Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Luns, 26 de xaneiro de 2015 Páx. 3699

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 11 de decembro de 2014 sobre a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros.

O Concello de Oleiros remite o documento de cumprimento da Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 11.3.2009, de aprobación definitiva con carácter parcial do Plan xeral de ordenación municipal, solicitando a aprobación definitiva de acordo co disposto no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

– Ao abeiro do establecido no artigo 85.7.a) da LOUG, con data do 11.3.2009 a CPTOPT emitiu orde de aprobación definitiva parcial do PXOM do Concello de Oleiros, deixando en suspenso as áreas e determinacións obxecto de reparos na orde (DOG do 28.4.2009 que corrixe a publicación anterior do DOG do 17.4.2009).

– Ao abeiro do artigo 85.7.b) da LOUG, por Orde da CMATI do 1.7.2009 resólvese non outorgar a aprobación definitiva dos ámbitos en suspenso por non terse corrixido a totalidade das deficiencias inicialmente sinaladas.

– Con data do 28.4.2014 o Concello Pleno de Oleiros aprobou o documento de cumprimento da Orde do 11.3.2009 de aprobación definitiva parcial do PXOM do Concello de Oleiros, que incorpora e refunde:

• Correccións consecuencia do cumprimento da Orde do 11.3.2009 da CPTOPT.

• Modificacións puntuais do Plan xeral aprobadaos definitivamente desde a súa entrade en vigor.

• Correccións puntuais de erros materiais detectados desde a aprobación do plan xeral.

• Cambios consecuencia da execución de sentenzas en recursos contencioso-administrativo, interpostos en relación coa aprobación do plan xeral.

– Constan no expediente os seguintes informes:

• Informe da Dirección Xeral de Aviación Civil, do 22.1.2013, desfavorable, adecuado á sentenza 783/2012 do 26.7.2012 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que valida a pegada sonora aprobada pola resolución do secretario de Transportes, Ministerio de Fomento do 6.10.2006. Posteriormente emitíronse informes en datas do 21.9.2013 e 25.3.2014 (favorable condicionado).

• Informe complementario do equipo redactor do PXOM do 28.7.2014.

• Informe dos servizos técnicos do Concello do 11.9.2014.

II. Análise e consideracións.

Examinada a documentación achegada polo Concello de Oleiros e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

II.1. Ordenación dos ámbitos deixados en suspenso na aprobación parcial.

II.1.a) Cumprimento da orde da CPTOPT do 11.3.2009.

De acordo cos informes emitidos, así como cos estudos, xustificacións e correccións incorporadas ao documento de cumprimento da orde da CPTOPT, púidose comprobar que en xeral se emendaron as deficiencias formuladas no punto III desa orde, cumprindo en todo caso, subliñar:

– Os terreos rústicos de protección paisaxística ao sueste do SUD-15, que á vista dos informes de Aviación Civil se recategorizan como de protección de infraestruturas, haberán de compartir ambas as categorías, en coherencia co plano de información nº 8 bacías de interese paisaxístico, e sen prexuízo do disposto no artigo 32.3 da LOUG.

– Non se xustifica a delimitación do solo urbanizable SUD-22 ao abeiro da disposición transitoria 13 da LOUG, por canto de acordo co punto 1.3 da citada disposición e o artigo 32.2.d) da LOUG, os terreos do oeste do ámbito afectados polo canle río da Loba deben clasificarse como solo rústico de protección de augas ata a zona de policía, agás que plan xustifique a súa redución.

– O ámbito entre o SUND-10 e a lagoa de Mera que se clasifica como solo rústico de protección ordinaria deberá categorizarse como de especial protección de augas, de acordo co artigo 32.2.d) da LOUG.

– O PXOM non inclúe xustificación da redución ou eliminación das preceptivas reservas de dotacións públicas nos solos urbanizables previstos ao abeiro da disposición transitoria décimo terceira da LOUG, polo que tal xustificación deberá incorporarse nos plans parciais correspondentes.

II.1.b) Cumprimento da lexislación sobrevida para os ámbitos en suspenso.

O PXOM debe cumprir os cambios lexislativos posteriores á Orde do 11.3.2009, no que afecte os ámbitos pendentes de aprobación, de acordo co seu marco de aplicación e réxime de vixencia.

Para eses efectos, consta informe técnico municipal do 11.9.2014, xustificativo do cumprimento da disposición transitoria 1.3 do Decreto 20/2011 polo que se aproba o Plan de ordenación do litoral; do artigo 27.3 da Lei de comercio interior de Galicia, e do artigo 4.2 do Decreto 29/2010, polo que se aproban as Normas de habitabilidade de vivendas en Galicia.

Visto ese informe, non se observaron obxeccións, e cómpre, en todo caso, subliñar:

– Considerando que o POL-6 Breixo está incluído na área de mellora ambiental e paisaxística do Plan de ordenación do litoral, cómpre evitar a formación de pantallas e acumulación de volumes, debendo desbotar a tipoloxía edificatoria acaroada en máis de dous.

II.2. Correccións e axustes nos ámbitos aprobados definitivamente

II.2.a) Axustes en execución de sentenza firme.

O documento incorpora as correccións derivadas do cumprimento de sentenzas firmes recaídas en procedementos contenciosos, nomeadamente: Sentenza 990/2011 procedemento ordinario PO 4358/2009; Sentenza 1318/2010 procedemento ordinario PO 4326/2009; Sentenza 682/2012 procedemento ordinario 4357/2009; e Sentenza 776/2012 procedemento ordinario 4388/2009.

II.2.b) Incorporación de modificacións puntuais aprobadas definitivamente.

Incorpóranse no PXOM as modificacións puntuais aprobadas definitivamente, nomeadamente a relativa á Ordenanza 7, aprobada definitivamente o 27.2.2013 (DOG do 13.3.2013); e a relativa ao Catálogo complementario, aprobada definitivamente o 11.1.2010 (DOG do 2.2.2010).

II.2.c) Correccións de erros.

O documento refunde correccións de erros materiais que afectan, segundo o punto 1.8 do acordo municipal plenario do 28.4.2014, a normativa, planos e catálogo, amparándose no artigo 105 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Tras a análise dos erros que o Concello de Oleiros pretende corrixir, descritos no informe do arquitecto municipal do 15.4.2014, púidose observar que os seguintes non reúnen as características necesarias para ser considerados como tales, polo que, se é o caso, deberán ser tramitados como modificacións puntuais de plan segundo se establece no artigo 94 da LOUG:

– A corrección da rotulación do planeamento subsistente PE-5 do Río Xentiña non se axusta ao ámbito aprobado.

– No ámbito de planeamento subsistente PERI de Rialta, altérase a aliñación da rede viaria, a cualificación de espazos e a propia delimitación.

– No plano 2-32C, cámbianse as aliñacións e cualificación de dotacións recollidos no PXOM, cambiando a de zona verde por equipamento, e os usos atribuídos a unha parcela dotacional.

II.2.d) Incorporación de ordenacións pormenorizadas e cambios na documentación gráfica do PXOM.

O documento aprobado provisionalmente polo Concello Pleno do 28.4.2014, ten distinto soporte gráfico que o PXOM aprobado definitivamente o 11.3.2009.

Así mesmo, incorpora ordenacións pormenorizadas que, na súa meirande parte, se corresponden con planeamentos de desenvolvemento declarados subsistentes. O alcance, xustificación e conformidade deses cambios encádranse estritamente no ámbito da competencia municipal.

Daquela, non procede pronunciamento ningún ao respecto por parte desta consellería, por non referirse a ningunha das competencias autonómicas regradas establecidas no artigo 85.9 da LOUG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, visto todo o que antecede, e de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia,

RESOLVO:

1º. Outorgar a aprobación definitiva ao documento de cumprimento da Orde da CPTOPT do 11.3.2009, que inclúe os ámbitos deixados en suspenso nesa orde; integra os cambios derivados da execución de sentenzas e das modificacións puntuais aprobadas, e corrixe erros materiais detectados na parte do PXOM aprobada definitivamente; deixando constancia expresa de que:

– Os terreos rústicos ao sueste do SUD-15 categorizaranse con protección paisaxística amais da de infraestruturas.

– Os terreos do oeste do ámbito de solo urbanizable SUD-22 comprendidos dentro da policía de aguas deben clasificarse como solo rústico de protección de augas.

– O ámbito rústico entre o SUND-10 e a lagoa de Mera deberá categorizarse como de especial protección de augas.

– No POL-6 Breixo débese desbotar a tipoloxía edificatoria acaroada en máis de dous.

– Os plans parciais que desenvolvan os solos urbanizables previstos ao abeiro da disposición transitoria décimo terceira da LOUG incorporarán xustificación da redución ou eliminación das preceptivas reservas de dotacións públicas.

2º. Non teñen consideración de erros e, consecuentemente deberán tramitarse, se é o caso, como modificacións puntuais segundo se establece no artigo 94 da LOUG, os seguintes cambios propostos:

– A corrección do planeamento subsistente PE-5 do Río Xentiña.

– A corrección da rede viaria no ámbito de planeamento subsistente PERI de Rialta,

– Os cambios no plano 2-32C das aliñacións, da cualificación da dotación de zona verde por equipamento e dos usos atribuídos a unha parcela dotacional.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2014

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas