Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 15 de abril de 2015 Páx. 14468

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 1 de abril de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas destinadas ás explotacións porcinas que xestionaban os seus xurros no Centro Tecnolóxico Ambiental ata o seu peche e se convocan para o ano 2015.

Nos últimos anos, a evolución do sector porcino conduciu a un proceso importante de intensificación nos sistemas de produción que permitiu mellorar o rendemento das explotacións de porcino e lograr unha competitividade en constante aumento. Con todo, este desenvolvemento é inseparable dun incremento nos subprodutos xerados nas explotacións porcinas, que se revela como o principal factor limitante do crecemento deste sector. Os estercos resultantes da actividade gandeira representan un perigo potencial para o ambiente, con problemas vinculados á emisión de gases á atmosfera, a contaminación das augas e o exceso de nitróxeno e de fósforo asimilable nas superficies agrícolas.

O desenvolvemento de políticas tanto a nivel autonómico e nacional como comunitario, en materia de protección ambiental e o impulso de prácticas agrarias compatibles coa contorna natural, son o reflexo dunha preocupación social crecente pola conservación e sustentabilidade do ambiente.

Neste sentido, o Real decreto 324/2000, do 3 de marzo, polo que se establecen normas básicas de ordenación das explotacións porcinas, recolle unha serie de exixencias en materia de utilización de estercos e establece os procedementos para a súa xestión, co fin de ofrecer suficientes garantías ambientais.

Ante a recente situación de peche das plantas de secado de xurros como consecuencia da publicación da Orde IET/1045/2014, do 16 de xuño, pola que se aproban os parámetros retributivos das instalacións tipo aplicables a determinadas instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeneración e residuos, os gandeiros de Galicia que trasladaban o xurro das súas explotacións a esta planta deben cambiar o seu sistema de xestión.

Neste contexto, resulta necesario aproveitar todos os medios dispoñibles para paliar o impacto do peche da planta subvencionando unha parte do custo do transporte en función da distancia onde se poidan transportar estes xurros. Estas actuacións contribúen de xeito importante á reducións das emisión de contaminantes como o amoníaco. Os teitos de emisión deste composto, determinados pola Directiva 2001/81/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2001, sobre teitos nacionais de emisión de determinados contaminantes atmosféricos, poñen en evidencia a necesidade de implantar medidas que reduzan a volatilización de substancias nitroxenadas na aplicación de fertilizantes.

Polo Real decreto lei 10/2014, do 1 de agosto, concédense créditos extraordinarios a Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para financiar o desenvolvemento de actuacións en relación coa xestión alternativa dos xurros para axudas a comunidades autónomas para a xestión alternativa de xurros, por importe de 10.000.000 de euros.

As axudas previstas nesta orde sométense ao Regulamento (UE) 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, sobre a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L- 352, do 24 de decembro de 2013).

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG núm. 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG núm. 23, do 21 de marzo), de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas para subvencionar as actuacións de transporte e aplicación a campo ou por transporte a un centro de xestión de dexeccións gandeiras ou a un xestor autorizado de residuos, dos xurros das explotacións da Comunidade Autónoma de Galicia que se destinaban ás plantas de secado antes do seu peche, en réxime de rateo en virtude do establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2013, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Capítulo I
Bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á xestión dos xurros destinados ás plantas de secado antes do seu peche

Artigo 2. Definicións

1. Para efectos desta orde serán de aplicación as definicións previstas no artigo 3 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, no artigo 2 do Real decreto 324/2000, do 3 de marzo, polo que se establecen normas básicas de ordenación de explotacións porcinas, e no artigo 2 do Regulamento (CE) núm. 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (DOUE núm. 193, do 1 de xullo de 2014).

2. Ademais entenderase como:

a) Xurro ou esterco líquido: todo excremento ou ouriños de animais da especie porcina, con ou sen cama, a auga de lavado e restos de pensos, en proceso de cambio biolóxico, que son valorizados directamente no marco das explotacións agrarias.

b) Xestión: a recollida, o almacenamento, o transporte, a valorización e, se for o caso, o tratamento previo dos xurros, incluída a vixilancia destas actividades.

c) Persoa agricultora profesional, a persoa física que sendo titular dunha explotación agraria, polo menos o 50 por cento da súa renda total a obteña de actividades agrarias ou outras actividades complementarias, sempre e cando a parte de renda procedente directamente da actividade agraria non sexa inferior ao 25 por cento da súa renda total e o volume de emprego dedicado a actividades agrarias ou complementarias sexa igual ou superior á metade dunha unidade de traballo agrario.

Artigo 3. Beneficiarios e requisitos xerais

1. Poden ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras, asociacións de defensa sanitaria, agrupacións de produtores, cooperativas, agrupacións de xestión de xurros, sociedades agrarias de transformación, comunidades de bens e outras entidades que sexan titulares dunha explotación porcina, e que en relación co transporte e aplicación dos xurros producidos na súa explotación entregasen os xurros xerados nela á planta de tratamento de secado antes do seu peche e que cumpran os seguintes requisitos xerais:

a) Non terán a consideración de empresa en crise. No caso de empresas intermedias, a consideración de empresa en crise efectuarase de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01), considerándose que unha empresa intermedia está en crise se concorre polo menos unha das circunstancias a que se fai referencia no punto 20, letras a), b), c) e d) das ditas directrices. Mentres que no caso das pequenas ou medianas empresas, aquelas que entren dentro da categoría de empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, número 18) do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

b) Non poderán ser beneficiarias as persoas que se atopen nas circunstancias sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG núm. 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia. Esta condición poderá xustificarse nos termos sinalados no número 7 deste artigo.

c) Estar inscritas en estado de alta no rexistro de explotacións gandeiras previsto no artigo 3.3 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, como explotación de produción e reprodución, así como dispor do correspondente libro de rexistro debidamente actualizado.

d) Achegar declaración responsable de que se cumpre a normativa sectorial mínima correspondente en materia de ordenación, benestar, identificación, sanidade animal, ambiente e hixiene.

e) Dispor das instalacións de almacenamento de xurros necesarias e de acordo coa normativa vixente, en particular co Real decreto 324/2000, do 3 de marzo, polo que se establecen normas básicas de ordenación de explotacións porcinas.

f) Cumprir os requisitos para a consideración de peme conforme o anexo I do Regulamento (CE) núm. 702/2014, da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado.

g) Achegar declaración do beneficiario sobre calquera outra axuda de minimis recibidas durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso (artigo 6.1 do Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro).

h) Achegar declaración doutras axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución (para os mesmos gastos subvencionables) das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 4. Actividades subvencionables

Poderán ser obxecto de financiamento as seguintes actividades:

Axudas destinadas a subvencionar o transporte temporal e aplicación dos xurros porcinos a que se refire o artigo 1.

1. Poderanse transportar e aplicar como máximo os metros cúbicos e o seu equivalente en kg de nitróxeno que o gandeiro tiña contratado coa planta de secado de xurros. Este transporte poderase realizar desde a data de presentación da solicitude e como máximo ata o 31 de decembro de 2015.

2. A distancia mínima entre a explotación gandeira e a parcela onde se apliquen os xurros para que o transporte sexa unha actuación subvencionable deberá ser de 20 km e deberán ser parcelas que no momento de realizar a aplicación non se atopen incluídas en ningún plan de xestión de dexeccións gandeiras.

3. Poderanse transportar ata un centro de xestión de dexeccións ou a unha instalación de tratamento de residuos como máximo os metros cúbicos e o seu equivalente en kg de nitróxeno que o gandeiro tiña contratado coa planta de secado de xurros.

Artigo 5. Contía das axudas

Contías das axudas para aplicar ás diferentes liñas:

No caso das axudas ao transporte e aplicación en campo dos xurros a que se refire o artigo 1.a):

• 0,088 euros/t e km por distancias superiores a 20 km.

• Estas axudas sométense ao Regulamento (UE) 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, segundo o cal o total de axudas de minimis concedidas a unha persoa beneficiaria non poderá exceder os 15.000,00 euros brutos durante o exercicio fiscal en curso e os dous exercicios fiscais anteriores, e sen que se incremente o limiar establecido polo Estado membro.

Artigo 6. Documentación que se presentará na solicitude de axuda

1. Para solicitar a axuda do procedemento MR571A, presentarase a seguinte documentación:

a) Anexo I (procedemento MR571A).

b) Copia do DNI do solicitante da axuda, só no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta de datos do DNI no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (en diante SVDI).

c) Para as persoas xurídicas, escritura ou documento de constitución ou modificación, e NIF da entidade solicitante e do DNI do representante da entidade, só no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta de datos do DNI e NIF no SVDI, xunto coa acreditación da súa representatividade.

d) Copia dos estatutos da entidade.

e) Copia da declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico.

f) Con respecto ao transporte e aplicación dos xurros, acreditación mediante unha declaración responsable asinada polo gandeiro e o agricultor que conteña polo menos a referencia Sixpac das parcelas previstas, a data aproximada de aplicación, a distancia e a cantidade prevista que se aplicará. No caso de que as parcelas sexan do mesmo titular da explotación gandeira, a declaración só irá asinada por este, pero deberá conter a mesma información.

g) Cando o transporte sexa cara a un xestor de residuos, documentación que acredite que se realizará a entrega, en que figuren os m3 que se entreguen.

h) No caso de entidades asociativas, copia cotexada ou certificación da acta da reunión do órgano de dirección da entidade solicitante, segundo o modelo do anexo II, na cal se:

1) Aproba realizar as accións para as cales se vai pedir a subvención.

2) Acorda solicitar a subvención.

3) Autoriza a persoa encargada dos trámites.

i) Certificacións, segundo o modelo do anexo III, sobre os seguintes aspectos:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

c) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas.

l) Declaración do beneficiario, segundo o modelo do anexo IV, de que a explotación cumpre a normativa sectorial mínima en materia de ordenación, benestar, identificación, sanidade animal, ambiente e hixiene segundo a relación do anexo VII.

Artigo 7. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude de axuda, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No caso de que algún dos documentos vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante supera os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Estas certificacións son:

a) No caso da Axencia Estatal da Administración Tributaria: certificado de estar ao día de débedas previamente á aprobación e pagamento da axuda concedida, e certificado de ingresos agrarios nas declaracións do IRPF dos últimos cinco anos presentadas polo/a solicitante durante todo o período de compromisos establecido no artigo 4.2.a).

b) No caso da Tesouraría Xeral da Seguridade Social: certificado de estar ao día de débedas previamente á aprobación e pagamento da axuda concedida e informe de vida laboral actualizado durante todo o período de compromisos.

c) No caso da Consellería de Facenda e Administracións Públicas: certificado de estar ao día de débedas previa á aprobación e pagamento da axuda concedida.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Tramitación e resolución

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. A resolución do procedemento corresponderá ao secretario xeral do Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, por proposta da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, logo da avaliación das solicitudes polo órgano colexiado, que estará presidido polo subdirector xeral de Explotacións Agrarias, e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario. Posteriormente serán notificadas as persoas interesadas.

2. O prazo para resolver e notificar as subvencións será de 2 meses desde a publicación desta orde. Se, transcorrido o prazo para resolver, ao interesado non lle é notificada a resolución, entenderase desestimada por silencio negativo.

3. Na resolución aprobatoria indicarase o prazo de execución dos investimentos aprobados.

Artigo 10. Xustificantes do gasto dos investimentos

1. A xustificación do gasto presentarase prioritariamente no rexistro central da Xunta de Galicia, Edificio Administrativo s/n, Santiago de Compostela, dirixida á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, segundo o modelo do anexo V.

2. Os investimentos xustificaranse ata o 15 de decembro de 2015, inclusive.

3. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor dos beneficiarios, unha vez que acrediten debidamente as actividades realizadas, de acordo co que se especifica para esta liña de axudas no texto desta orde e na pertinente resolución de concesión.

4. As facturas orixinais ou as súas copias compulsadas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil con eficacia administrativa que xustifiquen os gastos e investimentos realizados, irán acompañadas da transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento orixinal ou cotexado que acredite fidedignamente o seu pagamento efectivo.

5. Coa resolución de concesión das subvencións que se regulan nesta orde poderase solicitar a documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

6. A consellería comprobará que a solicitude de pagamento cumpre os requisitos para aboar a subvención concedida.

7. O importe final das axudas concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes e documentación que se presente ao respecto, unha vez descontado o IVE. Se os gastos totais xustificados son inferiores aos orzamentados e admitidos, practicarase a redución proporcional pertinente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

8. O pagamento da subvención realizarase, logo de xustificación polo beneficiario, nos termos recollidos neste artigo. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG núm. 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

9. O beneficiario deberá xustificar o investimento conforme o establecido na resolución de concesión e solicitar o correspondente pagamento da axuda, segundo modelo do anexo VI.

Artigo 11. Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda.

2. As persoas solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas.

3. Así mesmo, coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 12. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, as persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, sempre que non exceda o prazo establecido para a realización da actividade.

2. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade.

Artigo 14. Reintegro das axudas

1. Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora producidos desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, que a desenvolve, tendo en conta as excepcións contidas. Os xuros de mora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

Procederá o reintegro nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos investimentos subvencionados.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Non procederá o reintegro das axudas percibidas cando o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos ao beneficiario sexa debido a algunha das seguintes causas de forza maior:

a) Falecemento do beneficiario.

b) Longa incapacidade profesional da persoa beneficiaria.

c) Expropiación dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día en que se subscribiu o compromiso.

d) Catástrofe natural grave que afecte considerablemente as terras da explotación.

e) Destrución accidental dos edificios para o gando da explotación.

f) Epizootia que afecte a totalidade ou unha parte do gando do/a produtor/a.

A persoa beneficiaria ou o seu habente causa notificará por escrito á Secretaria Xeral do Medio Rural e Montes os casos de forza maior ou as circunstancias excepcionais, presentando as probas suficientes no prazo dos dez días hábiles seguintes á data en que a persoa beneficiaria ou o seu habente causa estea en condicións de facelo.

Artigo 15. Recursos administrativos

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou na respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das declaracións responsables, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como o de informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo:

Consellería do Medio Rural e do Mar/Secretaría Xeral Técnica

Edificio administrativo San Caetano

San Caetano s/n

15781 Santiago de Compostela (A Coruña)

ou a través dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es .

Capítulo II
Convocatoria 2015

Artigo 17. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2015 as axudas establecidas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as establecidas, con carácter xeral, nesta orde.

Artigo 18. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 19. Financiamento das axudas

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia:

12.22.713E 770.0 (CP 2010-01188) na cal existe crédito adecuado para o ano 2015, de cento setenta e oito mil seiscentos sesenta e un euros (178.661 €).

2. A cantidade do número anterior correspóndese cos compromisos dos expedientes que se aprobarán nesta convocatoria.

Disposición adicional primeira. Normativa subsidiaria

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións necesarias para a aplicación desta orde, as cales serán publicadas na web da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII
Aspectos relacionados co cumprimento das normas ambientais
de hixiene e benestar dos animais exixibles

1. Normas mínimas de ambiente, hixiene e benestar dos animais exixibles ás entidades beneficiarias.

a) As explotacións con actividade gandeira obxecto de auxilio deberán levar a efecto as accións sanitarias derivadas dos plans oficiais de profilaxe e loita contra enfermidades, establecidas ou que se establezan no futuro, de acordo co previsto na Lei 8/2003, de sanidade animal, e normativa que a desenvolve.

b) As explotacións con actividade agrícola obxecto de auxilio deberán levar a efecto as accións sanitarias derivadas dos plans oficiais de profilaxe e loita contra os axentes nocivos, establecidos ou que se establezan no futuro, de acordo co previsto na Lei 43/2002, de sanidade vexetal, e a normativa que a desenvolve.

2. Outras normas de aplicación:

2.1. Normas ambientais.

2.1.a) Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

2.1.b) Real decreto 1997/1995, polo que se establecen medidas para contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitat naturais e da fauna e flora silvestre (Directiva 92/43 CE).

2.1.c) Lei 10/1998, sobre residuos (Directiva 91/156/CEE).

2.1.d) Real decreto 261/1996, sobre protección contra a contaminación por nitratos procedentes de fontes agrarias (Directiva 91/676/CE).

2.2. Normas de hixiene e benestar dos animais.

2.2.a) Real decreto 348/2000, do 10 de marzo, relativo á protección dos animais en explotacións gandeiras (Directiva 98/58/CE).