Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Luns, 16 de febreiro de 2015 Páx. 6558

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Para dar cumprimento aos obxectivos que ten encomendados, esta secretaría xeral convoca unha resolución de axudas económicas en favor de persoas emigrantes galegas retornadas que ten por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas axudas fundaméntanse en feitos de urxente atención, teñen carácter meramente paliativo e destínanse a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno que, polas súas circunstancias, requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos polas persoas afectadas, de tal xeito que alcancen a complementar ou aliviar a carencia de recursos.

Polos ditos motivos, e dada a súa excepcionalidade por razóns de interese social, proponse un mecanismo de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da concesión e das garantías na súa aplicación, faciliten a cobertura, curso e resolución sobre as peticións que se formulen, todo isto de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración que teñen por finalidade a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas, para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2015.

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei, con base no disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para estes efectos, a concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia a indicada circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso de que o crédito establecido para esta subvención non sexa suficiente para proceder ao pagamento de todas as subvencións solicitadas, aplicarase, como criterio de prioridade, a data de presentación das solicitudes con toda a documentación relacionada no artigo 9.

Artigo 2. Financiamento

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de cen mil euros (100.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas:

a) As persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega.

b) Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas relacionadas na letra a) con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.

2. As persoas beneficiarias deberán acreditar estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno e ter a súa residencia actual en Galicia.

Artigo 4. Requisitos

1. Os requisitos exixidos para poder ser persoas beneficiarias, que deben estar referidos ao momento da solicitude, son os seguintes:

a) Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.

b) Non ter transcorrido máis dun ano entre a data do seu retorno a España e a da publicación desta resolución.

c) Estar empadroada e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Carecer de rendas ou ingresos suficientes, computándose como tales todo tipo de rendas, mesmo as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante ás previstas nesta resolución.

Entenderanse como rendas ou ingresos insuficientes os que non superen, en cómputo global, o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) mensual correspondente ao ano desta convocatoria, e relativos á renda per cápita da unidade familiar entendida tal como se sinala no artigo 5.

Así mesmo, terán a consideración de rendas para os efectos da percepción destas axudas, ás seguintes:

– Rendementos do traballo. Inclúen as rendas netas do traballo por conta allea, bolsas e outras axudas semellantes.

– Pensións e prestacións. Inclúen os ingresos netos de todo tipo de pensións e prestacións.

– Rendas do capital mobiliario. Inclúen os rendementos netos das distintas contas bancarias e investimentos financeiros.

– Rendas do capital inmobiliario. Inclúen os rendementos brutos dos bens inmobles arrendados, diferentes da vivenda habitual.

– Rendas de actividades económicas, profesionais, empresariais ou agrarias. Compútase como rendas o rendemento neto reducido (ingresos menos gastos) dos distintos tipos de actividades.

Para o cálculo das rendas, cando se perciban con periodicidade superior á mensual, computaranse en pro rata mensual sobre o período a que correspondan, excepto as que se obteñan nun único pagamento, cuxo importe se ratea entre doce meses.

e) Carecer de bens mobles e/ou inmobles cuxo valor supere o límite establecido no número 3 deste artigo.

Para estes efectos só se computarán como bens mobles o diñeiro en efectivo e os efectos mercantís que non estean depositados nunha entidade financeira valorados polo seu importe, así como os depósitos bancarios ou a prazo, accións valores ou participacións en sociedades, participacións en fondos ou plans de pensións ou de investimento ou calquera outra relación en que apareza en posición acredora dunha entidade financeira, sendo o valor para computar destes efectos o que conste na correspondente documentación bancaria.

Polo que respecta aos bens inmobles teranse en conta todos, a excepción da vivenda habitual, e o seu valor será o que figure no recibo do imposto que os grave ou, na súa falta, no contrato de compravenda.

2. Quedan excluídas das axudas desta resolución as persoas beneficiarias de anteriores resolucións da Secretaría Xeral da Emigración de axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e aos seus familiares.

3. Quedan excluídas das axudas desta resolución as persoas solicitantes que teñan bens patrimoniais (mobles e/ou inmobles), entendidos tal e como se recolle no punto 1.e) deste artigo, cuxo valor supere o límite de 15.000 € máis 5.000 € adicionais por cada un dos restantes membros da unidade familiar, entendida tal e como se sinala no artigo 5.

Artigo 5. Criterios de valoración

A valoración das axudas efectuarase conforme os criterios e a gradación que se establecen a seguir:

1. Situación económica per cápita mensual do mes anterior ao da presentación da solicitude da unidade familiar da persoa solicitante ponderada consonte o total de ingresos e de rendas percibidas e o número de membros da unidade familiar, segundo o seguinte baremo:

a) Ingresos e rendas inferiores ao 50 % do IPREM: 3 puntos.

b) Ingresos e rendas do 50 % ao 80 % do IPREM: 2 puntos.

c) Ingresos e rendas superiores ao 80 % do IPREM e ata o IPREM: 1 punto.

Entenderase como unidade familiar, en todo caso, a integrada pola persoa solicitante, o seu cónxuxe ou parella de feito non separado legalmente ou de feito e, de ser o caso, os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao en liña ascendente e descendente da persoa solicitante, así como os seus cónxuxes ou parellas de feito, non separados legalmente ou de feito, sempre que convivan coa persoa solicitante.

Para estes efectos, só se computarán como membros da unidade familiar os que consten no mesmo domicilio segundo os datos do padrón municipal ou ben da certificación municipal de convivencia, no caso de tela que achegar a persoa solicitante, segundo o previsto no artigo 9.1.5.

2. Número de fillos/as menores de 18 anos por conta da persoa solicitante: 1 punto por cada fillo/a, salvo no caso de familia numerosa, que serán 2 puntos por cada fillo/a.

3. Situación de discapacidade da persoa solicitante e/ou de membros da unidade familiar:

– Discapacidade igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %: 1 punto por persoa.

– Discapacidade igual ou superior ao 65 %: 2 puntos por persoa.

No caso de que a persoa discapacitada necesite axuda de terceira persoa para as actividades básicas da vida diaria, a puntuación incrementarase en dous puntos por cada persoa da unidade familiar que se atope na dita situación.

Naqueles certificados emitidos polos órganos competentes en que non conste a porcentaxe de discapacidade, valorarase con 1 punto por persoa.

4. Enfermidade grave ou moi grave da persoa solicitante e/ou de membros da unidade familiar, sempre que non se tivese valorado no número 3: 1 punto por persoa.

5. Solicitante e/ou membros da súa unidade familiar que sexan vítimas da violencia de xénero: 2 puntos.

6. As persoas solicitantes que teñan 65 anos ou máis na data de solicitude e sempre que non sexan beneficiarias de ningún tipo de pensión nin de prestación periódica concedidas pola Administración estatal ou autonómica: 5 puntos.

7. De existiren varias persoas solicitantes que reúnan os requisitos para poderen ser beneficiarias integradas dentro da mesma unidade familiar, tal e como se recolle no artigo 5.1, a puntuación obtida con base na aplicación dos criterios de valoración establecidos no presente artigo dividirase entre o número de persoas beneficiarias da axuda, tendo en conta que a puntuación obtida por ter fillos/as a cargo menores de 18 anos se imputará ao cónxuxe ou parella de feito que ambos manifesten expresamente mediante declaración por escrito. De non facer declaración expresa ou de non existir acordo, imputaráselle á nai.

Artigo 6. Contía, pagamento e compatibilidade de axudas

1. As axudas de carácter xenérico para facer fronte á situación derivada do retorno previstas nesta resolución pagaranse por unha soa vez e o seu importe establécese en función do número de puntos que se obteñan segundo os criterios recollidos no artigo 5, fixando para os efectos un valor en euros por unidade de puntuación, o que determinará a contía da axuda.

Co obxecto de protexer a situación daquelas persoas que se atopen nunha situación de maior vulnerabilidade, con base no establecido nos puntos 1, 2, 3, 4, 5, 6 e 7 do artigo 5, a unidade de puntuación terá un valor en euros diferente en función do número de puntos obtidos polas persoas solicitantes, de acordo coas seguintes regras:

– Unidade de puntuación para aquelas persoas que obteñan entre 1 e 5 puntos: 250 € por punto.

– Unidade de puntuación para aquelas persoas que obteñan 6 ou máis puntos: 350 € por punto.

2. Igualmente, e co fin de axudar a sufragar os gastos derivados do retorno, establécese unha axuda de pagamento único que incrementará a contía das axudas previstas no punto 1 en 150 € para a persoa beneficiaria procedente de Europa, e en 400 €, para a persoa beneficiaria procedente de América e outros países, excepto Europa.

3. As axudas concedidas para facer fronte de maneira xenérica á situación e aos gastos derivados do retorno aboaranse unha vez que se acredite que a persoa solicitante reúne os requisitos exixidos para obter a condición de beneficiaria segundo o establecido nos artigos 3 e 4 e polo importe correspondente en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 5 e en función do establecido no punto 3 deste artigo.

4. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta secretaría xeral para os mesmos conceptos subvencionables.

Artigo 7. Solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2015, inclusive.

Artigo 9. Documentación

1. Xunto coa solicitude as persoas solicitantes deberán achegar a seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente compulsada:

1º. DNI da persoa solicitante no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de identidade do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o resto, pasaporte ou documento de identidade en que consten os seus datos persoais.

2º. Documentos xustificativos da condición de persoa galega determinada no artigo 3.1.a) e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco das sinaladas no artigo 3.1.b), acreditación documental do vínculo da persoa solicitante.

3º. Libro de familia da persoa solicitante, se é o caso. Na súa falta, achegarase certificado de matrimonio ou certificación do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

En caso de separación legal ou divorcio, ou disolución dunha parella de feito, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou certificación rexistral.

4º. Certificado de empadroamento expedido, con posterioridade á data de entrada en vigor desta resolución, polo concello en que resida a persoa solicitante, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de residencia do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas, a verificación dos seus datos de residencia, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

5º. Certificación municipal emitida, con posterioridade á data entrada en vigor desta resolución, polo concello galego de residencia da persoa solicitante que acredite a convivencia dos membros da unidade familiar.

6º. Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España, así como o tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.

7º. Certificación de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, se é o caso.

8º. Certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos económicos e rendas de calquera tipo correspondente ao mes anterior ao da presentación da solicitude da persoa solicitante e da súa unidade familiar entendida como se sinala no artigo 5.

9º. Documentación acreditativa do valor dos bens, mobles ou inmobles da unidade familiar, a excepción da vivenda habitual, tal e como se recolle no artigo 4.1.f).

10º. Informe médico actualizado expedido polos servizos públicos de saúde españois, no caso de alegar enfermidade grave ou moi grave.

11º. Certificado expedido polo órgano competente que acredite o grao de discapacidade, no caso de alegar tal circunstancia. Non terán que presentar esta documentación cando a persoa solicitante autorice a Secretaría Xeral da Emigración a verificar o dato do grao de discapacidade, sempre e cando fose recoñecido pola Xunta de Galicia.

12º. No caso de alegar ser vítima de violencia de xénero, deberá acreditar tal situación por calquera das seguintes formas:

a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola persoa titular da secretaría xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

b) Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na lei.

c) Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

d) Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

e) Informe do ministerio fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

f) Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración del.

4. Cando os documentos achegados ao expediente pola persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución en calquera destes idiomas.

5. A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar dos servizos sociais comunitarios do concello onde tivese fixada a residencia a persoa solicitante a emisión dun informe social en que se reflicta a súa situación familiar, sociolaboral e económica co fin de ter un maior e adecuado coñecemento das devanditas situacións.

Os ditos servizos sociais poderán remitir este informe xunto coa solicitude e o resto da documentación necesaria para a súa valoración, sen mediar solicitude previa da secretaría xeral, cando a persoa solicitante utilice estes servizos como apoio para a tramitación da axuda.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administración públicas. Por tanto, o modelo de solicitude incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos no artigo 9, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 11. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno.

2. De acordo co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos, o órgano instrutor requirirá a persoa solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o persoa instrutora formulará a proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración e ditará a resolución que corresponda.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Á vista da proposta de resolución, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

2. Segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as resolucións serán notificadas de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a notificación practicarase conforme o establecido no seu artigo 59.

Artigo 13. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver será de cinco meses contado desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días hábiles contados desde o seguinte ao da súa notificación sen que a persoa solicitante comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

2. No caso de renuncia, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, logo da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia á persoa interesada.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Emigración, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais, para o que se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia antes dos pagamentos.

c) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) As demais obrigas previstas no artigo 11 da antedita lei.

Artigo 17. Incumprimento, reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora producidos desde o momento en que se efectúe o pagamento nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Basquiños, 2, CP 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a retorno.emigracion@xunta.es.

Artigo 19. Publicidade

Dada a natureza das axudas establecidas nesta resolución e de acordo co disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exceptuase a Secretaría Xeral da Emigración da publicación das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución.

Artigo 20. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Emigración, a través dos seguintes medios:

a) Portal web oficial desta secretaría xeral (http://emigracion.xunta.es/) onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta resolución.

b) Así mesmo, poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/).

Artigo 21. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2015

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file