Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 25 de marzo de 2015 Páx. 11932

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 6 de marzo de 2015 pola que se notifica resolución de expediente de caducidade da concesión administrativa outorgada pola Resolución do 8 de outubro de 2001 a Conservas Castiñeiras, S.L. con destino á instalación de captación de auga de mar para utilizar en fábrica de conservas no porto de Castiñeiras.

Logo da tramitación do procedemento en que se outorga audiencia ao concesionario, non constando a formulación de oposición, e tras a emisión de proposta polo instrutor designado para o efecto, con data do 26 de febreiro de 2015, o presidente de Portos de Galicia, de acordo coas competencias conferidas polo artigo cuarto da Orde do 30 de marzo de 2012, da Consellería do Medio Rural e do Mar, resolve declarar a caducidade da concesión administrativa de referencia, o que determina a extinción anticipada da concesión, e a reversión e recuperación pola Administración das superficies ocupadas e das instalacións que se indican na resolución, así como a incautación da totalidade das garantías, se é o caso, se constituísen para responder da explotación e/ou construción da concesión.

Intentada a notificación da resolución no enderezo que consta no expediente sito no Castro, s/n, Castiñeiras, Ribeira, provincia da Coruña, a través do servizo de Correos, e non sendo posible a súa práctica, de conformidade co disposto no artigo 59.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, notifícase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e exposición no taboleiro de edictos do Concello de Ribeira á mercantil Conservas Castiñeiras, S.L. a presente resolución que decreta a caducidade da concesión administrativa de referencia.

A concesión administrativa caduca polo incumprimento das condicións xerais 16ª e 17ª da concesión; a inexistencia de actividade na concesión e estar debendo a totalidade das taxas xiradas desde o ano 2006 constitúen causas imperativas de caducidade por aplicación do establecido na condición xeral 32ª do título.

Para o seu exame, o expediente completo está nas dependencias dos Servizos Centrais de Portos de Galicia en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, 15707 Santiago de Compostela.

A presente resolución esgota a vía administrativa, e contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo nun prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou exposición no taboleiro de edictos do Concello de Ribeira, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela que corresponda, ou recurso potestativo de reposición perante esta Presidencia de Portos de Galicia no prazo dun mes contado desde a mesma data.

E para que conste e le sirva de notificación, en cumprimento do disposto no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, expido, asino e selo a presente cédula.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2015

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia