Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 7 de abril de 2015 Páx. 13164

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 40/2015, do 19 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da estrada autonómica OU-504 Ribadavia-Cea (OU-901), desde o p.q. 0+000 ao p.q. 1+460, en prol do Concello de Ribadavia.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Ribadavia e a Axencia Galega de Infraestruturas asinaron un convenio de colaboración o día 10 de abril de 2014 en que o Concello se comprometía a aceptar a transferencia de titularidade da estrada OU-504 no treito comprendido entre os p.q. 0+000 e 1+460, unha vez feita a obra correspondente, co obxecto de destinar os ditos bens públicos a fins de interese social.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito da estrada autonómica OU-504 Ribadavia-Cea (OU-901), desde o p.q. 0+000 ao p.q. 1+460, en prol do Concello de Ribadavia.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade en prol do Concello de Ribadavia do treito da estrada autonómica OU-504 Ribadavia-Cea (OU-901), desde o p.q. 0+000 ao p.q. 1+460.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Ribadavia deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Así mesmo, deberá levar a cabo as actuacións necesarias ante os organismos oficias correspondentes para regularizar a titularidade do terreo adxacente obxecto de cesión.

Artigo 3

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderán ao Concello de Ribadavia, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos terreos sobrantes, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular dos terreos.

Disposición derradeira única

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio
e Infraestruturas