Encarnación Mercedes Tubío Lariño, secretaria do Xulgado do Social número 4 da Coruña, dou fe e certifico que neste xulgado se seguen autos número 1239/2012 por instancia de Manuel Naya López contra o Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a empresa Herederos de Andrés Regueiro, S.L., sobre xubilación, nos cales se ditou sentenxa o 24.3.2015 que, copiada nos particulares necesarios, di así:
Resolución:
Estímase a demanda interposta por Manuel Naya López fronte ao Instituto Nacional da Seguridade Social, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a empresa Herederos de Andrés Regueiro, S.L. e, en consecuencia, declárase que procede o incremento da base de cotización do demandante en relación coa pensión de xubilación recoñecida no período comprendido entre xuño de 2010 e marzo de 2012 ata o 100 % da contía que correspondería á xornada anterior á xubilación parcial, condenando a entidade xestora a estar e pasar por tal declaración, fixando a base reguladora da prestación de xubilación en 1.512,04 euros, con aboamento dos atrasos correspondentes.
Notifíquese a presente resolución ás partes, facéndolles saber que contra ela non cabe recurso de suplicación por razón da contía, sen prexuízo dos demais motivos previstos no artigo 191 da LRXS.
A competencia para coñecer o recurso de suplicación corresponderá, se é o caso, ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, debendo anunciarse este neste xulgado no prazo dos cinco días seguintes á notificación desta resolución, abondando a manifestación da parte ou do seu avogado, graduado social ou representante dentro do indicado prazo.
Se o recorrente non goza do beneficio de xustiza gratuíta deberá, ao tempo de anunciar o recurso ter consignado a cantidade obxecto de condena, así como o depósito de 300 euros na conta de depósitos e consignacións que ten aberta este xulgado, facendo constar no ingreso o número de procedemento.
Así o acorda, manda e asina, Nicolás E. Pita Lloveres, maxistrado do Xulgado do Social número 4 da Coruña.
E para que conste, para os efectos da súa publicación no Diario Oficial de Galicia co fin de que sirva de notificación en forma á empresa Herederos de Andrés Regueiro, S.L. expido e asino o presente edicto.
A Coruña, 1 de abril de 2015
A secretaria xudicial