Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Luns, 18 de maio de 2015 Páx. 19449

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2015, da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, que establece as restricións ás autorizacións de cortas de especies sensibles ao nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus) na zona demarcada das Neves.

Antecedentes.

Desde o ano 1999 véñense realizando prospeccións e controis para evitar a entrada na nosa Comunidade Autónoma da praga coñecida como nematodo da madeira do piñeiro (NMP), que está causada polo organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. e presente en Portugal desde ese mesmo ano.

Esta praga que se propaga mediante o insecto vector Monochamus galloprovincialis é obxecto ademais dunha vixilancia extrema polas autoridades nacionais e comunitarias para evitar que se expanda polo resto do territorio nacional, impoñendo ás zonas afectadas unhas medidas drásticas de erradicación.

A finais do ano 2010 confirmouse a presenza do nematodo nunha masa forestal do termo municipal das Neves (Pontevedra).

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicou, logo dunha primeira resolución que declaraba o foco, o Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro (DOG núm. 24, do 4 de febreiro), polo que se declara de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. e se ordenan as medidas para evitar a súa propagación.

Neste decreto establécese unha área demarcada nun radio de 20 km ao redor do punto en que se detectou o nematodo, na cal se tomarán as medidas necesarias para evitar a súa dispersión.

Unha das medidas recollidas no número 2 do artigo 5 do dito decreto é que as autorizacións de cortas na área demarcada están suxeitas a unha autorización especial (autorización de corta para zona demarcada de corentena fitosanitaria).

O día 29 de marzo de 2012 publícase no DOG núm. 62 a Orde do 22 de marzo de 2012 pola que se establecen medidas sobre a sanidade vexetal nunha área demarcada polo organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus, na cal se especifica que os períodos en que se permitirán as cortas na zona demarcada serán autorizados pola Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, logo de consultados os informes técnicos e científicos do seguimento sobre os voos do insecto vector.

O día 13 de abril de 2015 publícase no DOG núm. 68 a Resolución do 7 de abril de 2015, da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, pola que se dá continuidade aos traballos de seguimento e control na zona demarcada e na zona tampón dos 20 km do territorio declarado en corentena polo Bursaphelenchus xylophilus, segundo a Resolución do 17 de novembro de 2010, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. Este acto administrativo resolve prorrogar durante un ano a vixencia das medidas fitosanitarias establecidas na Orde do 22 de marzo de 2012, co obxecto de erradicar o organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al.

Tendo en conta os informes técnicos e científicos consultados sobre o seguimento dos voos do vector Monochamus galloprovincialis e do foco, así como das condicións meteorolóxicas,

RESOLVO:

Declarar como data da suspensión temporal das autorizacións de cortas de especies sensibles ao nematodo do piñeiro dentro da zona demarcada das Neves o 31 de maio de 2015, salvo que as condicións de voo do insecto vector fagan que se teña que pechar antes, neste caso, comunicaríase oportunamente.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2015

Tomás Fernández-Couto Juanas
Secretario xeral do Medio Rural e Montes