Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 30 de abril de 2015 Páx. 16921

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de setembro de 2014, polo que se aproba definitivamente o proxecto do Parque Eólico Mondigo como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como as disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 25 de setembro de 2014, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Parque Eólico Mondigo, promovido por Esus Energía Renovable, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Trabada e Ribadeo queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificado pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado Parque Eólico Mondigo.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO
Disposicións normativas do proxecto sectorial

I. Relación co planeamento urbanístico vixente e proposta de modificación.

I.1. Relación co planeamento municipal.

I.1.1. Adecuación ao planeamento municipal de Ribadeo.

Para o concello de Ribadeo resulta de aplicación o Plan xeral de ordenación urbana de 1977, aprobado de forma definitiva o 14 de marzo de 1977 e publicado no BOP do 25 de marzo.

As actuacións previstas no concello de Ribadeo son a instalación de aeroxeradores, a reparación e o acondicionamento das vías existentes, a execución de vías de acceso aos aeroxeradores e gabias, coas superficies de ocupación que se indican na seguinte táboa:

Concepto

Superficie (m2)

Aeroxeradores: zapatas

1.444

Aeroxeradores: plataformas de montaxe

5.400

Vías existentes

9.898

Vías novas

11.080

Gabias

9.154

Táboa 7. Superficies de ocupación no concello de Ribadeo

A superficie ocupada polo conxunto das instalacións é de 36.976 m2.

En canto ás características das parcelas afectadas, a meirande parte atópanse en cotas altas, polo tanto, son parcelas con vexetación tipo monte baixo.

Polas características do solo, o solo afectado polo proxecto está cualificado segundo o Plan xeral de ordenación urbana de 1977 como solo rústico de protección forestal.

Entre os usos autorizados pola Comunidade Autónoma neste tipo de solo están, segundo o recollido nas alíneas f) e m) do artigo 33 da Lei 2/2010: centros de produción, servizo, transporte e abastecemento de enerxía eléctrica.

Polo que respecta ás normas de protección do ambiente, non se prevén actividades que poidan xerar contaminación de augas por verteduras nin emisión de contaminante atmosféricos.

Tal e como se reflicte no artigo 37 da Lei 2/2010, os usos relacionados coas infraestruturas eléctricas deberán ser autorizados con licenza municipal directa polo Concello de Ribadeo.

Tratándose de solo rústico, seralle de aplicación o disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, para o solo rústico, de acordo coa disposición transitoria primeira, alínea f), sen prexuízo de maiores limitacións establecidas no planeamento vixente.

I.1.2. Adecuación ao planeamento municipal de Trabada.

Para o concello de Trabada resultan de aplicación as normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia de Lugo (Resolución do 14 de maio de 1991; DOG nº 133, do 12 de xullo), a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, coas modificacións derivadas da Lei 15/2004, do 29 de decembro; a Lei 6/2008, do 19 de xuño, de medidas urxentes en materia de vivenda e solo, pola que se modifica a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e a Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, así como as correspondentes normativas sectoriais que sexan de aplicación.

As actuacións previstas no concello de Trabada son a instalación de aeroxeradores, a reparación e o acondicionamento das vías existentes, a execución de vías de acceso aos aeroxeradores e gabias, coas superficies de ocupación que se indican na seguinte táboa:

Concepto

Superficie (m2)

Aeroxeradores: zapatas

3.971

Aeroxeradores: plataformas de montaxe

14.850

Vías existentes

14.725

Vías novas

50.577

Gabias

48.025

Táboa 8. Superficies de ocupación no concello de Trabada

A superficie ocupada polo conxunto das instalacións é de 132.148 m2.

En canto ás características das parcelas afectadas, a meirande parte atópanse en cotas altas, polo tanto, son parcelas con vexetación tipo monte baixo.

Polas características do solo, o solo afectado polo proxecto está cualificado segundo as normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia de Lugo como solo rústico sen especial protección.

Entre os usos autorizados pola Comunidade Autónoma neste tipo de solo están, segundo o recollido nas alíneas f) e m) do artigo 33 da Lei 2/2010: centros de produción, servizo, transporte e abastecemento de enerxía eléctrica.

Polo que respecta ás normas de protección do ambiente, non se prevén actividades que poidan xerar contaminación de augas por verteduras, nin emisión de contaminante atmosféricos.

Tal e como se reflicte no artigo 37 da Lei 2/2010, os usos relacionados coas infraestruturas eléctricas deberán ser autorizados con licenza municipal directa polo Concello de Trabada.

Tratándose de solo rústico, seralle de aplicación o disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, para o solo rústico, de acordo coa disposición transitoria primeira, alínea f), sen prexuízo de maiores limitacións establecidas no planeamento vixente.

I.1.3. Proposta de modificación do planeamento local dos concellos de Trabada e Ribadeo.

Na modificación do planeamento local de Trabada e Ribadeo cualificarase o solo como solo rústico de protección de infraestruturas, na superficie indicada nos planos e P2.6_nova ordenación proposta, coa seguinte normativa:

1. Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría a área delimitada no plano correspondente, destinada á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural: vento.

A poligonal do Parque Eólico Mondigo é de 43.827.097 m2.

2. Condicións de uso.

Os usos citados destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do vento como recurso natural, para poderen implantarse nesta categoría de solo, deberán contar, ademais de coa correspondente avaliación ambiental, coa aprobación do proxecto sectorial.

Usos permitidos: nesta categoría de solos quedan permitidos os usos para situación de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como os usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas e das actividades forestais, mantendo as plantacións unha distancia mínima de 200 m do aeroxerador máis próximo.

3. Condicións de edificación e estéticas.

As edificacións e instalacións proxectadas deberán adaptarse ao ambiente en que se sitúen.

O edificio de control ocupa unha superficie en planta de 322 m2, cuxo aspecto exterior se acomodará á arquitectura tradicional, mediante o acabamento das súas fachadas con revestimento de pedra da zona (cuarcita de Trabada) e realizando a cuberta con lousa.

Os aeroxeradores serán de cor gris claro ou similar e con acabamento semimate, carecerán de arestas vivas ou de superficies metálicas reflectoras.

4. Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 42 da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o promotor da infraestrutura deberá resolver pola súa conta os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Saneamento e depuración.

– Enerxía eléctrica.

I.2. Prazo.

A adecuación do plan urbanístico municipal vixente no proxecto sectorial deberá realizarse coa redacción e tramitación:

– Da primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o Concello, que obviamente pode ser expresamente para esta adaptación.

– Da revisión do plan urbanístico municipal vixente.

– Da adaptación do plan á Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I.3. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 24 da Lei 10/1995, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25, á marxe de cando adecúen o plan, implica para os concellos afectados a obrigación de conceder a licenza de obras para as consecuentes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

II. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

En concordancia co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta do 1 de outubro de 1997 (DOG do 15 de novembro) e por Acordo do 5 de decembro de 2002 (DOG do 3 de xaneiro de 2003), polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, e de conformidade co establecido na Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que modifica o texto da disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, o presente proxecto sectorial cualifica expresamente de marcado carácter territorial as obras e instalacións do Parque Eólico Mondigo.

En consecuencia, non se requirirá autorización urbanística previa para as instalacións incluídas no proxecto sectorial que aprobe o Consello da Xunta de Galicia.