Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 8 de xaneiro de 2015 Páx. 695

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 23 de decembro de 2014 pola que se autoriza a implantación na Universidade de Santiago de Compostela do programa oficial conxunto de doutoramento Erasmus Mundus en Nanomedicina e Innovación Farmacéutica para o curso 2014/15.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e a supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola Comunidade Autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

Mediante o Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, establécese a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais e disponse, no seu capítulo VI, o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola Comunidade Autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT). O Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, deu unha nova regulación ás ensinanzas de doutoramento.

Coa entrada en vigor do Real decreto 99/2011, en consonancia co Decreto 222/2011, iníciase unha nova etapa de reorganización xeral dos estudos de posgrao, diferenciando o máster universitario do programa de doutoramento. No Real decreto 534/2013, de modificación do Real decreto 99/2011, indícase que todos os programas de doutoramento xa verificados deben estar adaptados a el antes do inicio do curso 2014/15.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e pola Orde do 20 de marzo de 2012, pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da Comunidade Autónoma se fará por orde da consellería competente en materia de universidades e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Previamente terá que emitir informe sobre el o Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema Universitario de Galicia.

Logo de seren autorizadas a implantar os estudos, as universidades quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis alá dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación máis alá de dous cursos académicos consecutivos levará consigo o inicio do procedemento de supresión que determinará a revogación da autorización da súa implantación.

De acordo coa normativa europea con relación aos Erasmus Mundus, a Universidade de Santiago de Compostela solicita autorización de implantación do programa oficial conxunto de doutoramento Erasmus Mundus en Nanomedicina e Innovación Farmacéutica, coordinado pola Universidade D’Angers (Francia) e coa participación da Universidade de Santiago de Compostela, University of Nottingham (Reino Unido), Université Catholique de Louvain (Bélgica), Université de Liège (Bélgica) e Université de Nantes (Francia).

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na sesión do 22 de decembro de 2014, no exercicio das competencias previstas no artigo 3.2.h) do Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, acordou emitir informe favorable sobre a solicitude de implantación pola Universidade de Santiago de Compostela do citado programa de doutoramento.

Por todo isto ,

DISPOÑO:

Artigo único

Concederlle autorización á Universidade de Santiago de Compostela para implantar, no curso 2014/15, o programa oficial conxunto de doutoramento Erasmus Mundus en Nanomedicina e Innovación Farmacéutica, coordinado pola Universidade D’Angers (Francia) e coa participación da Universidade de Santiago de Compostela, University of Nottingham (Reino Unido), Université Catholique de Louvain (Bélgica), Université de Liège (Bélgica) e Université de Nantes (Francia).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria