Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Mércores, 18 de marzo de 2015 Páx. 11012

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2015 pola que se procede á apertura e convocatoria da liña de financiamento con cargo ao Fondo Financeiro do Estado para a reparación de danos causados polos temporais de vento e mar na fachada atlántica e na costa cantábrica (Fomit) para o ano 2015.

A iniciativa de modernización de destinos turísticos maduros, regulada polo Real decreto 937/2010, do 23 de xullo, polo que se regula o Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas (BOE do 24 de xullo), ten por finalidade apoiar financeiramente os proxectos de renovación, modernización e reconversión integral de destinos turísticos maduros desenvolvidos polas administracións locais e organismos dependentes delas, e polos consorcios ou outros entes creados co fin de levar a cabo un plan de modernización e reconversión integral dun destino turístico maduro.

A Lei 22/2013, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2014, na súa disposición derradeira 19.2 modifica a redacción da epígrafe dous.1.b) da disposición adicional 43 da Lei 42/2006, do 28 de decembro, que anteriormente fora modificada pola disposición derradeira 14.2 da Lei 51/2007, do 26 de decembro.

Conforme esta nova redacción, ábrese a posibilidade de que sexan prestameiros finais do Fomit, ademais das entidades locais, as empresas turísticas privadas, radicadas e que desenvolvan a súa actividade principal en destinos turísticos maduros.

Por outra banda, o artigo 15 do Real decreto lei 2/2014, do 21 de febreiro, polo que se adoptan medidas urxentes para reparar os danos causados nos dous primeiros meses de 2014 polas tormentas de vento e mar na fachada atlántica e na costa cantábrica, prevé a realización de convocatorias especiais coa finalidade específica de financiar as obras de reparación das infraestruturas turísticas municipais e establecementos turísticos privados que quedaron afectados, e precisa que se deberán de realizar con cargo aos recursos actualmente existentes no fondo.

Esta iniciativa de apoio a administracións locais, consorcios e empresas turísticas privadas instruméntase nunha liña de crédito administrada financeiramente polo Instituto de Crédito Oficial (ICO) para tentar conseguir que o investimento realizado polas administracións locais e organismos dependentes ou polos consorcios e empresas incentive o investimento do sector turístico privado e adecue aqueles dos nosos destinos turísticos con maior proxección nos mercados turísticos internacionais aos novos requirimentos da demanda, facéndoos máis competitivos.

Os recursos para financiar as obras de reparación das infraestruturas turísticas municipais e establecementos turísticos privados que quedaron afectados polas tormentas de vento e mar na fachada atlántica e a costa cantábrica proveñen da dotación do Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas (Fomit), recollido nas leis anuais de orzamentos xerais do Estado, e cuxa apertura se establece mediante esta resolución.

Por iso, de acordo co establecido no artigo 11 do Real decreto 937/2010, do 23 de xullo, polo que se regula o Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas, e o Real decreto lei 2/214, do 21 de febreiro, polo que se adoptan medidas urxentes para reparar os danos causados nos dous primeiros meses de 2014 polas tormentas de vento e mar na fachada atlántica e a costa cantábrica, e para financiar as obras de reparación das infraestruturas turísticas municipais e establecementos turísticos privados que quedaron afectados, convócanse axudas con este fin e, por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Mediante esta resolución convócase no exercicio 2015 a liña de préstamos bonificados a administracións locais, consorcios e empresas turísticas privadas con cargo ao Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas (Fomit) de acordo co seguinte:

Concesión de préstamos extraordinarios para reparar danos causados polos temporais na fachada atlántica e na costa cantábrica por importe de 12.000.000 de euros. Se esta cantidade non for a subscrita na súa integridade, o remanente acrecentarase aos fondos dos préstamos comúns.

2. En ningún caso se poderán conceder axudas con cargo ao Fomit que poidan ter por efecto o outorgamento a unha ou máis empresas de vantaxes que poidan dar lugar ao falseamento da competencia no mercado interior e que sexan susceptibles de afectar os intercambios comerciais entre os estados membros.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destes préstamos as entidades locais e empresas turísticas privadas que sufriron danos nos seus equipamentos como consecuencia das tormentas de vento e mar acaecidos na fachada atlántica e a costa cantábrica españolas durante os meses de xaneiro e febreiro de 2014.

A Orde INT/701/2014, do 25 de abril, pola que se determinan os municipios a que son de aplicación as medidas previstas no Real decreto lei 2/2014, do 21 de febreiro, polo que se adoptan medidas urxentes para reparar os danos causados nos dous primeiros meses de 2014 polas tormentas de vento e mar na fachada atlántica e na costa cantábrica, establece os seguintes na Comunidade Autónoma de Galicia:

Provincia da Coruña:

Ares, Arteixo, Bergondo, Boiro, Cabana de Bergantiños, Cabanas; Camariñas, Cambre; Carballo, Cariño, Carnota, Cedeira, Cee, Corcubión, A Coruña, Culledero, Dumbría, Fene, Ferrol, Fisterra, A Laracha, Laxe, Lousame, Malpica de Bergantiños, Mañón, Miño, Mugardos, Muros, Muxía, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ortigueira, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Sada, Valdoviño e Vimianzo.

Provincia de Lugo:

Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Parga (Guitiriz) , Ribadeo, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Provincia de Pontevedra:

Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Catoira, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Moaña, Nigrán, Oia, Poio, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

O importe máximo do préstamo non poderá superar en ningún caso a diferenza entre o valor do dano producido e o importe doutras axudas, indemnizacións ou préstamos que, polos mesmos conceptos, puidesen conceder outras administracións públicas, ou correspondesen en virtude da existencia de pólizas de aseguramento.

2. En todo caso, serán requisitos indispensables para conseguir a condición de beneficiario dun préstamo con cargo ao Fomit:

1. Non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable incluída no anexo I.

2. Acreditar mediante declaración responsable, incluída no anexo I, outras axudas, axudas de minimis, indemnizacións ou préstamos que, polos mesmos conceptos, obtivesen doutras administracións públicas ou en virtude de pólizas de aseguramento.

3. Acreditar ante o órgano concedente ter a autorización de endebedamento regulada no artigo 53 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo; no artigo 23 do texto refundido da Lei xeral de estabilidade orzamentaria, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2007, do 28 de decembro, e no artigo 25 do Real decreto 1463/2007, do 2 de novembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei 18/2001, do 12 de decembro, de estabilidade orzamentaria, na súa aplicación ás entidades locais.

4. Non estar incursas na prohibición de endebedamento establecida no artigo 9.2 do Real decreto lei 5/2009, do 24 de abril, ou estándoo, non ter remanente de tesouraría pendente de saneamento.

Artigo 3. Tipos de xuros

O Acordo do 6 de novembro de 2014 da Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos establece os seguintes tipos de xuros para o beneficiario final (conforme os tipos de débeda do Estado facilitados polo Tesouro o 10.10.2014).

Préstamos a 3 anos: fixo ata o 4,070 %.

Cálculo: 0,570 % + ata 4 % marxe de intermediación.

Bonificación: 0,5 %.

Sen carencia de principal.

Préstamos a 5 anos: fixo ata o 5,230 %.

Cálculo: 1,430 % + ata 4,30 % marxe de intermediación.

Bonificación: 0,5 %.

Período máximo de carencia: 0 ou 1 ano de carencia de principal.

Préstamos a 10 anos: fixo ata o 6,076 %.

Cálculo: 2,276 % + ata 4,30 % marxe de intermediación.

Bonificación: 0,5 %.

Período máximo de carencia: 0 ou 1 ano de carencia de principal.

Préstamos a 15 anos: fixo ata o 7,312 %.

Cálculo: 3,512 % + ata 4,30 % marxe de intermediación.

Bonificación: 0,5 %.

Período máximo de carencia: 0 ou 2 anos de carencia de principal.

Artigo 4. Proxectos que poden ser obxecto de financiamento

1. Poderán financiarse de acordo co establecido nesta convocatoria:

Proxectos orientados á rehabilitación e reparación daquelas infraestruturas turísticas municipais e establecementos turísticos privados afectados polos temporais de xaneiro e febreiro de 2014 na fachada atlántica e na costa cantábrica, incluídos no ámbito de aplicación do Real decreto lei 2/2014, do 21 de febreiro , e da Orde INT/701/2014, do 25 de abril.

Esta liña de financiamento será de aplicación, así mesmo, sobre as obras de reparación xa acometidas ou iniciadas coa condición de que se cumpran os límites e requisitos establecidos polo Real decreto lei 2/2014.

Incluirase o IVE das devanditas reparacións como concepto financiable.

2. En ningún caso serán financiables gastos correntes, reestruturacións de pasivo ou refinanciamento.

3. As liñas de financiamento establecidas nesta resolución serán compatibles con calquera outra axuda ou subvención que outorguen outras administracións públicas, autonómicas ou locais, organismos nacionais ou supranacionais, sometidos, se é o caso, á normativa comunitaria vixente, sempre que non superen o custo do proxecto ou proxectos para os que se solicita financiamento.

Para asegurar o cumprimento das condicións recollidas no punto anterior, exixirase ás entidades solicitantes unha declaración responsable acerca de todas as axudas públicas que se lles concederon ou solicitar0n para o mesmo proxecto ou proxectos que se pretendan financiar.

4. O prazo máximo de execución das actuacións financiadas será de catro anos contados a partir da data de formalización da operación de financiamento.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes de préstamo con cargo ao Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turística (Fomit), presentaranse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, data a partir da cal se computarán os prazos de tramitación establecidos no Real decreto 937/2010, do 23 de xullo, polo que se regula o Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse en calquera oficina das entidades de crédito mediadoras adheridas á liña ICO habilitada para o efecto, segundo o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, e farase público tamén na páxina web do ICO, http://www.ico.es/web/ico/home, xa que son as entidades financeiras adheridas a esta liña as que admitirán ou rexeitarán as solicitudes conforme os seus criterios en materia de riscos.

Estas solicitudes deberán ir acompañadas de tres discos compactos ou lapis USB en que se inclúan dixitalizados todos os seus documentos delas, incluída a propia instancia normalizada.

Á solicitude xuntarase a documentación seguinte:

a) Memoria do proxecto ou proxectos de investimento e das actuacións que comprenden.

b) Orzamento de cada unha das actuacións e orzamento total, en que conste detallado o importe do IVE.

e) A acreditación de obter a autorización de endebedamento regulada no artigo 53 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, no artigo 23 da Lei 18/2001, do 12 de decembro, de estabilidade orzamentaria, e no artigo 25 do Real decreto 1463/2007, do 2 de novembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei 18/2001, na súa aplicación ás entidades locais.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dous lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño , de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e ou importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dous datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar ou presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre ou seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Turismo de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: praza de Mazarelos, 15, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.turismo@xunta.es

Artigo 8. Órganos competentes

A Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponde á directora da axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 9. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación dos préstamos aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) A xerente da Axencia Turismo de Galicia, que a presidirá.

b) O/a xefe/a das áreas provinciais de cada un dos departamentos territoriais da Axencia Turismo de Galicia.

c) O/a xefe/a da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial, que exercerá as funcións de secretario/a.

d) O/a xefe/a da Área de Obras e Mantemento da Axencia Turismo de Galicia.

e) O/a xefe /a da Área de Inspección da Axencia Turismo de Galicia.

3. Os/as suplentes serán designados/as pola Axencia Turismo de Galicia.

4. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención, especificando a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte.

Artigo 10. Criterios de valoración

Os criterios de valoración considerarán os seguintes aspectos:

a) Relevancia do destino para a oferta turística da Comunidade (33 %).

b) Importancia relativa dos danos sufridos polos equipamentos turísticos de cada municipio (33 %).

c) Contía do préstamo solicitado respecto do valor do activo ou volume de negocio afectado (33 %).

Artigo 11. Resolución e notificación

1. A comisión valorará as solicitudes admitidas polas entidades financeiras e a Axencia Turismo de Galicia comunicará na data límite do 15 de xuño á Secretaría de Estado de Turismo a proposta de concesión de acordo co establecido no artigo 12.1 do Real decreto 937/2010, para comprobar a dispoñibilidade ou non de fondos que permitan atender todos os préstamos solicitados.

A Secretaría de Estado de Turismo comunicará á Axencia Turismo de Galicia a dispoñibilidade de fondos e esta formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa á directora da axencia.

2. A directora de Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo máximo de 15 días desde a súa elevación a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os aspectos contados no artigo 34.4 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

A resolución definitiva comunicarase á Secretaría de Estado de Turismo e ás entidades solicitantes antes do 15 de xullo de 2015.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

As solicitudes para a formalización dos préstamos na entidade bancaria poden realizarse ata o 31 de setembro de 2015.

As entidades solicitantes comunicarán á Secretaría Xeral de Turismo as solicitudes de formalización de préstamos ante as entidades bancarias.

3. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Con todo, poderase substituír esta notificación individual pola publicación no DOG.

Artigo 12. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a directora de Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Deberes dos beneficiarios

Os beneficiarios dos préstamos adquiren os seguintes compromisos e deberes, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo dos demais deberes que resulten da normativa aplicable:

a) Realizar os proxectos de investimento que fundamentan a concesión da subvención.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da comunidade autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicar á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado nacional ou internacional.

d) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nos seus deberes tributarios estatais e autonómicos e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública do Estado ou da comunidade autónoma. Así mesmo, deberase acreditar estar ao día cos compromisos de pagamento que teñan contraídos co ICO por calquera concepto.

e) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe do préstamo concedido que non fose amortizado, así como os correspondentes xuros de demora producidos polo importe íntegro do préstamo desde o momento da subscrición ata a data en que se acorde a orixe do reintegro, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e deberes relacionados neste artigo.

– Por incumprimento do deber de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedirían.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento dos deberes contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

f) Se con posterioridade á subscrición do préstamo Fomit, o prestameiro percibise calquera tipo de axuda, indemnización ou préstamo polos mesmos conceptos, por outras administracións públicas ou en virtude da existencia de pólizas de aseguramento, o prestameiro haberá de amortizar anticipadamente a parte correspondente do préstamo Fomit subscrito, non aplicándoselle penalización pola devandita amortización.

Artigo 14. Control

1. Corresponde á Axencia Turismo de Galicia levar a cabo o control e seguimento das actuacións financiadas con cargo ao Fomit, verificando a súa adecuación aos proxectos presentados e a súa execución nos prazos previstos.

2. A Axencia Turismo de Galicia facilitará á Secretaría de Estado de Turismo a información relativa ao seguimento das operacións financiadas que se acorde na Mesa de Directores Xerais de Turismo.

3. O ICO poderá solicitar das entidades financeiras e da Secretaría de Estado de Turismo a documentación que considere necesaria para efectuar o control do financiamento concedido, vía préstamos con cargo ao Fomit, seguindo os procedementos habituais da área de supervisión e seguimento do ICO.

4. Ademais as actuacións financiadas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da comunidade autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 15. Normativa aplicable

En todo o non previsto nesta resolución será de aplicación o establecido na disposición adicional cuadraxésimo terceira da Lei 42/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2007, modificada pola disposición derradeira décimo cuarta, dous da Lei 51/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xenerais do Estado para 2008, e modificada pola disposición derradeira 19.2 da Lei 22/2013, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2014; no Real decreto 937/2010, do 23 de xullo, polo que se regula o Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

Artigo 16. Desenvolvemento

Facúltase a Axencia Turismo de Galicia para ditar as disposicións que sexan precisas para a execución desta resolución.

Artigo 17. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2015

Por ausencia (Artigo 19.6 Decreto 196/2012; DOG núm.193, do 9 de outubro)
Mª Elena Barca Ramos
Xerente da Axencia Turismo de Galicia

missing image file
missing image file