Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 8 de xaneiro de 2015 Páx. 692

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN conxunta do 15 de decembro de 2014, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Secretaría Xeral de Cultura, pola que se aproba o marco de referencia do Arquivo dixital integrado de Galicia.

A Xunta de Galicia ten como un dos seus eixes de actuación o impulso da modernización e innovación tecnolóxica, co obxecto de potenciar e mellorar a calidade do servizo ofrecido aos cidadáns.

O novo contexto normativo establecido pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, supón o recoñecemento do dereito dos cidadáns a utilizar os medios de comunicación electrónica para relacionarse coa Administración, polo que isto trae consigo a asunción do compromiso xurídico de incorporar as tecnoloxías da información á totalidade das funcións administrativas.

Entre estas funcións, a xestión dos documentos electrónicos nas administracións públicas foise regulando en distintos aspectos a partir da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Esta lei e os seus desenvolvementos posteriores deben enmarcarse tamén na lexislación que rexe a actuación administrativa, anterior ao ano 2007. Esta normativa ten ámbito de aplicación en todas as administracións públicas, aínda que algúns dos seus desenvolvementos normativos se fan a nivel autonómico.

Pero a xestión documental atinxe tamén a outros ámbitos de competencias, e concretamente ao dos arquivos, sobre os cales a Comunidade Autónoma de Galicia recibiu competencias e medios para a súa xestión a partir do ano 1982. Estes aspectos desenvólvense na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, aprobada polo Parlamento de Galicia o 23 de setembro de 2014.

Neste contexto aparece a necesidade de dar resposta á xestión dos documentos electrónicos, tanto no ámbito da actividade administrativa, como no ámbito da conservación e difusión do patrimonio documental.

Así, o Arquivo dixital integrado de Galicia é unha estrutura tecnolóxica e organizativa que dá soporte ao modelo de xestión de documentos electrónicos.

Está formado polo Arquivo electrónico administrativo e o Arquivo electrónico de patrimonio documental. O Arquivo electrónico administrativo especialízase na xestión dos documentos electrónicos durante a actuación administrativa automatizada. O Arquivo electrónico de patrimonio documental, ademais de destinarse á custodia permanente dos documentos electrónicos administrativos da Xunta de Galicia que merezan conservarse unha vez concluída a súa tramitación e transcorridos os prazos de vixencia legalmente previstos, especializarase na xestión das copias dixitalizadas do patrimonio documental que se custodian nos arquivos, ou que poidan ser colleitadas doutras fontes de interese.

O marco de referencia do Arquivo dixital integrado de Galicia é o documento que sintetiza o modelo de xestión dos documentos electrónicos sobre o cal se desenvolve o Arquivo dixital integrado de Galicia, e inclúe tanto a xestión de documentos electrónicos producidos polas administracións públicas no exercicio das súas funcións, como a xestión das copias dixitalizadas dos documentos do patrimonio documental que se custodian nos arquivos.

O marco de referencia do Arquivo dixital integrado de Galicia debe ser aplicado e tomado como base para desenvolver todos os aspectos técnicos, normativos e organizativos da súa posta en marcha.

Por todo o exposto,

ACÓRDASE:

Primeiro. Obxecto

Establecer o marco funcional e tecnolóxico do Arquivo dixital integrado de Galicia, tanto no eido administrativo como no eido do patrimonio documental, coa denominación de marco de referencia do Arquivo dixital integrado de Galicia.

Segundo. Ámbito de aplicación

Esta resolución será de aplicación aos órganos de goberno e da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico.

Terceiro. Política de xestión de documentos electrónicos da Xunta de Galicia

O marco de referencia do Arquivo dixital integrado de Galicia actuará como contexto para o desenvolvemento da política de xestión de documentos electrónicos da Xunta de Galicia, segundo os fins establecidos no Esquema nacional de interoperabilidade (ENI) e na Norma técnica de interoperabilidade-política de xestión de documentos electrónicos.

Cuarto. Publicación do marco de referencia do Arquivo dixital integrado de Galicia

1. Este documento estará permanentemente dispoñible e actualizado na intranet da Xunta de Galicia no enderezo http://intranet.xunta.es/arquivo-dixital-de-galicia.

2. A publicidade establecida no punto 1 farase sen prexuízo da utilización doutros mecanismos de comunicación dirixidos a garantir o seu coñecemento.

Quinto. Procedemento de revisión e actualización do marco de referencia do Arquivo dixital integrado de Galicia

1. O marco de referencia do Arquivo dixital integrado de Galicia deberá actualizarse conforme a lexislación vixente en cada momento e os avances tecnolóxicos ou organizativos que o fagan máis eficiente.

2. De acordo co número anterior, procederase á revisión e actualización do contido recollido no marco de referencia do Arquivo dixital integrado de Galicia polos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e arquivos cando:

a) Se produzan modificacións lexislativas que poidan afectar o seu contido.

b) O uso das novas tecnoloxías poida favorecer a implantación dalgunha mellora.

c) Se identifiquen novos casos de aplicación.

3. Co fin de garantir o cumprimento desta tarefa, os órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e arquivos serán os responsables de aprobar, mediante resolución conxunta e motivada, a publicación de novas versións do marco de referencia do Arquivo dixital integrado de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2014

María del Mar Pereira Álvarez Anxo Manuel Lorenzo Suárez
Directora da Axencia para a Modernización Secretario xeral de Cultura
Tecnolóxica de Galicia