Con data do 16 de xaneiro de 2015, o presidente de Portos de Galicia resolve autorizar a incoación do expediente de caducidade da concesión administrativa de referencia, acordándose designar como instrutor do expediente a Jesús Javier Fernández Barro, xefe da División Xurídica de Portos de Galicia, con domicilio para efectos do presente expediente en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, 15707 Santiago de Compostela, sendo o seu réxime de abstención e recusación o consignado nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Intentada a notificación do acordo de incoación do expediente de caducidade no enderezo que consta no expediente sito no lugar O Castro, s/n, en Castiñeiras-Ribeira, provincia da Coruña a través do servizo de Correos, e non sendo posible a súa práctica, de conformidade co disposto no artigo 59.4º da citada Lei 30/1992, notifícase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e exposición no taboleiro de edictos do Concello de Ribeira á mercantil Conservas Castiñeiras, S.L., o presente acordo de incoación de expediente de caducidade da concesión administrativa de referencia.
O expediente incóase por falta de pagamento da totalidade das taxas relativas á concesión liquidadas desde o ano 2006 e por falta absoluta de actividade na concesión, o que determina a concorrencia das causas imperativas de caducidade previstas na condición xeral da concesión número 32ª, letras a) e b).
Contra o acordo de incoación poderanse formular alegacións, outorgándose por estes efectos un prazo máximo de 15 días contados desde o día seguinte ao da publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia e exposición no taboleiro de edictos do Concello de Ribeira.
Á marxe do que resulte da instrución do procedemento en canto a outros motivos de caducidade que poidan concorrer, o aboamento das cantidades debidas antes de ditar resolución implicará o arquivamento do expediente no que atinxe a este motivo concreto de caducidade.
O órgano competente para a resolución do expediente é o presidente da entidade pública Portos de Galicia, en virtude das competencias conferidas polo artigo 4 da Orde do 30 de marzo de 2012, da Consellería do Medio Rural e do Mar.
Para o seu exame, o expediente completo atópase nas dependencias dos servizos centrais de Portos de Galicia en Área central, praza de Europa, 5-A, 6º, 15707 Santiago de Compostela.
E para que conste e sirva de notificación, e en cumprimento do disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, expido, asino e selo a presente cédula.
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2014
Jesús Javier Fernández Barro
Instrutor