Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 2015 Páx. 4492

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 28 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2015 para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.

Conforme o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, é este o departamento encargado de xestionar as competencias que en materia de protección civil e emerxencias ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece no seu artigo 10 que lle corresponde á Xunta de Galicia a superior coordinación e dirección da protección civil, a xestión dos servizos que se considere preciso prestar de forma unitaria para todo o territorio galego e a xestión das emerxencias que superen os medios de resposta dos que dispoñen as entidades locais.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25. 2º, parágrafo f), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82) determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación dos seus cidadáns en diferentes materias tales como a protección civil, as emerxencias e a prevención de riscos.

A Unión Europea, a través do programa operativo Feder 2007-2013, eixo 3, tema prioritario.53 «Protección de riscos», tenta garantir a mellora, conservación e protección dos recursos naturais, xunto cun uso sustentable da auga, incidindo na prevención de riscos, no incremento da eficiencia enerxética, na utilización de fontes renovables e nas oportunidades de progreso que representa o ambiente para o desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste sentido, no punto 3.53.15 «Mellora de infraestruturas e equipamento de emerxencias nos servizos municipais de protección civil e emerxencias» sitúase a dotación de equipamento de emerxencias para a protección e prevención de riscos nos concellos, mancomunidades e asociacións de concellos xa que supón unha mellora na atención das necesidades cidadás tanto en situacións de emerxencia como na súa prevención.

O actual escenario de crise económica que afecta tamén os concellos obriga a impulsar medidas de xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles co fin de continuar prestando servizos de calidade aos cidadáns, optimizando os recursos económicos das administracións mediante fórmulas que permitan a xestión compartida na prestación dos servizos públicos.

Por outra banda, é preciso incentivar tanto a cooperación entre os concellos como os procesos de fusión municipal, voluntariamente concertados, como medida de reorganización que faga posible un aforro de custos e unha xestión máis eficaz.

Neste sentido, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 28 de febreiro de 2013, adoptou o acordo de aprobar os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

En cumprimento do devandito acordo, a presente convocatoria pública incorpora criterios para primar as solicitudes presentadas conxuntamente por agrupacións ou asociacións de concellos fronte ás presentadas individualmente.

Pola súa banda, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece na súa disposición adicional terceira que as entregas de bens, dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros que cumpren os requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2.1º da referida lei, terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

No exercicio destas competencias, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza quere establecer con esta orde un instrumento que, axeitándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á mellora e equipamento dos concellos en tarefas de prevención de riscos en emerxencia e protección civil, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ao tratarse dunha orde con aplicación de fondos cofinanciados pola Comunidade Europea a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder), estará suxeita á regulamentación comunitaria aplicable ao obxecto desta.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas, polos Decretos 229/2012 e 320/2012, do 2 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e a súa convocatoria para o ano 2015.

O equipamento que se cederá distribúese nas seguintes liñas de axuda:

Liña 1: 40 vehículos todoterreo tipo pick-up.

Liña 2: 40 vehículos furgóns para transporte e loxística.

Liña 3. 40 remolques para a atención ás emerxencias.

Liña 4. 16 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate, das cales 8 son embarcacións de 3,95 a 4,5 metros de eslora e 8 de máis de 5,20 metros de eslora.

Liña 5. 30 esparexedores de sal adaptados a remolques ou vehículos todoterreo.

Liña 6. 20 remolques con carpa presurizadas para posto de mando avanzado.

O número de unidades de cada unha das liñas de axuda podería ser incrementado, en función dos resultados obtidos na licitación para a súa adquisición.

Artigo 2. Crédito

A adquisición do equipamento de emerxencias lévase a cabo mediante subministración por procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada e foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), nun 80 %, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013, eixo 3, tema prioritario.53 «Protección de riscos», co cargo á aplicación orzamentaria 05 25 212A 624.0.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:

a) Que o solicitante teña unha agrupación de voluntarios de protección civil inscrita no rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo. ou que tivesen presentada oficialmente a solicitude de inscrición neste, quedando neste caso condicionada á concesión da subvención á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como moi tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2013 no Consello de Contas de Galicia.

c) Que non teñan recibido axudas por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o mesmo fin nos últimos tres anos para o equipamento da mesma tipoloxía.

d) No caso das mancomunidades ou agrupación de concellos os servizos de emerxencia e protección civil deberán prestarse de xeito mancomunado. A presentación de solicitude de forma conxunta e mancomunada é incompatible coas solicitude individual dos concellos que a compoñen.

Artigo 4. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. Os concellos, individualmente, mancomunados ou agrupados, que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde. A solicitude deberá ir acompañada da documentación que se establece no artigo 5 desta orde, segundo proceda.

Cada solicitante deberá pedir por orde de preferencia o equipamento das liñas, de acordo coas súas necesidades, e, en función da súa puntuación, concederáselle o solicitado ata o límite de existencia, de acordo cos seguintes criterios:

a) As entidades solicitantes das liñas de axuda 1, 2 e 3, so poderán asignárselles o equipamento dunha delas salvo que se cumprise a situación do punto c).

b) Pola contra, si poderán levar equipamento das demais liñas, se cumpren os requisitos, e unha vez que foran atendidas todas as peticións en primeira ronda, sempre e cando quedasen existencias.

c) De darse o caso, de quedar existencias das liñas 1, 2 e 3, unha vez resoltas todas as peticións de acordo cos dous apartados anteriores, poderase conceder aos solicitantes das liñas 1, 2 e 3 un segundo vehículo ou remolque de emerxencias, si estivese recollido na súa solicitude, seguindo a orde establecida de puntuación ata fin de existencias.

d) Os beneficiarios de equipamento das liñas 1 e 2 comprométense a aceptar a cesión de terminais TETRA da nova rede de comunicacións de emerxencias da Xunta de Galicia que, nun número máximo de tres e, en función das existencias, cederá esta Administración co compromiso por parte das entidades beneficiadas de facerse cargo do seu mantemento.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Documentación que integra a solicitude

1. Solicitude no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR450A) a esta orde.

2. Certificación ou declaración responsable asinada polo representante do concello, mancomunidade ou asociación de concellos solicitantes, do acordo da entidade pola que se solicita a subvención en especie e se aceptan as condicións e demais requisitos exixidos nesta convocatoria (recollidos no anexo I), en que se faga constar:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que o concello, mancomunidade ou asociación de concellos non están incursos en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que concello, mancomunidade ou asociación de concellos están ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedores por resolución de procedemento de reintegro.

3. Certificado do órgano competente da mancomunidade ou asociación de concellos no que se indique a prestación mancomunada dos servizos de emerxencia e protección civil.

4. Certificado do/da secretario/a da entidade solicitante da presentación das contas da entidade no Consello de Contas de Galicia, a que fai referencia o artigo 3.

5. No caso de realizar a petición conxunta con outro ou outros concellos, a certificación do Pleno aprobatorio de tal acordo e condicións deste.

6. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior que é o órgano competente para a instrución do procedemento e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo improrrogable de dez días para emendar os erros ou omisións.

Transcorrido o dito prazo e de non producirse a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Instrución

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación serán analizadas por unha comisión de valoración, presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou persoa en quen delegue, e formada polas cinco persoas responsables das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, actuando como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, ou un/unha funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo, que non terá dereito a voto.

2. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, co número de beneficiarios, e conterá unha lista de reserva cara á posible renuncia dalgún beneficiario ou á adquisición de máis material, que será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

3. Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 7. Criterios de valoración e repartición

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e, para a elaboración da proposta de resolución, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica, ata un máximo de 100 puntos:

1. Número de mobilizacións da AVPC constatados polo Centro de Atención de Emerxencias 112, referidas a accidentes, incendios, protección civil, salvamento e rescate, incidencias de circulación e riscos, ata un máximo de 14 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña maior número de mobilizacións e ao resto a que lle corresponda en proporción.

Poderase limitar o número máximo de mobilizacións ao dobre da medida do conxunto de mobilizacións, a partir da cal se lle dará a mesma puntuación aos que estean por riba no seu rango e ao resto a que lle corresponda en proporción.

2. Co fin de fomentar a realización de proxectos conxuntos, incentivaranse as solicitudes presentadas por mancomunidades, consorcios, agrupacións ou asociacións de concellos para a realización dun proxecto común, reservándose ata 20 puntos da puntuación total. Para a valoración deste criterio teranse en conta:

– Pola simple presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión, outorgaranse 10 puntos.

– Polo número de concellos asociados ou mancomunados para os servizos de emerxencia e protección civil, ata un máximo de 10 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior número de concellos asociados ou mancomunados e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

3. Ratio de número de voluntarios asegurados dedicados á protección civil por cada mil habitantes do concello, ata un máximo de 15 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña unha mellor ratio e ao resto a que lle corresponda en proporción.

Poderase limitar o número máximo da ratio, ao dobre da media do conxunto dos ratios, a partir da cal se lle dará a mesma puntuación aos que estean por riba no seu rango e ao resto a que lle corresponda en proporción.

4. O risco potencial de emerxencias, estimado polo Platerga, ata un máximo de 10 puntos. Puntuarase en atención aos tramos seguintes: risco moi alto 10, risco alto 8, risco moderado 6, risco baixo 4 e risco moi baixo 2.

5. Atendendo á poboación do territorio da entidade local, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, ata un máximo de 10 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior poboación e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

Así mesmo e para fomentar a realización de proxectos conxuntos, as solicitudes presentadas por mancomunidades, consorcios, agrupacións ou asociacións de concellos para a realización dun proxecto común serán valoradas, en todo caso, con 10 puntos.

6. Atendendo á extensión do territorio da entidade local, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, ata un máximo de 8 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior extensión territorial e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

Así mesmo e para fomentar a realización de proxectos conxuntos, as solicitudes presentadas por mancomunidades, consorcios, agrupacións ou asociacións de concellos para a realización dun proxecto común serán valoradas, en todo caso, con 8 puntos.

7. A carencia de servizos de emerxencia, parques de bombeiros ou GES a máis de 20 km. 5 puntos.

8. Pola antigüidade da AVPC desde a súa inscrición no Rexistro de AVPC da Xunta de Galicia ata un máximo de 10 puntos, asignados cos seguintes criterios:

10 puntos as AVPC inscritas ata o ano 1995 inclusive.

8 puntos as AVPC inscritas ata o ano 2000 inclusive.

6 puntos as AVPC inscritas ata o ano 2005 inclusive.

4 puntos as AVPC inscritas ata o ano 2010 inclusive.

2 puntos as AVPC inscritas ata o ano 2015 inclusive.

9. Pola atención da AVPC ao servizo 24 horas, constatado pola información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias, 8 puntos.

10. Para solicitar o equipamento da liña 4, será condición prioritaria que o concello estea incluído no plan Sapraga, xa sexa costeiro ou de interior.

11. No caso de solicitude de equipamento da liña 5, daráselle prioridade aos solicitantes que se atopen dentro do risco moi alto por nevaradas de acordo co establecido no Platerga. Dentro deste grupo valoraranse as solicitudes en función da puntuación xeral acadada nos outros criterios. De quedar existencias, poderase conceder aos solicitantes que se atopen dentro do risco alto e de seguir tendo existencia aos solicitantes que estean dentro do risco moderado, valorándose as solicitudes en función da puntuación xeral acadada nos outros criterios.

Artigo 8. Resolución, publicación e notificación

1. A resolución adoptarase polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de valoración, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia.

2. A notificación da resolución será efectuada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Na notificación da resolución faranse constar as seguintes condicións particulares que deberá cumprir o interesado ao cal se lle conceda o equipamento e que serán recollidos na acta de cesión correspondente:

a) Serán por conta dos beneficiarios os gastos de matriculación, incluído, se é o caso, o imposto especial sobre determinados medios de transporte, seguros, mantemento, conservación e calquera outro gasto que puidese supoñer a cesión, así como as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos e demais equipamento, calquera que sexa a súa contía.

b) Compromiso de que o equipamento sexa destinado a misións de protección civil e emerxencias. O incumprimento da obriga de destino referida será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

c) Compromiso da inalterabilidade das condicións tidas en conta para a concesión.

d) O/a alcalde/sa do concello, presidente/a da mancomunidade ou representante da agrupación de concellos, ao cal se lle conceda o equipamento solicitado, disporá dun prazo de dez días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para a súa aceptación ou renuncia.

No suposto de que, transcorridos cinco meses contados desde a publicación desta orde, non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución de concesión poderá interporse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución ou desde o día que se produza o acto presunto.

Así mesmo, poderá interporse directamente recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día no que se produza o acto presunto.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados para o mesmo fin, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9. Formalización da cesión

De acordo co disposto na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entregas de bens ou dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b), e c) do artigo 2.1º da Lei 9/2007, terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

Para estes efectos, o material adquirido por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e adxudicado aos beneficiarios desta orde está afecto ao cumprimento dunha finalidade de carácter público, polo que ten a consideración de subvención en especie e a súa cesión formalizarase mediante acta subscrita polo/a secretario/a xeral técnico/a desta consellería, debendo constar nela o regulamentado no artigo 8 ao respecto.

No momento de asinar a acta de cesión, os beneficiarios deberán presentar a declaración actualizada do modelo do anexo II asinada polo representante do concello, mancomunidade ou asociación de concellos.

Dado que os fondos achegados proveñen do programa de fondos Feder-Galicia 2007-2013, o concello quedará obrigado a cumprir cos requisitos de publicidade establecidos no Regulamento (CE) nº 1828/2006, da Comisión, e deberá manterse o rotulado do equipamento cedido. Así mesmo, tamén deben adoptarse medidas para garantir a compatibilidade coas políticas comunitarias en materia ambiental, de contratación pública, igualdade de oportunidades e as regras de competencia.

De igual xeito, e de acordo co establecido no artigo 57 do Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello Europeo os concellos quedarán obrigados ao mantemento dos bens cedidos un mínimo de cinco (5) anos.

Artigo 10. Reversión dos bens na comunidade autónoma

1. Se o equipamento cedido non se aplicase ao fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor das deterioracións ou dos deterioros que experimentasen.

2. A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que leva aparellada a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Artigo 11. Consentimentos e autorizacións

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade

Artigo 12. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: emerxencias.interior@xunta.es

Artigo 13. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común

Disposición adicional. Mancomunidades ou agrupación de concellos

Todos os documentos descritos no articulado da presente orde, cando o solicitante sexa unha mancomunidade ou agrupación de concellos, estenderanse polo seu órgano competente.

Disposicións derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase o director xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposicións derradeira segunda. Lexislación aplicable

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeira terceira. Lexislación como fondo Feder

Ao tratarse dunha orde con aplicación de fondos da Comunidade Europea (Feder) estará suxeita á regulamentación comunitaria aplicable recollida no Regulamento (CE) nº 1083/2013, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, FSE e Fondo de Cohesión e normativa de desenvolvemento.

Disposición derradeira cuarta. Delegación de competencias

De conformidade co previsto no artigo 4 da Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias (DOG núm. 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposicións derradeira quinta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
PR450Ag.pdf
PR450Ag.pdf