Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Mércores, 18 de marzo de 2015 Páx. 11027

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Económicos, pola que se dispón a publicación do acordo entre a Dirección de Recursos Económicos e a Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela para a encomenda de xestión material a esta última do expediente de contratación da subministración sucesiva de roupa e calzado para as estruturas de xestión integrada.

A Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde e a Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela subscribiron, con data do 6 de febreiro de 2015, un acordo polo que se lle encomenda á devandita xerencia a xestión material do expediente de contratación, mediante procedemento aberto, da subministración sucesiva de roupa e calzado para a Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde.

Para xeral coñecemento, e en cumprimento do disposto no punto 4 do artigo 8 da Lei 16/2000, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2015

Lourdes Vilachán Angueira
Directora xeral de Recursos Económicos

ANEXO
Acordo entre a Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde e a Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela para a encomenda de xestión material a esta última do expediente de contratación da subministración sucesiva de roupa e calzado para a Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde

Dunha parte, Lourdes Vilachán Angueira, directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

Doutra, Luis Verde Remeseiro, xerente de Xestión Integrada de Santiago de Compostela, do Servizo Galego de Saúde,

Expoñen:

O artigo 3 da Orde do 5 de xullo de 2012 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, nos seus números 1.b) e 2.b), establece as competencias da Dirección Xeral de Recursos Económicos para actuar como órgano de contratación e de xestión do gasto nas contratacións centralizadas ou que afecten unha pluralidade de centros do Servizo Galego de Saúde.

O artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, estable a posibilidade de realizar encomendas de xestión intrasubxectivas, entre órganos integrados na mesma persoa xurídica, e intersubxectivas, realizadas entre persoas xurídicas distintas, para a realización de actividades de carácter material, técnico ou de servizos dentro do sector público autonómico. As ditas encomendas rexeranse polo disposto nos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

No Servizo Galego de Saúde é habitual que determinadas actividades técnicas e administrativas de centralización de compras sexan realizadas desde as súas estruturas organizativas periféricas, de tal modo que todos os recursos humanos e técnicos destinados á contratación administrativa participen e colaboren nestas actividades corporativas do organismo autónomo. A finalidade é non duplicar os esforzos da contratación e aproveitar os recursos existentes neste ámbito.

Polo exposto, encoméndaselle á Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela a tramitación do expediente de contratación da subministración sucesiva de roupa e calzado con destino aos centros sanitarios dependentes do Servizo Galego de Saúde e ambas as dúas partes subscriben este instrumento de formalización de encomenda de xestión que se rexerá polas seguintes cláusulas:

Primeira. Obxectivo da encomenda de xestión

A Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde e a Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela acordan, no marco do disposto na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, que a citada xerencia leve a cabo, por razóns de eficacia, a xestión material do expediente para a contratación polo Servizo Galego de Saúde de roupa e calzado con destino aos centros sanitarios dependentes do Servizo Galego de Saúde.

Segunda. Natureza e alcance da xestión encomendada

A xestión material que se encomenda, con respecto ao citado no punto anterior, concretarase nas seguintes actividades, co alcance que en cada caso se sinale:

a) O inicio, impulso e tramitación do expediente de contratación en todas as súas fases, así como dos contratos que deriven del desde a súa formalización ata a súa finalización.

b) A solicitude das autorizacións e dos informes que se estableza na normativa de contratos do sector público, orzamentaria ou administrativa.

c) A recepción das ofertas dos licitadores e de calquera documento que se reciba para o órgano de contratación ou de tramitación.

d) A convocatoria, preparación e realización das mesas de contratación.

e) A proposta e preparación material de todos aqueles actos e resolucións que deba ditar a Dirección Xeral de Recursos Económicos.

Terceira. Financiamento

Esta encomenda de xestión non dará lugar a contraprestacións financeiras entre as partes, as cales asumirán os custos das actualizacións que deben realizar.

Cuarta. Prazo de vixencia

O prazo de vixencia do presente acordo establécese desde a súa sinatura ata o peche definitivo do expediente de contratación.

Quinta. Titularidade da competencia

A encomenda de xestión non supón cesión de titularidade das competencias en materia de contratación e orzamentaria, nin dos elementos substantivos do seu exercicio, atribuídas á Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

Sexta. Actos e disposicións

É responsabilidade da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde ditar os actos ou resolucións de carácter xurídico que dean soporte ou nos cales se integre a concreta actividade material obxecto desta encomenda de xestión.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2015

Lourdes Vilachán Angueira Luis Verde Remeseiro
Directora xeral de Recursos Económicos Xerente de Xestión Integrada
do Servizo Galego de Saúde de Santiago de Compostela