Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 22 de maio de 2015 Páx. 20307

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza o peche e o desmantelamento da planta de coxeración que Sociedad Agrícola Gallega, S.L. posúe no concello de Padrón (A Coruña) e se cancela a súa inscrición definitiva no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 24 de xullo de 1994 a Dirección Xeral de Industria autorizou e aprobou o proxecto da instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica no Concello de Padrón (A Coruña), á empresa Sociedad Agrícola Gallega, S.A. (Soaga) e outorgoulle a condición de autoxerador eléctrico, consonte o Real decreto 907/1982, do 2 de abril, sobre fomento da autoxeración de enerxía eléctrica.

Segundo. O 28 de xaneiro de 1997 a Dirección Xeral de Industria aprobou o proxecto de execución da planta de coxeración de enerxía eléctrica autorizada á empresa Soaga.

Terceiro. O 5 de febreiro de 1998 a Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Industria e Comercio autorizou a acta de posta en marcha da planta de coxeración de referencia, coas seguintes características básicas:

• Un motor de combustión interna, alimentado por fuelóleo, de 6.185 kW de potencia.

• Un xerador síncrono, trifásico, de 4.800 kVA, tensión de xeración 6 kV e factor de potencia 0,8.

• Un centro de transformación 20/6 kV con transformador de 6 MVA montado en intemperie.

• Un centro de transformación de 250 kVA montado en interior.

• Instalacións complementarias de aproveitamento de calores en forma de vapor a 180 ºC.

• Instalacións de baixa tensión, regulación e control.

Cuarto. O 13 de xullo de 1998 a Dirección Xeral de Industria realizou a inscrición definitiva no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia da planta de coxeración titularidade de Sociedad Agrícola Gallega, S.A., outorgándolle o número RE-98-15.

Quinto. O 16 de xullo de 2007, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas modificou a titularidade da inscrición definitiva no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia da planta de coxeración de referencia, a favor de Sociedad Agrícola Gallega, S.L.

Sexto. O 28 de novembro de 2014, Sociedad Agrícola Gallega, S.L. solicitou a autorización administrativa para o peche e o desmantelamento da central mencionada.

Sétimo. O 9 de marzo de 2015 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña informou favorablemente a devandita solicitude.

Oitavo. O 12 de febreiro de 2015 Red Eléctrica de España informou a solicitude de peche da coxeración de referencia, facendo constar que non tería incidencia na seguridade do sistema e na garantía de subministración eléctrica.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, no artigo 19 do Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, modificado polo Decreto 116/2014, do 11 de setembro.

Segundo. O artigo 53.5 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que o peche definitivo das instalacións de produción de enerxía eléctrica requirirá de autorización administrativa previa e este procedemento vén regulado nos artigos 135 a 139 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Ademais, determina que, en todo caso, o peche definitivo das instalacións de xeración requirirá o informe do operador do sistema.

Terceiro. O artigo 42 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e resíduos, establece que procede a cancelación da inscrición definitiva no rexistro administrativo de instalacións de produción de enerxía eléctrica no caso de cesamento da actividade como instalación de produción a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co exposto

RESOLVO:

1. Autorizar administrativamente o peche definitivo e o desmantelamento da planta de coxeración que a mercantil Soaga posúe no Concello de Padrón (A Coruña), de 6.185 kW, consonte o proxecto denominado Peche e plan de desmantelamento da planta de coxeración da Sociedad Agrícola Gallega, S.L. (Soaga), redactado polo enxeñeiro industrial José Ramón Álvarez Arnau en outubro de 2014.

2. Cancelar a inscrición definitiva no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia da instalación de coxeración de referencia, á que lle fora outorgado o número RE-98-15.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

Primeira. O desmantelamento terá que realizarse conforme as especificacións e aos planos que figuran no proxecto achegado pola empresa e referido na parte dispositiva desta resolución.

Segunda. O titular asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante o proceso de desmantelamento, co fin de garantir que, en todo momento, se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas e centros de transformación, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións no desmantelamento que afecten datos básicos do proxecto, será necesaria a previa autorización desta Dirección Xeral. Así mesmo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do desmantelamento que resulten procedentes, debendo comunicar a esta Dirección Xeral todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

Quinta. O prazo para o desmantelamento que se autoriza será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Esta autorización caducará se transcorrese o devandito prazo sen producirse o desmantelamento.

Unha vez rematado o desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións impostas, pola facilitación de datos inexactos ou ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización do desmantelamento autorizado.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas