Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 7 de abril de 2015 Páx. 13166

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 41/2015, do 19 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da obra de reforma do acondicionamento da estrada AC-406 Portomouro-Santa Comba, treito parque empresarial de Santa Comba-Abuín, no concello de Santa Comba (clave AC/08/064.01.1).

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 20 de novembro de 2014 a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas aprobou provisionalmente o proxecto de construción da obra de reforma do acondicionamento da estrada AC-406 Portomouro-Santa Comba, treito parque empresarial de Santa Comba-Abuín, de clave AC/08/064.01.1.

Segundo. Con data do 10 de decembro de 2014 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 236) a Resolución do 4 de decembro de 2014 pola que se sometía ao trámite de información pública en materia de estradas, polo prazo de trinta (30) días hábiles, o proxecto de construción da obra de reforma do acondicionamento da estrada AC-406 Portomouro-Santa Comba, treito parque empresarial de Santa Comba-Abuín, de clave AC/08/064.01.1, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Simultaneamente, o proxecto foi remitido ás administracións públicas afectadas para que no prazo dun mes o examinasen e emitisen informe ao respecto.

Terceiro. Con data do 5 de marzo de 2015 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu informe de impacto ambiental sobre o proxecto referido, en cumprimento do disposto no artigo 47 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Cuarto. Despois da análise efectuada das alegacións e informes presentados polos organismos oficiais competentes, o 11 de marzo de 2015 asínase a resolución da Axencia Galega de Infraestruturas pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción da obra de reforma do acondicionamento da estrada AC-406 Portomouro-Santa Comba, treito parque empresarial de Santa Comba-Abuín, de clave AC/08/064.01.1.

O mencionado proxecto ten por obxecto o acondicionamento e mellora da estrada AC-406 ao seu paso polo parque empresarial de Santa Comba, todo coa finalidade de evitar atravesar o núcleo de Salgueiroas, reducir o tempo de percorrido e contribuír a unha mellora da seguranza viaria.

A competencia para a execución da expropiación forzosa no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Segundo o número 5 do artigo 22 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implica a declaración de utilidade pública, da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, os depósitos dos materiais sobrantes e os préstamos necesarios para executalas, sempre que veñan previstos no seu proxecto, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, se poidan aprobar posteriormente, e da urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción da obra de reforma do acondicionamento da estrada AC-406 Portomouro-Santa Comba, treito parque empresarial de Santa Comba-Abuín, de clave AC/08/064.01.1.

Santiago de Compostela, dezanove de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas