Susana Varela Amboage, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 549/2014 deste xulgado do social, seguido por instancia de Santiago Ríos Pérez contra Hermanos Seoane, S.L. ditouse a seguinte resolución:
«Decido que, estimando integramente as demandas interpostas por instancia de Santiago Ríos Pérez, asistido polo letrado Sr. Blanco Pérez, contra a entidade Hermanos Seoane, S.L. e o Fogasa:
– Debo declarar e declaro extinguida na data da presente resolución (29.12.2014) a relación laboral existente entre o demandante e a demandada.
– Debo declarar e declaro improcedente o despedimento do demandante efectuado pola demandada con data de efectos o 31.8.2014, con declaración de extinción, así mesmo, da relación laboral polo devandito despedimento por non ser realizable a readmisión.
– Debo condenar e condeno a entidade demandada a que lle aboe ao traballador a suma de 20.051,05 en concepto de salarios debidos, máis os xuros previstos no artigo 29.3 do ET sobre a devandita cantidade.
– Debo condenar e condeno a entidade demandada a que lle aboe ao traballador a suma de 16.070,27 euros en concepto de indemnización pola extinción da relación contractual a data da presente resolución.
– Condeno a empresa demanda a que aboe ao traballador os salarios de tramitación desde a data do despedimento (31.8.2014) á data da extinción da relación laboral no día de hoxe (29.12.2014) a razón de 51,22 €/día, o que dá a cantidade de 6.197,62 euros.
– Condeno a entidade demandada a aboar ao traballador a cantidade de 778,95 euros en concepto de falta de aviso previo.
– Condeno a demandada ao aboamento das custas procesuais, incluídos os honorarios da letrada da parte demandante, que se fixan na suma de 300 euros.
– Non procede condenar nesta instancia o Fogasa, sen prexuízo da súa responsabilidade nos termos do artigo 33 do ET.
Notifíquese ás partes a presente resolución facéndolles saber que fronte a ela poderán interpoñer recurso de suplicación para ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de cinco días contados desde o seguinte ao da súa notificación.
A anterior resolución entregarase ao secretario para a súa custodia e incorporación ao libro de sentenzas. Insírase nas actuacións por medio de testemuño.
Por esta a miña sentenza, xulgando definitivamente na primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo».
E para que sirva de notificación en legal forma a Hermanos Seoane, S.L., en ignorado paradoiro, expido o presente edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios deste xulgado.
Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2014
A secretaria xudicial