Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Mércores, 18 de marzo de 2015 Páx. 10977

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos para o fomento da accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o ano 2015.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, establece, entre os fins que persegue, aos cales a Administración autonómica acomodará as súas actuacións, a promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible, e a promoción de Galicia como destino turístico de calidade, con garantía do seu tratamento unitario na difusión interior e exterior dos recursos do país.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.

O Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 (PDR), aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión CE (2008) 703, do 15 de febreiro, e modificado por la Decisión C (2010) 1227, do 5 de marzo de 2010, prevé no eixe 3 diversas medidas dirixidas á mellora da calidade de vida nas zonas rurais e á diversificación da economía rural. Esas medidas están financiadas, igual que as restantes que integran o PDR, polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.

Dado que a promoción do desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva integral, prevese o apoio a actuacións de diferente natureza que a Axencia Turismo de Galicia, vai materializar a través da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva. As subvencións centraranse na seguinte medida:

Esta resolución ten como obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos para o fomento da accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos no medio rural.

Esta actuación encádrase dentro da medida 313 do PDR de Galicia 2007-2013, destinada ao fomento de actividades turísticas, para inverter a tendencia negativa na economía das zonas rurais e o seu despoboamento proporcionando un apoio para o estímulo das actividades turísticas, tendo en consideración que o turismo é un sector en desenvolvemento importante en moitas zonas rurais que crea emprego e aumenta a atracción global do medio rural.

Estas subvencións, no correspondente aos fondos propios, financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade e conforme o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De acordo co anterior

resolvo:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Turismo de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao fomento da accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos no medio rural, así como efectuar a súa convocatoria para o ano 2015.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse da forma e no prazo establecidos no devandito artigo 4 das bases reguladoras.

Terceiro. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Cuarto. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://turismo.xunta.es

b) Teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 64 e o fax 981 54 63 71 da devandita axencia.

c) Enderezo electrónico: axudas.turismo@xunta.es

d) Presencialmente.

Quinto. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Sexto. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2015

María Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a concellos para o fomento da accesibilidade e sinalización
nos recursos turísticos no medio rural

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos no medio rural.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Son subvencionables as actuacións de mellora da accesibilidade física e sinalización nos seguintes recursos turísticos:

a) Espazos naturais: miradoiros e rotas de sendeirismo.

Están excluídos os seguintes:

• Recursos que se atopen na Rede Natura conforme o determinado no Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.

• Proxectos que vaian ser financiados co Plan marco do programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2014/2015, financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

b) Praias marítimas e fluviais.

c) Bens de interese cultural (BIC).

Así mesmo, determínase a exclusión expresa da posibilidade de financiamento daquelas actuacións financiadas con cargo á orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan as subvencións para a creación e/ou mellora de infraestruturas e equipamentos vinculados á prestación de servizos básicos, destinados a concellos de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia no marco da medida 321.33.

As actuacións obxecto da axuda comprenden as seguintes:

a) Construción, ampliación ou mellora de aparcadoiros para o acceso aos recursos definidos neste artigo.

b) Pavimentación dos accesos ao recurso, pasarelas, ramplas e eliminación de barreiras arquitectónicas.

c) Construción ou rehabilitación ou mellora das instalacións que contribúan a mellorar os accesos e circulación dos visitantes e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

d) Rehabilitación ou mellora da accesibilidade dos espazos naturais e/ou dotación de equipamentos nestes.

e) Sinalización, información visual e información táctil. Está excluída a sinalización do Camiño de Santiago.

Artigo 2. Gastos subvencionables e requisitos dos proxectos

1. Consideranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante con posterioridade a presentación da solicitude de axuda como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados neste artigo.

2. Para ter a consideración de gastos subvencionables deben respectar o previsto no artigo 55 do Regulamento (CE)1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e cumprir os requisitos do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e demais normativa de aplicación.

3. Serán gastos subvencionables os seguintes:

a) A posta en disposición de TIC nos recursos turísticos principalmente dirixida a accesibilidade visual e auditiva.

b) Construción, adquisicións ou mellora de inmobles que contribúan aos obxectivos establecidos nesta resolución, así como a adquisición de terreos ata nun 10 % do importe da operación.

c) Equipamentos e material non funxible para acondicionamento dos recursos.

d) Adquisición de maquinaria e equipamentos necesarios para a implementación da actuación, incluídas as aplicacións informáticas.

e) Custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de redacción de proxectos, enxeñeiros e asesores, así como estudos de viabilidade. O importe total dos custos xerais non poderá superar o 20 % do gasto subvencionable.

No caso de que as actuacións comporten sinalización, deberá cumprirse o disposto no Manual de sinalización turística de Galicia, Decreto 85/2012, do 16 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo).

Así mesmo, deberá cumprirse a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.

4. Non son gastos subvencionables:

– A reposición ou mera substitución de equipamento e maquinaria.

– Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

– Obras de mantemento.

– Na adquisición de bens e servizos mediante contratos públicos non son subvencionables: a) os pagamentos efectuados polo contratista á administración en concepto de taxa de dirección de obra ou control de calidade, b) calquera outro concepto que supoñan ingresos ou descontos que deriven da execución do contrato, c) os pagamentos efectuados polo beneficiario que deriven da execución dos contratos públicos.

Todas as actuacións deberán comportar accesibilidade aos recursos cumprindo en todos os casos o disposto na normativa vixente en materia de accesibilidade.

5. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos non serán gasto subvencionable. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos (IVE) nin os impostos persoais sobre a renda.

6. Os proxectos non poderán estar iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto antes da resolución de concesión da subvención sempre que acrediten que non está iniciado na data de presentación da solicitude da axuda mediante acta expedida polo/a secretario/a do concello que reflicta de maneira fidedigna o non inicio dos traballos previstos na solicitude de subvención.

Non obstante, consideraranse subvencionables os gastos realizados con anterioridade á solicitude, a título de adquisición de máquinas, aparellos ou materiais de construción, sempre que a montaxe, instalación ou incorporación in situ non tivese lugar antes da presentación da solicitude ou do levantamento da acta de non inicio, así como os gastos correspondentes a honorarios de redacción de proxectos e estudos de viabilidade.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións obxecto desta resolución imputaranse cun crédito de 1.333.333 € á aplicación orzamentaria 04 A2 761A 760.0, proxecto 2015 00014, cofinanciada nun 75 % por fondos Feader, 12,13 % con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e un 12,87 % de fondos propios da comunidade autónoma, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán significar a subvención oportuna, de acordo coa orde de incoación dos expedientes.

Nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

2. A intensidade da axuda poderá acadar ata un máximo do 100 % do custo elixible (IVE excluído) subvencionable por entidade beneficiaria. A contía da axuda non superará o importe máximo de 50.000 €.

3. As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, por tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo proxecto ou finalidade, leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...). Tamén serán incompatibles con outras axudas encadradas en calquera dos outros eixes do PDR.

4. Non obstante, é posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os requisitos establecidos nestas bases, os concellos que desenvolvan proxectos de accesibilidade e sinalización de recursos turísticos en territorio de Galicia, exceptuando as zonas incluídas nos perímetros urbanos, definidos como tales no planeamento urbanístico vixente, das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

2. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do concello.

Artigo 5. Solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es) de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

5. Os interesados achegarán a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo II subscrita polo órgano competente do concello solicitante.

b) Acreditación de que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas.

c) Acreditación da titularidade do inmoble ou de calquera título de disposición válido en dereito que garanta a súa permanencia durante un mínimo de cinco anos.

d) Certificación do/a secretario/a da entidade local en que consten os seguintes aspectos:

– O acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos que se pretenden executar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta resolución, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación das solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

– No caso de que a actuación o requira deberá presentarse, ao menos, un anteproxecto que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar; nos demais casos enviarase unha memoria valorada.

En todo caso, o anteproxecto ou memoria deberán incluír:

– Planos de localización do investimento.

– Planos do estado actual.

– Relación exhaustiva (indicando calidades) dos materiais e acabamentos propostos.

– Relación detallada dos mobles e equipamentos (débense indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

– Reportaxe fotográfica do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

– Orzamento detallado agrupado por partidas dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

– Así mesmo, achegarase calquera documentación que permita comprobar a boa execución da obra e a súa suxeición á normativa de obrigado cumprimento.

e) Tres ofertas, como mínimo, de diferentes provedores, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Cando o beneficiario teña a obriga de solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, deberá xustificar nunha memoria a elección da oferta cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

f) Acta expedida polo/a secretario/a do concello que reflicte de maneira fidedigna o non inicio dos traballos previstos na solicitude da subvención.

En todo caso é de obrigado cumprimento por parte da entidade beneficiaria do Real decreto lexislativo 3/2011, que aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, e da necesidade de atender aos procedementos de adxudicación previstos neste cando se superen as contías previstas para os contratos menores; neste caso, o procedemento de adxudicación suporá un sistema axeitado de avaliación de custos nos termos previstos no punto anterior, excluíndo a necesidade de presentar tres ofertas.

Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

No caso de que algún dos documentos que vaia presentar o/a solicitante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos ou en formatos non admitidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da LRXAP.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

4. Así mesmo, a entidade beneficiaria acepta o sometemento aos controis específicos da Unión Europea reflectidos no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, que establece:

«Efectuaranse controis administrativos de todas as solicitudes de axuda, solicitudes de pagamento ou outras declaracións que deben presentar os beneficiarios ou terceiros. Estes controis abranguerán todos os elementos que poidan verificarse e resulte adecuado verificar mediante controis administrativos. Os procedementos de control permitirán rexistrar os controis efectuados, os resultados das comprobacións e as medidas adoptadas en caso de discrepancias. Os controis administrativos das solicitudes de axuda garantirán que a operación cumpre as obrigacións aplicables establecidas pola normativa da Unión ou a lexislación nacional ou polos programas de desenvolvemento rural, entre elas a contratación pública as axudas de Estado e demais normas e requisitos obrigatorios.

Nos controis administrativos constarán procedementos destinados a evitar o dobre financiamento irregular con outros réximes nacionais ou da Unión e do anterior período de programación e unha verificación da moderación de custos propostos.

Os controis sobre o terro representarán como mínimo o 5 % da totalidade dos gastos que cofinancia Feader.

Efectuaranse controis a posteriori das operacións de investimento para comprobar que se cumpren os compromisos mencionados no artigo 71 do Regulamento 1303/2013 ou establecidos no programa de desenvolvemento rural.

Os controis a posteriori cubrirán cada ano natural ao menos o 1 % dos custos do Feader no que se refire ás operacións de investimento que estean aínda suxeitas aos compromisos mencionados no punto anterior (permanencia das operacións relativas a investimentos) e respecto ás cales o Feader aboase o pagamento final».

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Turismo de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: praza de Mazarelos, 15, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.turismo@xunta.es

Artigo 8. Órganos competentes

A Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponden á directora da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os proxectos ou memorias valoradas serán avaliados na Área de Obras e Mantemento, que emitirá un informe ao respecto para o seu estudo pola comisión.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 10. Comisión de valoración

1. As solicitudes serán valoradas en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e baremación previstos nestas bases, por unha comisión de avaliación, que será a responsable de propor a resolución final ao órgano competente para resolver.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) A directora da Axencia Turismo de Galicia, que a presidirá.

b) Os/as delegados/as territoriais.

c) O/a xefe/a da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial, que actuará como secretario/a.

d) Un representante da Xerencia.

e) Un representante da Dirección de Promoción.

3. Os/as suplentes serán designados/as pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

4. No informe que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificando a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles.

5. No caso de existiren solicitudes que non figuran no informe anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas, ben por dispor de crédito por terse producido algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 11. Criterios de valoración

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determi-nación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes:

1. Atendendo á localización do investimento: ata 50 puntos.

– Situación nun municipio que desfruta ou desfrutou dun destino SICTED de ámbito municipal ou dun plan de dinamización, excelencia ou competitividade turística: 25 puntos.

– Que o investimento estea localizado nun municipio declarado turístico pola Administración turística: 25 puntos

2. Por acreditar unha boa xestión: ata 25 puntos. A valoración deste criterio realizarase de acordo cun informe emitido pola intervención da entidade solicitante no cal se fagan constar os seguintes datos:

– Que a entidade local rendeu as contas do exercicio 2014 dentro do prazo establecido: 10 puntos.

– Que a entidade local cumpriu coa estabilidade orzamentaria no exercicio 2014: 10 puntos.

– Que a entidade local aprobou no prazo legalmente establecido o seu orzamento vixente e non o ten prorrogado: 5 puntos.

3. Que o proxecto afecte un recurso visitado por máis de 10.000 persoas ao ano: 15 puntos.

4. Para dar cumprimento ao Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes Estratexia 213-2015, aquelas solicitudes que introduzan un compromiso de incluír criterios de valoración que incentiven a contratación de mulleres nos pregos que rexen a contratación das obras, equipamentos ou servizos integrados no proxecto para o cal solicitan subvención: 10 puntos.

Os proxectos que se recollen no parágrafo anterior como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 100 % sobre o investimento subvencionable ata unha contía máxima de 50.000 €. A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que alcancen os proxectos presentados, segundo se detalla a seguir:

Puntos

% Axuda

Ata 40

 70

De 41 a 80

 85

De 81 a 100

100

O resultado da análise plasmarase nun informe que o órgano de instrución elevará, xunto coa proposta de resolución provisional da comisión de avaliación, ao órgano competente para resolver.

5. A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de proxectos para os cales se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada proxecto, do beneficiario e importe e porcentaxe da subvención proposta. De ser o caso, contará cunha lista dos proxectos admitidos que non acadasen subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible. Así mesmo, expresará, de xeito motivado, a relación de proxectos para os cales non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reunir os requisitos.

6. No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda o reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulte de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto. Actuarase de igual xeito cando, por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, se acorde incrementar o crédito máximo inicialmente previsto nesta convocatoria.

Artigo 12. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada que será notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado, Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva, que elevará á directora da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución. Esta proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por rigorosa orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, denominación e NIF da entidade solicitante, data de presentación da solicitude, a actuación subvencionable e a contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A directora, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o solicitante ao cal se concede a subvención, a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Nas notificacións indicarase, de modo expreso, que a subvención foi concedida en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e o eixe do PDR de Galicia en que se enmarca o proxecto.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade local beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude a entidade deberá presentar memoria xustificativa, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo.

6. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta, que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puideren dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a directora da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da citada lei.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, ao modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

c) Manter o investimento durante un período mínimo de 5 anos conforme o establecido no artigo 72 do Regulamento (CE) 1698/2005, do 20 de setembro, dobre a durabilidade dos investimentos.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, para o que se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Someterse ás verificacións previstas no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e da condicionalidade.

e) Comunicar á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privados nacional ou internacional. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) O beneficiario deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control; así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

g) Os beneficiarios estarán obrigados a levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas ao proxecto subvencionado (artigo 75.1.c.i do Regulamento (CE) 1698/2005).

h) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

i) Os beneficiarios deben publicitar a concesión da axuda do seguinte xeito:

• Se o investimento consiste en obra civil, mediante unha placa cos logotipos das administracións financiadoras. O tamaño mínimo da placa será A4 (297×210 mm). Esta placa terá carácter permanente.

• Se o investimento consiste en elementos móbiles, mediante a instalación dun adhesivo perdurable cos logotipos das administracións financiadoras. A dimensión dos adhesivos adaptarase ao tamaño do obxecto.

• Para materiais gráficos, mediante a inclusión dos logotipos das administracións financiadoras na portada dos documentos xerados.

• Cando o orzamento da obra civil supere os 100.000 euros, o beneficiario colocará un panel publicitario durante a execución das obras, que non poderá retirar ata a visita de comprobación in situ.

O 25 % do espazo, como mínimo, dos paneis e placas estará ocupado pola descrición do proxecto, o logotipo do Feader e o lema «Feader: Europa inviste no rural». Todas as actividades informativas e publicitarias incorporarán a bandeira europea e o lema anterior. As publicacións, carteis, audiovisuais e calquera información ofrecida por medios electrónicos que versen sobre medidas e actividades subvencionadas con estas axudas indicarán claramente na páxina de portada a participación da Comunidade Europea e a contribución do Feader ao financiamento.

Igualmente, o beneficiario deberá incluír, nas súas accións promocionais, a marca turística de Galicia. De ser o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberá incluír na contraportada a marca turística, seguindo as indicacións do manual de uso. Para a aplicación correcta da marca deberán descargar de www.turgalicia.es/marca01 os arquivos informáticos cos elementos gráficos en calidade e formatos axeitados, así como as indicacións de uso.

Os beneficiarios quedan obrigados a reintegrar total ou parcialmente o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora producidos desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedirían.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

En relación cos intereses de demora, deberá observarse o previsto no artigo 7 do Regulamento 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014:

«1. No caso de pagamento indebido, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión ao que se engadirán, se for o caso, os xuros calculados conforme o disposto no número 2.

2. Os xuros de demora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o agricultor indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución».

Artigo 18. Subcontratación

Poderán ser obxecto de subcontratación ata o 100 % as actuacións subvencionadas nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non fornezan valor engadido ao seu contido.

No caso de que se realice a subcontratación, só se considerarán gastos subvencionable o custo dos traballadores contratados de conformidade co disposto no parágrafo 2 do artigo 2 e en ningún caso se subvencionará o beneficio da empresa ou entidade que realice a contratación nin ningún imposto indirecto derivado desta.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 15 de outubro de 2015 para presentar nos lugares sinalados no artigo 4 destas bases, mediante a modalidade de conta xustificativa orixinal ou copia cotexada da documentación que a seguir se indica:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo V.

b) Conta xustificativa: conforme o artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que incorporará:

– En todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para que foi concedida.

– Unha memoria sobre a actuación subvencionada que incluirá a seguinte información:

- Infraestruturas ou equipamentos creados e/ou mellorados coa execución do proxecto subvencionado.

- Ter cumprido o estipulado no Regulamento (CE) nº 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, sobre publicidade de fondos Feader, e que nos documentos que forman parte do expediente se fixo constar que as actuacións contan co fiananciamento da Unión Europea, fondos Feader.

- Fotografías en soporte dixital ou papel do lugar ou lugares onde se efectuasen as actuacións, tomadas antes, durante e con posterioridade á súa realización.

- Fotografías en soporte dixital ou papel do cartel ou carteis das actuacións, nos cales se aprecie a publicidade de cofinanciamento das actuacións con fonfos Feader (75 % da subvención).

- Fotografías en soporte dixital ou papel da placa ou placas explicativas permanentes coa publicidade dobre o financiamento das actuacións colocada en lugar visible no lugar das actuacións, que deberá permanecer, cando menos, 5 anos.

– Facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (por ejemplo, escritura pública de adquisición de inmoble, contratos, libros contables etc.) entendendo por tales calquera documento presentado para xustificar que a contabilidade reflicte a imaxe fiel da realidade.

As facturas presentaranse en orixinal e achegarase xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (extractos ou certificacións bancarias) debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario. No xustificante de pagamento constará o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

As facturas deben reunir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tickets cando sexa obrigatoria a expedición de factura nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tales ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

– De ser o caso, incluirá a certificación relativa aos criterios de valoración que incentiven a contratación de mulleres nos pregos que rexeron a contratación das obras, equipamentos e servizos integrados no proxecto subvencionado.

– Se é o caso, deberán certificarse os gastos con base no proxecto de execución e presentarase certificado de fin de obra asinado polo técnico municipal competente.

a) Anexo III: modelo de declaracións.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada.

Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na normativa reguladora da subvención.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas.

Se o beneficiario xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención. Se a xustificación é superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para que se concedeu a axuda.

En todo caso, para a determinación das reducións e exclusións aplicarase o establecido no artigo 63 do Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, que determina o seguinte:

«1. Os pagamentos calcularanse sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante os controis administrativos establecidos no artigo 48 (controis administrativos).

A autoridade competente examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes admisibles. Ademais, fixará:

a) O importe que pagará ao beneficiario en función da solicitude de pagamento e a decisión de concesión.

b) O importe que pagará ao beneficiario tras o exame da admisibilidade do custo que figure na solicitude de pagamento.

Se o importe fixado conforme a letra a) do parágrafo segundo supera o importe fixado conforme a letra b) do mesmo parágrafo en máis dun 10 %, aplicarase unha sanción administrativa ao importe fixado conforme a letra b). O importe da sanción será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis alá da retirada total da axuda.

2. A sanción administrativa mencionada no número 1 aplicarase, mutatis mutandis, aos gastos non admisibles detectados durante os controis sobre o terreo establecidos no artigo 29. Neste caso, os custos examinados serán os custos acumulados contraídos con respecto á operación de que se trate. Isto entenderase sen prexuízo dos resultados dos anteriores controis sobre o terreo das operacións de que se trate».

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia, antes de procederen ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

Previamente ao pagamento deberá acreditarse que o beneficiario se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendentes de pagamento débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Poderán concederse pagamentos á conta e pagamentos anticipados de conformidade co disposto no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009 e no artigo 56 do Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro.

Poderanse realizar pagamentos anticipados que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións obxecto deste convenio realizadas na anualidade 2014 de conformidade co disposto no artigo 56 no Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, que determina:

1. (…) Os estados membros poderán aboar un anticipo aos beneficiarios de axudas de investimentos, logo de solicitude destes.

2. O importe do anticipo non poderá superar o 50 % da axuda pública vinculada ao investimento e a súa liquidación deberá supeditarse á constitución dunha garantía bancaria ou garantía equivalente que corresponda co 110 % do importe anticipado.

Un instrumento proporcionado como garantía por unha entidade pública considerarase equivalente á garantía mencionada no parágrafo primeiro, sempre que esa entidade se corresponda a aboar o importe cuberto pola garantía no caso de que non se establecese o dereito ao importe anticipado (…).»

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, de conformidade co establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o disposto no Regulamento de execución (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, en relación á determinación dos xuros de demora.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Tendo en conta o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e este acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, a cantidade que se reintegre será unha porcentaxe da subvención percibida igual á do tempo de incumprimento da actividade ou requisito exixido (mantemento do emprego, prestación do servizo, mantemento do ben, etc.).

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de sancións previsto no Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

Artigo 22. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. Igualmente, están sometidas ás verificacións previstas no Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, e de ser o caso, as dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 23. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, o beneficiario, o programa e o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os interesados poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As persoas ou entidades interesadas terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 24. Remisión normativa

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Na medida en que as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras están previstas pola UE, rexeranse polas seguintes normas:

• Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, aprobado por Decisión da Comisión C (2008) 703, do 15 de febreiro de 2008.

• Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader).

• Regulamento (CE) nº 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader.

• Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

• Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (BOE núm. 1, do 1 de xaneiro de 2010).

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file