Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Martes, 17 de marzo de 2015 Páx. 10867

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO de auto aclaratorio de sentenza (SP 252/2014).

Susana Varela Amboage, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 252/2014 deste xulgado do social, seguido por instancia de Juan José Pego Suárez contra Ponte Paz, S.L., Fondo de Garantía Salarial, sobre ordinario, foi ditada a seguinte resolución:

«Auto.

Maxistrada xuíza:

Carolina Nores Díaz.

Santiago de Compostela, vinte e tres de febreiro de dous mil quince.

Antecedentes de feito.

Primeiro. En data do 5 de febreiro de 2015 foi ditada sentenza en que, segundo manifestacións da letrada da parte demandante, se aprecia erro no cálculo da indemnización e erro na transcrición da data de efectos do despedimento na parte dispositiva da sentenza.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 267.1 da Lei orgánica do poder xudicial dispón o seguinte: “Os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, mais si aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material que padeceren”.

Ao anterior precepto ten de acrecentarse o establecido nos artigos 214 e seguintes da Lei de axuizamento civil, que establece que os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, mais si aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material que padeceren.

As aclaracións a que se refire o parágrafo anterior poderán facerse de oficio dentro dos dous (2) días hábiles seguintes ao da publicación da resolución, ou por petición de parte ou do Ministerio Fiscal formulada dentro do mesmo prazo, e neste caso será resolta polo tribunal dentro dos (3) tres días seguintes ao da presentación do escrito en que se solicite a aclaración.

Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento.

Pola súa banda, o artigo 215, referíndose á emenda e complemento de sentenzas e autos defectuosos ou incompletos, establece que as omisións ou defectos que puideren padecer as sentenzas e os autos e que for necesario remediar para levar plenamente a efecto as ditas resolucións poderán ser emendados, mediante auto, nos mesmos prazos e polo mesmo procedemento establecidos no artigo anterior.

Se se tratar de sentenzas ou autos que tiveren omitido manifestamente pronunciamentos relativos a pretensións oportunamente deducidas e tramitadas no proceso, o tribunal, por solicitude escrita de parte no prazo de cinco (5) días contados desde a notificación da resolución, despois de traslado da devandita solicitude ás demais partes, para alegacións escritas por outros cinco (5) días, ditará auto en que resolverá completar a resolución co pronunciamento omitido ou non haber lugar a completala.

Se o tribunal advertir en sentenzas ou autos que ditou as omisións a que se refire o punto anterior, poderá, no prazo de cinco (5) días contados desde a data en que se ditou, proceder de oficio, mediante auto, a completar a súa resolución, mais sen modificar nin rectificar o que tiver acordado.

Non caberá recurso ningún contra os autos en que se completen ou se denegue completar as resolucións a que se refiren os anteriores puntos deste artigo, sen prexuízo dos recursos que procedan, se for o caso, contra a sentenza ou auto a que se referise a solicitude ou a actuación de oficio do tribunal. Os prazos para estes recursos, se foren procedentes, comezarán a computarse desde o día seguinte ao da notificación do auto que recoñeceu ou negou a omisión de pronunciamento e acordou ou denegou remediala.

Doutra parte, non procede acceder á imposición de custas no presente procedemento. A mera incomparecencia do demandado non é razón de temeridade ou má fe.

Segundo. En aplicación do anterior, a parte demandante solicita a emenda na fixación do cálculo indemnizatorio ao entender que se produciu un erro.

Efectivamente, tendo en conta a antigüidade do traballador do 16.1. 2003, o salario/día de 40,36 euros, a indemnización de 45/33 días, a indemnización ascende á cantidade de 20.492,79 euros e non de 44.461,96 euros que por erro se fixo constar na parte dispositiva da senteza, polo que esta debe quedar redactada do seguinte modo:

“Condeno a entidade demandada a aboar ao demandante a cantidade de 20.492,79 euros en concepto de indemnización“.

Do mesmo modo, na sentenza dise que se declara a improcedencia do despedimento que tivo lugar no 28.2.2014, cando, segundo se deduce da fundamentación xurídica e dos feitos probados, se debe a un erro de transcrición e debe dicir:

“Declaro a improcedencia do despedimento que tivo lugar on 28.9.2014“.

Finalmente, despois de esta xulgadora apreciar erro na fixación da data da sentenza no 5.2.2014, cando na realidade foi ditada no 5.2.2015, procede aclarar tamén o dito punto, de maneira que no encabezamento conste:

“Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2015“.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral aplicación,

Parte dispositiva.

Procede aclarar a sentenza ditada nestes autos no senso seguinte:

No encabezamento da sentenza, na data onde se di:

“Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2014”.

Débese dicir:

“Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2015”.

Na parte dispositiva, en lugar de indicar:

“Declaro extinguida a relación laboral que unía o demandante e a entidade demandada na data da presente resolución;

Declaro a improcedencia do despedimento que tivo lugar no 28.2.2014;

Condeno a entidade demandada a aboar ao demandante a cantidade de 44.461,96 euros en concepto de indemnización;

Condeno, así mesmo, a empresa a aboar ao demandante a cantidade de 4.993,24 euros como cantidades debidas, máis o xuro de demora do 10 % sobre esa cantidade.

Debo absolver e absolvo o Fogasa, sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria nos casos previstos no artigo 33 do Estatuto dos traballadores“.

Debe indicar:

“Declaro extinguida a relación laboral que unía o demandante e a entidade demandada na data da presente resolución;

Declaro a improcedencia do despedimento que tivo lugar no 28.9.2014;

Condeno a entidade demandada a aboar ao demandante a cantidade de 20.492,79 euros en concepto de indemnización;

Condeno, así mesmo, empresa aboar ao demandante a cantidade de 4.993,24 euros como cantidades debidas, máis xuro de demora do 10 % sobre a esa cantidade.

Debo absolver e absolvo o Fogasa, sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria nos casos previstos no artigo 33 do Estatuto dos traballadores“.

Esta resolución é firme e contra ela non cabe recurso ningún.

Así, por esta a miña resolución, o pronuncio, mando e asino».

E para que sirva de notificación en legal forma a Ponte Paz, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia e a súa publicación no taboleiro do xulgado.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2015

A secretaria xudicial