Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 27 de maio de 2015 Páx. 20730

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2015, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de interventor/a xeral municipal do Concello de Vigo, entre funcionarios con habilitación de carácter nacional.

De conformidade co disposto nos artigos 27 e 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e demais normativa concordante de aplicación, e no uso das facultades que lle confire o artigo 15.1 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e a Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias,

DISPÓN:

Publicar as bases da convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, entre funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, do posto de traballo de interventor/a xeral municipal do Concello de Vigo que se achegan como anexo a esta resolución, de acordo coas seguintes disposicións:

Primeira. O posto de traballo que se convoca poderá ser solicitado polos funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, pertencentes á subescala e categoría en que estea clasificado o posto.

Non poderán concorrer á convocatoria os funcionarios/as que se atopen nas situacións previstas nas letras a), b) e c) do artigo 18.3 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño.

Segunda. Os interesados dirixirán as súas solicitudes á corporación convocante, dentro dos quince días (15) naturais seguintes ao da publicación da presente resolución no Boletín Oficial del Estado, xuntando á solicitude a documentación acreditativa de reunir os requisitos para o seu desempeño nos termos que figura na convocatoria.

Terceira. Os aspirantes deberán suxeitarse ás bases da convocatoria publicadas neste diario oficial.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2015

José Alberto Pazos Couñago
Director xeral de Administración Local

ANEXO

Resolución do alcalde presidente do Concello de Vigo, do 4 do maio de 2015, pola que se aproba a convocatoria para a provisión do posto de traballo de interventor/a xeral municipal do Concello de Vigo, mediante libre designación entre funcionarios con habilitación de carácter nacional, de conformidade coas seguintes bases:

Primeira. Posto e requisitos.

O posto de traballo obxecto da convocatoria é o de interventor/a xeral, código 140.00 da vixente relación de postos de traballo do Concello de Vigo, clase primeira, categoría superior, pertencente á subescala de intervención-tesouraría, da escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

O posto de traballo está dotado co nivel 30 de complemento de destino e un complemento específico código 1, segundo a relación de postos de traballo do Concello de Vigo (BOP nº 220, do martes 16 de novembro de 2010) que se concreta nun importe anual bruto de 48.161,26 €.

Establécense como titulacións exixidas para o desempeño do posto na vixente relación de postos de traballo as seguintes:

– Licenciado/a en Dereito ou equivalente (código 6).

– Licenciado/a en Ciencias Económicas ou Empresariais ou equivalente (código 8).

– Licenciado/a en Ciencias Actuariais ou equivalente (código 18).

– Licenciado/a en Administración e Dirección de Empresas (código 78).

A intervención xeral do Concello de Vigo ten a consideración de órgano directivo municipal segundo o establecido no artigo 130 da Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local.

En consecuencia, poderán participar na presente convocatoria os funcionarios de carreira de Administración local, subgrupo A1, integrados na escala de funcionarios de administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de intervención-tesouraría, categoría superior. Conforme establece a disposición transitoria primeira, punto 2, do Real decreto 1174/1987, do 18 do setembro, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, poderán participar, así mesmo, os funcionarios pertencentes aos corpos e escala extinguidos que non resultasen integrados nas subescalas en que, conforme o indicado real decreto, se estrutura a habilitación de carácter nacional a que se refire a Lei 7/1985, do 2 de abril, estando habilitados para desempeñar postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional conforme as seguintes normas: os depositarios, en iguais condicións que os funcionarios integrados na subescala de intervención-tesouraría, categoría superior, pero unicamente para os postos de intervención.

Segunda. Participación.

O posto de traballo obxecto de provisión con carácter definitivo poderá ser solicitado polos funcionarios con habilitación de carácter nacional da subescala e categoría a que pertence o posto.

Non poderán concorrer a esta convocatoria os funcionarios que se encontren comprendidos nos supostos a), b), e c) que sinala o artigo 18, punto 3, do Real decreto 1732/1994, do 29 do xullo, sobre provisión de postos de traballo da Administración local reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, e que son os seguintes:

a) Os funcionarios inhabilitados e os suspensos en virtude de sentenza ou resolución administrativa firme, se non transcorreu o tempo sinalado nelas.

b) Os funcionarios destituídos a que se refire o artigo 148.5 do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado por Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, durante o período a que se estenda a destitución.

c) Os funcionarios que se atopen nas situacións de excedencia voluntaria a que se refire o artigo 29.3.c) e d) da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, se non transcorreu o prazo de dous anos desde o pase a elas.

Terceira. Presentación de solicitude, documentación e prazos.

Para os efectos de tomar parte na convocatoria os/as aspirantes deben presentar a seguinte documentación:

1. Solicitude dirixida ao alcalde-presidente do Concello de Vigo, Servizo de Recursos Humanos, solicitando tomar parte na convocatoria, segundo modelo normalizado xenérico dispoñible na web municipal www.vigo.org ou no rexistro xeral do Concello de Vigo, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, á cal deberá xuntarse declaración xurada de non estar incurso nalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 18.3 do Real decreto 1732/1994, do 29 do xullo.

2. Documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos exixidos na base primeira.

3. Currículo no cal figuren:

a) A titulación académica.

b) A acreditación da condición de funcionario/a de Administración local con habilitación de carácter nacional.

c) Os anos de servizo.

d) Os postos de traballo desempeñados nas administracións públicas.

e) Acreditación do coñecemento de linga galega segundo Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que ser regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Para tal efecto deberá achegar documento acreditativo da posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

f) Estudos, cursos, formación e especialización realizados.

g) Calquera outro mérito que consideren oportuno salientar en relación coas funcións atribuídas ao posto solicitado, pertencente a un municipio de gran poboación nos termos do previsto na Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do Goberno local, xuntando documentación fidedigna acreditativa dos aspectos indicados.

4. No suposto de achega e acreditación de grao persoal consolidado, este deberá estar formalmente recoñecido e deberá achegarse a correspondente resolución administrativa ditada para tales efectos.

A documentación indicada acreditarase coa presentación de orixinais ou fotocopias compulsadas.

Os interesados/as dirixirán as solicitudes e documentación complementaria ao órgano e servizo indicado dentro dos quince (15) días naturais seguintes á publicación da resolución de convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

Os requisitos exixidos nas presentes bases, así como os requisitos e experiencia alegados, deberán reunirse na data de finalización do prazo para tomar parte na convocatoria.

Poderase solicitar dos participantes na convocatoria aclaracións ou documentación adicional, cando da presentada non resulten suficientemente acreditados os datos alegados en relación cos requisitos exixidos.

Cuarta. Resolución.

O alcalde-presidente do Concello de Vigo procederá, se é o caso, e logo da constatación dos requisitos exixidos na convocatoria, a ditar a resolución correspondente no prazo dun mes, dando conta ao Pleno da Corporación e traslado daquela ao órgano competente da comunidade autónoma e á Dirección Xeral para a Administración Local (Dirección Xeral de la Función Pública) para a anotación e publicación conxunta no Boletín Oficial del Estado.

A dita resolución deberá ser motivada, con referencia ao cumprimento, por parte do/da aspirante elixido/a, dos requisitos e especificacións exixidos na convocatoria e da competencia para proceder ao nomeamento. O posto deberá ser adxudicado entre os/as candidatos/as que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria. En todo caso, deberá quedar acreditada no procedemento, como fundamento da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido.

Quinta. Toma de posesión.

O prazo de toma de posesión no novo destino será de tres (3) días hábiles, se se trata de postos de traballo da mesma localidade, ou dun mes, se se trata de primeiro destino ou de postos de traballo en localidade distinta.

O prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres (3) días hábiles seguintes á publicación da resolución do procedemento no Boletín Oficial del Estado.

No caso de que a resolución comportase o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita publicación.

Sexta. Impugnación.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, ou ben recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación ou publicación do acto administrativo que poña fin á vía administrativa nos supostos, termos e condicións do disposto nos artigos 8, 25 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Abel Caballero Álvarez
Alcalde