Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Venres, 13 de febreiro de 2015 Páx. 6423

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de xaneiro de 2015 pola que se aproba o servizo de presentación de documentación relativa á tramitación dos convenios de colaboración subscritos por esta axencia suxeitos á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O contexto normativo establecido pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, impulsa unha nova concepción ao construír a súa regulación sobre a base do dereito dos cidadáns a utilizar os medios de comunicación electrónica para relacionarse coa Administración e exercer os seus dereitos. Este singular punto de partida, que pon o cidadán e os seus dereitos na base de toda actuación administrativa, trae consigo a asunción do compromiso xurídico de incorporar as tecnoloxías da información á totalidade das funcións administrativas.

Cómpre salientar que un dos obxectivos primordiais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia é conseguir o máximo grao de achegamento da Administración á cidadanía, garantir a simplificación e redución de cargas administrativas e a redución da documentación exixible ao cidadán.

Pola súa banda, o contrato de xestión da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) establece entre os seus obxectivos a Administración intelixente, que debe fomentar a aceleración dos procedementos, a accesibilidade dos servizos e a información, a creación de canles interactivas e, en definitiva, a posibilidade de integrar de forma máis natural as actividades que suceden a ambos os dous lados da liña que teoricamente separa as esferas administrativas das privadas, dándolle un contido cualitativamente distinto á relación cidadán-Administración e facilitando a entrega de máis servizos, a colectivos máis amplos e con novas funcionalidades.

Os trámites asociados aos convenios de colaboración suxeitos á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, supoñen para os asinantes a presentación de diversa documentación nas distintas fases do convenio. Trátase aquí, ante todo, de reducir as cargas que poidan supoñer os ditos trámites, desde a presentación de documentación previa á sinatura do convenio (acreditación dos requisitos para obter a condicións de beneficiario, así como o cumprimento de obrigas) ata a xustificación da realización das actividades recollidas nel, ademais da eventual solicitude de modificación ou emenda de documentación, así como a realización de calquera outro trámite en relación ao convenio dos recollidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación.

En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas, segundo o establecido no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos,

RESOLVO:

Primeiro. Servizo de presentación de documentación relativa aos convenios de colaboración subscritos pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Aprobar a posta en funcionamento do servizo de presentación de documentación relativa á tramitación dos convenios de colaboración subscritos pola Amtega e suxeitos á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Ámbito de aplicación

O servizo que se aproba mediante a presente resolución será de aplicación para a presentación de toda a documentación, por parte das persoas xurídicas interesadas, relativa á tramitación de convenios de colaboración subscritos pola Amtega.

Terceiro. Presentación na sede electrónica da Xunta de Galicia

A documentación relativa á tramitación dos convenios de colaboración subscritos pola Amtega suxeitos á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia deberá presentarse unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación da documentación será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Cuarto. Formatos admitidos e modelos normalizados

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do Cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinto. Notificacións

Notificaránselles ás persoas interesadas as resolucións e os actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

As notificacións electrónicas só poderán efectuarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitirlles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada.

Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite, continuando o procedemento, salvo que, de oficio ou por instancia da persoa destinataria, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexto. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste servizo, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar as relacións administrativas cos cidadáns, entre elas os procedementos de axudas, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Centro de Innovación Cultural e Modernización Tecnolóxica de Galicia, Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a lopd@xunta.es

Sétimo. Consentimentos e autorizacións

As persoas interesadas deberán achegar os documentos relativos á tramitación dos convenios, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao cal correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

O inicio dos trámites previos á sinatura do convenio comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa interesada ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

De conformidade co artigo 11.1 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, para os efectos da súa difusión na internet, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia fará pública na súa páxina web, dentro dos primeiros vinte días dos meses de xaneiro, maio e setembro de cada ano, unha relación dos convenios subscritos referida ao cuadrimestre anterior. A información manterase dispoñible na internet durante todo o exercicio orzamentario. Igualmente, manterase dispoñible na internet a información referida ao exercicio inmediatamente anterior. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que o inicio dos trámites previos á sinatura do convenio leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Oitavo. Formularios

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios relativos ao servizo que aquí se regula, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación da documentación correspondente á tramitación de convenios de colaboración coa Amtega será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2015

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

missing image file
missing image file