Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 25 de maio de 2015 Páx. 20395

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 20 de maio de 2015 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal da empresa Severiano Servicio Móvil, S.A., asignado ao servizo de transporte, carga e descarga da roupa dos distintos centros dependentes da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A organización sindical CIG e o presidente do comité de empresa comunicaron a convocatoria dunha folga que afectará o persoal da empresa Severiano Servicio Móvil, S.A., asignado ao servizo de transporte, carga e descarga da roupa dos distintos centros dependentes da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña. A folga comezará o luns 25 de maio de 2015 e terá lugar todos os luns e martes dos meses de maio, xuño e xullo de 2015 nos seguintes tramos horarios: das 6.00 ás 8.00 horas, e das 14.00 ás 16.00 horas.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1. A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen na presente orde.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa atención os usuarios que baixo ningún concepto poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado; e por iso, mantéñense os servizos mínimos necesarios para garantir a atención que non se pode aprazar sen consecuencias negativas para a saúde.

Para estes efectos cómpre destacar a importancia que ten, para a prestación da asistencia sanitaria, a dispoñibilidade de roupa axeitada para os e as pacientes, e particularmente a necesidade de evitar demoras nesa dispoñibilidade en determinadas áreas de actividade, como son os servizos de urxencias e os quirófanos.

Estas circunstancias, e a conseguinte necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito, determinan que se opte, como criterio reitor para a fixación dos servizos mínimos, por un número de efectivos de ata o 50 % dos habituais da quenda de traballo. Este criterio, polo demais, é o que vén sendo aplicado con carácter xeral en folgas que afectan esta área de actividade.

Artigo 2. A determinación dos/das profesionais necesarios sera feita pola empresa contratista coordinadamente coa Xerencia de Xestión integrada e deberá estar suficientemente motivada. A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e debe exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento dos/das destinatarios/as. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas.

Os/as profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios con antelación á data de folga.

Coas premisas precedentes, no cadro anexo determínase o número de efectivos necesarios para garantir os servizos mínimos.

Artigo 3. A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer nos/nas profesionais de xeito rotatorio, será realizada pola empresa e notificada aos profesionais designados.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 4. Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios do centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 5. O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 6. Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2015

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO

Quenda

Mañá

Tarde

Números de efectivos

2

2