Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 7 de abril de 2015 Páx. 13131

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 39/2015, do 19 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de abastecemento de auga en Cazurraque, no concello de San Cristovo de Cea.

O Concello de San Cristovo de Cea en sesión celebrada o día 4 de xullo de 2013, aprobou o proxecto de obras de abastecemento de auga en Cazurraque, no concello de San Cristovo de Cea, e na do 29 de xullo acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan o Concello e o informe do técnico provincial, preténdese dotar de abastecemento de auga potable o núcleo de Cazurraque, na parroquia de Vales. Esta xa conta con captación, rede primaria, depósito e rede de distribución, pero só esta última discorre por terreo público, atopándose o resto da infraestrutura en terreos privados.

A dita instalación ten interrompido o servizo por problemas de acceso á propiedade dos terreos polos cales discorren as canalizacións, se atopa a captación orixinaria e o depósito de auga.

O abastecemento domiciliario de auga é competencia obrigatoria dos concellos, segundo se establece nos artigos 25 e 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; e nos artigos 80 e 81 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, da Administración local de Galicia. Resulta urxente o expediente de expropiación, xa que os veciños levan máis dun ano sen este servizo e algunhas das vivendas non contan con outra alternativa de abastecemento, non existindo garantías da calidade da auga para o consumo humano.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de abastecemento de auga en Cazurraque, no concello de San Cristovo de Cea, e, unha vez ocupados os terreos necesarios, débense obter, se for o caso, as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dezanove de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza