia do 7 de outubro e El Progreso do 13 de outubro. Simultaneamente, deuse audiencia aos concellos limítrofes de Láncara, O Páramo, Baralla, Castroverde, Lugo e Guntín.

3. Constan informes municipais: técnicos do 12.11.2004, 21.11.2008, 18.11.2009, 29.6.2011, 31.8.2011, 14.10.2011, 10.10.2014 e 18.2.2015; e xurídicos do 15.9.2005, 26.7.2011, 15.10.2011 e 6.10.2014.

4. Consta Resolución do 3 de marzo de 2010 da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental na que se declara a inviabilidade de someter o PXOM ao trámite ambiental.

5. En cumprimento da lexislación sectorial vixente, constan os seguintes informes:

a) Servizo de Defensa contra Incendios Forestais da Consellería de Medio Ambiente, de 13 de decembro de 2004 e 17 de xaneiro de 2012.

b) Subdirección Xeral de Estradas, da CPTOPT: favorable condicionado o 12.12.2005, 23.10.2007, 28.5.2008, 12.6.2008, 28.5.2012. Consta remisión de informe favorable 6.5.2015.

c) Consellería de Cultura en materia de patrimonio cultural, favorable condicionado do 5 de xullo de 2006.

d) Administrador de Infraestruturas ferroviarias ADIF, do 15 de maio de 2008.

e) Dirección General de Carreteras do Ministerio de Fomento, do 19 de decembro de 2012 favorable para os efectos globais e con condicións en canto á afeccións e zonas de protección das infraestruturas de titularidade estatal.

f) Confederación Hidrográfica del Miño-Sil: favorable condicionado do 20 de febreiro de 2014.

g) Ministerio de Industria, Turismo y Comercio en materia de telecomunicacións do 7 de abril de 2014.

h) Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda do 1 de outubro de 2014.

6. O Concello Pleno do Corgo acordou a aprobación provisional do PXOM o 17 de outubro de 2014.

II. Análise e consideracións.

Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da LOUG, para resolver sobre a aprobación definitiva analizouse a integridade e suficiencia dos documentos que integran o PXOM; a conformidade do plan coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural; a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable; e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

O PXOM do Corgo axústase en xeral aos fins e consideracións establecidos nos artigos 4 e 52 LOUG e ás determinacións das Directrices de ordenación do territorio.

Porén, cómpre formular as seguintes observacións:

II.1. Modelo territorial e estrutura xeral e orgánica.

O Plan do Corgo establece obxectivos coherentes baseados no afianzamento de estruturas rurais recoñecidas nas delimitacións aprobadas e nas estruturas tradicionais herdadas procurando procesos de densificación fronte á extensión.

O sector de solo urbanizable non delimitado residencial SUNDR-1 proposto no perímetro do núcleo rural do Corgo é incompatible coas determinacións das DOT, polo que deberá ser preservado do desenvolvemento urbanístico y clasificarse como solo rústico coa categoría que corresponda.

Obsérvanse erros nalgunhas fichas de espazos libres e equipamentos, que recollen como sistema xeral existente solos que se prevén obter.

II.2. Clasificación e determinacións das distintas clases de solo.

De acordo co artigo 10 da LOUG, o PXOM deberá asignar a clasificación correspondente a todos os espazos libres, zonas verdes e equipamentos localizados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano.

II.2.1. Clasificación e determinacións do solo urbano.

Recoñecido como solo urbano o asentamento da Estación, a ordenanza residencial intensiva asignada non resulta congruente coas instalacións terciarias e pequenas industrias existentes. Así mesmo, as aliñacións deberán respectar as edificacións de singular valor arquitectónico existentes, evitando incluílas no réxime de fóra de ordenación. Non se pode xustificar a inclusión na categoría de solo urbano consolidado das parcelas vacantes situadas ao leste do asentamento.

II.2.2. Clasificación e determinacións do solo de núcleo rural.

Nas fichas dos núcleos rurais existen contradicións entre a superficie de parcela mínima considerada para o cálculo da consolidación e a establecida para edificar, sendo esta inferior a aquela. Daquela, a consolidación incumpre o mínimo establecido no artigo 13 da LOUG nos núcleos rurais de: 10/03 Lidor, 16/10 Vilar, 18/01 Baldomiro, 19/02 A Ermida, 21/03 A Peneda, 24/08 Vilanova, 32/01 A Campa e 32/02 Manán de San Cosme.

Non se xustifica a inclusión como solo de núcleo rural común da bolsa de solo nomeada como 12/01 Cardexo, que non presenta o carácter exixido no artigo 13.1 LOUG para merecer tal clasificación.

Ao abeiro do artigo 13 LOUG e determinación excluínte 3.1.10 DOT deberán revisarse as delimitacións dos núcleos rurais, evitando crecementos lineais, unións entre asentamentos polinucleares e excluíndo as bolsas de terreos e edificacións illadas desligadas dos asentamentos orixinarios: 02/01 Adai, 09/01 Camposo, 10/01 Castrillón, 14/01 Alto de Gomeán, 16/09 A Vacariza, 20/07 O Val, 22/05 O Lousado, 23/03 Vilariño, 32/01 A Campa e 33/01 Manán de Santa María.

Algunhas delimitacións de núcleo rural común recollen parcelas vacantes de edificación na súa periferia, sen xustificación: 02/01 Adai, 02/03 Outeiro, 14/01 Alto de Gomeán, 18/06 O Noviño, 18/07 Rubial en Fonteita, 25/02 Paradela, 32/01 A Campá e 38/01 Vilachá. O mesmo sucede nas partes históricas tradicionais e común do núcleo 11/04 Ponte de Neira.

II.2.3. Clasificación e determinacións do solo urbanizable.

A delimitación do SUNDI 1 axustarase á do plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia.

II.3. Normativa.

Segundo a disposición adicional terceira da normativa do PXOM, das 23 delimitacións de núcleo rural vixentes, só 12 se manteñen invariables. Deberán suprimirse desta DA 3ª os núcleos que pasan a ser ordenados polo PXOM: 05/01 Arxemil, 30/02 Sabarei de Abaixo, 12/03 A Veiga, 24/05 Outeiro e 22/03 Donalbán.

II.4. Estratexia de actuación e estudo económico.

Deberá concretarse o modo de obtención das vías de nova apertura ao leste do núcleo rural 14/03 do Corgo.

II.5. Cuestións de índole documental.

Deberá priorizarse a clase de solo de núcleo rural fronte á de rústico nos asentamentos rurais 15/04 A Estrada e 23/01 As Casetas, dado que o PXOM os clasifica dobremente.

O catálogo do PXOM dará cumprimento efectivo aos condicionantes do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 5 de xullo de 2006, nomeadamente:

– Nas fichas do catálogo debe incluírse a clasificación do solo en que se sitúa o ben catalogado.

– Deberá ampliarse o contorno de protección do núcleo de Pedrafita, incluíndo as edificacións do núcleo e as súas áreas de protección.

– Deberán corrixirse os erros na delimitación do Castro da Croa (ficha 1-08).

De conformidade co artigo 89 da LOUG, e o artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal lle corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente, de forma parcial, o Plan xeral de ordenación municipal do Corgo e deixar en suspenso as seguintes áreas:

– O solo urbano de Estación.

– Os núcleos sinalados no número II.2.2.

– Os sectores SUNDR-1 e SUNDI-1.

Segundo. Esta aprobación do PXOM queda condicionada á incorporación do resto das cuestións obxecto de reparos no punto II desta orde, para o que se deberá realizar o correspondente documento refundido.

Terceiro. Con respecto aos ámbitos suspendidos, o Concello deberá realizar as correccións necesarias e, tras a súa aprobación plenaria, elevalo novamente ante esta consellería para a súa aprobación definitiva.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciosa-administrativa.

Quinto. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

Sexto. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas