Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Martes, 17 de febreiro de 2015 Páx. 6692

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Vigo

EXPEDIENTE disciplinario 2/2014

Proposta de resolución:

Vigo, 3 de febreiro de 2015

Feitos:

Primeiro. Tras se recibir neste xulgado o acordo de incoación do expediente 2/2014 da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en relación co funcionario do corpo de tramitación procesual Gonzalo González Martínez, con último destino no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Marín, formouse expediente, do cal foi instrutora quen asina a presente resolución e secretaria a funcionaria do corpo de tramitación procesual con destino neste xulgado Ana Isabel Pino García.

Segundo. No expediente de referencia practicáronse as dilixencias que nel se poden ver.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Do actuado, tras dirixir oficios á Subdirección de Persoal, ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Marín e mais á Delegación Provincial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, despréndense os seguintes feitos:

1. A secretaria do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Marín certificou, o 7.3.2007, a inasistencia de Gonzalo González Martínez ao seu posto de traballo nos seguintes períodos:

– Febreiro do ano 2003: completo.

– Marzo de 2003: do día 3 ao 7, do 10 ao 14, do 17 ao 19, do 26 ao 29, e mais o 31.

– Abril de 2003: do 1 ao 5 e do 7 ao 11.

– Do 30 de abril ao 30 de maio de 2003.

– Do 30 de maio ao 9 de xuño de 2003.

– Do 9 de xuño ao 31 de xullo de 2003.

– Do 31 de agosto ao 30 de setembro de 2003.

– Do 30 de setembro ao 29 de outubro de 2003.

– Do 29 de outubro de 2003 ao 16 de agosto de 2005.

– Do 3 de novembro de 2006 ao 7 de marzo de 2007.

2. Por escrito do 8.5.2014, a secretaria do referido Xulgado de Marín, Amagoya Castro Cerqueiro, informa de que o funcionario do que trae causa o expediente non volveu ao seu posto de traballo desde unha data que non se puido concretar pero que, en todo caso, é anterior ao 3 de novembro de 2006, data de incorporación da secretaria informante, e que a súa praza foi cuberta por diferentes substitutos.

Engade que, logo de se consultar o expediente persoal de Gonzalo González Martínez, non consta que se reincorporase ao seu posto desde o abandono de 2003.

Segundo. Dado que se descoñece o domicilio actual de Gonzalo González Martínez, que a súa nai manifestou que non coñece o seu paradoiro actual e que as indagacións efectuadas neste sentido resultaron infrutuosas, procedeuse a notificarlle ao interesado a incoación do presente expediente por medio dun anuncio que foi publicado no Diario Oficial de Galicia do 23.4.2014 (número 77, páxina 18.482).

Terceiro. Do exame de todo o instruído tírase que a conduta do funcionario de referencia é constitutiva dunha falta moi grave tipificada no artigo 7, letra c), do Regulamento xeral do réxime disciplinario do persoal ao servizo da Administración de xustiza: o abandono de servizo.

A dita conduta mantívose de xeito claro, evidente e reiterado desde 2003, e constitúe, como xa se indicou, unha falta moi grave de abandono do servizo do artigo 7.c) do referido regulamento, polo que procede dar por concluída a presente instrución e propor a sanción de separación do servizo, consonte o artigo 13.3 do dito regulamento, así como remitir o expediente á Dirección Xeral de Xustiza co fin de que dite a resolución que proceda.

Cuarto. A gravidade da conduta obxecto de instrución implica que a sanción que se propón sexa a de separación do servizo, dado que aquela é merecente do reproche máximo, a xuízo desta instrutora.

Quinto. Conforme o artigo 33 do Real decreto 796/2005, do 1 de xullo, a proposta de resolución seralle notificada polo instrutor ao interesado, co fin de que no prazo de quince días alegue o que considere conveniente para a súa defensa.

A notificación inserirase mediante edicto que se publicará no Diario Oficial de Galicia do mesmo xeito en que se comunicou a resolución do 4 de abril de 2014 pola que se acorda a continuación da instrución.

Sexto. Na instrución do presente expediente observáronse as prescricións legais.

Foron vistos os preceptos citados e os demais de xeral e pertinente aplicación.

Parte dispositiva.

Dáse por concluída a instrución do expediente disciplinario de referencia respecto ao funcionario Gonzalo González Martínez.

Estímase a existencia da comisión continuada dunha falta moi grave.

Proponse como sanción a separación do servizo.

Acórdase dar traslado para alegacións ao interesado por un prazo de quince días, mediante edicto que se inserirá no Diario Oficial de Galicia.

Remítanse as actuacións á Dirección Xeral de Xustiza para que adopte a resolución que proceda.

Así o acorda a secretaria do Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Vigo e instrutora do presente expediente, quen asina.

Vigo, 3 de febreiro de 2015

Mª del Pilar Sández González