Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 15 de abril de 2015 Páx. 14438

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 1 de abril de 2015 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, para a contratación temporal de persoas beneficiarias do Programa de activación para o emprego, e se procede á convocatoria para o ano 2015.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e mais o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Traballo e Benestar asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde pois, á Consellería de Traballo e Benestar para o exercicio orzamentario 2015, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia Europea para o Emprego, o Programa nacional de reformas, a Estratexia Española de Emprego (2014-2016) e do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE), e no eido da colaboración institucional e o Diálogo Social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

Para a Xunta de Galicia o emprego constitúe unha das súas principais preocupacións e o centro de atención das diferentes medidas postas en marcha en materia de políticas activas de emprego. Resultan particularmente necesarias medidas de activación para o emprego que contribúan a reducir o tempo que os traballadores pasan en situación de desemprego e faciliten o seu retorno ao mundo laboral.

O pasado día 15 de decembro o Goberno do Estado e os Interlocutores Sociais asinaron o Acordo sobre o Programa extraordinario de activación para o emprego, co obxectivo de facilitar a reinserción laboral das persoas desempregadas de longa duración con cargas familiares e con maiores dificultades de colocación e cun contido específico de orientación, formación, recualificación e/ou recoñecemento da experiencia laboral, xunto a unha medida de protección, a través dunha axuda económica que lles acompañe durante a súa duración e que lles permita o mellor aproveitamento posible das medidas de activación que se deseñen para dar resposta ás súas necesidades específicas.

Este acordo concrétase coa publicación do Real decreto lei 16/2014, do 19 de decembro, polo que se regula o Programa de activación para o emprego (BOE núm. 307, do 20 de decembro) e se configura como un programa específico y extraordinario de carácter temporal, dirixido a persoas desempregadas de longa duración.

Pola súa banda, en Galicia, a Xunta de Galicia e os Interlocutores Sociais presentes no Diálogo Social en Galicia - Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia) e o Sindicato Nacional de Comisiones Obreiras de Galicia (SN de CC.OO de Galicia) - conscientes da situación na que se atopan as galegas e galegos que forman parte destes colectivos especialmente afectados pola dificultade de volver a acceder a un emprego, ou mesmo pola falta de oportunidades para acceder ao seu primeiro posto de traballo, están dispostos a acordar un conxunto de actuacións concretas que acompañen e complementen o Programa de garantía xuvenil e o de activación para o emprego, de maneira que se procure e posibilite que o efecto destas medidas en Galicia sexa, se cabe, máis rápido, eficaz e profundo, asinando con data do 14 de xaneiro de 2015, un acordo sobre as liñas básicas para o desenvolvemento en Galicia do Programa de garantía xuvenil e do Programa extraordinario de activación para o emprego.

Entre a batería de actuacións acordadas figura a medida prevista na presente orde, que regula a convocatoria de subvencións ás entidades sen ánimo de lucro, especialmente aquelas que teñan experiencia na realización de accións de información, orientación e inserción ou reinserción laboral, para a contratación temporal de persoas desempregadas beneficiarias do Programa de activación para o emprego, mediante a realización de servizos de interese xeral e social, co obxectivo de proporcionarlles a oportunidade de traballar e a adquisición de experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Para este programa establécese o uso e a aplicación, de maneira exclusiva, de medios telemáticos de cara a tramitar e presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia creada polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que establece o marco de desenvolvemento da Administración electrónica na Administración pública galega, como canle principal de relación do cidadán coa Administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos. Esta exixencia leva consigo a necesaria obtención por parte dos representantes legais das entidades, cando non dispoñan deles, do DNI electrónico ou certificado electrónico de persoa física da FNMT.

Por outra banda, establécense unha serie de requisitos e condicionantes que tratan de obxectivar máis, se cabe, a tramitación e concesión das axudas. Así, introdúcense uns requisitos obxectivos, a partir de cuxo cumprimento se presume que as entidades solicitantes dispoñen da capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos.

As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación 11.03.322A.481.0 polo importe global de 2.000.000 de euros, contida na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Finalmente, cómpre subliñar que as axudas reguladas nesta orde, poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa operativo adaptabilidade e emprego PO 2007 ES 05U PO 001, para o período 2007-2013.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas beneficiarias do Programa de activación para o emprego regulado polo Real decreto lei 16/2014, do 19 de decembro (BOE nº 307, do 20 de decembro), para a realización de servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento destes programas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2015 a través dos créditos consignados na aplicación 11.03.322A.481.0, código de proxecto 2015 00 489, polo importe global de 2.000.000 de euros.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para ser beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.

b) Dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.

3. Para os efectos do disposto na letra b) do parágrafo anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:

a) Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sé social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgaran a escritura de constitución e/ou dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

b) Que sexan titulares dun contrato de telefonía fixa no citado local.

c) Que tiveran contratado por conta allea por máis de seis meses algún traballador ou traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.

4. Para os efectos do disposto na letra b) do parágrafo segundo e sen prexuízo do inicio das actuacións administrativas que correspondan, de conformidade co disposto na orde de convocatoria que en cada momento resulte de aplicación e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, presumirase que as entidades non dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que por mor de denuncias ou reclamacións escritas, se teña constancia do incumprimento por parte da entidade solicitante da obriga de satisfacer ao seu vencemento, as obrigas económicas derivadas do funcionamento dos servizos subvencionados en exercicios anteriores, especialmente as de carácter salarial.

b) Que non tivesen presentado a documentación xustificativa prevista no artigo 16 .2.II.c), en relación co cofinanciamento das axudas polo Fondo Social Europeo, correspondente ás subvencións para o fomento do emprego dos programas de cooperación en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de traballadores desempregados, así como axentes de emprego e/ou unidades de apoio, de exercicios anteriores.

Artigo 4. Requisitos dos servizos que se van prestar

Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade dos traballadores e traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais das persoas desempregadas que se van contratar.

c) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa de 6 meses e a xornada a tempo completo.

Artigo 5. Subvención: contía

1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias por realizar as contratacións consistirá nunha contía por cada unha delas, calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas que se van contratar, nos termos previstos no parágrafo seguinte.

2. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social, conforme á seguinte escala:

Para o grupo de cotización 1: 2.175 €.

Para o grupo de cotización 2: 1.963 €.

Para o grupo de cotización 3: 1.935 €.

Para o grupo de cotización 4: 1.875 €.

Para o grupo de cotización 5: 1.756 €.

Para o grupo de cotización 6: 1.732 €.

Para o grupo de cotización 7: 1.637 €.

Para o grupo de cotización 8: 1.576 €.

Para o grupo de cotización 9: 1.512 €.

Para o grupo de cotización 10: 1.488 €.

3. Da subvención concedida para os custos salariais, no momento do pagamento descontarase a cantidade correspondente á axuda económica mensual prevista no Programa de activación para o emprego pendente de percibir e mentres coexistan a percepción da axuda e a contratación subvencionada pola presente orde.

4. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais elixibles, o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

5. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.

6. O importe das subvencións reguladas nesta orde, en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. Para poder ser entidade beneficiaria das axudas reguladas nesta orde, deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que, a título exclusivamente informativo, figuran como anexos desta orde, que irán acompañados da documentación a que se fai referencia no artigo 7 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de formalización electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato: pdf, odt, ods, xls, docx, xisx, jpg, jpeg, png, tiff e bmp).

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

6. Só poderá presentarse unha solicitude por cada entidade. En caso de presentación de varias só se terá en conta a última presentada, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.

Artigo 7. Documentación

1. Xunto co formulario de solicitude, deberá anexarse a seguinte documentación que, nos casos recollidos no número 2 do artigo seguinte, poderaa identificar o solicitante como información accesible de xeito que a Dirección Xeral de Emprego e Formación poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada pola entidade solicitante:

a) Copia da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante en vigor. No caso de que se autorice a súa verificación a través do servizo de interoperabilidade correspondente no formulario de solicitude, non será necesaria a súa achega.

b) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine a dita representación.

c) Copia da escritura pública e/ou dos estatutos de constitución vixentes da entidade solicitante nos cales resulte acreditada a ausencia de ánimo de lucro.

d) Memoria global dos servizos que se van realizar co detalle do perfil das persoas desempregadas que se pretenden contratar, no modelo que se publica como anexo II.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os extremos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) A ausencia de ánimo de lucro.

c) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

d) O cumprimento dos requisitos previstos para obter a condición de entidade beneficiaria da subvención a que se refire o número 2 do artigo 3 da convocatoria, relativos á súa capacidade técnica e de xestión.

e) A disposición de financiamento suficiente para financiar os custos do proxecto que terán que ser asumidos pola entidade, de ser o caso.

f) Que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Dirección Xeral de Emprego e Formación, logo de petición, a documentación acreditativa dos extremos a que se refire a presente declaración responsable.

g) Que as copias dos documentos sinalados nas letras a) e c) do apartado anterior coinciden cos orixinais, poñéndose á disposición da Administración actuante para aportar estes cando se lle requira.

3. Se do exame do expediente se comprobase que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, terase por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Dirección Xeral de Emprego e Formación; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer perante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou no seguinte enderezo electrónico: sx.traballo.benestar@xunta.es .

Artigo 10. Procedemento

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas de Cooperación da Dirección Xeral de Emprego e Formación.

3. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión de Valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, no que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as propostas de resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Aqueles expedientes dos que nas primeiras fases non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación, non se considerarán desestimados e teranse en consideración polo órgano instrutor en futuras propostas de concesión de conformidade co informe da Comisión de Valoración.

Para estes efectos, a Comisión de Valoración estará composta pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Emprego, que a presidirá e, como vogais, polas persoas responsables da Xefatura de Servizo de Programas de Cooperación e unha persoa adscrita ao dito servizo, que realizará as funcións de secretaría.

Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto sexa designada polo órgano competente para resolver.

4. Dos proxectos presentados polas entidades que cumpran os requisitos sinalados no artigo 4 farase unha avaliación para o outorgamento da correspondente subvención, tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) O ámbito sectorial das entidades solicitantes segundo os fins recollidos nos seus estatutos e en relación co contido do servizo que se vai realizar, ata 15 puntos, de acordo coas seguintes pautas:

• As confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia con experiencia na realización de accións de información, orientación e inserción ou reinserción laboral: 15 puntos.

• As asociacións sen ánimo de lucro de carácter socio-laboral con experiencia na realización de accións de información, orientación e inserción laboral: 10 puntos.

• O resto de asociacións sen ánimo de lucro con experiencia na realización de accións de información, orientación e inserción laboral: 5 puntos.

b) Que teñan un ámbito de actuación superior ao municipal, ata 10 puntos:

• As entidades de ámbito autonómico, 10 puntos.

• As entidades de ámbito pluriprovincial, 7 puntos.

• As entidades de ámbito provincial, 5 puntos.

• As entidades de ámbito comarcal, 2 puntos.

• As entidades de ámbito municipal, 1 punto.

c) Experiencia da entidade solicitante na xestión de programas de promoción ou fomento do emprego: ata 10 puntos. Valoraranse as actuacións levadas a cabo pola entidade na xestión de programas de promoción ou fomento do emprego e os obxectivos acadados, así como a antigüidade de constitución da entidade en máis de 3 anos á data de publicación da convocatoria. No caso daquelas entidades que participaron en convocatorias de axudas e subvencións de programas de cooperación institucionais para contratación de traballadores desempregados, terase en conta a xestión e execución dos proxectos subvencionados, puntuando negativamente unha mala xestión por parte da entidade, que restará ata 5 puntos.

Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia aquelas solicitudes nas que se utilice a lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

5. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 35 puntos, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración anteriores e adxudicar, co límite fixado na disposición adicional primeira dentro do crédito dispoñible sinalado no parágrafo segundo do artigo 2 , aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios.

6. O órgano instrutor poderá modificar á baixa na proposta de resolución o número máximo de persoas traballadoras e o tempo que se van subvencionar, segundo entenda xustificado adecuadamente o obxecto e necesidade do proxecto, así como as funcións que se van levar a cabo polos traballadores ou traballadoras e o número de persoas e colectivos beneficiarios.

Artigo 11. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación, que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada por delegación da persoa responsable da Consellería de Traballo e Benestar.

2. O prazo de resolución e notificación será de cinco meses contados a partir do remate do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, a referencia ao posible cofinanciamento do 80 % da axuda polo Fondo Social Europeo a través do Programa operativo adaptabilidade e emprego 2007-2013 (2007ES05UP001), a data límite de realización de todas as contratacións, o tempo de realización do servizo, a contía da subvención que se vai outorgar, e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento.

4. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, no prazo dun mes computado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou presentar directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

5. Os incrementos de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, destinarase á concesión de subvencións, se é o caso, para aqueles servizos que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Traballo e Benestar e no rexistro de subvencións de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras

1. Os traballadores e as traballadoras que sexan contratadas para a realización dos servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego e beneficiarias do Programa de activación para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no do inicio da relación laboral.

Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento do inicio da relación laboral, a persoa seleccionada estea desempregada e inscrita no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandante de emprego.

2. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores e as traballadoras que se necesiten mediante a presentación de oferta específica do Programa de contratación de beneficiarios do Programa Activa na oficina pública de emprego, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e características que deben reunir os traballadores e traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo Nacional de Ocupacións –CNO– a 8 díxitos, de conformidade cos seguintes principios xerais:

a) A oferta na súa formulación non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación.

b) Poderán admitirse como criterios de emparellamento os relativos á experiencia profesional, a titulación, formación e outro tipo de coñecementos, sempre que estean xustificados no expediente de solicitude e sexan coherentes coa resolución de concesión, para o que deberán achegar á oficina a resolución e os anexos de concesión da subvención.

c) As ofertas deberán presentarse necesariamente na oficina pública de emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo do posto ofertado. Cando unha entidade dispoña de centros de traballo que se correspondan co ámbito territorial de máis dunha oficina de emprego, excepcionalmente e coa autorización expresa da Dirección Xeral de Emprego e Formación, logo de solicitude debidamente argumentada, poderá concentrar a tramitación de todas as ofertas na oficina á que lle correspondan máis postos de traballo ofertados.

d) A ocupación ou ocupacións solicitadas deberán corresponder á mesma familia que as ocupacións indicadas no expediente de solicitude.

e) Con carácter xeral, as entidades deberán presentar as ofertas cunha antelación mínima de 15 días hábiles á data prevista para realizar as correspondentes contratacións. No caso das axudas concedidas no último trimestre do ano presentaranse coa suficiente antelación para que as oficinas de emprego poidan tramitalas.

3. Recibida a oferta realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado, proporcionando, de ser posible, o número de persoas candidatas por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que non poderá ser inferior a dúas nin superior a dez.

A remisión de novos candidatos só procederá cando a entidade xustifique documentalmente a súa necesidade por incumprimento dos requisitos da oferta ou por rexeitamento voluntario ou incomparecencia dos remitidos.

4. As persoas candidatas serán remitidas á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego.

Artigo 13. Contratación dos traballadores e traballadoras

1. Efectuada a selección das persoas traballadoras na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social. A duración dos contratos terá que ser de 6 meses e os ditos contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución concedente da subvención, e en todo caso, dentro do exercicio 2015.

2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Dirección Xeral de Emprego e Formación poderá autorizar o inicio dos servizos con posterioridade ao devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

3. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

4. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores e traballadoras seleccionados/as deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través do aplicativo CONTRAT@, agás no caso de entidades de menos de 5 traballadores, que poderán facelo a través deste aplicativo ou ben por escrito.

5. Para a comunicación dos contratos de traballo á correspondente oficina de emprego deberán terse en conta os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas cumpran, no momento da contratación, os requisitos para ser beneficiarios destes programas.

b) Que se utilizase o modelo de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

6. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, darán lugar á revogación das axudas de conformidade co disposto no artigo 17.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

1. Nos termos establecidos no artigo 8 do Real decreto lei 16/2014, do 19 de decembro, polo que se regula o Programa de activación para o emprego, respecto á compatibilidade da percepción polo traballador da axuda económica de acompañamento e a súa contratación por conta allea, e de acordo co previsto no artigo 5.3 desta orde, descontarase da subvención concedida a axuda económica de acompañamento a percibir polo traballador durante a vixencia do contrato subvencionado.

2. O aboamento da subvención para a contratación das persoas traballadoras desempregadas farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión:

a) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos contratos de traballo, na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, formalizados e debidamente comunicados.

b) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos partes de alta na Seguridade Social xunto co Informe de Datos de Cotización (IDC).

c) Orixinais ou copia compulsada do documento acreditativo do período e a contía da axuda económica recoñecida ou da Resolución do Servizo Público de Emprego estatal recoñecendo a admisión ao Programa e o pagamento da axuda económica de acompañamento, correspondente ao Programa extraordinario de activación.

d) Un certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, en que conste:

• A formulación da correspondente oferta de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, especificando o número identificador desta e a relación nominal das persoas traballadoras desempregadas facilitadas por aquel, así como das persoas candidatas finalmente seleccionadas e contratadas.

• As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

e) Unha declaración responsable da entidade solicitante do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, no modelo que se publica como anexo III.

f) Unha fotografía do cartel informativo no que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 16.2.I.a), facendo mención expresa ao cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

g) Orixinais dos documentos de información ás persoas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo, debidamente asinados.

Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://traballo.xunta.es/programas-de-cooperacion .

3. Unha vez recibidos os fondos, a entidade beneficiaria deberá remitir á Dirección Xeral de Emprego e Formación unha certificación acreditativa da súa recepción.

Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou por convenio de aplicación lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación e asumir, de ser o caso, a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.

d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e, mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Traballo e Benestar e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ao Tribunal de Contas Europeo.

f) Comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras e os traballadores contratados, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

h) As entidades beneficiarias deberán proporcionarlle ao persoal contratado, tarxetas identificativas do servizo subvencionado, no modelo que se estableza pola Dirección Xeral de Emprego e Formación e que se publicará na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://traballo.xunta.es/carteis-informativos-programas-de-cooperacion , no que constará a colaboración da consellería e mais o cofinanciamento polo FSE. O persoal contratado deberá levalas consigo cando estea a realizar a actividade obxecto da subvención.

i) Cumprir con cantas obrigas deriven da normativa de aplicación do cofinanciamento polo FSE, de conformidade co establecido no artigo seguinte.

Artigo 16. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo

1. As axudas reguladas nesta orde poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa operativo adaptabilidade e emprego PO 2007 ES 05U PO 001, para o período 2007-2013, polo que este réxime de subvencións quedará suxeito aos seguintes regulamentos:

a) Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión e se derroga o Regulamento (CE) nº 1260/1999.

b) Regulamento (CE) nº 1081/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, relativo ao FSE e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1784/1999.

c) Regulamento (CE) nº 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) nº 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

d) Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, modificada por la Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013.

2. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE ao abeiro do Programa operativo de adaptabilidade e emprego para o período 2007-2013, mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

I. Relacionadas coas medidas de información e publicidade impostas polo Regulamento da Comisión (CE) número 1828/2006, do 8 de decembro:

a) No lugar onde se realicen os servizos deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Dirección Xeral de Emprego e Formación na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: http://traballo.xunta.es/carteis-informativos-programas-de-cooperacion , no cal constará o cofinanciamento polos Servizos Públicos de Emprego e polo Fondo Social Europeo.

b) Utilizar os documentos de información ás persoas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo no modelo normalizado na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: http://traballo.xunta.es/programas-de-cooperacion .

II. Relacionadas cos sistemas de xestión e control para dar cumprimento aos artigos 13, 14 e 15 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na presente norma:

a) As entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados polo FSE, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, ata a anualidade de 2021 e, en todo caso, durante un mínimo de tres anos a partir do peche do Programa operativo adaptabilidade e emprego 2007-2013 mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Presentar perante a Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo e Benestar, no prazo de dous meses, unha vez que teña finalizado a execución destas, a seguinte documentación:

• Unha memoria final sobre as actividades realizadas e práctica profesional adquirida polos traballadores e traballadoras contratados/as.

• Certificación acreditativa de recepción de fondos, de acordo co modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia, no enlace http://traballo.xunta.es/programas-de-cooperacion .

• Extracto bancario (orixinal ou copia compulsada) xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

• Un certificado de fin de servizo e anexos correspondentes segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia, no enlace http://traballo.xunta.es/programas-de-cooperacion .

• Copias compulsadas ou cotexadas das nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e modelo TC-2), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias necesariamente no caso das nóminas) e mais o Modelo 190 (Retencións e Ingresos á conta do IRPF) e xustificantes do seu pagamento (modelo 111 correspondentes aos trimestres no que se desenvolveu o proxecto) unha vez se dispoñan destes.

• Documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada á que se refire o punto 2.II.a) deste artigo, segundo as instrucións que se publican na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://traballo.xunta.es/cofinanciamento-fse .

d) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada ao abeiro do procedemento descrito no Modelo dos sistemas de xestión e control da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou segundo criterios baseados no risco se realicen por persoal técnico da Dirección Xeral de Emprego e Formación.

Artigo 17. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe a reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoitar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento da obriga de presentación de documentación exixida no artigo 16.2.II.c): no caso de que non se presente ningunha documentación procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se vaia reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

d) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobramento da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial ao seu vencemento: reintegro de ata un 10 % sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 16.2.I.: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada establecida no artigo 16.2.II.a): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 16.2.II.b): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario na aplicación 11.03.322A.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Dirección Xeral de Emprego e Formación as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, de conformidade co réxime disposto na disposición adicional primeira do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

Disposición adicional terceira

Por resolución da persoa responsable da Dirección Xeral de Emprego e Formación poderanse establecer os criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego e as que poidan emanar do Diálogo Social e Institucional en Galicia e a demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.

Disposición adicional cuarta

Para os efectos de que poidan ser tidas en conta na valoración de solicitudes de exercicios posteriores, as oficinas de emprego comunicarán á Subdirección Xeral de Emprego as incidencias que se poidan producir nos procesos de selección, así como a relación de entidades que non lles comuniquen os resultados da selección, de conformidade co establecido no artigo 12 .

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa responsable da Dirección Xeral de Emprego e Formación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file