Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 7 de abril de 2015 Páx. 13133

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 23 de marzo de 2015 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

As políticas de acción humanitaria oriéntanse á protección da vida e da dignidade humana, ademais de aliviar, diminuír e previr o sufrimento humano en situacións de crise, nas cales existe unha especial e estendida ameaza á vida, á saúde ou á supervivencia básica, que supera a capacidade de resposta dos individuos e das comunidades.

Á acción humanitaria propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de actuación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais que senten como un deber ético común o compromiso de traballar neste ámbito asumindo os principios de humanidade, imparcialidade, independencia e neutralidade.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de prestar axuda humanitaria en terceiros países. A axuda humanitaria e de emerxencia en caso de catástrofe natural, ou causada pola acción humana, foi recollida como obxectivo prioritario da cooperación exterior nesta lei e os distintos plans directores da cooperación galega para o desenvolvemento que identifican a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación, para executar de forma directa ou a través dos diferentes actores da cooperación.

No Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establécese a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicado no DOG nº 91, do 14 de maio de 2013, establécese no seu artigo 33, número 1, as competencias da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior nesta materia.

En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta orde para a concesión de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2015 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0 pola contía total de 300.000 €.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

4. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 4.4 da Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución
de proxectos de acción humanitaria no exterior (PR811A)

Artigo 1. Obxecto

1.1. O obxecto destas bases é a regulación da concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior.

1.2. Enténdense por proxectos de acción humanitaria, consonte a iniciativa da boa doazón humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises –provocadas por seres humanos ou por desastres naturais–, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.

A acción humanitaria debe guiarse polos principios de humanidade, imparcialidade, neutralidade e independencia.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

2.1. Poderán optar a esta subvención as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria ou que demostren contrastada experiencia neste sector.

2.2. Poderán ter acceso á subvención as agrupacións de entidades.

Artigo 3. Requisitos das entidades solicitantes

3.1. Requisitos das entidades solicitantes:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento (sección A: Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento) polo menos cun ano de antelación ao de publicación da convocatoria.

b) Ter xustificadas, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, as axudas recibidas para a anualidade 2012 e anteriores, por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos de acción humanitaria ou cooperación para o desenvolvemento. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que sobre os beneficiarios de axudas económicas se ditase resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non estar incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) No caso de agrupación de entidades, todas elas deberán cumprir os requisitos anteriores. As entidades agrupadas asumen a responsabilidade conxunta do proxecto e designarán un domicilio único e unha cabeza de agrupación, tanto para os efectos de notificacións administrativas coma de interlocución coa Administración. A porcentaxe de participación de cada entidade no proxecto, así como os dereitos e obrigas de cada unha delas, determinaranse nun convenio ou acordo de colaboración que deberán xuntar cando se presente a documentación de solicitude. Neste convenio ou acordo de colaboración deberá sinalarse que cada unha das entidades asume a responsabilidade directa pola súa porcentaxe de participación e subsidiaria pola totalidade do proxecto.

Non se considera agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación e a federación a que pertenza a dita asociación ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

e) A entidade solicitante poderá presentar un máximo de dous proxectos individuais ou en agrupación.

3.2. Requisitos dos proxectos.

a) Ter unha duración máxima de 12 meses, rematará a súa execución antes do 31 de decembro do 2015 e poderá estar iniciado desde o 1 de xaneiro do 2015.

b) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, e constará expresamente o seu compromiso co proxecto. Poderá considerarse como socio local a propia ONGD en terreo, sempre e cando estea legalizada no país de actuación.

c) Que o proxecto estea deseñado para responder a necesidades humanitarias priorizando a poboación con base na súa vulnerabilidade, sen que se discrimine por razón de raza, sexo, relixión, cultura ou orixe.

d) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 6 «gastos do proxecto» desta convocatoria.

e) A achega do resto dos financiadores do proxecto (excluída a Xunta de Galicia) non pode ser ao 100 % valorizados.

Artigo 4. Solicitude

4.1. A solicitude da subvención presentarase de acordo co modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras (no caso de presentarse por correo, o envío deberá ser certificado e co selo na primeira folla deste anexo). De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na páxina web
www.cooperaciongalega.org.

4.2. Á citada solicitude xuntaranse os documentos de formulación do proxecto (técnico e económico) segundo os modelos oficiais, en formato orixinal e electrónico. Estes formatos poderán descargarse da páxina web www.cooperaciongalega.org.

4.3. A documentación que é necesario presentar xunto cos documentos de formulación, que en caso de agrupación de entidades se deberá achegar de cada unha das agrupadas, é:

a) Certificación da secretaría da entidade en Galicia acreditativa da vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con indicación do número de inscrición no dito rexistro.

No caso de que calquera documento dos recollidos nesta epígrafe carecese de vixencia no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, farase indicación expresa sobre el e achegarase, debidamente compulsado, o dito documento, co obxecto de ser incorporado de oficio ao rexistro.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade en que se especifiquen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade, segundo o modelo que figura como anexo II.

c) Copia das contas anuais da entidade solicitante e do seu socio local (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade, a ser posible en formato dixital.

d) Memoria da organización solicitante e do seu socio local en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención dos proxectos de acción humanitaria levados a cabo nos anos anteriores financiados por entidades galegas, públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona do proxecto que se presenta e das persoas beneficiarias, ou daquelas realizadas noutras zonas pero no mesmo sector de actuación, a ser posible en formato dixital.

e) Plan/estratexia da entidade solicitante e do seu socio local para os seguintes anos na cal se enmarca o proxecto presentado, a ser posible en formato dixital.

f) Cando varias entidades se agrupen para a realización dun proxecto, deberán xuntar o convenio ou acordo de colaboración asinado entre os seus representantes legais, así como o documento da designación do representante común.

4.4. Consonte o establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, a falta de documentación e/ou información solicitada impedirá a avaliación do proxecto, se non se procedese á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 11.1 da presente orde. Quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos que impliquen unha elaboración propia por parte da entidade solicitante, isto é, aqueles previstos nas letras d) e e) e os documentos normalizados do proxecto.

Así mesmo, a presentación da solicitude en modelo distinto do establecido para esta convocatoria (anexo I), a manipulación dos documentos de formulación normalizados ou o emprego dun documento que non sexa o adaptado á presente convocatoria conducirá á exclusión e non avaliación do proxecto.

4.5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 5. Condicións de financiamento

5.1. Poderase financiar ata un 95 % do orzamento total do proxecto. A subvención concedida non superará en ningún caso os 70.000 euros.

5.2. Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

Artigo 6. Gastos do proxecto

6.1. Gastos subvencionables:

1. Serán gastos subvencionables os custos directos e indirectos.

2. Entenderanse como custos directos aqueles imprescindibles para a posta en marcha do proxecto, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos. Para os efectos da concesión da axuda teranse en conta:

a) Alugamento de inmobles, tales como salas, estancias ou bodegas, para o desenvolvemento de capacitacións, e outras actividades imprescindibles para a adecuada execución do proxecto. Non se imputarán nesta partida os gastos de alugamento da vivenda do persoal expatriado nin dos locais ou sedes da entidade solicitante ou socio local. O alugamento dos locais da entidade solicitante en terreo ou do socio local imputaranse na partida de funcionamento.

b) Materiais consumibles: considéranse aqueles que se consomen en prazos inferiores a un ano, tales como: material de primeira necesidade para a saúde, a hixiene, o acubillo, utensilios de cociña, materiais médico-sanitarios, material de escritorio, material informático, material de formación, reprografías e imprenta, reparacións e mantemento de maquinaria, así como os gastos de transporte seguro, envío, desaduanaxe e almacenaxe seguro deles.

Tamén se inclúe o aluguer de maquinaria e ferramentas necesarias para a execución da intervención.

c) Persoal. Para os efectos desta norma entenderase:

Persoal expatriado: aquel persoal da entidade española sometido á lexislación española que presta os seus servizos no país ou rexión onde se executa a intervención obxecto da subvención e cuxas funcións e tarefas están directamente relacionadas con aquela.

Persoal local: aquel persoal sometido á lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto de subvención e no cal presta os seus servizos, de acordo co réxime laboral correspondente ás súas funcións e desempeño. As súas funcións e tarefas están directamente relacionadas coa intervención.

Incluirase nesta epígrafe a fórmula de «diñeiro por traballo» (cash for work en inglés) no caso de que o proxecto a inclúa como modalidade de traballo.

Persoal en sede: aquel da entidade en Galicia sometido á lexislación española que presta os seus servizos en Galicia, con independencia de que por razón das súas funcións teña que desprazarse aos países de execución ocasional ou regularmente, e cuxas funcións e tarefas están imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención.

En todos os casos a imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación.

A entidade solicitante deberá recorrer na medida do posible aos recursos humanos locais.

Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención, así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao. No caso de imputar como gasto as pagas extras, estas deberán computarse en proporción aos meses que o persoal está imputado ao proxecto.

O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar o 70 % do orzamento total do proxecto.

d) Servizos técnicos e profesionais requiridos para a realización de análise de necesidades, diagnósticos, capacitacións, seminarios, informes… recollidos na formulación da intervención.

e) Viaxes, estadías e axudas de custo. Inclúense os gastos vinculados á mobilidade, hospedaxe e manutención do persoal e beneficiarios/as, necesarios para a execución da intervención (incluíndo combustible, seguros, alugamento e mantemento e reparacións de vehículos). Incorporaranse nesta partida os gastos necesarios para garantir a seguridade no traslado de persoas.

f) Funcionamento en terreo. Gastos correntes de funcionamento acaecidos no país de execución e ligados á execución do proxecto. Inclúese o alugamento de oficinas, electricidade, auga, comunicacións, papelaría ou outros gastos de oficina, limpeza, mantemento e seguridade (incluídos gastos de persoal vinculados a estas actividades), ata un máximo do 4 % do orzamento do proxecto.

g) Avaliación externa non obrigatoria realizada por persoa ou entidade de recoñecida experiencia, en Galicia ou no país de execución do proxecto, para o cal se acreditará a súa solvencia e experiencia na realización destas avaliacións, e xuntarase a documentación que a xustifique. A avaliación externa realizarase antes do 31 de decembro. A contía máxima que se pode imputar a este concepto non superará os 3.000 euros.

h) Auditoría contable. O importe máximo imputado a este concepto non excederá os 2.000 euros. A auditoría será obrigatoria para proxectos cunha subvención superior a 50.000 euros e opcional no caso de subvencións iguais o menores a 50.000 euros. A auditoría contable realizarase antes do 31 de decembro.

i) Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira e os gastos rexistrais e periciais para a realización do proxecto son subvencionables sempre que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a adecuada preparación ou execución desta e sempre que non deriven de malas prácticas ou incumprimentos legais. Gastos bancarios producidos pola conta do proxecto e os gastos derivados das transferencias bancarias dos fondos ao país de execución do proxecto; os derivados da compulsa de documentos por parte de notarios, autoridades locais ou servizos consulares españois e os gastos de tradución de documentos cando se requiren na convocatoria.

3. Custos indirectos: son os gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte ou socio local que resultan da formulación e execución do proxecto, así coma da difusión e seguimento en Galicia. Non poderán superar o 5 % do orzamento total do proxecto.

Estes gastos imputaranse á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Estes gastos serán acreditados ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea mediante unha certificación da persoa representante legal da entidade.

4. Como achegas locais pódense aceptar, en concepto de gastos susceptibles de axuda, valorizacións, sempre que estean suficientemente acreditadas e intrinsecamente vinculadas, de maneira exclusiva ou proporcional, á intervención que ten que desenvolverse.

As valorizacións acreditaranse cun certificado da contraparte ou socio local, da poboación beneficiaria final do proxecto ou da entidade que achegue os bens e servizos valorizados. Neste certificado, ou nun documento anexo, describirase e cuantificarase a achega, con indicación do número de unidades, horas de traballo, prezos unitarios (se corresponde) e a valoración total. As valorizacións axustaranse aos prezos de mercado local e, no caso de equipamentos e bens consumibles, deben ter en conta a antigüidade.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, ou de compra de material consumible, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6.2. En ningún caso serán gastos subvencionables:

• A compra de bens e equipamentos inventariables.

• Os gastos de alugamento ou adquisición da vivenda do persoal expatriado.

• Os xuros debedores das contas bancarias.

• Os xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

• Os gastos de procedementos xudiciais.

• As amortizacións de bens inventariables.

• Os gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, agasallos, flores, entradas a espectáculos, etc.).

• Os billetes de avión en primeira ou en clase preferente.

• As retribucións por finiquitos dos contratos e as liquidacións por despedimento do persoal.

Artigo 7. Criterios de valoración

7.1. Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

I. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 20 puntos.

1. Experiencia relevante en accións humanitarias (no sector de actuación do proxecto e no país, zona, comunidade onde se vai executar). Máximo: 7 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola entidade (xestión de recursos humanos, técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto) e asunción dos estándares humanitarios recoñecidos internacionalmente. Máximo: 6 puntos.

3. Estratexia de acción humanitaria da entidade para os vindeiros anos. Máximo: 5 puntos.

4. Achega financeira da entidade ao proxecto. Máximo: 2 puntos.

II. Aspectos relacionados co socio local: ata 20 puntos.

1. Experiencia de traballo en proxectos de acción humanitaria, na zona ou comunidade onde se vai executar o proxecto e no sector de actuación do proxecto. Máximo: 7 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto. Garantía de implicación da entidade na comunidade e da propia comunidade no proxecto mediante a intervención da contraparte. Adecuación e coherencia no sector de traballo da entidade e o obxectivo do proxecto. Asunción dos estándares humanitarios recoñecidos internacionalmente. Máximo: 7 puntos.

3. Achega financeira do socio local ao proxecto. Máximo: 1 punto.

4. Participación no proxecto xunto a outras organizacións ou institucións, locais ou internacionais, de xeito coordinado baixo o enfoque de cluster. Máximo: 5 puntos.

III. Aspectos relacionados co contido do proxecto: ata 50 puntos.

1. Pertinencia do proxecto con especial concreción sobre as necesidades humanitarias derivadas do contexto social, económico, político e cultural dos beneficiarios/as e da zona e país onde se vai desenvolver; antecedentes e xustificación do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos e resultados coa problemática presentada. Máximo: 5 puntos.

3. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal. Máximo: 3 puntos.

4. Financiamento. Coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

5. Recursos humanos suficientes para acadar os obxectivos do proxecto. Máximo: 3 puntos.

6. Poboación beneficiaria: descrición precisa dos destinatarios/as, criterios de determinación e análise da súa vulnerabilidade, grao de participación nas distintas fases do proxecto. Máximo: 5 puntos.

7. Aliñamento do proxecto coas políticas e programas do país e, de ser o caso, coas políticas e programas dos organismos de Nacións Unidas. Máximo: 5 puntos.

8. Fortalecemento das capacidades locais. Máximo: 5 puntos.

9. Coordinación e complementariedade. Máximo: 5 puntos.

10. Seguimento e conectividade, baixo o enfoque VARD (vinculación entre a axuda, rehabilitación e desenvolvemento). Máximo: 5 puntos.

11. Incorporación da perspectiva de xénero en todas as fases do ciclo do proxecto. Máximo: 2 puntos.

12. Impacto ambiental. Máximo: 2 puntos.

IV. Proxecto presentado por unha agrupación de entidades. Máximo: 3 puntos.

V. Proxectos de reconstrución en Haití, de atención a crises esquecidas ou de xestión de riscos, prevención, mitigación e preparación ante desastres, así coma da xeración de resiliencia. Máximo: 7 puntos.

7.2. Para superar a fase de valoración dos proxectos será necesario acadar unha puntuación do 50 % nos puntos I, II e III.

Artigo 8. Prazo e lugar de presentación das solicitudes

8.1. Ao ser unha convocatoria de carácter permanente, a solicitude poderá presentarse ao longo do ano, a partir do día seguinte ao da publicación destas bases, de acordo co procedemento excepcional que establece o artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal «as bases reguladoras poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da presente lei».

8.2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (rúa do Hórreo, 61, 2º andar, 15701 Santiago de Compostela), cubertas nos modelos que figuran como anexos destas bases reguladoras. Estas deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

9.1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

9.2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

9.3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

9.4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 10. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15704 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a cooperacion.exterior@xunta.es

Artigo 11. Instrución e resolución

11.1. A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, respectando de xeito rigoroso a orde de entrada no rexistro da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse os interesados para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, desistirán da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Á vista da proposta de resolución do instrutor, debidamente motivada, o órgano competente por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá o procedente.

A resolución farase nun prazo máximo de 60 días desde a recepción da proposta.

11.2. Resérvase a posibilidade de facer unha reformulación das solicitudes de acordo co previsto no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Compatibilidade das subvencións

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 13. Publicidade da concesión das subvencións

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase trimestralmente a relación das concedidas con indicación de beneficiario/a, contía, país de execución do proxecto e finalidade, no Diario Oficial de Galicia e na web oficial de Cooperación Galega, de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración Pública galega, e no artigo 15 da Lei 9/2007. Ademais, de conformidade co artigo 3.2 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, estes datos serán publicados no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios.

Artigo 14. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará, nun prazo máximo de dez días, declaración por escrito da aceptación da axuda, na cal conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente deberá confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan. De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente sexa posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado, presentar unha readaptación á subvención concedida, que non afecte a orde de prelación dos proxectos subvencionados, que será sometida a unha nova análise. No caso de readaptación do proxecto, o órgano competente por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 15. Anticipos

15.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100 % sen necesidade de exixir garantía.

15.2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude do pagamento do anticipo da subvención concedida, asinada polo representante legal da entidade.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidade, de cada unha delas) complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo modelo que figura como anexo II.

c) Datos bancarios da conta da entidade beneficiaria afecta á xestión do proxecto. Nestas contas asignadas ao proxecto terán o seu destino todos os pagamentos que se realicen con cargo ao cofinanciamento da consellería competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os comprobantes destes ingresos e gastos estarán á disposición do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

15.3. Non obstante, as entidades beneficiarias (no caso de agrupación de entidade, de cada unha delas) deberán acreditar, con cada solicitude de pagamento, de acordo co establecido no artigo 60.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que están ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Facenda autonómica, de acordo o establecido nas letras b) e i) do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Conforme o establecido no artigo 20.3 desta mesma lei, as entidades beneficiarias autorizan o órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir as mencionadas institucións.

Artigo 16. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas

16.1. As subvencións concedidas deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto terceiro deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na medida do posible tamén en formato electrónico e con data límite do 31 de marzo de 2016.

16.2. Para a presentación do informe final deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relación Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, que se poderá descargar da páxina web www.cooperaciongalega.org

16.3. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar un informe final que constará de dúas partes:

a) Xustificación técnica. Indicará co máximo detalle os obxectivos conseguidos, os resultados obtidos, as actividades realizadas, o proceso de vinculación VARD, transferencia e xestión das intervencións tras a súa finalización, así como a análise da súa sustentabilidade futura.

b) Xustificación económica. Comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida e realizarase mediante a forma de conta xustificativa, que incluirá a declaración das actividades realizadas e o seu custo, coa
desagregación de cada un dos gastos realizados.

16.3.1. Xustificación técnica, que incluirá:

– Certificación da persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

– Informe final de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto. Deberá estar asinado pola persoa responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

– Informe de avaliación da intervención, en caso de telo subvencionado.

16.3.2. Xustificación económica (exceptuados os proxectos executados polas axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas), que comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida. A conta xustificativa poderá ser:

– Conta xustificativa simplificada no caso de subvencións por importe inferior a 30.000 €.

– Conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos, no caso de subvencións por importe igual ou inferior a 50.000 €.

– Conta xustificativa con entrega de informe de auditor, obrigatoria para subvencións por importe superior a 50.000 € e opcional no caso de subvencións por importe igual ou inferior a 50.000.

Conta xustificativa simplificada, incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto, distribuídos por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que teña a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidade, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo modelo que figura como anexo II.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Mediante técnica de mostraxe aleatoria simple, o órgano competente requirirá aos beneficiarios que acheguen os orixinais dos xustificantes que considere oportunos, que suporán ao menos o 25 % da cantidade subvencionada.

Conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos, incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto, distribuídos por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que teña a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidade, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo II.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Facturas ou documentos xustificativos dos gastos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

Conta xustificativa con entrega de informe de auditor/a, para subvencións por importe superior a 50.000 € e opcional no caso de subvencións por importe igual ou inferior a 50.000 €, que incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto, distribuídos por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que teña a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidade, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo modelo que figura como anexo II.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Informe do/da auditor/a de contas inscrito/a como exercinte no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC), no caso de ser realizada por persoal sometido á lexislación española.

No caso de que o informe sobre a conta xustificativa por parte dun/ha auditor/a de contas se produza no estranxeiro, poderá ser realizada por auditores/as exercentes no país onde se levará a cabo, sempre que no dito país exista un réxime de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas. De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas no citado país, o informe previsto neste artigo poderá ser realizado por un/ha auditor/a establecido/a nel, sempre que a súa designación a leve a cabo o órgano concedente ou sexa ratificada por este a proposta do beneficiario, conforme uns criterios técnicos que garantan a adecuada calidade.

A revisión da conta xustificativa polo/a auditor/a de contas realizarase de conformidade coas normas de actuación e supervisión que, se é o caso, propoña o órgano que teña atribuídas as competencias de control financeiro de subvencións en Galicia.

Para o estudo e revisión da documentación xustificativa, os/as auditores/as poderán utilizar técnicas de mostraxe de acordo coas prácticas habituais xeralmente aceptadas na auditoría de contas.

No caso de que a actividade subvencionada fose executada en todo ou en parte por un socio local ou contraparte estranxeira, non será exixible que os documentos xustificativos do gasto da subvención fosen reflectidos nos rexistros contables do beneficiario; nese caso o alcance da revisión do auditor estenderase ás contas do socio local ou contraparte.

A presentación da auditoría como forma xustificativa do gasto non exime a entidade beneficiaria da subvención do mantemento do soporte documental de acordo cos prazos estipulados pola lei. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou os organismos competentes da Administración da Comunidade Autónoma poderán solicitar a documentación soporte da auditoría, de acordo co establecido nesta orde.

Finalizada a revisión da conta xustificativa o/a auditor/a deberá emitir un informe en que detallará os procedementos de revisión levados a cabo e o seu alcance, o sistema de mostraxe empregado, o número de elementos e importe da mostra analizados respecto do total e porcentaxe de deficiencias advertido respecto da mostra analizada e contía dos gastos afectados.

O informe deberá incluír a listaxe dos xustificantes de gastos da totalidade do proxecto, selado e asinado polo/a auditor/a.

O informe mencionará se o beneficiario facilitou canta información lle solicitou o/a auditor/a para realizar o traballo de revisión. No caso de que o beneficiario non facilitase a totalidade da información solicitada, mencionarase tal circunstancia con indicación da información omitida.

O informe referirase ao resultado das comprobacións realizadas, mencionando os feitos observados que puidesen supor un incumprimento por parte do beneficiario da normativa aplicable ou das condicións impostas para a percepción da subvención, e deberase proporcionar a información co suficiente detalle e precisión para que o órgano xestor poida concluír respecto.

16.3.3. De xeito excepcional e con base no previsto no artigo 28.9 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para aquelas actuacións que se realicen en contextos de desastres naturais, conflito armado ou crises humanitarias que dificulten ou mesmo imposibiliten dispor da adecuada documentación soporte xustificativa do gasto, poderase aplicar un procedemento extraordinario de xustificación económica, consistente na entrega dunha declaración responsable da entidade beneficiaria da subvención, na cal se certifique o envío dos fondos e a realización da intervención concreta, sen que sexa preciso achegar máis xustificantes.

16.3.4. Ás axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas exixiranlles como xustificación os documentos acreditativos das transferencias realizadas, así como o control contable que lles é específico e sempre conforme o funcionamento establecido polos Estados parte para as distintas axencias de Nacións Unidas.

16.3.5. Cando no proxecto concorran diversas subvencións e axudas procedentes doutras administracións, a entidade beneficiaria ten que xustificar ante a Xunta de Galicia o importe do gasto subvencionado, ademais das achegas propias e de terceiros financiadores que non sexan Administración pública.

Con respecto ao resto de achegas doutras administracións públicas, unicamente ten que acreditarse a aplicación dos fondos ás actividades previstas, para o cal é suficiente a acreditación mediante certificados que emitan o resto de administracións públicas que financiaron o proxecto ou actividade. As previsións que contén esta epígrafe no alteran as funcións que a lexislación vixente outorga á Intervención Xeral da Administración autonómica.

16.3.6. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, ou de compra de material consumible, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

16.4. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto durante un período de 4 anos, desde a entrega da xustificación final. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa.

Tamén se poderán utilizar, como xustificantes de gasto, os recibos de caixa en que conste o nome da entidade beneficiaria, importe, nome e apelido da persoa que presta o servizo e concepto do gasto. Este recibo deberá ser asinado pola persoa que presta o servizo (vendedor/a, transportista, etc.).

A utilización de recibos deberá ser, como criterio xeral, autorizada con carácter previo polo órgano concedente da subvención, e poderá tamén ser validada con posterioridade por este sempre que considere que a autorización se producise de terse solicitado con carácter previo.

Poderán, así mesmo, utilizarse recibos de caixa en lugar de facturas, sexa cal sexa o seu importe ou a contía que representen sobre a subvención concedida e sen necesidade de autorización previa, sempre que na documentación xustificativa se inclúa acreditación de que as persoas perceptoras de tales pagamentos non están suxeitas á obriga de emitir factura no país en que se efectuou o gasto. A dita acreditación deberá ser realizada por un organismo público competente.

Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados, poderase aceptar a xustificación do pagamento en efectivo para importes inferiores a 1.000 euros, e xuntarase xustificante do provedor, conforme establece o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Cando existan xustificantes redactados nun idioma estranxeiro distinto do inglés, francés, italiano ou portugués, deberán ser debidamente traducidos, e indicarase data, importe, concepto de gasto, persoa perceptora e provedora.

Artigo 17. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos

17.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a cal se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos, considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, se é o caso, da reformulación se se efectuase.

17.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

17.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitarlle ao órgano xestor toda canta información se lles requira respecto dos proxectos subvencionados. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

17.4. As entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, salvo causas xustificadas por motivos de seguridade que deberán ser comunicadas ao centro directivo da Xunta de Galicia competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Estes logotipos poderán descargarse da páxina web de Cooperación Galega.

17.5. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución, ou unha vez finalizada, por persoal da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o cal a entidade beneficiaria e a contraparte ou socio local facilitarán o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

Artigo 18. Modificación das condicións

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto. Entenderase por tal aquela que afecte os seus obxectivos, beneficiarios/as, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto, ou das partidas orzamentarias en máis dun 20 % do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 19. Reintegro por incumprimento

As entidades beneficiarias que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da totalidade destas, no caso de incumprimento total, ou á parte proporcional no caso dunha falta parcial de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais que procedan. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.

Artigo 20. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

a) De forma potestativa, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, o de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 21. Remisión normativa

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file